Amosando publicacións coa etiqueta momentos de inspiración. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta momentos de inspiración. Amosar todas as publicacións

20 de feb. de 2019

Soñaba Beethoven con internet?



"Debería haber un gran almacén de arte no mundo a onde o artista puidese levar as súas obras e de onde o mundo puidese  tomar o que necesitase" (Beethoven)

16 de xul. de 2017

Como arruinar a túa vida

Todos son a darnos consellos sobre como conducirnos, cheos de amabilidade... ou condescendencia.
Eu hoxe voulle dar a volta á tortilla propoñéndovos condutas prexudiciais... Talvez probar estes comportamentos nos leve a darnos conta, mellor que ningún libro de autoaxuda, de que é o que non funciona e por que. Alá van!

1. Preocúpate por cousas que non se poden cambiar.
Todo o que está mal debe ser obxecto da túa atención, non o pases por alto anque non estea na túa man solucionalo, quéixate e non deixes de pensar no inxusta que é a vida e o mal que está todo.
Isto tamén vale para as cousas pequenas da vida, e para a túa biografía persoal: aquilo que fixeches e saiu mal, non deixes de reprocharte o mal que o fixeches e antes de volver a tomar calquera iniciativa lembra o mal que che saiu a vez anterior. Ten en conta o torpe que fuches, a túa lentitude en reaccionar, as dúbidas que te asaltaron. Ten sempre presentes os erros pasados coa esperanza de que iso che axude.

2. Se é difícil, renuncia.
Para que esforzarte se total non o vas conseguir? Así que mellor déixao a metade de camiño. Toda renuncia é unha derrota, pero polo menos non te cansarás (e se tes por costume repetirte no futuro o mal que o fixeches, con maior motivo...) As persoas que se orgullan de intentalo son unhas pánfilas, ti es máis listo e podes gabarte de que nin sequera o intentaches.

3. Tómate todo en serio.
Ti es demasiado importante como para que se rían de ti, demasiado incluso para rirte de ti mesmo. Ti es unha persoa seria e mereces que se te tome en serio sempre. O éxito e o fracaso son fundamentais e non é cousa de risa.

4. Non fagas exercicio. 
O importante é a túa mente privilexiada, non estás para perder o tempo dando un paseo ou xogando ao fútbol cos amigos, que vulgaridade, que banalidade! Non precisas diso nin para as túas relacións sociais nuin para a túa saúde: se algún día te sentes enfermo xa tomarás un medicamento, o exercicio non garante para nada que vaias ter boa saúde nin durmir mellor nin estar máis feliz.

5. Ponte metas de perfección, anque sexan pouco realistas.
Se cres que unha cousa debe ser é que debe ser, e hai que loitar por ela tal como a concebiches na túa mente, non intentes negociar nin poñer metas máis doadas a curto prazo, non sexas flexible, mantente na túa idea inicial porque era perfecta.

6. Come o que che apeteza.
Non sempre podes facer comidas saudables, moitas veces comes fóra ou non tes tempo porque es unha persoa moi ocupada e a comida non é vital, o importante é o teu traballo e a túa relevancia social. Ademais non se pode estar sempre a dieta!

7. Non necesitas durmir oito horas. 
Iso é para os nenos que están en fase de crecemento, ti es un adulto. Adamais, aos rapaces díselles que vaian para a cama para que deixen en paz aos adultos despois de cear, pero en realidade quen quere durmir toda a noite?

8. Repasa os teus defectos.
Estuda as túas debilidades para perfeccionarte. As túas capacidades e méritos xa están conseguidos, para que ocuparse deles? Agora o que tes que facer é centrarte no que che falta e dedicarte plenamente ás cousas que fas mal.

9. Traballa máis.
Que é traballar en exceso? Como se pode crer que se traballa en exceso mentres aínda quede algo por facer? Un día de descanso é unha perda de tempo, e nesta sociedade tan competitiva non te podes permitir iso.

10. Quédate na zona de confort. 
É a zona onde estás a salvo, sen correr riscos. Para que saír, esforzarte en coñecer xente nova, cambiar de hábitos, etc., cando xa sabes o que che gusta e para ti iso é o que funciona?

11. Preocúpate moito da opinión dos demais.
Os demais son a medida do teu éxito, eles comentan se es un triunfador ou un fracasado, e tamén se es ou non unha boa persoa, porque, como pode ser que lle caias mal a alguén, se es un ser bondadoso, intelixente, traballador, serio, responsable, solidario...? É inconcebible que a alguén non lle gustes. Ti deberías gustarlle a todo o mundo, esfórzate en comprobar se é así, tanto no contacto directo como nas redes sociais.

