2 de out. de 2014

Deixa andar!

Lembro ler hai anos en Brida, de Paulo Coelho que é máis doado cambiar por dentro que por fóra. Co tempo tiven ocasión de comprobar, varias veces, algunhas de maneira dolorosa, esta gran verdade. Na novela, a protagonista está disposta a mudar o seu concepto do universo, de si mesma, o seu sistema de valores, as súas crenzas fundamentais, grandes cambios todos eles, pero cando a súa mestra lle dá unhas simples pautas para a vestimenta revóltase e pensa que iso é un intento de control excesivo.

Porén ao cambiar por dentro inevitablemente os cambios esténdense ao noso redor. Tardará máis ou menos pero acabará por producirse. Todo quedará revolto, patas arriba.


Paco deixou de saír cos seus amigos porque agora ten unha familia que atender, muller e fillos. Adalina cambiou de amizades no traballo porque antes saía a fumar cun grupiño co que xa non sae desde que deixou o tabaco. Marisela fixo novas amizades desde que se apuntou a clases de natación. Coque cambiou totalmente de xente desde o seu divorcio. 


E se os cambios son aínda máis profundos como por exemplo un gran cambio de consciencia, a concepción da propia vida, da morte, das enerxías invisíbeis en torno a nós...? Se a vida me vai dando voltas e me leva a crer en Deus cando antes non cría é posíbel que o meu esposo, a miña irmá, o meu xefe, quen sabe que persoas que eu sentía moi próximas a min, deixen de estalo. Se cambio de relixión irei a casa polo Nadal? Se adopto o vexetarianismo estricto que lle parecerá a miña nai, que sempre fai cordeiro en Noiteboa?


Podes entrar en conflicto dunha maneira inesperada e radical con quen menos esperabas. Que farás? Talvez necesites expresar o teu desacordo cun acto social ao que todos esperan que acudas, ou decidas non acudir, ou decidan non invitarte porque xa non es ben recibido alí.


Se avanzas no encontro contigo mesmo deixarás de ter conflictos anque sigas experimentando separacións. Simplemente comprenderás que hai separacións necesarias e poderás despedirte sen rancor, dicindo adeus e grazas. As persoas que avanzan na mesma dirección permanecerán xuntas pero outras non, e non é "culpa" de ninguén, nin debes intentar convencer a ninguén nin moito menos "salvalo" ou "sacalo do seu erro". 


O seguinte conto é moi duro de entender para algunhas persoas.



Un grupo de persoas fóronlle preguntar a un mestre:
- A xente sofre calamidades, morre ás veces miserablemente, moitos sofren, teñen problemas, ódianse, traizóanse: como podes permanecer indiferente a todo iso? Como, se es un iluminado, non ofreces a túa axuda aos demais?
O mestre contestou:
Imaxinade que estades soñando. No voso soño ides nun barco e este afúndese. Nese momento espertádesvos. Eu pregúntovos a vós: Volveriades durmir para ir axudar aos pasaxeiros do voso soño?

Ningún comentario:

Publicar un comentario