Amosando publicacións coa etiqueta películas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta películas. Amosar todas as publicacións

2 de feb. de 2019

Feliz día da marmota


Hoxe é o día da Candeloria, que se chora medio inverno vai fóra e se ri medio inverno está por vir. En moitas partes do mundo se aplica este cálculo baixo distintos lemas, refráns e tradicións, se mira o tempo que fará hoxe para calcular como será o que resta de inverno. En USA son moitas as marmotas que sairán hoxe e volverán aos seus tobos ou non, dependendo de que se poida ver a súa sombra. De todas as famosas marmotas desta coñecida práctica sen dúbida Phil é a nosa favorita. Hoxe é un bo día para revisar este pequeno clásico do cine, Atrapado no tempo (1993), apto para toda a familia e que vai camiño de se converter en cinta de culto.
Algunhas curiosidades sobre a película que che gustará saber, en cinemanía.
A min encántame esta película por varias razóns, non todas cinematográficas. Sempre pensei que a experiencia de Phil Connors resume moi ben o que son as diferentes vidas que atravesamos no proceso de adquisición de consciencia. O que para el aparece como un día (un día que se repite inexorablemente) podemos interpretalo como unha vida enteira (vidas que repetimos, con frecuencia cometendo os mesmos erros unha e outra vez, anque nos pareza que cambiamos seguimos actuando igual en esencia).
En fin, polo menos Connors ten unha vantaxe/desvantaxe da que nós carecemos cada vez que espertamos nunha nova vida: a memoria. Dá para pensar. Se tivesemos o coñecemento de todas as nosas outras vidas, axudaríanos a tomar as decisións correctas?







17 de maio de 2016

"Non é un don, é unha maldición"

Esta noite pode verse en TV unha gran película (e incomprendida) "Más allá de la vida" de Clint Eastwood. Lembro a estrea, para moitos decepcionante porque foran ao cine esperando unha película que falase do Alén, unha proposta e explicación persoal do director sobre qué hai alá, e a película non era iso. Só os que foron simplemente a experimentar o puro goce do cine puideron saír contentos da sala. Tense tildado de cursi, de fría, de malograda a pesar das grandes interpretacións (a calidade destas ninguén a discute). Non estou de acordo con ningunha destas opinións e creo que hai nelas un problema de fondo: falta de comprensión do que se quere contar, permanecer véndoa cunhas espectativas que non coinciden para nada co propósito da cinta. Moitos están molestos porque non atoparon nela o que ían buscando (o Alén) e outros por todo o contrario, porque lles pareceu que o film pretendía, sen conseguilo, demostrar a existencia da vida de ultratumba. Tampouco é culpa deles, dos espectadores defraudados, senón en boa parte da propia promo da película, pois ás veces o artista produce unha cousa e a publicidade comercial a vende como outra (sirva como mostra o pouco afortunado título e o ñoño cartel anunciador). 
Neste ofréceselle ao espectador unha muller asustada porque viu unha pantasma 
e un home seguro de si mesmo que ten todas as respostas e solucións. 
Tópico e inconsecuente co contido do film. 

Neste a muller está menos asustada pero semella que ambos son seres superiores 
fronte a outro máis pequeno e perdido nunha inmensidade con horizonte de solpor ou mencer igualmente tópico (e inconcruente de novo respecto ao contido da película)


En realidade ese "máis alá da vida" non se refire ao Alén, ao que hai "despois" como moitos creon que ía facer o film. Ese nin sequera é o tema. A película non fala da morte senón da vida. Para moitos sucede coa chegada da madurez, para outros tras unha experiencia traumática, pero para todos chega un día en que hai que decidir, como George, se acepta o seu ser verdadeiro como un don ou como unha maldición. Entón xorde a necesidade de vivir máis alá da vida, é dicir, máis alá do simple feito biolóxico de estar vivo, a necesidade de vivir unha vida con sentido (e iso pasa por soltar os lazos de dependencia cos teus seres queridos, co teu traballo, mesmo co teu autoconcepto, cousas todas elas que se narran na película).
Se o fas o premio é algo que vai máis alá do simple feito de estar vivo, pois a autorrealización é unha experiencia trascendente. 

Unha das poucas críticas interesantes sobre este film: blogdecine.com

13 de feb. de 2016

É xusto e necesario.

