A mente non está deseñada para estar no presente, o seu cometido é reunir datos, comparar e analizar, por iso case sempre está ou ben revivindo o pasado ou ben imaxinando o futuro. O pasado trae consigo a falacia de que se repetirá, o futuro trae a falsa ilusión de que se o planifico moito con antelación terei o control do que pasará. Ambos supostos son falsos e nos afastan da única realidade, que é AGORA.
Non é doado estar presente, a mente foxe sempre do momento presente e temos que facer o esforzo de estar aí. Tenta de permanecer algún tempo presente cada día. Respira e dáte conta do percorrido do aire no teu interior, dos músculos implicados no proceso, da calidade e temperatura do aire cando entra e cando sae de ti. Mira con atención o mundo ao teu redor, proba sabores novos ou pecha os ollos e saborea intensamente comidas xa coñecidas nas que descubrirás matices diferentes. Igualmente cos olores: proba non só cunha flor ou cun prato de comida senón tamén cousas que nunca te paraches a ulir, os mobles da túa casa, os bancos do parque, o ambiente
dos distintos lugares polos que pasas ao longo do día. Practica ioga, taichi ou calquera actividade que che axude a ser mais consciente de ti mesmo. Tamén podes facer unha actividade cotiá esaxeradamente despacio para decatarte ben de todo o que implica.
Por último, e cando xa teñas algún dominio sobre a túa mente, practica a presenza plena coa persoa con quen esteas falando, pon atención nela e non nos teus contidos mentais, escóitaa de verdade e non esteas pensando no que vas dicir ti a continuación, míraa aos ollos e empápate do que di, como e por que o di. Entón as túas interaccións cos demais serán de calidade, e non unha longa serie de monólogos simultáneos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario