Amosando publicacións coa etiqueta escoita activa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta escoita activa. Amosar todas as publicacións

12 de maio de 2019

Presente

 A mente non está deseñada para estar no presente, o seu cometido é reunir datos, comparar e analizar, por iso case sempre está ou ben revivindo o pasado ou ben imaxinando o futuro. O pasado trae consigo a falacia de que se repetirá, o futuro trae a falsa ilusión de que se o planifico moito con antelación terei o control do que pasará. Ambos supostos son falsos e nos afastan da única realidade, que é AGORA. 

 Non é doado estar presente, a mente foxe sempre do momento presente e temos que facer o esforzo de estar aí. Tenta de permanecer algún tempo presente cada día. Respira e dáte conta do percorrido do aire no teu interior, dos músculos implicados no proceso, da calidade e temperatura do aire cando entra e cando sae de ti. Mira con atención o mundo ao teu redor, proba sabores novos ou pecha os ollos e saborea intensamente comidas xa coñecidas nas que descubrirás matices diferentes. Igualmente cos olores: proba non só cunha flor ou cun prato de comida senón tamén cousas que nunca te paraches a ulir, os mobles da túa casa, os bancos do parque, o ambiente
dos distintos lugares polos que pasas ao longo do día. Practica ioga, taichi ou calquera actividade que che axude a ser mais consciente de ti mesmo. Tamén podes facer unha actividade cotiá esaxeradamente despacio para decatarte ben de todo o que implica.

 Por último, e cando xa teñas algún dominio sobre a túa mente, practica a presenza plena coa persoa con quen esteas falando, pon atención nela e non nos teus contidos mentais, escóitaa de verdade e non esteas pensando no que vas dicir ti a continuación, míraa aos ollos e empápate do que di, como e por que o di. Entón as túas interaccións cos demais serán de calidade, e non unha longa serie de monólogos simultáneos.




25 de abr. de 2019

Falsa empatía

  Quen non se viu algunha vez perante a dor doutras persoas e se sentiu mal vendo o seu sufrimento? Porén, a empatía non ten que ver co sufrimento. Ás veces confundimos a empatía e o ser comprensivos con vivir a dor doutra persoa. A próxima vez que che suceda, pregúntate que é exactamente o que che está facendo sentir mal. Se indagas a fondo, talvez a resposta non sexa a que a ti cres.
  Ser empático é poñerte na situación do outro e comprendela, pero non é sufrir o que el sofre, nin sentir a mesma dor que el sente, nin interpretar desde a túa mente a experiencia pola que esa persoa debe de estar pasando e facela propia. Non es ti quen pasa por esa experiencia, non es ti quen ten unha aprendizaxe vital que recoller aí. Todas as experiencias son dignas de agradecer cando as vemos cunha perspectiva mais ampla, como leccións da alma que son, pois traen aprendizaxe e luz para quen as vive, pero cando te pos a vivenciar a dor doutra persoa o que estás facendo só é recrear desde a túa mente a dor que imaxinas que esa persoa está pasando. En realidade inventas unha película co que ti cres que lle pasa, pero desde a túa experiencia e aprendizaxe.
  Todos fomos educados na crenza de que o sacrificio e o sufrimento son bos. Socialmente está ben visto que nos sintamos mal cando outros sofren, se non o facemos así non se nos considera boas persoas. Inculcáronnos que para apoiar a quen o pasa mal debemos estar tristes, con mala cara, non debemos expresar que estamos ben, todo o contrario, os que acompañan as persoas que sofren adoitan contar o seu propio sufrir, sexa actual ou pasado, nun falso intento de axudar, porque a final o ego acaba apropiándose da situación: mesturando o sufrimento do outro co propio fortalécese o ego. Ao outro non lle axuda nada que ti te poñas a sufrir a súa pena e digas: é que eu son moi sensible, non o podo evitar. Pénsao con calma: non ves que o protagonista dese dramón que estás construíndo es ti? O ego xoga o seu papel demostrando que es unha persoa bondadosa e boa por sufrir co sufrimento dos demais. Pero cres que a persoa que o pasa mal pode saír do sufrimento con máis sufrimento? Crer que a persoa que sofre se sentiría mellor vendo sufrir a outros... Pero qué concepto tes dela entón? Qué clase de estima lle tes ou che ten?

 A necesidade de constatar o bos que somos, as conviccións morais que nos inculcaron, todo isto son programacións mentais das que debemos liberarnos. Cando acompañemos a alguén que sofre ofrezámoslle o noso cariño, non o noso sufrimento. Ofrezámoslle axuda, consolo, compañía, permitámoslle expresarse se o desexa animándoo a falar, preguntándolle, asentindo. Aprendamos a escoitar sen interrumpir para dicir o mal que nos sentimos nós, e sen poñernos de exemplo contando como nos comportamos nós nunha situación similar.
  Se a nosa intención é axudar aos demais temos que estar ben enteiros, non sumidos na súa dor.