    A comezos do século XIX un grupo de trampeiros na América profunda ha de abandonar precipitadamente as peles que conseguiron e fuxir do ataque dos indíxenas. O guía resulta pouco despois ferido por unha osa. Como non poden deterse para coidar del nin tampouco cargar con el polos abruptos camiños que seguen, déixano ao coidado de dous voluntarios aos que lles pagarán moi ben. Traizoado e abandonado á súa sorte, malia todo o home sobrevive sorprendentemente.


    The Revenant é unha película imprescindible. Non porque Leo estea inmenso, que o está. Non porque Tom estea inmenso, que o está. Non porque as paisaxes sexan dignas dun western de Anthony Mann, que o son, como tamén a trama, como tamén o ton narrativo, capaz de converter un western de espazos abertos nun agobio terriblemente claustrofóbico (cousa que só o gran Mann era quen de conseguir, ata agora, como en The Naked Spur, cinta que a min me veu á memoria varias veces vendo esta, e tamén Bend Of The River, outra das miñas favoritas). Digo que The Revenant é de visionado obrigado para todos os amantes do cine, e non porque estea nominada a unha chea de Óscars, que moitos bodrios teñen sido nominados tamén, iso non é o que a fai ser incluída neste blog, evidentemente. Nin porque resulta que a piratería a favoreceu, porque todos os que viron a cinta pirateada antes da súa estrea quedaron tan impresionados que acudiron despois ao cine ao vela, ese non é o asunto pero vale a pena tomar nota disto tamén. 
    Paga a pena ver este film por todo o anterior, sen dúbida, pola forza narrativa, pola beleza descarnada, agresiva, das súas imaxes. Tamén pola súa historia, e agora continúo en branco para non estropearlle o argumento a quen prefira gozar da historia sen spoiler. Se desexas lelo simplemente arrastra o cursor por riba do texto.
     O ataque da osa é peza crucial da narración. A osa defende ao seu cachorro igual que Glass defende ao seu. Está rodado dunha maneira terrible, angustiosa, brutal, moi impactante visual e emocionalmente. Constitúe para min  a secuencia crucial do film. Despois do ataque, Glass está a piques de morrer pero dalgunha maneira el se transforma en oso tamén, é enterrado para que morra e tamén encerrado nun inipi para que viva (en analoxía coa caverna onde o oso hiberna para renacer) gruñe e anda a catro patas cuberto por unha pel que lle dá aspecto de oso, e un cre estar perante un deses rituais chamánicos de morte por desmembramento e posterior fusión co animal de poder, pois o oso é, por moitas razóns, o animal de poder de Glass.
     Quero agora reparar noutro asunto : non é unha historia de vinganza, por máis que se anuncie así, seguramente iso atrae xente ao cine, pero non se trata de vinganza senón de xustiza. Glass acusa ao asasino do seu fillo e quere que pague por iso, pero con lucidez extrema non fai estensivo o castigo ao pobre rapaz que obedecía ordes. Tampouco se queixa do que lle fixeron a el, intentar matalo, enterralo vivo, abandonalo sen medios de subsistencia e ferido de morte nun lugar inhóspito e rodeado de inimigos e de animais salvaxes: nótese que el perdoa todo iso como cousas da vida, nunca reclama polo que a el lle fixeron, só reclama pola morte do seu fillo. E esa é a razón de que eu considere que o Hugh Glass desta película (non sei o da vida real) é un bo exemplo de observador sabio de si mesmo e dos demais. Fitzgerald debe morrer, en pago pola vida de Hawk, nada máis, de maneira totalmente obxectiva e libre de odio. Debe morrer porque así non se crea karma con el, unha vida por outra e quedamos en paz. Pero Glass é capaz de perdoar, si, perdoar, non é un deses "heroes" cegos de raiba que tanto se estilan no cine norteamericano. Como se ve perfectamente na secuencia da morte de Fitzgerald.
    Chapeau. Ao que conta e a como o conta. Sairás da sala reconciliado coa industria cinematográfica. E coa vida.

.............


