Amosando publicacións coa etiqueta rexistros akáshicos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta rexistros akáshicos. Amosar todas as publicacións

24 de xuño de 2019

Variantes vitais

Propóñovos esta lectura para o verán:

EL ESPACIO DE LAS VARIANTES

Podedes atopar información sobre a triloxía, e sobre o seu autor, facilmente en internet, por exemplo neste blog: Crea tu destino


5 de mar. de 2018

Coidado co que pides...

Contáronme este delicioso conto que quero compartir con vós:

 Un pagán morre e decide ir para o Ceo. San Pedro négalle a entrada, dicíndolle que o Ceo só é para os cristiáns e el, malia ser boa persoa toda a súa vida, por ser pagán debe ir para o Inferno.
 O home vai para o Inferno, onde é recibido por un Satán moi amable que lle ensina as instalacións: habitación de todo luxo, buffet libre, piscinas, ximnasio, discoteca, todo o que poida desexar. Máis aló o home divisa unha sala con xente berrando de dor mentres son torturados por uns demos de moi mala catadura.
  - Que é aquilo?-pregunta.
  - Bah, nin caso. Ese é o Inferno dos cristiáns. Para eles o Inferno é así, e se iso é o que piden, iso é o que lles damos, porque o cliente sempre ten a razón.


Paréceme un exemplo perfecto de como funcionan os sistemas de crenzas, e como somos co-creadores da nosa realidade.

22 de xuño de 2015

Albiscando o futuro

En Paycheck (John Woo, 2003) Michael, o protagonista, constrúe por encarga unha máquina coa que logra mirar o seu futuro inmediato a través dunha fiestra no tempo que pouco despois será borrada das súas lembranzas. Cando todo se torce só contará coa axuda dalgúns obxectos cotiáns aparentemente irrelevantes que gardou antes de que lle borrasen a mente. El sabe que neses obxectos hai unha mensaxe oculta que se enviou a si mesmo, pero cal? A película convértese así nunha metáfora de como nos axuda o Eu Superior: tes que confiar nos sinais que che envía e nos recursos que tes. Tamén contén unha interesante reflexión sobre os inconvenientes de coñecer o futuro:

"A máquina predice unha guerra e iniciámola para evitala; prevé un andazo e xuntamos a todos os enfermos, producíndoo. Calquera futuro que prevea facémolo posible. Entregámoslle o control total. Ver o futuro destruiranos".

Cómpre ter un temple moi especial para mirar máis aló da realidade ordinaria. Sexa o futuro nunha bóla de cristal, o pasado durante unha hipnose regresiva, o alén nunha viaxe chamánica, os arcanos do Tarot, os camiños da vida na Cábala, etc. Poucos poden facelo sen entregar o seu propio poder a cambio, sucede sen decatarse, ao tomar por incuestionable esa visión, crendo que non se pode facer nada porque procede dun poder superior (pero que haxa un poder superior a min non significa que sexa infalible, nin inmutable, nin invencible, non significa que sexa o único poder superior e non haxa outros, non significa que esa visión sexa inevitable, nin significa que non haxa outras liñas temporais posibles, igual son menos probables pero podemos facer por alinearnos con elas).

"Xa cambiei o meu futuro tras utilizar esta máquina, podo volver a cambialo" di Michael tras contemplar o que parece a súa propia morte.

Se algún día temos a ocasión de contemplar algo así, un futuro inmediato tan desfavorable, oxalá teñamos esa profundidade, esa subtileza e ese optimismo necesarios para non darnos por vencidos e loitar non contra a visión, senón contra as interpretacións desfavorables que a nosa mente faga desa visión. 

16 de xuño de 2015

Dimensións paralelas

Coherence (James Ward Byrkit, 2013) é unha película do xénero fantástico onde un grupo de amigos celebra unha cea que se vai tensando cada vez máis e saca á luz as súas debilidades de maneira inesperada. O paso dun cometa baixo unhas circunstancias especiais provoca, en primeiro lugar, fallos na tecnoloxía de uso habitual que aporta seguridade ás súas vidas, e en segundo lugar unha irregularidade no espazo-tempo que lles permite contactar cunha dimensión paralela de si mesmos. A película ten unha factura impecable e gozou de boas críticas no seu momento.


O tema das dimensións paralelas está moi ben explicado por David Topí, quen explica tamén a diferencia entre dimensións e densidades, tema sobre o cal existe moitísima confusión.


