Amosando publicacións coa etiqueta koan. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta koan. Amosar todas as publicacións

28 de feb. de 2019

A consciencia do observador





O ollo con que vexo a Deus é o mesmo ollo con que Deus me ve (Mestre Ekhard, séc. XIII)




Esta aparente contradición, que se asemella tanto a un koan, compréndese perfectamente en estado meditativo, cando un é ao mesmo tempo o observador e o observado, plenamente consciente de si mesmo e do seu propio rol no proceso de decatarse dese mesmo proceso que dilúe todas as diferencias entre o que crea a realidade (observador) e a realidade resultante (observado).

É imposible de explicar, por iso se bota man de imaxes, comparacións e parábolas. O mellor é poñerse a experimentalo porque paga a pena, mesmo que só sexa por unha vez e sen chegar a comprendelo, sentir como se borran as fronteiras de todo canto existe e vivenciar esa sensación de unidade absoluta con todo.

Para min é unha constatación de que somos algo máis que un corpo, unha simple estrutura material. Só en estado meditativo te liberas da escravitude da mente. A maioría da nosa actividade mental só serve para desenvolver máis actividade mental aínda. Somos adictos ao noso pensamento, que só é unha das estratexias posibles para relacionarse co mundo, pero por algunha razón os seres humanos despois de tantos milleiros de anos de evolución ao final acabamos por identificarnos con el e hoxe desprezamos outras estratexias e xa non as utilizamos, de todas as ferramentas que tiñamos decidimos prescindir, e quedarnos exclusivamente co noso razoar.

O único necesario para comprender todo isto é unha mente en calma, entón comezarás a percibir máis alá da propia mente. En estado meditativo entras noutro nivel de realidade, ou se o prefires, outro estado de consciencia, onde é posible a plenitude sen paliativos, "ese alén que está no interior" como se di no Tao.

Visita esta excelente páxina con consellos para iniciarse na MEDITACION.

Aquel que mira fóra, soña; aquel que mira dentro, esperta (Carl G. Jung)


3 de xul. de 2015

Que é un koan?

Cando Dogen regresou da China, tras estudar alí o zen durante anos, preguntáronlle:
 - Mestre, que ensinanzas nos traes? 
E el contestoulles: 
- Veño coas mans baleiras.

A miúdo o zen sérvese de contos curtos, chistes, situacións absurdas, paradoxos e outras trampas para a mente, a fin de liberar ao aprendiz e permitirlle un tipo de experiencia diferente.

20 de nov. de 2014

Gato negro, gato branco

Con frecuencia xulgamos as cousas que nos pasan como positivas ou negativas cando non son nada en absoluto, só son produto da nosa mente.

Dous monxes discutían nun mosteiro zen a propósito dos estandartes que ondeaban no alto: o estandarte móvese, dicía un; é o vento o que move o estandarte, dicía outro; tanto o vento como o estandarte son inanimados e polo tanto non ondean en absoluto, dicía un terceiro... Entón o sabio Hui-neng, que estivera escoitando, dixo: "Nin vento nin estandarte, o único que eu vexo ondeando aquí sen parar son as vosas mentes".

Onte participei nun interesante debate sobre a natureza dos conflictos, onde se trataba de decidir se os conflictos en xeral son positivos ou negativos. Son negativos, dicía un, é preferible evitalos. Poida que sexan incómodos, ou dolorosos, pero non necesariamente negativos, dicía outro. Non podes evitar o conflicto, dicía un terceiro, só podes evitar o enfrontamento pero o conflicto existirá igualmente.

Talvez os conflictos non son positivos nin negativos, é a nosa interpretación deles a que os dota de semellante carácter que, de seu, non teñen. A nosa interpretación sobre as cousas que nos pasan pode contribuír a aumentar ou diminuir a dor e o estrés.




Amplía esta información escoitando este interesante podcast: PSICOLOXÍA CON ALFONSO



22 de feb. de 2014

Quen axuda a quen

Ultimamente tiven ocasión de reflexionar, unha vez máis, sobre o fermoso acto de compartir. E sobre pedir e dar axuda, sobre axudar a outros a sanar de que maneira e con que fin. Sobre a iluminación e para que serve, ou para quen.