FICHA TÉCNICA: El renacido. Título original: The revenant. Dirección: Alejandro González Iñárritu. País: USA Año: 2015. Duración: 156 min. Género: Drama Interpretación: Leonardo DiCaprio, Tom Hardy, Will Poulter, Domhnall Gleeson, Lukas Haas, Paul Anderson. Guion: Alejandro González Iñárritu y Mark L. Smith; basado en la novela de Michael Punke.Fotografía: Emmanuel Lubezki. Música: Ryuichi Sakamoto y Alva Noto.Estreno en España: 5 Febrero 2016.

7 de nov. de 2015

Estou preparada!

Xa coñecedes a miña afección a detectar contidos de crecemento persoal, espiritual e metafísico en películas que non tiñan esa intención primaria. Hoxe quero falarvos de Gravity, unha película fermosa, entretida e conmovedora. Pero non vou falar de ciencia ficción senón, oh sorpresa, de chamanismo.
Antes de nada quero recomendarvos que, se non vistes esta película, a vexades e despois leades o post. Non quero estropearvos a experiencia e que me acusedes de spoiler: estades avisados.
Paso entón a comentarvos a miña lectura persoal deste fabuloso film.
A doutora Ryan Stone (Sandra Bullock), que realiza a súa primeira misión espacial, e o veterán astronauta Matt Kowalsky (George Clooney), que realiza a última, vense golpeados por unha choiva de lixo espacial que destroza a súa nave mentres eles realizaban tarefas no exterior, deixándoos nunha situación realmente difícil. A pesar das protestas de Stone, Kowalsky se sacrifica por ela, dándolle un par de consellos que ela recibe aterrada pois non se sente capaz de seguir soa. 
Despois de conseguir facerse cunha vella Soyuz a doutora, que comezaba a crer posible salvarse, ve que ese plan non é viable, intenta rezar e declara que non sabe, que ninguén lle ensinou; entón derrúbase nunha secuencia marabillosa que constitúe toda unha viaxe chamánica, con morte iniciática incluída: desconecta o osíxeno e decide morrer sen dor, escoitando unha mensaxe que recibe da terra directamente desde o mundo chamánico tradicional, pois se trata nada menos que dun pescador inuit que primeiro está en compañía duns cans e despois cantándolle un arrolo a un bebé! Chegados a este punto un non pode menos que percibir o toque persoal do director, Alfonso Cuarón, que é mexicano, e algo sabe deste tipo de experiencias. Con gran ledicia asistimos ao retorno de Kowalsky, que entra na nave malia que todos sabemos dúas cousas que o impiden: non pode abrir a porta da nave e entrar sen máis e ademais Kowalsky está indubidablemente morto. Esta secuencia, desconcertante para moitos espectadores, é absolutamente perfecta: A doutora necesita axuda e, totalmente incapaz de resolver por si mesma rezou, por iso un inuit falou con ela, anque nunha lingua estraña que ela non entendía, e os seus cans ladraron, ela conmoveuse perante a chamada do seu animal de poder e respondeu, comezou a ladrar e mesmo ouvear con eles, despois o inuit cantou para ela mentres se durmía/morría docemente, e ela entón contacta cun guía espiritual que asume a forma de Kowalsky porque el representa para ela o ser máis sabio que podería guiala nesa situación concreta. Kowalsky explícalle o que debe facer e non deixa de ser simbólico tamén, porque lle di que "despegar é igual que aterrar", ao tempo que o noso subconsciente pode comprender que morrer é igual que nacer (xa que ela morrendo escoita o arrolo dun bebé). 
Despois deste asesoramento chamánico en toda regra ela cambia, esperta, conecta o osíxeno e asume o control da súa vida aínda sabendo que nos próximos minutos o máis probable é que a vella cápsula en que pretende regresar á Terra estoupe en mil anacos... Pero iso xa non importa, e ela pronuncia esa fermosa frase que constitúe toda unha declaración de principios para a vida: "Pase o que pase vai ser unha experiencia alucinante. Estou preparada!"
O seu retorno á Terra é un renacemento, incluíndo o medio acuático, onde se orixinou a vida neste planeta. Vendo como se arrastra para saír da auga, e como lle custa porse en pé despois de estar na ingravidez do espazo, actívanse as nosas memorias máis recónditas de cando, hai millóns de anos, demos eses primeiros pasos en terra firme, aínda nunha envoltura non humana, probablemente cun sentimento parecido tamén a "Pase o que pase vai ser unha experiencia alucinante. Estou preparada!"


