Amosando publicacións coa etiqueta aprendizaxe. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta aprendizaxe. Amosar todas as publicacións

25 de feb. de 2019

Prepara os teus exames



Todo o mundo algunha vez na vida terá que preparar un exame, así que tanto se estás estudando como se queres presentarte a algunha promoción interna no teu traballo, unha oposición, etc. estes consellos poden serche de utilidade:



1. Razoa os contidos antes de memorizarlos. Ler de forma comprensiva, subliñar, preparar esquemas e consultar dúbidas axudan a entender o que estudas e conseguir aprendizaxes sólidas e duradeiras.
2. Durante o estudo, evita as interrupcións. Elimina da mesa todo o que te poida distraer. Desconecta o móbil e non poñas música de fondo, evita calquera clase de ruído.
utilidade:
1. Razoa os contidos antes de memorizarlos. Ler de forma comprensiva, subliñar, preparar esquemas e consultar dúbidas axudan a entender o que estudas e conseguir aprendizaxes sólidas e duradeiras.
2. Durante o estudo, evita as interrupcións. Elimina da mesa todo o que te poida distraer. Desconecta o móbil e non poñas música de fondo, evita calquera clase de ruído.
3. Realiza descansos e combina asignaturas. Así aproveitarás mellor o tempo de estudo.
4. Ordena os contidos.  É necesario que a información se organice formando un todo coherente, para así retela durante máis tempo. Para iso é fundamental que realices resumos e esquemas que che axuden a resumir e relacionar o aprendido, creando unha rede.
5. Emprega técnicas mnemotécnicas.  Consiste en establecer asociacións entre os elementos que han de memorizarse e outros que xa lembras facilmente, por exemplo creando unha historia, ou poñéndolles música. Todo o que che axude a recordar é válido.
6. Utiliza diferentes canles para memorizar. O que se percibe por diferentes sentidos lémbrase con máis facilidade. Realiza un esquema visual e despois leo en voz alta para crear tamén un recordo auditivo.
7. Realiza aprendizaxes funcionais. Aplica o que estudaches, búscalle algunha utilidade práctica, ou se non a encontras crea un mural con eses datos.
8. Fai repasos. Os repasos son fundamentais para asimilar a información. Debes comezar a estudar con tempo, non deixar as cousas para o último momento, así poderás repasar de forma adecuada, coherente e comprensiva, descubrindo novos elementos nos datos.
9. Ensaia.  Practica con exames anteriores, ponte a ti mesmo algún. Se é un exame oral podes facer simulacions diante do espello ou gravarte para identificar os teus posibles fallos e axudarte a descubrir lagoas.
10. Se é necesario, toma algunha infusión que che axude a durmir desde varios días antes, pois así funciona mellor que unha soa toma esporadicamente a véspera dunha proba. O obxectivo é que a noite antes do exame poidas ter un bo descanso. Como reacciones durante o exame é fundamental para conseguir o éxito. Por iso debes acudir en boas condicións, ben descansado e cunha actitude positiva.

15 de set. de 2017

Mentiras... piadosas?

Chámanlle mentiras piadosas ás que supostamente unha persoa di en beneficio doutra e non de si mesma. Trataríase de aforrarlle un disgusto á persoa obxecto do engano.
Dubido moito que se lle poida aforrar ningún disgusto, pois cada un ten o seu plan de vida e os presuntos disgustos as máis das veces están aí para ser vivenciados e integrados aportándonos algunha aprendizaxe importante. E quen son eu para saber que vai disgustar ou fortalecer a outra persoa, que aprendizaxes decidiu experienciar nesta vida e cales non? Quen son eu para decidir por ela? Tan lista me creo que desde a miña superioridade con gran condescendencia elixo o que lle convén e o que non sen consultarllo?
É mellor que o pense dúas veces e revise se de veras estou pensando nela. Non estarei tentando de aforrarme eu un disgusto, o disgusto que a min me causa ser portadora de malas noticias, ter que apenar e despois consolar a outro ser humano? Oh, pode ser. Talvez é a miña incomodidade a que estou aforrando.

22 de dec. de 2015

A cada un o seu

Estamos en época de entrega de notas e moitos rapaces e rapazas chegarán a casa con boas e malas noticias para o Nadal, por iso quero animarvos a, sexa o que sexa o que poña no boletín de notas dos vosos fillos, aceptalo con amor.


Dous compañeiros de traballo comentan a marcha dos seus fillos no colexio:
- Pois o meu fillo sacou un dez en Debuxo e un dous en Matemáticas. 
- Vaia! E que vas facer? 
- Buscareille unhas clases particulares. 
- Entón valo meter en clase de Matemáticas?
- De Matemáticas non, home. De Debuxo! 


Non somos iguais. E non temos por que selo: cada un de nós ten o seu propio talento. Axudar aos pequenos a atopar o seu é o mellor que podemos facer por eles.


