É realmente preocupante que os adultos non sexan capaces de resolver este enigma coa mesma rapidez e facilidade que os nenos de seis anos.
Isto demostra que hai habilidades que traemos de serie e despois as perdemos coa educación á que nos someten, porque nos impón un determinado tipo de pensamento sobre outro, unha clase de coñecemento sobre outra, un modelo de pensamento e de operacións mentais que chega a impedirnos operar doutra maneira, nos impide ver desde outra perspectiva diferente da que nos impoñen as elites dirixentes (pois ao cabo elas son quen deciden os programas educativos, os contidos, a metodoloxía, etc.)
Aínda estaremos a tempo de recuperar o potencial perdido?
Imaxina por un momento que fosemos 100% responsables de todo o que sucede na nosa vida. Podes aceptar esta idea?
Todos creamos as nosas experiencias a través dos pensamentos e sentimentos, a nosa vida reflicte o noso estado mental: se no noso interior hai paz, harmonía, equilibrio, as nosas vidas serán harmoniosas, pacíficas e equilibradas. Pero negamos o noso poder culpando a outros polo que "nos pasa" cando a realidade é que
Podes ampliar a túa percepción, a túa sensibilidade, a túa intuición. Clarividencia, telepatía, comunicación con outros planos de consciencia. Moitas veces se me ten preguntado se existe tal ou cal "don". Sempre respondo o mesmo: existen dotes especiais para a música, a pintura, as matemáticas, a poesía, a cociña ou a arquitectura, pero ningunha das persoas atraídas por estas disciplinas pensa que só ten que sentar no medio dun prado a exercer o seu don: o don existe pero hai que cultivalo. Ese término, o don, está moi mal entendido, coma se non requerise estudo e práctica. Parte da culpa é das películas, onde se soe presentar unha persoa sorprendida dos seus "poderes" pero se pasa por alto o traballiño que custa desenvolvelos. Unha amiga me pregunta:
- Existe "o don"? Unha vez unha vidente me dixo que eu tiña un don, por que non podo usalo?
A resposta é moi simple: canto tempo, canto estudo, cantas horas de práctica diarias lle dedicas? Non é suficiente "o don" da música, terás que estudar solfexo, mercar un instrumento e practicar unha hora diaria!
Tamén hai persoas que negan estas posibilidades. Non cren que existan a telepatía, ou as regresións a vidas pasadas, ou a comunicación cos guías espirituais, porque unha vez o intentaron e non funcionou en absoluto. O mesmo poderían dicir que non existe o efecto Coriolis, eu simplemente encóllome de ombros e déixoo correr porque non serve de nada, nin a elas nin a min, intentar convencelas. Unha persoa pode vivir unha vida satisfactoria, plena e perfectamente funcional ignorando por completo o efecto Coriolis ou a sucesión de Fibonacci, pero iso non invalida a súa existencia.
Elas viven a súa vida coma se non existisen estas cousas e eu vivo a miña coma se existisen, e ambas posibilidades son igual de reais e funcionais. Na túa vida serás capaz de experimentar aquilo no que elixas crer. Por iso se di que cada un crea a súa realidade.
« É posible ter, no máis fondo da alma, un corazón cálido, e que aínda así ninguén acuda a el. » (Vincent Van Gogh)
Que che fai sentir separado do mundo? Ti es algo que todo o universo está facendo. Non hai "eu", non hai "ti", só unha única cousa que o percorre todo chamada enerxía. A soedade que cres sentir é tan absurda como a que sentiría o dedo pequeno inconsciente dos demais dedos que canda el forman unha man nun brazo nun corpo humano. Chegados a este punto talvez te preguntes a que estás unido ti, que é iso que non ves ao igual que o dedo non percibe a man, o brazo. Observa con atención e percibirás a que estás unido. A meditación e a interiorización son boas ferramentas para este traballo de observación. Transforma esa soedade que te atormenta na túa fortaleza e aproveita a oportunidade que tes de profundizar en ti mesmo.
" Igual que toda porción dun holograma contén a imaxe da totalidade, cada porción do universo contén a totalidade. Isto significa que se soubesemos como acceder, poderiamos atopar a galaxia de Andrómeda na marca dixital do dedo gordo da nosa man esquerda. Poderiamos atopar a Cleopatra coñecendo a Xulio César por primeira vez, xa que nun principio a totalidade do pasado e as implicacións do futuro están contidas en cada porción do espazo-tempo. Cada célula do noso corpo contén o cosmos enteiro." (Michael Talbot: O universo holográfico)
Nun estado alternativo de consciencia podemos acceder a esa información (arquivos akháshicos), que non está no cerebro pero que este é quen de capturar:
" O gran erro do mundo moderno foi considerar que todo o que non se pode oír, tocar ou ver é una ilusión. A realidade fundamental non é observable directamente. Por exemplo: se tiro un lapis observo cómo opera a gravidade, pero non podo ver o campo gravitatorio, só o efecto. Todas as forzas da natureza están nesa dimensión máis profunda e só observamos os efectos. " ( Ervin Laszlo)
Ver O UNIVERSO HOLOGRÁFICO SEGUNDO STEPHEN DAVIS
Seguramente todos coñecedes este test, que consiste en contar os pases de pelota do equipo branco e ignorar os do equipo que viste de negro. Fixádevos e intentade lembrar cantos pases fai o equipo de camiseta branca, antes de seguir lendo:
Efectivamente, é o famoso experimento do gorila invisible. Con el demóstrase (e con moitos outros similares) o limitado da nosa percepción e como decidir de antemán a que lle imos prestar atención e a que non condiciona enormemente a nosa capacidade para ver determinadas cousas. E isto sucede en todos os aspectos da vida, por exemplo, os radiólogos tampouco ven o gorila nunha radiografía(supoño que Hamer tería moito que dicir ao respecto, hehehe...)