Lástima dos protagonistas de Coherence, incapaces de aprender dos seus erros e de contactar coa mellor versión de si mesmos nun plano superior para deixarse asesorar por ela, como ensina Garnier-Malet ou o propio David Topí.

SPOILER (non ler se non viches a película, e se o queres ver selecciona o texto co rato, porque está escrito en cor branca para que ninguén o vexa se non quere): A única persoa que comprende o que está pasando ata o punto de velo como unha solución, o que se lle ocorre é matar ao seu dobre para apropiarse da súa vida, incapaz de comprender que para conseguir esa vida que anceia ela tería que mudar a súa conduta, e anque se traslade a esa dimensión paralela, se non muda ela, non mudará a súa vida."Pues nunca muda de estado quien muda sólo de lugar y no de vida y costumbres", que diría Quevedo, ou tamén "Se ti o cambio que queres ver no mundo...")

4 de xuño de 2015

Noutra vida

Nos anos cincuenta formulouse a interpretación de moitos mundos da mecánica cuántica, teoría segundo a cal en cada elección do universo este se fractura, e ambas posibilidades coexisten en mundos paralelos. Co tempo esta teoría foise estendendo entre a comunidade científica e moitos consideran que o universo sería máis ben un multiverso, composto dunha infinita colección de universos onde o que nós habitamos é soamente un máis. A popularidade desta teoría vai en aumento entre os científicos, e mediante libros e filmes de ciencia ficción, entre un auditorio cada vez máis amplo. Pero non ten implicacións esta teoría no noso desenvolvemento persoal?

Cando eu fago unha escolla importante na miña vida, elixo literalmente entre dous futuros posibles. Feita a elección teño a sensación de que un deses futuros desaparece, pero con cada elección ocorre unha fractura no universo e as diversas posibilidades existen simultaneamente en mundos diferentes. Iso implica a existencia de diferentes versións simultáneas de min mesma, en todos eses mundos, experimentando todas as vidas posibles. Para que? Para aproveitar máis a experiencia. A alma experimenta o mundo físico a través de nós. Nós como humanos viaxamos por un camiño concreto entre os moitos posibles: esa é a nosa vida actual, que en adiante chamaremos liña temporal. Con cada elección importante da vida, ocorre unha división das liñas temporais: hai unha liña onde experimentamos a elección A e outra onde experimentamos a elección B. A nosa personalidade humana non é consciente da segunda liña de tempo pero a nosa alma si. Para ela, esa segunda liña de tempo é tan real como a primeira.

A existencia de varias liñas de tempo permite experimentar aspectos diferentes da nosa personalidade, que nos farán desenvolver outras cualidades e así a alma se enriquece absorbendo todos os resultados diversos. Experimentar as vidas simultáneas enriquece a alma, e ás veces tamén repercute na nosa vida diaria. A nosa alma está experimentando todas esas liñas de tempo, e nós como estamos conectados coa nosa alma, a un nivel profundo tamén estamos conectados con esas outras vidas nosas. As nosas vidas simultáneas poden servirnos de inspiración, poden ser a explicación para os talentos inesperados, pero tamén poden producir bloqueos aparentemente inxustificados. Prodúcese un continuo intercambio enerxético entre as diversas liñas de tempo porque están intimamente conectadas entre si: todas me pertencen, todas teñen o propósito de aumentar o campo de experiencia da miña alma, e con iso o desenvolvemento da conciencia. Algunhas eleccións levan a unha vida equilibrada e estable onde ocorren poucas cousas notables. Esa liña de tempo pode emitir una certa calma ás outras liñas de tempo onde a vida ocorre nunha forma máis turbulenta. Tamén pode ser que certos talentos se desenvolvan nunha liña de tempo, por exemplo nunha miña vida simultánea toco un instrumento musical que nesta vida non sei tocar anque me produce unha gran sensación de benestar escoitalo.

Existen diferentes técnicas para  integrar as diferentes aprendizaxes realizadas, ou sanar bloqueos que nos estaban limitando inexplicablemente porque procedían de vidas simultáneas. O traballo cos arquivos akáshicos permite acceder a esta información dunha maneira fácil e segura.



VIDAS PARALELAS E SIMULTÁNEAS explícao moi ben David Topí nos seus escritos e videos divulgativos
UNIVERSOS PARALELOS, Brian Greene fai unha magnífica compilación de todas as teorías científicas sobre este tema no seu excelente libro (ameno e de fácil lectura mesmo para profanos) La realidad oculta.