(Inspirado nun microrrelato de A. Jodorowsky)

14 de ago. de 2015

Para que aprendas

Aprender unha cousa significa entrar en contacto con algo do que non tiñas idea. Sé humilde: non intentes confirmar o que cres saber, acepta o que se presente.

Atopeino en King Of Normal, by Wumo

20 de xuño de 2015

A influencia sobre os demais

Observa ao teu redor, as condutas da xente, as súas conversas, as opinións que expresan, os plans que fan. Cantas persoas do teu entorno cres que son verdadeiramente creativas e innovadoras?

A gran maioría das persoas non son pioneiras, senón imitadoras. Isto é algo natural, terás oído falar das neuronas espello, que desempeñan un papel importantísimo nas nosas aprendizaxes e relacións sociais.

Así que a próxima vez que queiras persuadir a alguén non insistas en ofrecerlle datos, probas ou argumentos, ofrécelle tamén o teu exemplo. Permite que observen a túa vida e os resultados que obtés coa túa praxe, e entón decidirán.


29 de abr. de 2015

O que Aristóteles lle diría a Howard Hawks

Hai unha cita de Gandhi aquí no meu blog na columna da dereita, sobre como os hábitos nos transforman. Sempre me gustou esa cita e creo que realmente me axudou a configurar o meu carácter. Ben, pois ademais acabo de descubrir que iso xa fora expresado máis ou menos polo meu querido vello amigo Aristóteles. Que simpático miragre é constatar unha e outra vez a sintonía de pareceres sobre novos asuntos con alguén cuxas ideas che atraían por outro concepto. Quero dicir, a estas alturas estou case segura de que un sábado o meu vello Aristóteles e eu elixiríamos poñernos a ver a mesma película polos mesmos motivos.
A cita de Aristóteles sería máis ou menos:
As virtudes non existen en nós pola soa acción da natureza, nin tampouco contra as leis da mesma; simplemente temos ese potencial, pero o hábito é o que as desenvolve e perfecciona en nós. Só adquirimos as virtudes despois de practicalas previamente. Con elas sucede o que con todas as demais artes; porque nas cousas que non se poden facer senón despois dunha aprendizaxe, non as aprendemos máis que practicándoas; e así un se fai arquitecto, construíndo; faise músico, compoñendo música. Asemade un faise xusto practicando a xustiza; sabio, cultivando a sabedoría; valente, exercitando o valor.

11 de out. de 2014

2 de out. de 2014

Deixa andar!

Lembro ler hai anos en Brida, de Paulo Coelho que é máis doado cambiar por dentro que por fóra. Co tempo tiven ocasión de comprobar, varias veces, algunhas de maneira dolorosa, esta gran verdade. Na novela, a protagonista está disposta a mudar o seu concepto do universo, de si mesma, o seu sistema de valores, as súas crenzas fundamentais, grandes cambios todos eles, pero cando a súa mestra lle dá unhas simples pautas para a vestimenta revóltase e pensa que iso é un intento de control excesivo.

Porén ao cambiar por dentro inevitablemente os cambios esténdense ao noso redor. Tardará máis ou menos pero acabará por producirse. Todo quedará revolto, patas arriba.


Paco deixou de saír cos seus amigos porque agora ten unha familia que atender, muller e fillos. Adalina cambiou de amizades no traballo porque antes saía a fumar cun grupiño co que xa non sae desde que deixou o tabaco. Marisela fixo novas amizades desde que se apuntou a clases de natación. Coque cambiou totalmente de xente desde o seu divorcio. 


E se os cambios son aínda máis profundos como por exemplo un gran cambio de consciencia, a concepción da propia vida, da morte, das enerxías invisíbeis en torno a nós...? Se a vida me vai dando voltas e me leva a crer en Deus cando antes non cría é posíbel que o meu esposo, a miña irmá, o meu xefe, quen sabe que persoas que eu sentía moi próximas a min, deixen de estalo. Se cambio de relixión irei a casa polo Nadal? Se adopto o vexetarianismo estricto que lle parecerá a miña nai, que sempre fai cordeiro en Noiteboa?


Podes entrar en conflicto dunha maneira inesperada e radical con quen menos esperabas. Que farás? Talvez necesites expresar o teu desacordo cun acto social ao que todos esperan que acudas, ou decidas non acudir, ou decidan non invitarte porque xa non es ben recibido alí.


Se avanzas no encontro contigo mesmo deixarás de ter conflictos anque sigas experimentando separacións. Simplemente comprenderás que hai separacións necesarias e poderás despedirte sen rancor, dicindo adeus e grazas. As persoas que avanzan na mesma dirección permanecerán xuntas pero outras non, e non é "culpa" de ninguén, nin debes intentar convencer a ninguén nin moito menos "salvalo" ou "sacalo do seu erro". 


O seguinte conto é moi duro de entender para algunhas persoas.



