Amosando publicacións coa etiqueta Exipto. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Exipto. Amosar todas as publicacións

15 de maio de 2018

Lugares de poder

Un lugar de poder recoñécese pola sua configuración, séntese a súa enerxía, soen ter auga, ben de xeito natural ou ben canalizada a propósito, se é un lugar natural soe haber seres vexetais moi sans e mesmo máis grandes do normal, etc.
Hai que achegarse co maior respecto polo lugar e por nós mesmos, e iso implica ir de xeito consciente, con tempo, non no típico tour para ver moitas cousas nun horario preestablecido, non nun grupo masificado cun guía que nos obriga a circular a toda presa polo lugar, e desde logo se sentimos que non debemos entrar non o faremos só polo feito de que que entraron todos os demais...
As famosas “bocas da verdade” como as de Italia, tiñan esa función: se ao meter a man nelas sentias unha cambra ou similar indicaba que a túa enerxía persoal non era a óptima para entrar. Eses lugares acentúan a enerxía yang e por iso moitas persoas poden sufrir malestares relacionados co exceso desa enerxía.
Podes facer un traballo previo coa tua enerxia para prepararte: comer san, elevar a túa enerxía persoal con exercicios de chikung, practicar a órbita microcósmica, etc. (O normal é que a enerxia suba por diante e baixe por detrás pero podes facer que circule á inversa: a respiración taoista da órbita microcósmica; consiste en tomar aire como se entrase por detrás, polo coxis, logo sobe a ata o nariz e baixa polo frente. Esta técnica tamén contribúe á lonxevidade, pois ao ralentizar o fluxo da enerxia, pode xestionarse máis enerxia e máis fresca e os órgaos internos estarán mellor con menos oxidación. Se o practicas todas as mañás, e coidas a alimentacion, etc., aumentará a enerxia disponible para ti, con menos consumo de enerxia rendirá mais, haberá menos desgaste e maior aumento de conciencia.)
Para usar a enerxía dun lugar nunha sanación, por exemplo beber das augas sanadoras dun manancial sagrado, un debería ter feito antes ese traballo persoal, porque se non é posible que non surta efecto ou aínda peor, produza algún malestar por non estar en condicións de xestionar ben ese extra enerxético (poden aparecer mareos, náuseas, dor de cabeza...) Se non estamos ben, tanto fisica como emocionalmente, cómpre ter precaución, ir paseniño e observar como nos sentimos. Se me noto mal, ou se xa antes non me atopaba ben, é mellor deixalo para outro momento.
Tamén é importante lembrar que non se deben coller cousas deses lugares, non só pedras senon sequera unha pluma de ave (Don Juan de Castaneda explícao por extenso). Calquera obxecto recollido nese lugar pode estar cargado coa enerxia dos bruxos antigos e facer que te sintas mal porque a tua enerxia non está ao seu nivel ou por outras razóns poderosas e escuras.
En efecto, soe haber neses lugares algunha entidade, ademais da enerxia do lugar podemos percibir algo máis, e non sempre somos benvidos. Ás veces trátase dunha entidade hostil, sobre todo en América, aqui en Europa non tanto. Para visitar os nosos monumentos megalíticos normalmente non precisas protexerte tanto, porque son lugares abertos, pero cando son lugares pechados con chave, xa non necesariamente es benvido.
Nun lugar natural ou aberto, a enerxia é máis amable; se é un lugar interior, construído, a enerxia é mais intensa. Se vas a un lugar pechado, por exemplo unha catedral, percibirás distintas cousas dependendo de con que enerxia se construiu e para que, con que intención, e tamén depende da enerxía persoal que ti leves nese momento, pois iso influirá no tipo de enerxía co que poderás conectar ti. Por exemplo, en que vibracion estás te levará a sentir a dor dos que choran, piden e sofren, ou a alegría dunha parella que casa ou bautiza a un fillo: que enerxia teñas ti definirá con que podes conectar.
Os templos abertos parten do concepto de que a enerxia é ilimitada e chega para todo o mundo, flúe libremente, toda a terra e sagrada, todos somos irmáns, todo o mundo sabe manexar a enerxía e a idea é que se ti estás ben, eu estou ben. Nos lugares pechados debemos ter precaución, non soemos saber con que enerxia se construiron pero obedecen a un paradigma diferente, onde se manexa unha enerxia especial xestionada por unha minoría. Trátase de compartir o coñecemento ou non. Nunha pirámide, por exemplo, a idea dominante é que a enerxia é limitada; hai xerarquias, hai diferencias, non todos poden entrar, só os privilexiados, porque xa non se trata de que eu estou ben se os demais están ben: eu estou ben cando ti estás mal, pois hai unha mentalidade de dominacion e de conquista.

