Amosando publicacións coa etiqueta unidade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta unidade. Amosar todas as publicacións

28 de feb. de 2019

A consciencia do observador





O ollo con que vexo a Deus é o mesmo ollo con que Deus me ve (Mestre Ekhard, séc. XIII)




Esta aparente contradición, que se asemella tanto a un koan, compréndese perfectamente en estado meditativo, cando un é ao mesmo tempo o observador e o observado, plenamente consciente de si mesmo e do seu propio rol no proceso de decatarse dese mesmo proceso que dilúe todas as diferencias entre o que crea a realidade (observador) e a realidade resultante (observado).

É imposible de explicar, por iso se bota man de imaxes, comparacións e parábolas. O mellor é poñerse a experimentalo porque paga a pena, mesmo que só sexa por unha vez e sen chegar a comprendelo, sentir como se borran as fronteiras de todo canto existe e vivenciar esa sensación de unidade absoluta con todo.

Para min é unha constatación de que somos algo máis que un corpo, unha simple estrutura material. Só en estado meditativo te liberas da escravitude da mente. A maioría da nosa actividade mental só serve para desenvolver máis actividade mental aínda. Somos adictos ao noso pensamento, que só é unha das estratexias posibles para relacionarse co mundo, pero por algunha razón os seres humanos despois de tantos milleiros de anos de evolución ao final acabamos por identificarnos con el e hoxe desprezamos outras estratexias e xa non as utilizamos, de todas as ferramentas que tiñamos decidimos prescindir, e quedarnos exclusivamente co noso razoar.

O único necesario para comprender todo isto é unha mente en calma, entón comezarás a percibir máis alá da propia mente. En estado meditativo entras noutro nivel de realidade, ou se o prefires, outro estado de consciencia, onde é posible a plenitude sen paliativos, "ese alén que está no interior" como se di no Tao.

Visita esta excelente páxina con consellos para iniciarse na MEDITACION.

Aquel que mira fóra, soña; aquel que mira dentro, esperta (Carl G. Jung)


2 de xan. de 2019

A trampa da soedade

« É posible ter, no máis fondo da alma, un corazón cálido, e que aínda así ninguén acuda a el. » (Vincent Van Gogh)



Que che fai sentir separado do mundo? Ti es algo que todo o universo está facendo. Non hai "eu", non hai "ti", só unha única cousa que o percorre todo chamada enerxía. A soedade que cres sentir é tan absurda como a que sentiría o dedo pequeno inconsciente dos demais dedos que canda el forman unha man nun brazo nun corpo humano. Chegados a este punto talvez te preguntes a que estás unido ti, que é iso que non ves ao igual que o dedo non percibe a man, o brazo. Observa con atención e percibirás a que estás unido. A meditación e a interiorización son boas ferramentas para este traballo de observación. Transforma esa soedade que te atormenta na túa fortaleza e aproveita a oportunidade que tes de profundizar en ti mesmo.

" Igual que toda porción dun holograma contén a imaxe da totalidade, cada porción do universo contén a totalidade. Isto significa que se soubesemos como acceder, poderiamos atopar a galaxia de Andrómeda na marca dixital do dedo gordo da nosa man esquerda. Poderiamos atopar a Cleopatra coñecendo a Xulio César por primeira vez, xa que nun principio a totalidade do pasado e as implicacións do futuro están contidas en cada porción do espazo-tempo. Cada célula do noso corpo contén o cosmos enteiro."
(Michael Talbot: O universo holográfico)


Nun estado alternativo de consciencia podemos acceder a esa información (arquivos akháshicos), que non está no cerebro pero que este é quen de capturar:

" O gran erro do mundo moderno foi considerar que todo o que non se pode oír, tocar ou ver é una ilusión. A realidade fundamental non é observable directamente. Por exemplo: se tiro un lapis observo cómo opera a gravidade, pero non podo ver o campo gravitatorio, só o efecto. Todas as forzas da natureza están nesa dimensión máis profunda e só observamos os efectos. "
( Ervin Laszlo)

Ver    O UNIVERSO HOLOGRÁFICO SEGUNDO STEPHEN DAVIS


Non creas todo o que ves...