Un grupo de persoas fóronlle preguntar a un mestre:
- A xente sofre calamidades, morre ás veces miserablemente, moitos sofren, teñen problemas, ódianse, traizóanse: como podes permanecer indiferente a todo iso? Como, se es un iluminado, non ofreces a túa axuda aos demais?
O mestre contestou:
- Imaxinade que estades soñando. No voso soño ides nun barco e este afúndese. Nese momento espertádesvos. Eu pregúntovos a vós: Volveriades durmir para ir axudar aos pasaxeiros do voso soño?

17 de ago. de 2014

Ti como es? Visual, auditivo ou kinestésico?

Non é certo que unha imaxe valla por mil palabras. A Programación Neurolingüística ten estudado que non todas as persoas damos e recibimos información coas mesmas ferramentas, hai tres modalidades de comunicación e anque todos as usamos, cada quen utiliza unha delas preferentemente. Estas modalidades son: visual, auditiva e kinestésica, pois son a vista, o oído e o tacto os sentidos principais cos que interactuamos os humanos.
Todos temos os tres sistemas representacionais e usamos un ou outro segundo o contexto, por exemplo, podemos ser máis auditivos no centro de traballo pero kinestésicos á hora de preparar unha viaxe. Ora ben, cada persoa soe ter unha modalidade predominante e saber cal é a túa pode axudarte a mellorar a túa comunicación e aprendizaxe. Igualmente no caso dos teus achegados, compañeiros de traballo, alumnos, clientes, veciños, etc. pode servirche para comprender por que comprenden mellor unhas cousas que outras e facerte entender por eles con máis eficacia a próxima vez.

VISUAL
  • Ten lembranzas maioritariamente visuais, e pode por exemplo describirche con detalle as escenas dunha película.
  • Memoriza mellor con diagramas, cadros, esquemas. 
  • Lembra o que le mellor que o que escoita. Soe escribir as cousas para lembralas mellor.
  • Gústanlle as artes plásticas.
  • Ten bo sentido da orientación.
  • Ten facilidade para recoñecer unha cara e xogar a lembrar parellas de imaxes.
  • Soen ser persoas ordeadas.
  • Soen apagar a radio cando conducen en circunstancias conflitivas.
  • Comunica con moita enerxía e utiliza palabras de significado visual: Como vimos onte... / Perdoa pero nono vexo claro... / Viches? / Despídese de ti cun " Veña ata logo, vémonos!"

AUDITIVO
  • Lembra mellor o que oe que o que ve. 
  • Soe tararear ou tamén falar só.
  • Necesita falar, escoitarse a si mesmo axúdalle a aclarar as súas ideas.
  • Tamén lle gusta escoitar, dánselle ben as profesións onde escoitar sexa importante. 
  • Prefire instrucións verbais antes que escritas.
  • Son máis tranquilos que as persoas visuais, a súa comunicación é máis calmada e poden molestarlle incluso os timbres de voz dalgunhas persoas.
  • Usa palabras de significado auditivo: Non che soa isto? Non sei, a min non me soa de nada / , Pódese dicir máis alto pero non máis claro / Despídese de ti cun "Ata logo entón, xa falaremos!"

KINESTÉSICO
  • Aprende mellor experimentando, facendo cousas mellor que só lendo ou escoitando.
  • Gústanlle as actividades físicas (bailar, practicar deportes).
  • Gústalle traballar coas mans.
  • Desconcéntrase facilmente cando hai música alta de fondo ou demasiada xente falando.
  • Camiñan cando falan por teléfono. 
  • Son máis lentos para falar, non teñen presa como os visuais. 
  • Usa unha linguaxe metafórica, con referencias ao tacto, olfato e gusto: Isto sábeme mal pero... / Bótame unha man con isto /  Vaia puñalada me deu / Sinto que non me comprendes / Despídese de ti cun "Ata logo, estamos en contacto!" 
Como docente, sei de sobra que na escola é frecuente que un estudante teña máis facilidade para unhas materias que para outras. Ademais de valorar se é pola asignatura en si, tamén podemos ter en conta a maneira en que se transmiten os contidos. Con frecuencia o profesorado procura fórmulas para mellorar a súa praxe, e tamén cada pouco hai algunha reforma educativa que promove un estilo ou outro (os kinestésicos foron, durante moito tempo, os grandes prexudicados do sistema, pero tampouco vai mellorar a aprendizaxe de todos os alumnos a experimentación, que non todos prefiren). Non hai unha única maneira de transmitir con eficacia para un alumnado naturalmente heteroxéneo, así que talvez o máis prudente sexa asegurarnos de que na nosa aula usamos os tres estilos comunicativos en cada unidade, e nunca tomarnos a mal que un alumno non saiba algo que acabamos de "explicar"...



19 de xuño de 2014

De mestres e aprendices


Proverbio oriental.
Unha reflexión interesante tanto nesta altura, 
final do curso académico, como no contexto espiritual.