A experiencia chamánica busca producirse e non importa por que medios, chámeslle coincidencias ou sincronicidades. Se che pareceu pouco spoiler, prepárate para a curta de Jonás Cuarón (fillo do director, e coguionista) onde podes asistir á famosa conversa da doutora, desde o punto de vista do terrícola:

13 de out. de 2015

Aproveita o momento

Como vas ser feliz se a túa felicidade depende de cousas externas a ti, nas que ti non podes influir? Deixa de situar a felicidade nun momento diferente do presente: cando teña un traballo estable, cando el/ela me queira, cando desapareza ese problema de saúde, cando... A felicidade non depende das cousas que teñas, nin do que os demais pensen de ti, nin da consecución de determinadas metas. A felicidade consiste sobre todo na capacidade de estar presente. Distinto é a alegría, con risos e festexos porque aprobaches o carné de conducir ou porque che deron a alta no hospital. A alegría é unha manifestación intensa dunha emoción que non dura no tempo, mentres que a felicidade é un estado interior. 
Observa o momento presente e verás que o 90% das cousas que che preocupan, en realidade non están sucedendo agora. 

22 de xuño de 2015

Albiscando o futuro

En Paycheck (John Woo, 2003) Michael, o protagonista, constrúe por encarga unha máquina coa que logra mirar o seu futuro inmediato a través dunha fiestra no tempo que pouco despois será borrada das súas lembranzas. Cando todo se torce só contará coa axuda dalgúns obxectos cotiáns aparentemente irrelevantes que gardou antes de que lle borrasen a mente. El sabe que neses obxectos hai unha mensaxe oculta que se enviou a si mesmo, pero cal? A película convértese así nunha metáfora de como nos axuda o Eu Superior: tes que confiar nos sinais que che envía e nos recursos que tes. Tamén contén unha interesante reflexión sobre os inconvenientes de coñecer o futuro:

"A máquina predice unha guerra e iniciámola para evitala; prevé un andazo e xuntamos a todos os enfermos, producíndoo. Calquera futuro que prevea facémolo posible. Entregámoslle o control total. Ver o futuro destruiranos".

Cómpre ter un temple moi especial para mirar máis aló da realidade ordinaria. Sexa o futuro nunha bóla de cristal, o pasado durante unha hipnose regresiva, o alén nunha viaxe chamánica, os arcanos do Tarot, os camiños da vida na Cábala, etc. Poucos poden facelo sen entregar o seu propio poder a cambio, sucede sen decatarse, ao tomar por incuestionable esa visión, crendo que non se pode facer nada porque procede dun poder superior (pero que haxa un poder superior a min non significa que sexa infalible, nin inmutable, nin invencible, non significa que sexa o único poder superior e non haxa outros, non significa que esa visión sexa inevitable, nin significa que non haxa outras liñas temporais posibles, igual son menos probables pero podemos facer por alinearnos con elas).

"Xa cambiei o meu futuro tras utilizar esta máquina, podo volver a cambialo" di Michael tras contemplar o que parece a súa propia morte.

Se algún día temos a ocasión de contemplar algo así, un futuro inmediato tan desfavorable, oxalá teñamos esa profundidade, esa subtileza e ese optimismo necesarios para non darnos por vencidos e loitar non contra a visión, senón contra as interpretacións desfavorables que a nosa mente faga desa visión. 

16 de xuño de 2015

Dimensións paralelas

Coherence (James Ward Byrkit, 2013) é unha película do xénero fantástico onde un grupo de amigos celebra unha cea que se vai tensando cada vez máis e saca á luz as súas debilidades de maneira inesperada. O paso dun cometa baixo unhas circunstancias especiais provoca, en primeiro lugar, fallos na tecnoloxía de uso habitual que aporta seguridade ás súas vidas, e en segundo lugar unha irregularidade no espazo-tempo que lles permite contactar cunha dimensión paralela de si mesmos. A película ten unha factura impecable e gozou de boas críticas no seu momento.


O tema das dimensións paralelas está moi ben explicado por David Topí, quen explica tamén a diferencia entre dimensións e densidades, tema sobre o cal existe moitísima confusión.


Lástima dos protagonistas de Coherence, incapaces de aprender dos seus erros e de contactar coa mellor versión de si mesmos nun plano superior para deixarse asesorar por ela, como ensina Garnier-Malet ou o propio David Topí.