A túa enerxía flúe a onde vaia a túa atención. Esa é unha das razóns polas que moitas protestas e iniciativas "contra" algo non surten efecto, pois o que facemos é alimentar ao monstro, "darlle de comer ao troll" como se di nos foros. Cando algo te molesta mira que actitude vas tomar e faino, pero quedarte queixándote do malísimo que é resulta ao final contraproducente. Non te gastes demasiado naquelas cousas contra as cales estás, mellor dedica a túa atención e a túa enerxía a facer que medren e prosperen as cousas das que estás a favor.
Que é o que queres na túa vida? E que é o que non queres? A que lle estás prestando máis atención? Revísao porque se cadra por moito que decretes que queres gozar de prosperidade non fas máis que acumular facturas e tikets de compra, repasando as túas débedas unha e outra vez en vez dos teus ingresos. Non se pode crear (xa sabes: mellor co-crear) a prosperidade así.
Que cousas cres que é máis probable que pasen na túa vida? Que cousas ves improbables e mesmo imposibles? Porque mentres conserves crenzas limitantes sobre unha área de vida, a que sexa, resultará dificultoso facer cambios reais e duradoiros nela. Igual estás contando fracasos amorosos mentres o veciño de arriba te sorrí timidamente no ascensor, que é o mesmo que contar os pases de pelota e non ver o gorila.
Decidir "mirar" algo é o primeiro paso para velo,
pero tampouco habemos de tomar o que os ollos/o cerebro nos mostran
como unha verdade incuestionable.
Unha vez asimilado isto podemos estar en condicións
de co-crear a nosa vida da maneira máis conveniente e non permanecer
queixosos e inadaptados fronte a un "mundo cruel".
Se ti dirixes a túa mirada sobre as crueldades do mundo,
habitarás por sempre nese mundo cruel.
Se ti te consideras impotente xoguete do destino, así serás.
Pero sempre podes dcidir outra cousa, planificala e realizala.
Só tes que apagar esa voz que repite na túa mente:
"Non podes, porque as cousas son así".
As cousas non "son" en absoluto, o único que "é" é a túa interpretación sobre elas.
Hai uns días falabamos do arquetipo do sobrevivente, orgulloso de ter superado grandes dificultades no pasado, tanto que non é quen de crear cousas novas para o seu futuro sen tomar ese sufrimento pasado como punto de partida. Isto é unha limitación tremenda pero comprensible porque cando un aprende a resolver a súa vida dunha maneira que funciona dificilmente abandonará ese método para empregar outro, anque xa non lle funcione.
Este feito ten sido amplamente estudado desde que xa en 1942, o psicólogo Abraham Luchins levou a cabo o famoso experimento das xarras.
Pediu a un conxunto de voluntarios resolver un problema matemático sinxelo: debían imaxinar tres xarras baleiras, con capacidades para 21, 127 e 3 unidades de líquido, respectivamente, e atopar o xeito de medir 100 unidades transferindo auga dunha xarra a outra. Cada xarra podía encherse e baleirarse tantas veces como quixesen, pero en caso de verter auga nelas, esta debería sempre alcanzar os bordos. A solución consiste en encher a segunda xarra (de 127 unidades), baleirar daquela parte do seu contido na primeira (de 21 unidades), a fin de que queden 106, e, para rematar, encher dúas veces a terceira (de 3 unidades). Acto seguido, Luchins propúxolles unha serie de problemas similares, que podían resolverse cos mesmos tres pasos. Os suxeitos lográrono con rapidez. Despois pediulles que obtivesen 20 unidades de auga usando xarras de 23, 49 e 3 unidades de capacidade. Basta con encher o primeiro recipiente e, con ese líquido, colmar o terceiro, pero todos insistiron en resolver o problema co método anterior, é dicir, vertendo a auga do segundo recipiente no primeiro e despois no terceiro dúas veces. Para rematar, cando Luchins lles propuxo outro problema moito máis simple aínda, que podía resolverse en dous pasos pero xa non admitía a familiar solución en tres etapas, os participantes deixárono por imposible.
Este fenómeno, que todos padecemos en maior ou menor medida, coñécese desde entón como efecto Einstellung e defínese como o sesgo cognitivo polo que, ao enfrontarnos a un problema, só temos en conta as solucións coñecidas sen contemplar sequera outras alternativas.