12. Fala mal dos outros. 
Facendo que se noten os fallos dos demais ti por contraste brillarás máis. Ao ver que os demais son peores ca ti sentiraste mellor.

13. Sen perdón.
Cando alguén che fai mal o lóxico é devolverllo, é unha cuestión de xustiza. En todo caso podes "perdoar pero non esquecer", é dicir, esa persoa queda marcada para sempre, agora xa sabes que nunca poderás volver a confiar nela. Sempre terás presente o que pasou porque ela cho debe!


E xa que estamos falando en negativo, non deixes de ver tamén 10 actitudes no traballo que che fan perder oportunidades.

2 de ago. de 2016

Simplificando

Trinta catro graos á sombra e insomnio veraniego... Sigo por aquí pero permitídeme un descanso. Non creo que escriba moito estes días anque poñerei algunha cousiña como mostra de que o blog segue activo.
Pasádeo ben, que aínda queda moito verán!!

8 de xul. de 2016

Desde o espírito

Ás veces o ego tenta convencernos de que non temos nada que aportar. Só é un máis dos seus trucos para impedirnos avanzar, para manternos prisioneiros da esfera mental egoica.
Eu comparto o que teño, non me corresponde xulgar se ten interese para os demais ou non.



16 de abr. de 2016

Que é o amor incondicional?

Amor incondicional é o que sentes simplemente porque estás vivo
e está exento de espectativas, é só puro goce e gratitude.


30 de mar. de 2016

Unidade


Se eu desaparezo o mundo ficaría máis pobre. O total é sempre superior á suma das súas partes e o universo precisa de todas as súas partes: se eu calo notaría a miña ausencia. 

10 de nov. de 2015

Compañeiros de viaxe

Nunca sabes quen chega á túa vida, ou por que, ou para que, ou durante canto tempo. En vez de procurar estas respostas proba simplemente a agradecer pola súa chegada, compartir o tempo que vos toque xuntos e, se algún día chega a despedida, dicir adeus e grazas. Adeus e grazas a esa persoa que te amou, adeus e grazas a esa persoa que te odiou, ambas che proporcionaron unha aprendizaxe necesaria.
Todos os encontros da túa vida poden ser significativos simplemente con poñer atención neles. Todos os descoñecidos son amigos potenciais e todos os problemas, solucións. Acepta todo o que che suceda como un milagre, e sobre todo estate atento aos milagres cotiáns, a mellor clase de milagres.


7 de maio de 2015

Cada cousa no seu tempo

Acabo de descubrir, como se o lese por vez primeira, Qohélet 3: 1-8, e quixera compartir convosco a miña interpretación:

Todo ten o seu momento apropiado e hai un tempo para todo canto se fai baixo o ceo:
 - un tempo para nacer e un tempo para morrer;
un tempo para plantar e un tempo para arrincar o que se plantou;
- un tempo para matar e un tempo para curar;
un tempo para destruír e un tempo para construír;
- un tempo para chorar e un tempo para rir;
un tempo para o loito e un tempo para a festa;
- un tempo para espallar pedras e un tempo para apañalas;
un tempo para os abrazos e un tempo para a abstinencia;
- un tempo para intentalo e un tempo para desistir;
un tempo para gardar e un tempo para tirar;
- un tempo para rachar e un tempo para coser;
un tempo para calar e un tempo para falar;
- un tempo para amar e un tempo para odiar;
un tempo para a guerra e un tempo para a paz.



22 de xan. de 2015

Vivir mellor



Existe polo menos un recuncho do Universo 
que con toda seguridade podes mellorar, 
e es TI mesmo. 
(Aldous Huxley)

4 de xan. de 2015

Coller auga nun cesto

Algunhas cousas parecen imposibles, como coller auga nun cesto. Así é a vivencia espiritual. Se nos aproximamos á experiencia desde a nosa personalidade todo se nos escapa polos buratos do EU...
Entón, como se fai?
Colle o cesto e bótao no mar. Verás cando se afunda: quedará cheo de auga para sempre!
A experiencia da espiritualidade non se logra vertendo pequenas doses de espírito na individualidade, senón botando a individualidade dentro da totalidade.