17 de xuño de 2014

Inmadurez espiritual

Encantoume este artigo de Eva Monferrer onde fala dos impedimentos máis frecuentes para o desenvolvemento espiritual.
O vagabundeo e certamente habitual. Hai moitas persoas que se apuntan a todo tipo de obradoiros de fin de semana como unha alternativa de ocio, sen centrarse nunca nunha técnica en concreto, como turistas do espírito. Despois considéranse practicantes de tal e tal cando non o incorporaron á súa vida cotiá.
Tamén é frecuente o orgullo intelectual, que leva mesmo a convencerse da propia superioridade e sumado á sensación de separatividade orixina actitudes prepotentes e condescendentes que acaban por incomodar aos que supostamente ían ser axudados por estas persoas. E que dicir da procura de superpoderes? Son moitos os que se inician en tal ou cal disciplina e ao non obter as vantaxes que procuraban abandonan decepcionados. Pero tamén os que simplemente procuran sensacións fortes e se senten atraídos pola experiencia sensorial das enerxías, frustrándose igualmente cando a sensación decrece, que pode pasar por moitísimas razóns e circunstancias.
Non deixedes de lelo. Moi ben explicado e recomendábel.

11 de abr. de 2014

Cinco razóns para botar unhas risas

Hoxe entregamos as notas do segundo trimestre. Máis de 20 anos nesta profesión fóronme dando ferramentas non só pedagóxicas senón tamén emocionais para facer do proceso de ensino-aprendizaxe algo que mereza a pena ser vivido e compartido. Unha das que máis emprego é o humor, por moitas razóns que vou resumir agora, destacando cinco funcións principais das moitas que presenta:

1-Función pedagóxica e motivadora: O humor favorece os procesos de ensino e aprendizaxe, facilita un contexto ameno e motivador, activa o interese e o entusiasmo pola temática que se estea traballando e contribúe a realizar aprendizaxes significativas.

 2- Función de distensión: Posibilita un clima de cordialidade e confianza, favorece a cohesión grupal, crea e reforza os vínculos entre as persoas; axuda a liberar a tensión acumulada e a desdramatizar as preocupacións. O humor canaliza as situacións imprevistas ou conflictivas axudando reducir a tensión ou a ansiedade. Actúa contra os ataques desmontando a hostilidade latente e desdramatizando conflitos.

 3-Función intelectual: O humor búrlase dos pensamentos distorsionados e das crenzas irracionais, obriga a elaborar e xestionar a información desde outras perspectivas cognitivas.

 4-Función creativa: O humor ofrece unha visión crítica da realidade, estimulando así o pensamento lateral ou diverxente; potencia a imaxinación como elemento fundamental na resolución de problemas e descobre conexións novas que potencian a imaxinación e a orixinalidade.

 5-Función terapéutica: O humor utilízase para tratar e resolver trastornos emocionais desde varias formulacións psicolóxicas. Rir descarga o nerviosismo físico, alivia a tensión psicolóxica xeral, mellora o sistema cardiovascular e potencia a enerxía interior.

Que pases unha moi feliz Semana Santa!!






16 de ago. de 2012

Educación alternativa, educación prohibida

Unha profunda reflexión sobre como é o sistema educativo imperante e por que, e o máis importante, unha interesante achega de propostas alternativas.


Queres vela? AQUÍ

15 de abr. de 2012

Cando o discípulo está preparado, o mestre aparece


Cando se fala de mestres espirituais a xente soe pensar naqueles que nos provén de información ou nos inspiran co exemplo da súa vida. Pero isto non é moi exacto, o feito de que alguén transmita determinada información non o coloca nun plano superior e cada vez que idealizamos a unha persoa estamos engordando os nosos egos (o dela e o noso).

Un mestre non é coma un libro, que nos dá información teórica e máis nada. Hai moitos tipos de mestres. Hoxe anímote a reparar noutros mestres espirituais: os que veñen "disfrazados" de fillos, pais, xefes, amigos, inimigos... e en xeral, calquera que nos dea problemas. Ás veces poden ser animais, plantas, enfermidades, que tamén nos obrigan a aprender póndonos a proba.

Algunhas persoas van a igrexas, asembleas ou escolas esotéricas, onde repiten que Deus é Amor, pero logo van ás súas casas e pelexan cos seus familiares, critican aos veciños, odian aos seus xefes, aos políticos, aos animais, a individuos doutras razas ou culturas... aínda non aprenderon a lección e terán que enfrontarse unha e outra vez coa mesma situación ou persoa ata que aprendan a mostrar amor. Existe unha Lei no Universo: todo o que nos molesta, complica, enreda, todo o que odiamos se nos "pega", e así será ata que aceptemos esa situación, agradezamos o que nos aporta e mesmo cheguemos a amalo: entón ese problema ou esa persoa se transforma no noso mestre espiritual para ese momento da nosa vida.

2 de abr. de 2012

En que consiste ser mestre?

Estes días quero reflexionar sobre a mestría. A mestría, en xeral: en que consiste ser mestre? Pénsao uns momentos. Mestre de Primaria. Mestre canteiro. Mestre director de orquesta. Mestre en calquera das acepcións desta palabra a ver: que é exactamente? Pénsao seriamente. Toma o tempo que precises. Mestre espiritual. Sanador. Iluminado. Gurú. En que consiste isto, de que trata?