SPOILER (non ler se non viches a película, e se o queres ver selecciona o texto co rato, porque está escrito en cor branca para que ninguén o vexa se non quere): A única persoa que comprende o que está pasando ata o punto de velo como unha solución, o que se lle ocorre é matar ao seu dobre para apropiarse da súa vida, incapaz de comprender que para conseguir esa vida que anceia ela tería que mudar a súa conduta, e anque se traslade a esa dimensión paralela, se non muda ela, non mudará a súa vida."Pues nunca muda de estado quien muda sólo de lugar y no de vida y costumbres", que diría Quevedo, ou tamén "Se ti o cambio que queres ver no mundo...")

22 de dec. de 2014

O tarot musical 2014: 20 - O Xuízo

Os finais que non o son, o rei que foi, o rei que será. O Xuízo fala dunha historia que parecía acabar e volveu comezar, tamén de morte e resurrección. Por outra parte simboliza o rol social que eliximos representar, e o traballo en equipo, e a procura espiritual... Todas estas cousas están marabillosamente contadas na excepcional Excalibur, cuxo tema principal, O Fortuna, procede do Carmina Burana de Carl Orff e anque a letra orixinal, en latín medieval, non fala destas cousas senón da mudable fortuna, para a miña xeración este tema sempre evocará La Morte D´Artur e todo o que implica.

27 de dec. de 2012

Seguimos sendo Os Miserábeis pero agora non nos decatamos

Interesante documental franco-colombiano realizado en 2009 por Jean-François Brient completamente libre de dereitos de autor. Pretende facernos reflexionar sobre a escravitude moderna no marco do sistema totalitario mercantil e desvelar os mecanismos despregados para ocultar esta escravitude e perpetuala.



26 de nov. de 2012

Toca, Sam

Tal día coma hoxe, hai 70 anos, estreábase a película-mito por excelencia.
"Casablanca" era o proxecto para unha peliculiña de propaganda política en medio da Segunda Guerra Mundial. Pero curiosamente comezaron a darse nela unha serie de afortunadas... ¿"casualidades"? que a converteron na mellor e máis inspirada historia de amor xamais contada na pantalla. Corrían malos tempos. Hollywood estaba sen galáns por causa da contenda e Humphrey Bogart entrou na película a última hora, substituíndo (advírtese que o que vén a continuación pode ferir a vosa sensibilidade) a Ronald Reagan. En vez de Ingrid Bergman actuaría Hedy Lamarr e nin sequera ía estar ambientada en Marrocos, senón en Lisboa. Non había diñeiro para luxos así que se rodou enteiramente nos estudos da Warner e mesmo reutilizando decorados (como a estación de París, que se construíra para "A estraña pasaxeira"). O guión íase improvisando sobre a marcha, cóntase que o final cambiou tantas veces que os actores descoñecían quen subiría finalmente ao avión, por iso as súas interpretacións son tan intensas e ambiguas. O título inicial era o da obra de teatro na que se baseaba, "Everybody Comes to Rick's", pero cambiouse para imitar o éxito de "Alxer", rodada tres anos antes. Michael Curtiz, director habitual de aventuriñas como "Robin Hood", foi o encargado de substituír a William Wyler... E á fin de tantos cambios, limitacións, improvisación, a base de entusiasmo para seguir adiante aceptando os imprevistos, xurdiu algo totalmente inesperado; a suma dos aportes de todos estes artistas suplentes resultou nunha sinerxia sorprendente, espectacular, fermosa e profunda, onde a mensaxe inicial de oposición aos nazis queda eclipsada pola de que o amor verdadeiro existe, e A Marsellesa sucumbe fronte a As times goes bye. Moitos cineastas fixeron homenaxes a Casablanca e mesmo parodias. Varias veces se quixo repetir a fórmula pero algo o impide sempre, e anque se intentou colorear o orixinal, rodar unha secuela e mesmo un remake, ao final cancélanse os proxectos. Non se pode repetir a maxia do orixinal, que se estreaba aquel 26 de novembro de 1942 sen a menor intención de converterse nun clásico. Quizais porque non pretendía en absoluto ser unha historia de amor e o amor chega así, cando menos se espera.


