Amosando publicacións coa etiqueta perdón. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta perdón. Amosar todas as publicacións

28 de xan. de 2019

Perdón

Non hai nada imperdoable.
Só os teus propios límites mentais e emocionais... que non teñen por que ser ríxidos.

10 de out. de 2018

Libérate e mira adiante na túa vida


Visto o curto periodo de vida que nos toca, só temos tempo para vivir, gozar e ser felices. A morte, en calquera momento, de xeito imprevisto, pódenos levar sen máis. Non gastes o tempo en pensar nas ofensas doutros. Mentres o fas, desaproveitas a túa vida.
Imaxina a esa persoa que che ofendeu no pasado. Imaxina que ambos estades comodamente sentados. Dille por que te ofendeu. Escoita a súa explicación de por que o fixo. E perdóaa. Se é alguén que xa non está neste mundo, utiliza esta dinámica para dicirlle o que queres. Escoita a súa resposta. E dille adeus. Darache unha enorme paz.

Lembra que o perdón libera a quen o dá tanto como a quen o recibe.


19 de ago. de 2018

Aprender da dor

A dor é un mecanismo de aprendizaxe moi efectivo dentro dos patróns da dualidade. Serve para tomar conciencia daquilo que non está claro, que nos negamos a ver ou que postergamos indefinidamente. É un instante de percepción moi agudo, un sentir tan potente que non hai maneira de eludilo, porque a dor é evidente, afecta a todos os nosos corpos simultaneamente (físico, emocional, mental, espiritual) ata que se comprenda cal é a súa mensaxe específica.
Por iso é útil deterse de cando en vez a observar se algo nos doe nalgún dos nosos corpos, onde e por que, ata descifrar a mensaxe oculta.
Unha vez comprendida, a dor pode transmutarse e dar paso ao benestar. Se a dor é emocional, producida por algunha lembranza ou vivencia traumática, é útil regresar á experiencia e observar que foi o que doeu, cal foi a ferida que se abriu. Fagamos por comprender as circunstancias e as actuacións de todos os implicados nese episodio, e una vez integrada a situación soltémola, liberémonos dela para sempre.
Si que sabes como.
Perdoando e agradecendo a aprendizaxe que esa situación nos entregou.

12 de xul. de 2015

Para saír do sufrimento

     Ás veces non sabemos que é exactamente o que nos fai sufrir, podemos pensar que procede do exterior pero en realidade temos unha serie de crenzas limitantes que nos impiden actuar para resolver a situación, como cando creo que un suceso do pasado vai condicionar toda a miña vida futura, ou que non importa que a miña parella me meltrate de cando en vez. Adoita ser útil compartir o problema con alguén máis obxectivo, como un amigo ou un terapeuta. Pecharte en ti mesmo e as túas preocupacións aumentaría a túa tristeza, mellor achégate a persoas que che fagan sentir ben e cóntalles o que che preocupa. Somos seres sociais e necesitamos compartir, desafogarnos, dar e recibir apoio e afecto.
     A tristeza prolongada pode converterse nunha rutina e entón chegamos a esquecer como se senten outras cousas e xa non sabemos saír desta situación. Nese caso podemos dar pequenos pasos para recuperar outras emocións ademais da tristeza: sexa o que sexa o que te atormenta, non intentes facer o esforzo sobrehumano de ignoralo, só concédete cada día un tempo de descanso e alegría. Busca algo que poidas gozar nese momento, se é posible ao aire libre, no campo ou polo menos nun parque. Aínda que de entrada non che apeteza, unha vez alí a túa mente vaise despexar e permitirá que aparezan ideas novas, entre elas talvez unha solución ao teu problema. Non é fácil concedernos un paréntesis na nosa dor, podemos chegar a sentirnos culpables de estar gozando dun intre de diversión, ou ata volvernos incapaces de relaxarnos e pasalo ben porque deixamos asuntos por resolver en calquera área de vida, sexa laboral ou persoal. Como a gran maioría das preocupacións proceden de recordos pasados ou temores futuros, se consegues permanecer no presente sentiraste mellor. Proba a poñer unha alarma no móbil e dicirte a ti mesmo: "Podo deixar de pensar neste problema durante vinte minutos e prestar toda a miña atención ao que realmente estou facendo agora; a miña mente descansará, recuperarase do estrés e despois será máis eficaz, estarei máis lúcido e atoparei unha solución, así que este descanso en realidade faime avanzar cara á solución do problema".
   Practica o perdón. Moitas veces nós somos os nosos peores xuíces, así que non sexas tan duro contigo mesmo, acepta a responsabilidade pero non a culpa, fai o que estea na túa man para reparar o dano que causaches ou che causaron e despois segue adiante sen cargar máis con ese peso. Non te acostumes ao sufrimento, non te quedes no papel de vítima nin no de culpable, podes saír de ambos a través do perdón, e é a única vía porque non podes cambiar o pasado, só aceptalo e darlle un sentido novo na túa vida, agradecendo as aprendizaxes que che aportou e seguindo adiante.


(fermosa escultura de Zenos Frudakis, Philadelphia, EE.UU)

19 de xuño de 2013

Espello, espelliño...

Unha amiga moi querida faloume deste libro, que me parece bastante relacionado co meu artigo anterior, das cinco feridas e as súas máscaras. Lino nun tris (só 33 páxinas), emocioneime e pensei compartilo convosco. "A lei do espello" é unha guía práctica en oito pasos para aprender a perdoar a través da historia concreta dunha muller e non  mediante longas disertacións sobre a importancia do perdón. O principal en todo caso queda ben claro: que o perdón é liberador. Desgrazadamente moita xente non comprende isto, pensa que o perdón é algunha especie de obriga ou penitencia relixiosa, é terrible canto lixo se ten botado sobre este concepto que cómpre restaurar e sanar e experimentar.
O rancor é a última trampa do ego para manternos presos no seu cárcere mental, coa absurda ilusión de que lle estamos negando o perdón ao outro, ao que nos ofendeu, pensando que con iso recuperamos o poder. En realidade sucede todo o contrario, permanecemos escravos da ofensa entanto non nos liberemos dela e a soltemos para sempre. Perdoando son eu quen se libera! Negarme a perdoar alimenta a miña ferida así que vou deixar de alimentala, vou deixar de contar unha e outra vez a triste historia dos meus agravios parapetada no arquetipo da "sobrevivente", xa me doe o pescozo de mirar para atrás, é tempo de comezar a construír algo novo.
Isto é, por suposto, máis difícil de facer que de dicir. Non tentes de percorrer os oito pasos que dá a protagonista nun día, en fin, é unha narración a xeito de parábola e nela condénsase unha viaxe emocional que leva moito, moito tempo. Pero podes botar a andar. Sen presa, sen querer chegar. Só por facer camiño. Podes dar só o primeiro paso, sen comprometerte a nada, só por experimentar a ver como te sentes...

Para repasar o concepto de espello a min gústame particularmente este audio de Enric Corbera, que podes escoitar mentres fas footing, disque é tendencia...