5 de xul. de 2017

Acompañamento: escoita activa

O gran Joseph Campbell afirmou que a psiquiatría se equivocaba ao intentar curar os síntomas da viaxe do heroe cando debería acompañalo nesa viaxe e proporcionarlle, como Zeus a Odiseo, a axuda necesaria para chegar a bo porto. Afortunadamente a maioría das terapias que se aplican hoxe en día respectan moito á persoa, en moitas ocasións considerada "cliente" máis que "paciente", e tenden ao acompañamento, e a permitir que cada quen faga as súas propias preguntas vitais e atope as súas respostas.

A escoita activa é unha forma de axuda ao alcance de todos. Consiste en prestar atención conscientemente ao noso interlocutor e ademais conseguir que se decate desta atención que lle prestamos, que se sinta comprendido, a gusto, e polo tanto esforzarase por explicarse, dará máis detalles e quererá seguir falando incluso anque non poidamos prestarlle ningunha outra axuda máis que escoitalo.

A escoita activa permite, polo tanto, conseguir máis información, afondar noutros puntos de vista e traballar en cooperación con outras persoas. Chámase "activa" porque require un esforzo consciente, pero non debe confundirse coas típicas estratexias para que a outra persoa crea que estás escoitando, (iso sería simplemente finxir que estás atento). Na escoita activa dedícaslle realmente, sinceramente, totalmente, a túa atención a alguén, tanto ao que di como ao que sente, e isto crea proximidade e seguridade. Por iso a escoita activa ten un marabilloso poder curativo sobre a persoa escoitada: expresándose libremente nun clima de confianza e apoio, a xente comeza a sentirse mellor, aumenta a autoconfianza e atopa por si mesma a solución aos seus problemas.

A maioría dos problemas son dúbidas á hora de facer unha elección importante. Ti podes converterte no catalizador necesario para que a xente organice os seus sentimentos e se sinta máis segura para tomar decisións.

Lamentablemente a maioría da xente non practica a escoita activa, porque require esforzo e porque todos queren falar de si mesmos. Pero se queres comezar a practicar para converterte nun bo oínte, ten en conta os seguintes consellos:

1. Pon toda a túa atención na conversa que estás mantendo. Non mandes mensaxes nin mires a tele ao mesmo tempo, mira ao teu interlocutor e trata de profundizar no significado do que che está dicindo, tanto nas palabras como nas emocións que cres que sente. Tenta de conectar sinceramente con el e comprendelo.

2. Responde aos sentimentos e non só ás palabras. Procura percibir ambas cousas porque a verdadeira mensaxe soe estar nas emocións da persoa e non nas frases que pronuncia. Fixarte na comunicación non verbal será de gran axuda para isto.

3. Evita xulgar ao teu interlocutor, dicirlle o que fixo ben e o que fixo mal, o que farías ti no mesmo caso ou contarlle aquela vez que a ti che pasou algo parecido, ou peor. Evita darlle consellos, incluso anque chos pida, pois é preferible que o axudes a que tome as súas propias decisións. Trata mellor de facerlle preguntas sobre como se sente e o que realmente necesita ou quere conseguir, e cal lle parece o camiño para conseguilo, pero non elixas por el, nin proxectes sobre el os teus propios sentimentos e necesidades. Non intentes resolverlle a vida por moi claro que o vexas, pois o que lle fai falla é pasar por ese proceso por si mesmo,

4. Non interrumpas, anque creas que xa sabes o que che vai dicir, porque do que se trata é de que el organice os seus pensamentos e os aclare, e interrumpilo só lle envía unha mensaxe sobre o pouco importante que é, o lento que é expresándose, o superior que ti es en todo. Estás nalgunha especie de competición ou carreira, ou tentando de demostrar algo? Entón non estás axudando.

5. Axúdalle a expresarse: preguntando, repetindo o que acaba de dicir cando se atasque, lembrándolle detalles doutras conversas que tivestes sobre o mesmo tema, asentindo coa cabeza, reconducindo a conversa de volta ao tema no caso de que se disperse.

6. Demóstralle que estás con el, ao seu nivel e non nalgunha especie de pedestal terapéutico. Isto podes facelo compartindo os teus sentimentos (sinto moito que che pasase iso), ou interpretando os del (e iso púxoche triste?)

Neste excelente blog sobre habilidades sociais atoparás máis información sobre a escoita activa.