 

Segue impactando a día de hoxe a química existente entre eles, non só a parella protagonista senón tamén con Paul Henreid e Claude Rains, que se incorporaron tarde á rodaxe e entraron directamente na escena do piano sobre estas liñas, a primeira que rodaron todos xuntos, e que segue sendo, 70 anos despois, tan contundente como o primeiro día.
Certo é que Bogart tiña que andar sobre caixóns porque Ingrid Bergman era moito máis alta, que ela lle chamou a Henreid "prima donna" e este a Bogart "actor mediocre". Certo é que tampouco a rodaxe foi exactamente ese "caos inspirado" que describín ao comezo, porque sempre houbo detrás de todo un produtor, Hal Wallis, coidando de que a cousa non se desmandase totalmente. E hai máis, moitos máis elementos para o debate, anécdotas interesantes, simpáticas e curiosas sobre esta película: o tipo de amizade/amor que une a Rick e Renault, o pasado misterioso que lle impide a Rick regresar a Estados Unidos, as frases célebres e en especial esa que sempre se cita pero en realidade ninguén pronuncia "Tócaa outra vez, Sam"... Todas estas cousas poden atoparse facilmente cunha procura na Rede, especialmente nunha data coma hoxe. Non é diso do que quero falar agora, quero aportar algo diferente.
Quero falar do amor verdadeiro, ese concepto tantas veces mencionado, denostado, idealizado, prostituído.
O amor verdadeiro existe, e se alguén o dubida non ten máis que ver esta película. Calquera é mellor persoa despois de ver Casablanca; comprende o que é o amor incondicional, que se produce sen máis como calquera fenómeno natural, o vento ou a chuvia; comprende que existe un sentimento que non nace só do instinto sexual pero o inclúe, non nace só do corazón pero o inclúe, o amor verdadeiro é aquel que consiste en encontrar á persoa amada, non en posuíla e gardala para sempre nin gozala con contrato de exclusividade senón simplemente en encontrala. Por iso sempre nos quedará París. É o simple feito de dúas almas que se encontran e se recoñecen como iguais, o que produce unha expansión enrxética que dá sentido á vida. Realmente non é importante, para a realización persoal, construír unha vida xuntos, o que importa é o recoñecemento. Podes pasar o resto da túa vida con esa persoa, será xenial, pero tamén pode que a vida vos separe e será xenial igualmente se sabes integrar a experiencia en toda a súa magnitude. O amor é ademais o arcano máis misterioso do tarot, onde se representa un triángulo cheo de significacións que desde hai séculos discuten os eruditos. Representa as decisións que continuamente tomamos na nosa vida, a encrucillada onde forzosamente temos que escoller un camiño, seguir un e deixar outro se queremos evolucionar. Tamén en Casablanca se presenta este triángulo. A decisión é inevitable, e a autenticidade da película reside na solución final, onde non se mata a ningún dos tres protagonistas como parecía necesario para resolver segundo o código moral da época, senón que os tres han de enfrontar a súa verdade interior ata as últimas consecuencias. Os tres forman parte da mesma gota cósmica que produce a vida, os tres son almas xemelgas se preferides a expresión. Rick admira a Viktor antes de descobrir que Ilsa viaxa con el. Ilsa ama a Víktor antes de coñecer a Rick, e tamén despois. Se a cousa fose tan simple como amar a un e deixar a outro, que un fose bo e o outro mediocre, ou que un deles morrese, a decisión de Ilsa non sería dolorosa. Pero está a dor de elixir, o desgarro de decidir e facer realidade despois a decisión. "Eu xa non podo máis. Ti terás que pensar polos dous" di ela, e dillo á persoa adecuada.
Non creo que ningún deles sexa un amargado o resto da súa vida, non creo que haxa aquí ningunha perda, ningunha derrota. Creo que este triple encontro contribuiu á madurez dos tres, emocional e espiritualmente.

......

Lectura complementaria: PAULO COELHO, Brida

 
.

2 de abr. de 2012

En que consiste ser mestre?

Estes días quero reflexionar sobre a mestría. A mestría, en xeral: en que consiste ser mestre? Pénsao uns momentos. Mestre de Primaria. Mestre canteiro. Mestre director de orquesta. Mestre en calquera das acepcións desta palabra a ver: que é exactamente? Pénsao seriamente. Toma o tempo que precises. Mestre espiritual. Sanador. Iluminado. Gurú. En que consiste isto, de que trata?