Que esperas dun mestre? Acaso esperas que te guíe, te console, te aconselle, tome decisións por ti? Ou esperas que che presente toda a información do cosmos ben clariña e ordenada para que poidas elixir facilmente? Ou se cadra esperas que sexa un modelo de conduta, sempre dono de si mesmo, nunca unha palabra fóra de sitio, sublime sen interrupción, todo luz nunca sombra, puro espírito, como San Antonio Bendito, que ni come ni bebe y está gordito?

Se cadra o teu mestre decepcionouche porque fuma, porque come carne, porque cobra tarifas abusivas por un cursiño de fin de semana, porque casou  ou porque se divorciou, porque aprobou unhas oposicións de funcionario, porque che dixo que lle doía a cabeza e o deixases en paz e che colgou o teléfono? Decepcionouche porque leva anos falando de autosanación e acaban de diagnosticarlle unha enfermidade autoinmune?

Hoxe propóñoche reflexionar sobre unha verdade espiritual moi profunda e de difícil comprensión, que é a seguinte: caga o rei e caga o papa, de cagar ninguén escapa.

Unha película extraordinaria que tiven ocasión de ver por primeira vez na miña infancia, rever na adolescencia e volver a ver na idade adulta é La gran evasión (Jonh Sturges, 1963). Esta pelí­cula baséase nun suceso real, con guión de James Clavell e W.R. Burnett, un reparto perfecto e unha banda sonora de Elmer Berstein que debe de ser a máis tarareada da historia en difícil empate con El puente sobre el río Kwai.

A película é un auténtico clásico e polo tanto en cada época da vida permite diferentes lecturas, como tamén ir atopando diferentes valores en cada un dos protagonistas: Steve McQueen nunha das personaxes que máis contribuiu á súa lenda, ben sexa pechado na "neverra" coa pelota de béisbol ou nesa secuencia de fuxida coa moto que figura en todas as antoloxías; o atormentado Richard Attenborough, cerebro organizador da fuga; un Charles Bronson escultural que excava os túneles malia a súa claustrofobia (este é o máis iluminado anque nono pareza, porque pasa todiña a película confrontando o seu medo máis profundo); o dandy conseguidor James Garner; o desvalido e perfeccionista falsificador de documentos Donald Pleasance; James Coburn véndoas vir nunha terraza de París... mesmo Von Luger me cae ben (Hannes Messemer) o nazi menos entusiasta que nunca se viu, transmitindo o seu desacordo sen palabras, sobre todo ao final dando explicacións pouco convincentes sobre os 50 mortos ...

Para min o máis conmovedor é Mac (Gordon Jackson). Un tipo discreto, a eminencia gris, de alcume "Intelixencia", o segundo de abordo, o mestre,  o que avisa a todos do vello truco usado polas autoridades para descubrilos: apréndelles alemán para que se desenvolvan cando estean fóra e introduce no medio da conversa unha observación en inglés do tipo "o seu alemán é excelente" ao que a maioría case sempre responde "grazas" delatándose con iso... Mac, a mente pensante, o profe que sabe a teoría. Ao final Mac é atrapado exactamente co mesmo truco sobre o cal advertía aos demais. Ao subir a un autobús, un oficial alemán deséxalle sorte en inglés... e el, precisamente el, responde. A mente pensante. Precisamente.


En que consiste ser mestre?
Pois si, efectivamente, consiste en intentalo.
Se o teu mestre (profesor, pai, médico, etc.) fose tan perfecto como ti queres, xa non estaría nesta dimensión. Tamén el ten que superarse, tamén el ten as súas probas, se cadra ti es unha delas. Porque rematou o tempo das clases maxistrais, agora todos somos mestres de todo para todos.
Porque un mestre é exactamente coma ti, cos teus medos e dúbidas, coas túas cargas, con todo o teu ser. Ti es o meu mestre tamén, e mestre do teu mestre, como tamén eu o son, anque me pregunte de que ou me encolla de ombros perante a maioría das túas preguntas. Porque todos e todas, que somos UN, estamos agora a construír unha mestría colectiva, somos un equipo como o da película que hoxe che propoño e avanzamos xuntos a través do túnel.
Eu non sei, nin ningún mestre sabe, o que vai pasar:  poida que se derrube o túnel, ou o descubran, ou nos capturen e regresemos á "neverra", ou nos fusilen... ou cheguemos remando aos lagos de Finlandia. Ningún mestre o sabe. Non somos mestres de certezas.

16 de mar. de 2012

Espirais ou círculos?