Que pasaría se tras chocar co iceberg, o Titanic non fuxise del senón que o utilizase para desembarcar aos pasaxeiros sobre a súa superficie? Seguramente habería partes planas na súa superficie, non? Alí as persoas poderían esperar ata que chegase a axuda. Pero todos viron no iceberg o seu inimigo e non o seu salvador.
Observa ao teu redor, as condutas da xente, as súas conversas, as opinións que expresan, os plans que fan. Cantas persoas do teu entorno cres que son verdadeiramente creativas e innovadoras?
A gran maioría das persoas non son pioneiras, senón imitadoras. Isto é algo natural, terás oído falar das neuronas espello, que desempeñan un papel importantísimo nas nosas aprendizaxes e relacións sociais.
Así que a próxima vez que queiras persuadir a alguén non insistas en ofrecerlle datos, probas ou argumentos, ofrécelle taméno teu exemplo. Permite que observen a túa vida e os resultados que obtés coa túa praxe, e entón decidirán.
Non é certo que unha imaxe valla por mil palabras. A Programación Neurolingüística ten estudado que non todas as persoas damos e recibimos información coas mesmas ferramentas, hai tres modalidades de comunicación e anque todos as usamos, cada quen utiliza unha delas preferentemente. Estas modalidades son: visual, auditiva e kinestésica, pois son a vista, o oído e o tacto os sentidos principais cos que interactuamos os humanos. Todos temos os tres sistemas representacionais e usamos un ou outro segundo o contexto, por exemplo, podemos ser máis auditivos no centro de traballo pero kinestésicos á hora de preparar unha viaxe. Ora ben, cada persoa soe ter unha modalidade predominante e saber cal é a túa pode axudarte a mellorar a túa comunicación e aprendizaxe. Igualmente no caso dos teus achegados, compañeiros de traballo, alumnos, clientes, veciños, etc. pode servirche para comprender por que comprenden mellor unhas cousas que outras e facerte entender por eles con máis eficacia a próxima vez.
VISUAL
Ten lembranzas maioritariamente visuais, e pode por exemplo describirche con detalle as escenas dunha película.
Memoriza mellor con diagramas, cadros, esquemas.
Lembra o que le mellor que o que escoita. Soe escribir as cousas para lembralas mellor.
Gústanlle as artes plásticas.
Ten bo sentido da orientación.
Ten facilidade para recoñecer unha cara e xogar a lembrar parellas de imaxes.
Soen ser persoas ordeadas.
Soen apagar a radio cando conducen en circunstancias conflitivas.
Comunica con moita enerxía e utiliza palabras de significado visual: Como vimos onte... / Perdoa pero nono vexo claro... / Viches? / Despídese de ti cun " Veña ata logo, vémonos!"
AUDITIVO
Lembra mellor o que oe que o que ve.
Soe tararear ou tamén falar só.
Necesita falar, escoitarse a si mesmo axúdalle a aclarar as súas ideas.
Tamén lle gusta escoitar, dánselle ben as profesións onde escoitar sexa importante.
Prefire instrucións verbais antes que escritas.
Son máis tranquilos que as persoas visuais, a súa comunicación é máis calmada e poden molestarlle incluso os timbres de voz dalgunhas persoas.
Usa palabras de significado auditivo: Non che soa isto? Non sei, a min non me soa de nada / , Pódese dicir máis alto pero non máis claro / Despídese de ti cun "Ata logo entón, xa falaremos!"
KINESTÉSICO
Aprende mellor experimentando, facendo cousas mellor que só lendo ou escoitando.
Gústanlle as actividades físicas (bailar, practicar deportes).
Gústalle traballar coas mans.
Desconcéntrase facilmente cando hai música alta de fondo ou demasiada xente falando.
Camiñan cando falan por teléfono.
Son máis lentos para falar, non teñen presa como os visuais.
Usa unha linguaxe metafórica, con referencias ao tacto, olfato e gusto: Isto sábeme mal pero... / Bótame unha man con isto / Vaia puñalada me deu / Sinto que non me comprendes / Despídese de ti cun "Ata logo, estamos en contacto!"
Como docente, sei de sobra que na escola é frecuente que un estudante teña máis facilidade para unhas materias que para outras. Ademais de valorar se é pola asignatura en si, tamén podemos ter en conta a maneira en que se transmiten os contidos. Con frecuencia o profesorado procura fórmulas para mellorar a súa praxe, e tamén cada pouco hai algunha reforma educativa que promove un estilo ou outro (os kinestésicos foron, durante moito tempo, os grandes prexudicados do sistema, pero tampouco vai mellorar a aprendizaxe de todos os alumnos a experimentación, que non todos prefiren). Non hai unha única maneira de transmitir con eficacia para un alumnado naturalmente heteroxéneo, así que talvez o máis prudente sexa asegurarnos de que na nosa aula usamos os tres estilos comunicativos en cada unidade, e nunca tomarnos a mal que un alumno non saiba algo que acabamos de "explicar"...