Que esperas dun mestre? Acaso esperas que te guíe, te console, te aconselle, tome decisións por ti? Ou esperas que che presente toda a información do cosmos ben clariña e ordenada para que poidas elixir facilmente? Ou se cadra esperas que sexa un modelo de conduta, sempre dono de si mesmo, nunca unha palabra fóra de sitio, sublime sen interrupción, todo luz nunca sombra, puro espírito, como San Antonio Bendito, que ni come ni bebe y está gordito?

Se cadra o teu mestre decepcionouche porque fuma, porque come carne, porque cobra tarifas abusivas por un cursiño de fin de semana, porque casou  ou porque se divorciou, porque aprobou unhas oposicións de funcionario, porque che dixo que lle doía a cabeza e o deixases en paz e che colgou o teléfono? Decepcionouche porque leva anos falando de autosanación e acaban de diagnosticarlle unha enfermidade autoinmune?

Hoxe propóñoche reflexionar sobre unha verdade espiritual moi profunda e de difícil comprensión, que é a seguinte: caga o rei e caga o papa, de cagar ninguén escapa.

Unha película extraordinaria que tiven ocasión de ver por primeira vez na miña infancia, rever na adolescencia e volver a ver na idade adulta é La gran evasión (Jonh Sturges, 1963). Esta pelí­cula baséase nun suceso real, con guión de James Clavell e W.R. Burnett, un reparto perfecto e unha banda sonora de Elmer Berstein que debe de ser a máis tarareada da historia en difícil empate con El puente sobre el río Kwai.

A película é un auténtico clásico e polo tanto en cada época da vida permite diferentes lecturas, como tamén ir atopando diferentes valores en cada un dos protagonistas: Steve McQueen nunha das personaxes que máis contribuiu á súa lenda, ben sexa pechado na "neverra" coa pelota de béisbol ou nesa secuencia de fuxida coa moto que figura en todas as antoloxías; o atormentado Richard Attenborough, cerebro organizador da fuga; un Charles Bronson escultural que excava os túneles malia a súa claustrofobia (este é o máis iluminado anque nono pareza, porque pasa todiña a película confrontando o seu medo máis profundo); o dandy conseguidor James Garner; o desvalido e perfeccionista falsificador de documentos Donald Pleasance; James Coburn véndoas vir nunha terraza de París... mesmo Von Luger me cae ben (Hannes Messemer) o nazi menos entusiasta que nunca se viu, transmitindo o seu desacordo sen palabras, sobre todo ao final dando explicacións pouco convincentes sobre os 50 mortos ...

Para min o máis conmovedor é Mac (Gordon Jackson). Un tipo discreto, a eminencia gris, de alcume "Intelixencia", o segundo de abordo, o mestre,  o que avisa a todos do vello truco usado polas autoridades para descubrilos: apréndelles alemán para que se desenvolvan cando estean fóra e introduce no medio da conversa unha observación en inglés do tipo "o seu alemán é excelente" ao que a maioría case sempre responde "grazas" delatándose con iso... Mac, a mente pensante, o profe que sabe a teoría. Ao final Mac é atrapado exactamente co mesmo truco sobre o cal advertía aos demais. Ao subir a un autobús, un oficial alemán deséxalle sorte en inglés... e el, precisamente el, responde. A mente pensante. Precisamente.


En que consiste ser mestre?
Pois si, efectivamente, consiste en intentalo.
Se o teu mestre (profesor, pai, médico, etc.) fose tan perfecto como ti queres, xa non estaría nesta dimensión. Tamén el ten que superarse, tamén el ten as súas probas, se cadra ti es unha delas. Porque rematou o tempo das clases maxistrais, agora todos somos mestres de todo para todos.
Porque un mestre é exactamente coma ti, cos teus medos e dúbidas, coas túas cargas, con todo o teu ser. Ti es o meu mestre tamén, e mestre do teu mestre, como tamén eu o son, anque me pregunte de que ou me encolla de ombros perante a maioría das túas preguntas. Porque todos e todas, que somos UN, estamos agora a construír unha mestría colectiva, somos un equipo como o da película que hoxe che propoño e avanzamos xuntos a través do túnel.
Eu non sei, nin ningún mestre sabe, o que vai pasar:  poida que se derrube o túnel, ou o descubran, ou nos capturen e regresemos á "neverra", ou nos fusilen... ou cheguemos remando aos lagos de Finlandia. Ningún mestre o sabe. Non somos mestres de certezas.

