Amosando publicacións coa etiqueta arte. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta arte. Amosar todas as publicacións

8 de out. de 2016

O tamaño importa?

representación de Zeus
Ao observar as esculturas da Grecia clásica que representan homes espidos, algunhas persoas sorpréndense polo reducido tamaño do seu membro sexual. En realidade non é que sexa moito máis pequeno do normal senón que a nosa mirada actual está habituada a esperar outra cousa. A pornografía é hoxe o medio onde se modela a idea do corpo masculino e dese rasgo anatómico en particular. No porno "tradicional"os homes por regra xeral teñen un membro de proporcións desmedidas, cousa física pero tamén simbólica, pois na medida en que o pene é unha metáfora do poder e significante fundamental do masculino, nun sistema cultural dominado por isto mesmo, ter moito pene significa ser moi home. A idea de beleza na Antigüidade clásica ou na Europa renacentista era distinta da nosa. Agora os corpos que adoitamos considerar fermosos en realidade son máis ben desexables, que non é exactamente o mesmo: son consumibles, mercancías suxeitas ás leis do mercado. Antes, en cambio, a beleza estaba aí para a contemplación do feito estético, sen outro fin. Despois de todo, moitas destas obras de arte representan a homes pouco menos que perfectos, iso cando non son directamente deuses de pleno dereito. Tendo en conta as historias que se contan de Zeus, quen fornica con todo o que se menea, sen importar a divinidade nin o xénero sexual, esperariamos que se representase ao deus cun gran pene, pero non é así. 
Os historiadores da arte teñen varias respostas para isto, destacando dúas sobre todo. A primeira é que eses penes son pequenos porque están fláccidos, e nese estado non hai gran diferenza cos penes actuais, por moito que a algúns egos lles pareza o contrario. A segunda resposta é algo máis complexa, e ten que ver con diferenzas culturais; aínda que para a cultura actual ter o pene grande significa masculinidade, poder e superioridade, na Antiga Grecia era diferente: os penes grandes representaban a estupidez, a luxuria e a fealdade en xeral. O home perfecto de entón non se deixaba levar polos seus instintos carnais e actuaba de xeito racional. Non por iso carecía de desexos, como demostraba Zeus, nin perdía autoridade, simplemente era un ideal de home diferente. Os homes de pene grande eran bestas en celo, en ocasións literalmente falando, como os sátiros, criaturas mitolóxicas relacionadas co apetito sexual que seguían a Dionisos, deus do pracer e o viño. Entre os deuses destacaba Príapo, deus da fertilidade, protector dos rabaños e a agricultura, que sempre é representado cun enorme membro en perpetua erección; en efecto, o pobre nunca podía facer que lle baixase, e chegaron a expulsalo do Olimpo por iso! Un pene de dimensións maiúsculas era, segundo a historiadora da arte Ellen Oredsson, unha característica que rompía coas proporcións harmoniosas necesarias para considerar fermoso un corpo masculino (os faunos, os sátiros, as divinidades deformes como Príapo, considerábanse manifestacións do monstruoso). 
representación de Príapo
Neste concepto de harmonía, o corpo era indisociable da mente. Respecto diso escribe Oredsson: "Todas as representacións de penes grandes na arte e a literatura da Grecia antiga están asociadas con homes parvos, lascivos ou brutais, como os sátiros. Mentres que o ideal grego do home era racional, intelectual e autoritario. Podería soster moitas relacións sexuais, pero isto non estaba relacionado co tamaño do seu pene e, de feito, un membro pequeno permitiríalle manterse fríamente lóxico." Como evidencia desta perspectiva, a historiadora da arte tamén cita uns versos de Aristófanes en As nubes, onde lle fala a un mozo dos costumes do pasado en comparación cos do presente, considerando estas últimas como unha dexeneración das primeiras. Nesta confrontación, o pene tamén ten cabida: "Se fas o que che digo e segues os meus consellos, terás sempre o peito robusto, a pel fresca, anchas as costas, corta a lingua, grosas as nádegas e proporcionado o pene. Pero se te afeccionas aos costumes modernos, pronto terás cor pálida, peito débil, ombreiros estreitos, lingua longa, nádegas delgadas, pene desproporcionado, e serás gran litigante."