27 de ago. de 2013

O nome de Deus

Tense dito que o nome de Deus é impronunciábel, secreto, prohibido, mais por outra parte tense falado dos 72 nomes de Deus e ténselle dado un nome concreto, nalgunhas tradicións incluso se lle atribúen non só varios nomes senón varias persoas, a xeito de trinidade, misterio insondábel da fe... Que pasa co nome de Deus?
A explicación é moi sinxela. Existe unha realidade última e global en todas as cousas. Todo canto ves é un fragmento desta realidade total, tanto se miras ao teu redor como se miras dentro de ti. Si: ti es parte diso que na maioría das tradicións chaman Deus. Por iso non se pode dicir o verdadeiro nome de Deus, non porque o prohiba ningunha lei senón porque simplemente non é posíbel xa que non hai ningunha palabra capaz de expresalo na súa totalidade. Todo o que podemos abranguer neste momento da nosa encarnación na Terra son visións parciais da realidade última que somos, observándose a si mesma. É parecido a aquel conto onde un pobo de cegos elixe aos máis listos para que fosen investigar un elefante e despois lles contasen aos demais como era. O cego que tocou unha orella, díxo que o elefante era liso e plano, como unha saba; o que tocou unha pata dixo que era como unha columna; o que tocou o rabo dixo que era como unha corda...
É correcto calquera nome que lle deas, podes dicir que Deus é Amor ou que Deus é Enerxía ou Vibración ou Vida ou Nai Terra ou podes darlle un nome propio como Shiva ou Jehová, ou podes afirmar simplemente EU SON. Como queira que o fagas, respecta prudentemente as visións dos demais sabendo que na realidade última todas as visións parciais de cadaquén están incluídas e polo tanto ninguén está totalmente equivocado... nin totalmente acertado, claro.
bosón de Higgs?

20 de mar. de 2013

20 de marzo, Día Mundial sen Carne


Sabías que o 18% de emisions de gases de efecto invernadoiro é produto da gandería? Ou sexa, animais de granxa.

O 13% é ocasionado pola suma de todos os transportes ( e isto inclúe mooitos transportes de ou para animais de granxa).

Entre un 40-50% dos cereais que cultivamos non son consumidos por humanos, senón polo gando. No caso da soia, case o  75%. Desde hai varios anos talan os bosques tropicais de América para plantar soia transxénica para alimentar o gando (e os bosques tropicais eran imprescindíbeis para absorber CO2) .

Entre 1950 -  2000, a poboación mundial aumentou de 2600 millons a 6000 millons de persoas, pero a produción de carne multiplicouse por cinco: de 45000 a 233000 millons de kilos de carne ao ano (e a pesar de todo isto segue habendo xente que literalmente morre de fame cada día).

A carne non é un produto sostíbel.

Amplía información AQUÍ, ou AQUÍ 


18 de xuño de 2012

Espertar

Vai suceder xa. É inminente. Galicia vai espertar. O caso é que este proceso pode acelerarse, podemos contribuír ao seu espertar ou podemos simplemente esperar que suceda. Cada un de nós pode colaborar con esta terra para que asuma o seu ser verdadeiro, recupere a súa identidade, a súa maxia, a prosperidade, deixando atrás complexos, actitudes vitimistas, prantos e reclamacións. Isto non vai de reivindicación, VAI DE COOPERACIÓN. Cada un que achegue enerxía desde o seu talento, desde as súas crenzas (e quen non teña ningunha crenza en particular que envíe un pensamento amoroso para esta terra, tanto se a coñece como se non). Chegoume esta mensaxe coa petición de distribuíla para que o 23 de Xuño de 2012, entre as 20 e 22 h todos nós (cada un como queira, a soas ou en grupo, en Galicia ou noutro lugar onde estea) colaboremos neste ESPERTAR, pois a cooperación xera movemento!!!!! Ponte en conciencia e envía enerxía a Galicia o día 23 de Xuño de 2012 entre as 20 e as 22 h, o tempo que consideres necesario, non hai mínimos, non hai máximos, só horario para que o maior número de mentes xeremos xunto a ela o movemento. Se o prefires fai un debuxo, deseña unha pegatina, ou prende unha vela, reza unha oración, canta unha canción. Pon algo, o que queiras, da túa parte. Ou simplemente escribe "Acorda, Galicia" no teu estado do facebook. Para poder ter, dá todo a todos.

Galicia dáche as Grazas


23 de maio de 2012

Ilusións desilusionantes

Inmersos na "terceira dimensión", unha conciencia baseada no ego, vivimos unha realidade enerxética na que predominan certos enganos:

1. A perda da mestría O primeiro engano é o da perda da mestría. Esquecemos, mentres vivimos na terra, que somos creadores de todo o que sucede na nosa vida. Non recoñecemos o que sucede nas nosas vidas como creación nosa, mesmo pensamos que somos unhas vítimas. Pensamos que hai poderes máis grandes ca nós, que poden determinar a nosa vida. Esta é a perda da mestría.