30 de nov. de 2011

Yes Men, creatividade no activismo social

O "crecemento persoal" non pode producirse dándolle as costas aos problemas sociais. Que clase de iluminación, ascensión ou aumento da consciencia queres experimentar se só pensas en ti mesmo e non estás disposto a asumir algunha acción positiva para mellorar a vida das persoas, para defendelas dos abusos se é necesario? Non nos iluminamos imitando modelos de iluminados, senón botando luz sobre as sombras.

Co título orixinal en inglés de "The yes men fix the world", se presentaba este documental, gañador do premio do auditorio na edición de 2009 do Festival de cine de Berlín.

Por certo,o vindeiro sábado,3 de decembro, é o aniversario do desastre de Bhopal, xa veremos se alguén se lembra...

22 de nov. de 2011

Comer para vivir, vivir para comer...

Comer... Non é doado atopar outra actividade humana que implique tan intensamente os cinco sentidos, e por iso todas as comidas teñen un gran poder evocador, como a madalena de Proust ou o ratatouille do fermoso filme de animación.
O que comes (cantidade, cualidade, frecuencia, compañía, etc.) reflicte moi ben quen es, amosa os teus desexos, os teus apegos, o afán por comer aquelas cousas de que careces na túa vida, por exemplo casos extremos e moi visibles: o tímido ou disconforme consigo mesmo que bebe para desinhibirse e ser outro, o amargado que devece polos doces... Algunhas persoas comen en exceso para calmar a súa ansiedade, outras cando padecen ansiedade "péchaselles o estómago".
A nosa relación coa comida é un espello da nosa relación con determinadas persoas ou situacións que non sempre sabemos xestionar; vese por exemplo nas leccións de supernanny cando lles ensina aos pais a gañarlles esa batalla da hora de comer aos seus fillos rebeldes; outro exemplo, bastante dramático, é o da anorexia e a bulimia; outro caso é o das persoas que deixan de inxerir determinados alimentos polas súas conviccións (por exemplo carne) ou tamén, e pódense atopar facilmente en internet, persoas que declaran non comer en absoluto porque o seu estadio de evolución espiritual é moi elevado.
Ademais non sempre é unha actitude consciente: hai  persoas que comen pouco e aínda así engordan, outras por máis que coman non engordan nunca, ao parecer debido a que o corpo ten memoria, é dicir, todas as células do corpo teñen memoria, "o cerebro" non é o único que lembra cousas e as nosas actitudes vitais almacénanse non só "na cabeza". Por iso moitas dietas fracasan e os especialistas insisten en que non hai que "facer dieta" senón modificar hábitos alimentarios; isto é difícil de facer se non se mudan tamén as actitudes e crenzas que conduciron a desenvolver eses hábitos alimentarios en concreto e non outros.
Son moitas as citas de personaxes célebres sobre a comida, entre elas "que o teu alimento sexa a túa medicina" (Hipócrates), "de todo en prato pequeno" (Dr. Cobián) , "o importante non é o que se come senón como se come" (Epícteto)... Todas apuntan a comer con sentido común e sen apegos, sen afán compensatorio nin necesidade de demostrar nada coa comida, comer simplemente para alimentarnos, manternos sans e continuar desenvolvendo con satisfacción as demais actividades da nosa vida.
Para rematar recoméndovos un blog,  gominolas de petróleo,  onde atoparedes información amena e fiable sobre o que comemos, como se elaboran e conservan os alimentos e se son certos ou non moitos mitos que circulan por aí (Son de petróleo as gominolas? De verdade non se pode volver a conxelar un alimento desconxelado? Cómese a codia do queixo?)

Fermosa película sobre o pracer de cociñar, de comer, de facer amigos, atopar a túa vocación e atreverte a seguila, autorrealizarte malia as dificultades, ser sincero, valente e feliz (Case nada!)
A miña escena favorita é a do crítico gastronómico cando proba o ratatouille do título... e todo o que escribe despois ... Guau ...