Seguro que todos oímos falar algunha vez do "ciclo da vida" pero cada vez que o experimentamos en carne propia nos sorprende e incluso molesta. A causa é que estamos habituados a pensar en términos de liñas rectas, construímos a nosa identidade (non exactamente, máis ben o noso ego) como unha liña do tempo, unha biografía que avanza queimando etapas, capítulo 1, capítulo 2... e cando algo parece repetirse sentímonos fracasados: Pero outra vez? Por que, se isto xa o tiña superado? Entón nace a expresión "andar en círculos", que ten connotacións negativas.
De agora en diante cando algo se repita na túa vida non te atormentes como se alguén te suspendese e tiveses que repetir curso, non se trata diso senón de enfrontar a mesma situación desde unha perspectiva máis rica, máis ampla. Non penses nun círculo senón nunha espiral. Aparentemente vas facendo os mesmos xiros que xa fixeches, pero un pouco máis arriba, cun coñecemento maior da situación e de ti mesmo, cunha maior consciencia e capacidade resolutoria. Si que estás avanzando, o que pasa é que non avanzas en liña recta senón en espiral.
Tentarei de aplicar isto na miña vida e levar o mellor posible esta fastidiosa recaída gripal...

17 de feb. de 2012

Sheldrake e os campos morfoxenéticos

Tal vez cantas máis persoas esperten e desenvolvan a consciencia, mais fácil será para o resto desenvolvela.

O biólogo británico Rupert Sheldrake afirma que a probabilidade de que ocorra un fenómeno aumenta proporcionalmente á súa ocorrencia pasada. Cando os químicos, por exemplo, conseguen que un determinado produto cristalice nunha parte do mundo, resulta máis doado cristalizalo tamén noutro lugar. Despois de que as ratas dun laboratorio de Harvard aprenden a escapar dun labirinto, as ratas de Melbourne (Australia) escapan moito máis rapidamente dun labirinto similar. Despois de que un grupo de monos nunha illa aprenda a lavar a comida, outros monos da mesma especie en lugares distantes comezan a facelo. Por que e como? O doutor Sheldrake explícao mediante a «resonancia mórfica», unha expresión coa que se refire ao modo en que formas e condutas de organismos pasados inflúen sobre organismos presentes. Sheldrake reinterpreta as regularidades da natureza máis ben como hábitos e non leis inmutables.  

O seu prestixioso historial inclúe o ser director de estudos de bioloxía celular e bioquímica na Universidade de Cambridge e investigador membro da Royal Society británica. Pero cando, tras darlle moitas voltas, publicou en 1981 Unha nova ciencia da vida, o seu prestixio pareceu esvaecerse, un editorial de Nature, a prestixiosa revista científica, considerouno "o mellor candidato á fogueira que houbo en moitos anos", sostendo que sería unha perda de tempo e diñeiro contrastar as súas conxecturas. Este tipo de dogmatismo é desgrazadamente habitual entre a comunidade científica pero o desprezo duns poucos non vai deter a evolución do pensamento: non se riron tamén de Darwin e o calificaron de pseudo-científico e o caricaturizaban como mono día si e día tamén na prensa da época?

A hipótese central de Sheldrake, a resonancia mórfica, postula que cada especie ten un campo de memoria propio, formado polas formas e actitudes de todos os individuos pasados desa especie, e a súa influencia moldearía os individuos futuros: cada especie animal, vexetal ou mineral posúe unha memoria colectiva á que contribúen todos os membros desa especie. Se un animal aprende un novo truco nun lugar (por exemplo, unha rata en Londres), élles máis fácil aprender ás ratas en Madrid o mesmo truco. Cantas máis ratas londinenses aprendan ese truco, tanto máis fácil e rápido aprenderán as ratas de Madrid. Iso explicaría como adquiren os animais os seus instintos, incluídas as habilidades complexas que mostran algúns animais desde pequenos.
Estes campos, segundo o investigador, transmiten información entre organismos da mesma especie, coma se dentro de cada forma existente do universo, tanto sexa unha partícula ou unha galaxia, un protozoo ou un ser humano, existise un vínculo que actuase instantaneamente nun nivel sub-cuántico fóra do espazo e o tempo. Este vínculo é o que Sheldrake denomina campo mórfico, ou morfoxenético. Trátase dunha transmisión de información e non de enerxía, polo tanto non contradi a Teoría da Relatividade. Estes campos non teñen enerxía e con todo desempeñan un rol de produción de formas. Funcionan coma se fosen modelos para a forma e o comportamento.

Segundo esta hipótese sucede o seguinte: todas as veces que un membro dunha especie aprende un comportamento novo, cambia o campo morfolóxico ou produtor para a especie. Este cambio é, ao principio, apenas perceptible, pero se o comportamento se repite durante certo lapso de tempo, a súa resonancia mórfica afecta á especie enteira. A matriz invisible é un campo morfoxenético. Así por exemplo, todas as veces que se xera un átomo, unha molécula ou outra unidade mórfica, esta produce primeiro un campo morfoxenético que regula todas as posteriores unidades do mesmo tipo. A influencia do campo morfoxenético produce un efecto remoto tanto no espazo como no tempo. As formas non estarían determinadas por unhas leis físicas fóra do tempo, senón que dependen da resonancia mórfica a través do tempo.