22 de nov. de 2014

Zentangle: o garabato zen

     Un Zentangle é un debuxo abstracto feito con patróns repetitivos, usando tinta negra sobre papel branco, co propósito de que debuxar sexa un acto meditativo e accesible para todos. Rick Roberts e María Thomas inventaron o método cando descubriron que o acto de debuxar patróns abstractos con base nunhas poucas regras básicas era extremadamente meditativo. O método Zentangle usa un papel branco sen liñas, recortado en cadradiños de 8,89 centímetros (3,5 pulgadas). Pódese utilizar un papel de cor, pero non sería un Zentangle verdadeiro de acordo ás pautas do método. Os traballos que non cumpren coas pautas oficiais coñécense como "creacións inspiradas nos Zentangles".
     Estas son algunhas características desta forma de arte:
- O debuxo non terá orientación, non haberá un lado "superior" nin "inferior".
- Non ten que representar ningún obxecto reconocible, debe ser abstracto.
- Débese completar o debuxo exclusivamente con tinta negra sobre papel branco.
- A idea dun Zentangle é que sexa portátil para que poidas facelo no momento que queiras.
- Non se planifica. Cando empezas a crear un Zentangle non tes unha meta final en mente, o patrón revélese a si mesmo a medida que debuxas. É un acto creativo inesperado. En vez de borrar as marcas imprecisas, debes usalas como a base dun patrón inesperado.
- Non son simples garabatos, a persoa que crea un Zentangle presta toda a súa atención ao que fai, necesita unha concentración máxima. Non é posible crear un Zentangle mentres estás no teléfono ou escoitando unha conferencia.
- O método Zentangle é unha cerimonia. Xa que o Zentangle merece a concentración máxima do artista, debes crealo nun lugar silencioso onde poidas concentrarte e honrar á túa obra. Os bolígrafos e o papel que uses deben ser da calidade máis alta, xa que un Zentangle é un traballo de arte que pode gozarse durante moito tempo.

 

     Hai moitos recursos en internet se queres copiar patróns para comezar. Se o prefires, podes improvisar, seguindo estes pasos:
 1. Debuxa un bordo con lapis pola beira do papel. Non uses unha regra nin obxectos rectos para debuxar o bordo, non importa se che treme a man mentres debuxas o bordo, unha vez terminado o teu zentangle quedará máis orixinal. Non lle calques ao lapis mentres trazas a man alzada este bordo. A idea é que non se vexa cando termines de crear o Zentangle cun bolígrafo. Debuxarás o teu patrón dentro dese perímetro do bordo.
 2. Debuxa un fío, a lapis, dentro do perímetro do bordo. Un fío é un garabato ou liña curva que lle dará estrutura ao teu deseño. O patrón que realices aparecerá de acordo aos contornos do teu fío. Debe ser unha forma abstracta e sinxela para dividir con elegancia o bordo en seccións. Lembra que non debes aplicar demasiada forza ao lápis mentres debuxas o fío, só debe servir de guía para o teu patrón pero non se verá cando termines o teu Zentangle. Algunhas persoas teñen dificultade para determinar o xeito correcto de debuxar o fío. Recorda que a filosofía detrás dun Zentangle é que debe sentirse agradable, natural e festivo. Debuxa o que desexes cando o teu lápis toque o papel. Non hai un xeito incorrecto de facelo. Se necesitas ideas para crear fíos diferentes, hai patróns de fíos dispoñibles en internet.
 3. Empeza a crear un enredo; é un patrón que se fai co bolígrafo ao longo dos contornos do fío. Un Zentangle pode ter un só enredo ou unha combinación de varios diferentes. Usa o teu bolígrafo para empezar a debuxar calquera patrón que se che ocorra. Non esquezas que non hai trazos correctos ou equivocados. Os enredos deben estar compostos de formas moi sinxelas. Unha liña, un punto, un círculo, un garabato ou un óvalo son aceptables. Se queres podes usar o lapis para agregar sombras aos enredos e darlles máis profundidade e atractivo visual. Non borres os erros. Por iso usamos bolígrafo, para que non haxa oportunidade de corrixir os erros. Todos os enredos se fan trazo por trazo. Presta atención a cada trazo que fagas e constrúe o teu patrón de xeito deliberado. Concéntrate atentamente no teu traballo. Tal como farías mentres meditas, libera a túa mente das preocupacións e os problemas. Segue debuxando ata que termines. Saberás cando deixar de debuxar.

15 de xul. de 2014

Convertendo o ego no teu aliado

« Se escoitas unha voz dentro de ti dicíndoche "non sabes pintar", pinta, faltaría máis! E a voz calará. »

(Vincent Van Gogh)




O que describe Van Gogh na frase anterior relaciónase co ego, a voz do ego sempre é paralisante. O ego é esa parte de nós que leva o noso nome e a nosa personalidade, a nosa imaxe pública, o que dirán os demais. O ego é conservador e medoño, sempre quere que todo siga igual, o paxaro na man mellor que os cen a voar, o risco mínimo e o non facer nada para non enfrontar a derrota. O ego de entrada nunca nos apoia: avisa, ameaza, asusta, e podes recoñecelo porque fala en segunda persoa. Cando te sorprendas dicíndote a ti mesmo "Vas tropezar, vas fracasar, vanse rir de ti" párate un intre e fíxate nesa parte de ti que fala desa maneira, cunha voz allea: é o ego.
O ego non se pode aniquilar, precisas del, necesitas unha personalidade con que amosarte ao mundo. O máis intelixente, en vez de loitar contra el, é conseguir que se poña da túa parte.
Así que a próxima vez que o ego te ameace, te chantaxee, te paralice, entrégalle todo o teu amor. Pensa que só é un neno asustado que levas dentro da túa cabeza e ten medo e celos de todo o que está fóra, medo de que pase algo que el non poida controlar, medo de que valores máis a outra persoa que a el. Como a calquera neno, dálle todo o teu amor e acougará. Demóstralle que valoras o seu parecer e esperas a súa axuda. Cando esa voz dentro da túa cabeza che diga "Iso nunca o poderás facer" respóndelle cun sorriso: "Eu só non, pero coa túa axuda si, xuntos lograrémolo, apúntaste?"
Normalmente nunca lle respondemos ao ego, pero se es capaz de dicirlle isto verás como un sentimento cálido e tenro te invade por dentro. Ningún ego se negará a axudarte se lle falas realmente, se llo pides como llo pedirías a alguén que estivese fóra de ti, con amor, con respecto e con verdadeira necesidade do seu apoio moral. Fai a proba e sorprenderaste.