18 de xan. de 2015

Thot

     Thot foi un importante deus da antigüidade que chegou a Exipto procedente dun país situado máis aló de onde se oculta o sol, é dicir que veu do oeste, coma outros deuses do panteón exipcio. Cal era a súa verdadeira orixe? Quizais era un home da antigüidade máis remota, posuidor dunha gran sabedoría pero que debido a que non podía ser comprendido, transcendeu non como un home senón como un mito ou como un deus. O seu nome segundo algúns estudiosos do tema é de orixe atlante, polo que puido arribar procedente da Atlántida antes de que o continente afundira no océano. Tamén poida que procedese da afastada Hiperbórea (Thule nas tradicións escandinavas) ubicada entre Groenlandia e Islandia; ou das veciñas terras do Sahara, antes de ser devoradas polas areas do deserto; incluso dun planeta alleo ao noso, segundo a opinión dalgúns ufólogos.
     Dyehuthi en exipcio (Ḏḥwty), Thot en grego (Θωθ), representábase habitualmente con corpo humano e cabeza de ibis, ás veces con cálamo e táboa de escriba e en ocasións coroado cun disco lunar. Tamén se asociaba co babuino.
      Era o paradigma de sabedoría, visir e escriba dos deuses, inventor de todas as palabras e tamén da escritura, así como todo o sistema legal. Entre outros atributos, Thot tiña o de formar parte no xuízo de Osiris, a pesaxe das «almas» dos difuntos nunha balanza, pois sendo o sabio escribán el manexaba os libros da vida e o destino das persoas, das almas e do mundo. Como escriba dos deuses estaba presente en todos os templos, pois loxicamente se consideraba autor de todos os libros sagrados existentes e regulador de todas as cerimonias.
      Dicíase que Thot velaba polo pobo exipcio en forma de ibis e baixo este aspecto transmitiu aos humanos todas as formas de cómputo existente, os números e as matemáticas; a unidade de lonxitude principal, o cóbado (baseada no corpo humano), explicábase tradicionalmente como o paso regular dun ibis.
      Rexía as estacións, a lúa e as estrelas: cando o sol se ocultaba el procuraba disipar as tebras coa luz da lúa; inventou o cómputo do tempo a través do calendario e por iso o primeiro mes do ano levaba o seu nome. Ademais inventou a maxia, os feitizos e esconxuros, e era capaz de prever o futuro. Recibiu epítetos como "Señor do Tempo", "Regulador das crecidas das augas" e "Touro das estrelas" entre outros. Tamén inventou a música e máis concretamente a lira, ao igual que Hermes, con quen a miúdo se identifica.
     Era un deus creador en Hermópolis Magna, onde rexía a "Casa da Vida" e críase que el codificara as ceremonias que transforman aos mortos en espíritus e que só os seus sacerdotes podían ter acceso a este coñecemento "hermético". Coa expansión mediterránea dos cultos exipcios pasou a ser coñecido como Hermes Trismexisto, "Tres veces grandioso" e del emanan as leis herméticas, o Kybalion e o Libro de Thot, denominación dun conxunto de 78 láminas chamadas Arcanos (segredos), consistentes nunha serie de figuras e ideogramas xeroglíficos que contiñan símbolos e ensinanzas metafísicas dos libros sacros das relixións máis importantes (actualmente coñecido como tarot).

13 de xan. de 2015

Isis

O seu nome en exipcio é Ast e antigamente levaba un trono (ast) sobre a cabeza. Raíña dos deuses, poderosa maga e sanadora, é imposible limitar os seus atributos xa que como señora do Alén e como muller reuniu en si os atributos de todas as deusas de Exipto. O seu culto estendeuse por todo o Mediterráneo e resistiu o auxe do cristianismo ata o século VI da nosa Era. Foi a única deidade exipcia que se mantivo durante o Imperio Romano, ata que o seu culto foi prohibido no ano 535, en tempos de Xustiniano. Os primeiros cristiáns adoptaron gran parte do culto a Isis asimilándoa á Virxe María. A súa función maternal e protectora e a iconografía da Virxe María co Neno están inspiradas no culto a esta deusa.

A Isis ningún sortilexio lle é estraño e os seus sacerdotes eran médicos especialistas; ela é moi poderosa e a súa garda persoal son sete escorpións de nomes terroríficos. Obtivo o seu poder creando unha cobra que mordeu a Ra e convencéndoo de que só podía curalo se el lle confiaba o seu nome secreto. Cada vez máis enfermo polo veleno que penetraba nas súas veas, Ra tivo que confesar e Isis apoderouse, co nome, dunha parte do poder do deus.