Ben, vexamos... A natureza evoluciona? E como é posible se non evolucionan tamén as leis da natureza? No canto de leis eternas e inmutables, Sheldrake expón que as regularidades da natureza poderían parecerse máis a hábitos, que van modificándose lentamente co tempo. Por que as leis que gobernan o crecemento dos laranxeiros terían que estar aí antes de que existisen os laranxeiros?

Todo isto levaríanos a unha nova comprensión científica da forma e organización de todo canto existe en xeral e dos organismos vivos en particular. Explicaría como se reproduce a forma dun organismo de xeración en xeración. O código xenético só describe os aspectos menos sutís da herdanza, pero non pode explicar por que determinadas células do noso embrión se diferencian dando lugar a unha orella, un ollo, o dedo gordo do pé esquerdo, tecido intestinal, etc. Segundo Sheldrake, adquirimos a forma que recoñecemos como humana porque as formas de todos os membros pasados da nosa especie resoan en nós, como ondas nun estanque, organizando a vía do noso crecemento. Ao mesmo tempo, nós incorporamos a nosa forma á memoria colectiva da especie engrosándoa e incrementando así a súa influencia. E igual que as formas resoarían tamén os instintos e actitudes.

O eixo da teoría foille suxerida en parte a Sheldrake por certos experimentos de psicoloxía animal onde devandito efecto parecía ter lugar. Estes experimentos, realizados polo Dr. William McDougall, da Universidade de Harvard, ao redor dos anos 20, trataban de descubrir en que medida a intelixencia das ratas era herdada. O Dr. McDougall medía a intelixencia, neste caso, pola habilidade dos roedores en percorrer un pequeno labirinto. As ratas "intelixentes", aquelas que resolvían o labirinto rapidamente, eran apareadas con outras ratas "intelixentes" e o mesmo se facía coas ratas "torpes". Vinte e dúas xeracións máis tarde, no canto de ser as ratas "intelixentes" as únicas máis listas, todas as ratas resultaron posuír unha maior intelixencia á hora de resolver os labirintos. As ratas da camada "menos intelixente" percorrían o labirinto dez veces máis rápido que calquera rata da camada orixinal.

O Dr. Sheldrake, tras publicar o libro Unha nova ciencia da vida, realizou dous experimentos para refutar ou verificar a súa teoría. O primeiro foi patrocinado pola revista New Scientist, de Londres, e o segundo pola Brain/Mind Bulletin, dos Angeles. Ambos os experimentos pareceron confirmar a súa teoría.

No experimento patrocinado polo New Scientist, a persoas de distintas partes do mundo déuselles un minuto para atopar rostros famosos escondidos nun debuxo abstracto. Tomáronse datos e elaboráronse medias. Posteriormente a solución foi emitida pola BBC nunha franxa horaria onde a audiencia estimada era dun millón de espectadores. Inmediatamente realizada a emisión, en lugares onde non se recibe a BBC, realizouse o mesmo "test" sobre outra mostra de persoas. Os suxeitos que atoparon os rostros dentro do tempo dun minuto foron un 76 % máis que na primeira proba. A probabilidade de que este resultado fose debido a unha simple casualidade era de 100 contra un. Segundo o Dr. Sheldrake, os campos morfoxenéticos transmitiran a información a toda a especie, sen diferenciar que presenciaran ou non a mencionada emisión televisiva.

A mesma publicación convocou un concurso de ideas para experimentos sobre esta hipótese. O gañador foi un científico de Nottingham, que enviou un poema tradicional turco xunto cunha versión desordeada do mesmo poema que seguía rimando (por resonancia mórfica tería que ser máis fácil, para quen non saiba turco, aprender o poema verdadeiro). A idea púxose en práctica con tres poemas enviados por un poeta xaponés: un era un poema coñecido por miles de nenos, os outros dous foron especialmente compostos cunha estrutura parecida ao primeiro. Nos experimentos, realizados en Gran Bretaña e Norteamérica, o 62% dos voluntarios atoparon máis fácil aprender o poema orixinal (sen saber cal era). Se non existe a resonancia mórfica, a dificultade de aprender os poemas habería de ser a mesma para os tres.

No experimento patrocinado polo Brain/Mind Bulletin de Los Angeles, a varios grupos de persoas se lles pediu memorizar tres poemas distintos. O primeiro era unha canción infantil xaponesa, o segundo un poema dun autor xaponés moderno e o terceiro un galimatías sen sentido. A canción infantil foi memorizada notablemente máis rápido que as outras dúas alternativas (a teoría dos campos morfoxenéticos explicaríao porque esa canción xa fora aprendida antes por moitas xeracións de nenos xaponeses).