2. A perda da unidade Consiste en non recoñecer a unidade entre cada un de nós e os outros, e o mundo. Dentro da conciencia baseada no ego existe a convicción de que todos nós estamos separados uns doutros, cada un nun corpo separado. Existe a crenza de que vivimos nese corpo e que custa moito traballo contactar aos demais. É o engano do corpo como unha prisión.

3. A perda do amor Neste mundo relativamente escuro, onde hai tanto desamor, confúndese amor con toda clase de cousas que non o son, como admiración e dependencia emocional.

Entre o limitado da nosa visión, o noso apego ao pouco que vemos e a presión social para que malia os cambios todo siga igual, o espertar non é doado nin indoloro.





Amplía estas reflexións cunha interesante entrada sobre a nosa percepción dos cambios AQUÍ

28 de xan. de 2012

A iluminación é unha consciencia de Todo

Aí atrás tiven ocasión de pasar un día marabilloso con M.D. percorrendo o esteiro do Miño, vendo abrírense as ondas no Puntal, falando da luz e das batallas gañadas e perdidas no Camiño. Foi ela quen me contou este contiño oriental de sabedoría:

Din que unha vez houbo un home que camiñaba polo mundo na procura da verdade e topou cun gran sabio que lle dixo: “Hai un pozo escondido nunha cova. Vai alí e fai unha pregunta. Se preguntas con sinceridade, o pozo responderache. E isto é un milagre que só uns poucos grandes adeptos coñecen.”

O home procurou e procurou durante anos a cova e mailo pozo. Foi difícil de atopar, pero finalmente chegou, asomouse e preguntou: “Que é a vida?” Non tivo resposta. Repetiu varias veces a pregunta pero só se escoitaba o eco. Como tiña un interese sincero, continuou preguntando día e noite, noite e día, “Que é a vida?” E o pozo soamente resoaba coa súa propia voz. Pero el non se daba por vencido, ata que o pozo finalmente comprendeu que o home era sincero e non ía desistir. Así que o pozo respondeu: “De acordo, direiche o que é a vida: Vai á aldea máis próxima, visita as tres primeiras tendas e volta, e cóntame”.

O home quedou abraiado porque, que clase de resposta era esta? "Vale, vouno facer..." decidiu, confiando na sabedoría profunda do pozo. Foise á cidade e visitou as tres primeiras tendas, quedando aínda máis frustrado: non atopou nada. Na primeira tenda había xente traballando con pezas de metal. Foi á seguinte tenda e alí viu outras persoas que estaban preparando unhas cordas. Entrou na terceira, que era a tenda dun carpinteiro, e nela estaban traballando a madeira. Díxose a si mesmo: “É isto a vida?”

Regresou ao pozo e preguntou: "Que queres dicir? Fun alí e vin isto, pero non ten relación coa miña pregunta." O pozo respondeu: "Eu amoseiche o camiño. Percórreo. Algún día descubrirás a clave. Mostreiche o camiño, agora percórreo." O buscador enfadouse e dixo: "Enganáronme! Que saquei de pasar tantos anos procurando o pozo, de botar tanto tempo preguntándolle ao pozo? Que gañei abríndolle tan sinceramente o meu corazón, confiando nas súas palabras, facendo o que me mandou? Todo era mentira! Todo era un engano!" E frustrado, afastouse.

Ao cabo de moitos anos de peregrinaxe, chegou preto dun xardín e detívose, escoitando. Era unha noite de lúa chea e alguén estaba tocando unha música fascinante. Quedou embelesado. A maxia funcionou. Coma se fose atraído por un imán, entrou no xardín. Non pediu permiso. Achegouse ata o músico: aquel home atopábase en profunda meditación, tocando o sitar. O viaxeiro sentou alí e púxose a escoitar. Á luz da lúa observou ao home e o instrumento. Nunca antes vira un instrumento así. E de súpeto lembrou a uns carpinteiros que vira tempo atrás, traballando en obxectos similares... Estaban preparando sitares! E a xente que laboraba o metal... esas pezas tamén pertencían ao sitar! E as cordas...

Entón, coma se as nubes desaparecesen e descubrise algo, púxose a bailar. O músico decatouse e parou de tocar pero iso non detivo a danza do buscador. O músico preguntoulle: "Que sucede? Que che pasou?" O home respondeu: "Comprendo! Mirei nas tres tendas. Todo estaba alí, pero non había sitar. Todo existía por separado. Cumpría ordenalo, estaba nun caos, pero estaba todo, todo o necesario estaba alí, só faltaba unha conexión para que esa música tan fermosa puidese agromar. A vida teno todo, pero eu non vía a conexión. Agora comprendo..."




O sitar é un instrumento musical hindú de corda pulsada, como a guitarra, o laúde, etc. que seguramente oíches tocar algunha vez por exemplo a Ravi Shankar