22 de nov. de 2014

Zentangle: o garabato zen

     Un Zentangle é un debuxo abstracto feito con patróns repetitivos, usando tinta negra sobre papel branco, co propósito de que debuxar sexa un acto meditativo e accesible para todos. Rick Roberts e María Thomas inventaron o método cando descubriron que o acto de debuxar patróns abstractos con base nunhas poucas regras básicas era extremadamente meditativo. O método Zentangle usa un papel branco sen liñas, recortado en cadradiños de 8,89 centímetros (3,5 pulgadas). Pódese utilizar un papel de cor, pero non sería un Zentangle verdadeiro de acordo ás pautas do método. Os traballos que non cumpren coas pautas oficiais coñécense como "creacións inspiradas nos Zentangles".
     Estas son algunhas características desta forma de arte:
- O debuxo non terá orientación, non haberá un lado "superior" nin "inferior".
- Non ten que representar ningún obxecto reconocible, debe ser abstracto.
- Débese completar o debuxo exclusivamente con tinta negra sobre papel branco.
- A idea dun Zentangle é que sexa portátil para que poidas facelo no momento que queiras.
- Non se planifica. Cando empezas a crear un Zentangle non tes unha meta final en mente, o patrón revélese a si mesmo a medida que debuxas. É un acto creativo inesperado. En vez de borrar as marcas imprecisas, debes usalas como a base dun patrón inesperado.
- Non son simples garabatos, a persoa que crea un Zentangle presta toda a súa atención ao que fai, necesita unha concentración máxima. Non é posible crear un Zentangle mentres estás no teléfono ou escoitando unha conferencia.
- O método Zentangle é unha cerimonia. Xa que o Zentangle merece a concentración máxima do artista, debes crealo nun lugar silencioso onde poidas concentrarte e honrar á túa obra. Os bolígrafos e o papel que uses deben ser da calidade máis alta, xa que un Zentangle é un traballo de arte que pode gozarse durante moito tempo.

 

     Hai moitos recursos en internet se queres copiar patróns para comezar. Se o prefires, podes improvisar, seguindo estes pasos:
 1. Debuxa un bordo con lapis pola beira do papel. Non uses unha regra nin obxectos rectos para debuxar o bordo, non importa se che treme a man mentres debuxas o bordo, unha vez terminado o teu zentangle quedará máis orixinal. Non lle calques ao lapis mentres trazas a man alzada este bordo. A idea é que non se vexa cando termines de crear o Zentangle cun bolígrafo. Debuxarás o teu patrón dentro dese perímetro do bordo.
 2. Debuxa un fío, a lapis, dentro do perímetro do bordo. Un fío é un garabato ou liña curva que lle dará estrutura ao teu deseño. O patrón que realices aparecerá de acordo aos contornos do teu fío. Debe ser unha forma abstracta e sinxela para dividir con elegancia o bordo en seccións. Lembra que non debes aplicar demasiada forza ao lápis mentres debuxas o fío, só debe servir de guía para o teu patrón pero non se verá cando termines o teu Zentangle. Algunhas persoas teñen dificultade para determinar o xeito correcto de debuxar o fío. Recorda que a filosofía detrás dun Zentangle é que debe sentirse agradable, natural e festivo. Debuxa o que desexes cando o teu lápis toque o papel. Non hai un xeito incorrecto de facelo. Se necesitas ideas para crear fíos diferentes, hai patróns de fíos dispoñibles en internet.
 3. Empeza a crear un enredo; é un patrón que se fai co bolígrafo ao longo dos contornos do fío. Un Zentangle pode ter un só enredo ou unha combinación de varios diferentes. Usa o teu bolígrafo para empezar a debuxar calquera patrón que se che ocorra. Non esquezas que non hai trazos correctos ou equivocados. Os enredos deben estar compostos de formas moi sinxelas. Unha liña, un punto, un círculo, un garabato ou un óvalo son aceptables. Se queres podes usar o lapis para agregar sombras aos enredos e darlles máis profundidade e atractivo visual. Non borres os erros. Por iso usamos bolígrafo, para que non haxa oportunidade de corrixir os erros. Todos os enredos se fan trazo por trazo. Presta atención a cada trazo que fagas e constrúe o teu patrón de xeito deliberado. Concéntrate atentamente no teu traballo. Tal como farías mentres meditas, libera a túa mente das preocupacións e os problemas. Segue debuxando ata que termines. Saberás cando deixar de debuxar.