En 1986, o Tarrytown Group de Nova York concedeu os premios doutro concurso. O primeiro premio, de 10.000 dólares, repartiuse entre dúas probas similares. Un psicólogo de Yale ensinou a estudantes que non sabían hebreo palabras hebreas de tres letras, a metade auténticas e a outra metade falsas. Os estudantes, que non sabían de que se trataba o experimento, atoparon máis familiares as palabras verdadeiras. Pola súa banda un psicólogo inglés escolleu palabras persas verdadeiras e outras con letras mesturadas, e pediu a oitenta estudantes que as debuxasen tras observalas uns segundos. Nin eles nin os xuíces coñecían o propósito do experimento, pero o 75% dos xuíces consideraron mellor reproducidas as palabras verdadeiras que as mesturadas.

A Resonancia Mórfica baséase na similitude: máis sintonizamos cun organismo do pasado canto máis similares somos a el. Pero o organismo máis parecido a nós que existiu hai unha hora ou un ano eramos nós mesmos. Somos máis parecidos a como eramos nós mesmos que a calquera outro organismo; iso implica que estamos especificamente sintonizados co noso pasado, e explica por que o noso pasado inflúe sobre nós...”

A hipótese de Sheldrake tamén permite supor que a memoria non estea almacenada no cerebro (e os repetidos intentos de localizar rastros dela nunca deron resultado). Se as lembranzas non se limitan a un almacenamento no cerebro físico, senón que nos chegan a través de resonancia mórfica, a experiencia acumulativa da humanidade ben podería incluír os arquetipos descritos por Jung. Tamén poderiamos sintonizar co inconsciente doutras persoas, e a sintonización por resonancia coa memoria recente doutras persoas pode igualmente explicar fenómenos como a telepatía. E se a resonancia mórfica facilita a aprendizaxe, iso explica que cada vez os rapaces aprendan máis rápido a utilizar un móbil, unha computadora, etc. por mor da resonancia mórfica acumulada con gran cantidade de xente que xa adquiriu estas habilidades.

No terreo ético tamén hai poderosas implicacións. De acordo coa Resonancia Mórfica, as nosas ideas e actitudes poderían influír a distancia sobre outras persoas, sen sabelo nin elas, nin nós... Se desesperamos crendo que nada bo podemos facer, esta actitude pode estenderse e influír sobre outras persoas, pero se cremos na posibilidade dun novo xeito de vivir, as nosas accións serán máis positivas e poida que o noso ánimo se transmita aos demais.

Podes conseguir Una nueva ciencia de la vida en español, pois foi reeditado hai pouco: ed. Kairós, Barcelona, 2011, ISBN 978-84-9988-001-3. Neste libro aparece por primeira vez a polémica teoría dos campos morfoxenéticos. A segunda obra de Sheldrake é La presencia del pasado. Resonancia mórfica y hábitos de la Naturaleza tamén en ed. Kairós. ISBN 978-84-7245-223-7. Despois publicou Caos, Creatividad y Conciencia Cósmica Editorial Ellago, Castellón, 2005, ISBN 84-95881-57-8 e tamén El séptimo sentido: la mente extendida, ed. Vesica Piscis, 2005, ISBN 978-84-933236-8-4  entre outras obras.


Páxina de Sheldrake (en inglés)


 Lembra: a teoría do centésimo mono refírese a un comportamento
pero a palabra "centésimo" é simbólica, en realidade ninguén sabe cal é o número exacto,
ou a porcentaxe, que se necesita para o cambio.
E se foses ti o centésimo, o que fai a diferencia, o que completa o cambio?  

Non busques o cambio: SÉ O CAMBIO

9 de feb. de 2012

Negra Sombra

Algunhas persoas son tan doces sempre, tan encantadoras, amables, empalagosamete amorosas, todo luz, nunca dan unha fala máis alta que outra... E hai xente fascinada por esta pose, que se esforza en imitar esta conduta e o único que fai é reprimir aspectos do seu ser que non van desaparecer por iso, senón que pasan a engordar a súa sombra.

Lembremos unha vez máis que iluminarse non é seguir un modelo de luz, senón traer á consciencia a escuridade. Examinemos as nosas sombras: esa é a auténtica sanación e non darlles as costas para focarse só no "positivo". Noto certa tendencia, que ata parece ir en aumento, a "centrarse no bo" ignorando o escuro, o defectuoso, tanto dentro como fóra dun mesmo. Pero como imos iluminar algo que nos negamos a ver?

Aprende a coñecerte a ti mesmo. Primeiro observa, e despois acepta sen reparos todo o que hai en ti; todo, incluídos os medos, desexos ocultos, frustracións, emocións contraditorias, lembranzas dolorosas, todo o que antes etiquetaches como "negativo" pode ser revisado cunha atención amorosa e compasiva. Quizais te axude velo como se fose material alleo, non teu  senón de alguén que acudiu a ti para pedirche consello. Non fuxas da túa sombra, non fagas dela un monstro, abrázaa con paciencia, é filla túa e necesita a túa guía, a túa paciencia, ás veces simplemente a túa presenza, abonda con que esteas aí, ao seu carón, como referencia lúcida no medio dos seus terrores nocturnos.








"A sombra só é perigosa cando non lle prestamos atención" C.G. Jung