Deusa da maternidade e do nacemento e protectora das nais e dos nenos e a familia en xeral, considérase que instituiu o matrimonio, pero tamén era a perpetua viúva inconsolable do seu irmán e esposo Osiris, e deusa principal en todos os ritos relacionados coa morte. Osiris foi morto polo seu irmán Seth e Isis procurou o seu corpo viaxando polo Nilo. Atopouno, pero Seth descuartizouno e espallou os anacos de maneira que Isis tivo que viaxar de novo reuníndoos. Non conseguiu traer de novo á Osiris ao mundo dos vivos, pero si facerse fecundar nacendo entón Horus, o herdeiro de Osiris que vingará a seu pai.

10 de xan. de 2015

Horus

Na antigüidade máis remota foi un deus celeste, o primeiro que tivo forma de falcón. É ante todo o gran señor dos ceos e de aí a asociación dos gregos con Apolo, señor dos ceos. O símbolo xeroglífico do falcón sobre un estandarte empregouse xa en época moi antiga para representar a palabra deus. Moitos foron os deuses que se fusionaron con Horus nas sínteses relixiosas de cada localidade, e de ai a gran cantidade de deuses falcón que aparecen no panteón exipcio. A pesar de estar asociado ao culto osiríaco como fillo de Isis e Osiris, non parece ser esta a súa orixe. Horus xa existía en época predinástica e máis tarde o seu culto foi adaptado ao mito de Osiris nun intento de sincretismo.



Tiña por ollos ao sol e á lúa, pero os sacerdotes de Heliópolis adxudicaron o sol a Ra, quedando o ollo de Horus como a lúa. Nos Textos das Pirámides identifícase co ceo oriental, mentres que Thot o é o occidental; así pois, é o señor da montaña por onde o sol asoma cada mañá. Inicialmente era fillo de Hathor, pero este papel foi posteriormente adoptado por Isis. Cando o culto de Osiris adquiriu importancia, Horus converteuse en fillo de Osiris; identifícase co rei vivo e o rei morto pasa a ser Osiris; cando Horus chegou á maioría de idade, loitou contra Seth para recuperar o trono do seu pai; Seth quedou como deus do Alto Exipto e Horus do baixo Exipto. Posteriormente Horus quedou con todo Exipto, mentres que Seth quedou como deus do deserto e dos pobos estranxeiros. Tras suceder ao seu pai, deixou o goberno aos reis míticos, que a tradición denomina "Shemsu-Horus" ou seguidores de Horus.

8 de xan. de 2015

Ankh

"A chave do alento de vida". Como símbolo da imperecedoira forza vital foi representada nas paredes dos templos e en estelas. O seu signo xeroglífico significa vida, apunta á divina e eterna existencia. O Ankh é representado en ocasións como un obxecto que procede directamente do disco solar e se ofrece ao faraón para que poida administrar o alento de vida entre os homes. Tamén adoita aparecer nas mans dos deuses fronte ao nariz do rei, outorgándolle o "alento de vida", e chorros de auga en forma de Ankh flúen sobre o rei durante a purificación ritual. Outras veces aparece nas mans dos deuses como un símbolo de Vida Eterna e como chave dos misterios da natureza, tal como o home, microcosmos, é a chave do macrocosmos.

Ra

O termo Ra aplicouse inicialmente ao Sol, como astro, e posteriormente ao deus asociado á creación, cuxo verdadeiro nome é secreto. Ra é o sol do mediodía, no seu máximo esplendor. A súa representación gráfica é un home con cabeza de falcón e disco solar abrazado
polo ureo, que sostén o ank e un cetro. No Reino Antigo era o "Gran Deus" anónimo, reitor do primeiro tribunal de ultratumba, despois Osiris triunfou como soberano e xuíz dos defuntos.

Ademais de creador do mundo, rexeitando o caos mediante a luz e a calor, algunhas tradicións fano creador dos homes, xurdidos das súas bágoas, e tamén dos deuses. Foi asemade o Primeiro Señor de Exipto. Tras moitos combates e coa axuda de Horus, establece o seu dominio sobre as rexións do Norte. Despois, desenganado dos homes, non quixo habitar na terra, puxo ao deus Thot no seu lugar, nacendo así a lúa, e el retirouse ao ceo. Desde a V Dinastía chegou a ser o deus oficial dos faraóns. Protector de reis e deus xefe do Estado; o Faraón era o fillo do Sol e tamén a súa encarnación.

Ra viaxa polo ceo nunha barca de Oriente a Occidente; segundo os momentos da viaxe, maniféstase en tres entidades diferentes: ao amencer é Jepri; ao mediodía, Horajti e no solpor, Atum. Ao morrer o día, Ra adopta a forma dun carneiro (Auf-Ra) e introdúcese na boca da deusa do ceo (Nut) atravesa pola noite o seu corpo e neste traxecto loita coa serpe Apofis, que intenta impedir o novo día. É a eterna loita entre a luz e a escuridade, e se Apofis vencese algunha vez volvería reinar o caos e a escuridade sobre o mundo. Ra renace cada mañá como un novo sol.

A propósito do ureo e demais símbolos podes consultar AQUI