3 de maio de 2014

Unha vez máis, integrando a sombra


Anque non era diso do que falaba o poeta, pero as súas verbas explícano moi ben:


É doado baixar ás profundidades do Averno, pois a escura porta do sepulcro está aberta día e noite; porén, voltar para arriba, á clara atmosfera do ceo, pasa por un camiño duro e doloroso.

VIRXILIO, Eneida VI, 126-129


imaxe extraída de AQUI

5 de mar. de 2014

Paseo de inverno


Recuperándome aínda da peor viriase da miña vida (terá algo que ver o curso de Rexistros Akáshicos e será esta unha "crise de sanación?) albisco unha raiola de sol por entre as persianas e decido saír a que me dea un pouco o aire do mar (non hai aviso de temporal hoxe, ademais a esta hora a marea está baixa). Hai tempo que non había unha hora seguida de luz solar de calidade! Ións negativos porfa porfa, limpeza enerxética por dentro e por fóra!


Observo fascinada a praia deserta e as raíces do piñeiral dunar que quedaron dramaticamente ao descuberto despois de tanto temporal seguido.


Sento nunha rocha e estírome ao sol un bo anaco como un cormorán, cos brazos abertos. De regreso, reparo na madeira de deriva que o mar deitou na area. Son estes uns materiais moi bos, lentamente erosionados polas ondas adquiren formas e cores inverosímiles e ademais impregnados de salitre ata un punto que xa nunca serán atacados pola carcoma. 


Recollo algúns fragmentos que me parecen especialmente fermosos e suxestivos. Deixareinos a secar un par de días na bandexa traseira do coche e despois de sacudilos un pouco para eliminar os restos de sal e de area, cunha destas madeiras farei un centro de flores secas. 


O primeiro é decidir que forma, tamaño e cores lle van ben. Despois pegareille unha esponxa para flor (con cola térmica ou pegamento "no más clavos") e deixareino secar unhas horas. Entón comeza o máis entretido: ir pondo flores, musgo, ponlas, landras, materiais que fun recollendo aquí e alá nos meus paseos, flores que no seu día merquei e despois de gozar delas uns días nun xarrón púxenas a secar, restos de popurrís que perderon o seu perfume, todo vale. Esta vez terei que usar tamén algunhas flores artificiais porque levamos un inverno tan pasado por auga que hai moito tempo que non recollo nada no campo e non teño suficientes cousas hoxe. Pero o gasto total non chega nin a tres euros, e o resultado é espectacular. 



1 de out. de 2013

Experiencia mística no Museo Provincial de Lugo

Francesco é un ser de luz, como se ve, sen darlle moitas voltas, na súa conduta, na súa maneira de estar consigo mesmo, cos demais e coa natureza.
Resulta difícil saber con certeza, do que chegou ata nós, que cousas son certas e cales inventadas a posteriori, pero en xeral parece ser que naceu nunha familia rica e viviu unha xuventude ideal, como Buda, afastado de toda miseria ata que tropeza coa desgraza allea, no seu caso un leproso. Despréndese entón de todo o innecesario para vivir unha vida máis auténtica e na relixión que practicaba propuxo tamén iso mesmo. Foi o primeiro caso de estigmas que se coñece, pero nunca se gabou de tal cousa, moi polo contrario, ocultábao, comezou a calzarse e usaba luvas ou metía as mans dentro das mangas da túnica.
Por outra parte, como Usui, retirouse nunha montaña onde permaneceu en xexún ata que unha gran bóla de luz dourada descendeu sobre el, e como calquera chamán, andaba por aí dun lado a outro considerando irmáns ao sol, á lúa... e o lobo.
O 4 de outubro é o seu día, segundo o santoral católico. Podes aproveitar esa enerxía para meditar na súa traxectoria e nas súas ensinanzas. Se ademais estás en Lugo ou arredores non deixes de visitar a conmovedora escultura de Asorey no Museo Provincial. Con aparente simplicidade, aúna elementos de distintas tradicións espirituais dunha maneira realmente inspirada: mostra a un ser iluminado cos ollos entornados como en meditación zen, as mans en alto como canalizando reiki, xunta a árbore do mundo e en compañía do seu animal de poder, o irmán lobo.
Paz e Ben!