Un monxe zen regresaba ao seu mosteiro tras saber que o seu vello mestre agonizaba, desexando cambiar con el unhas últimas palabras. Percorrera todo o país cun caxato e unha cunca, a pedir esmola, e agora estaba case ás portas da rexión que o vira nacer. Só lle faltaba atravesar o río e chegaría ao mosteiro. Na beira da auga, un home gañaba a vida pasando xente na súa balsa de bambú.
- Serías tan amable de pasarme ao outro lado? - preguntou o monxe.
- Son dúas moedas- respondeu o barqueiro.
- Pero eu non teño diñeiro - explicoulle o monxe -. Eu son pobre de pedir, na nosa orde non temos pertenza ningunha.
- Pois vas á vila, pides, xuntas dúas moedas e volves.
O monxe non podía facer iso, el só pedía arroz para comer cada día coa súa cunca, nunca diñeiro pedira. Así que lle ofreceu ao barqueiro pagarlle botándolle unha bendición para que a súa balsa nunca se soltase, nin pudrise, nin rompese, nin volcase nunca... Pero o home insistiu en que só o pasaría a cambio de dúas moedas.
- Se non tes dúas moedas marcha de aí!!
E o monxe marchou pensativo, camiñando sobre as augas.

Quen axuda a quen, e por que? Cando alguén che pide axuda estás seguro de que non cha está ofrecendo? Porque todo é o mesmo nesta incesante danza cósmica que compartimos, o mesmo pedir e dar, todo é igual, todo é participar.

Este monxe é fascinante, lémbrame ao ermitán do tarot, leva a súa propia luz para iluminar o seu camiño, non o dos demais. Se de paso ilumina aos demais estupendo, pero non é esa a súa función principal. O monxe do conto puido pasar o río usando os seus poderes desde un principio, prescindindo do barqueiro, pero quixo darlle unha oportunidade porque todos somos irmáns e compañeiros de camiño. Ora ben, tampouco se avergoña dos seus poderes e se realmente é capaz de camiñar sobre as augas faino, no momento certo, ante a necesidade de facelo pero non por gabarse nin probar nada nin situarse por riba dos seus irmáns. Tampouco cae na condescendencia, no salvacionismo, nada de nada, el prosegue o seu camiño con humildade. Con humildade, si, humildade da boa, da real, da que consiste no coñecemento dos propios límites.

2 de set. de 2013

Vai lava-la cara, galopín

É aburridísima a cantidade de queixas que a xente ten sobre o mal que están todas as cousas que os rodean agás eles propios. Meu pai tería que cambiar, o meu home tería que cambiar, esta lei tería que cambiar, a sociedade tería que cambiar... En fin, que cambien todos menos eu.
Isto lémbrame a un vello rosmón que quedou durmido no sofá e os netos un pouco trastes untáronlle o bigote con queixo, dese que cheira que tira para atrás. O vello espertou de súpeto e dixo "Puaf, esta casa fede". Levantouse e foi para fóra respirar aite puro, pero o cheiro persistía. "Ahhh, o mundo enteiro fedeeee!!!" berrou.
Así que se che parece que o mundo enteiro fede mírate ao espello, non vaia ser.

22 de mar. de 2012

Que estás facendo?

Sabes que é o máis importante que farás nunca na túa vida?
Pénsao ben uns segundos antes de continuar lendo...


O máis importante na túa vida é o que estás facendo exactamente agora.
Porque nunca poderás estar noutro intre senón no agora, non existe máis nada, só o presente.
Enchemos as nosas cabezas de lembranzas e pasamos a vida a xustificarnos con elas. Enchémonos de plans para o futuro e deixamos de vivir o presente coma se o que deixamos de facer hoxe fose unha inversión recuperable mañá. Todo iso son construtos mentais, non é a vida, a vida escápache porque ou ben "non tes tempo" ou ben "xa me pasou o momento" ou ben  "xa chegará o momento"... O momento é agora. De feito, é o único momento.
Tamén pasa isto co crecemento persoal: non tes tempo. Non tes tempo de ir a clase de ioga ou non tes cartos para visitar A India... Como se iso importase!! Para aumentar o teu nivel de consciencia non precisas ir a clase, nin viaxar a un remoto país oriental e alí visitar un gurú famoso que che vai explicar segredos deslumbrantes... De feito  ás veces estas cousas non son máis que  lambetadas para a mente egoica (nin sequera alimento verdadeiro). O camiño para espertar está na tua vida diaria, nas túas accións concretas; está no cotián, pois a túa vida é unha sucesión de momentos que son os que tes que transformar vivíndoos con plena consciencia, dándote conta de todos e cada un deles.

Como naquel contiño onde un monxe lle pregunta ao seu mestre nun mosteiro zen:
- Mestre, como fas para seguir sempre o camiño verdadeiro?
- Cando teño fame, como, e cando teño sono, durmo.
Paréceche doado? Fai a proba. Tenta de pensar na comida mentres comes, descansar de verdade mentres dormes, non lle dar mil voltas ao que fixeches ou dixeches no traballo cando esteas cos teus fillos, nin repasar  mentalmente  a listaxe do supermercado mentres conduces...
Trata de vivir con autenticidade e consciencia cada momento. Nada máis.

15 de nov. de 2011

Koan

Un koan é un problema, unha pregunta ou un enunciado paradóxico que un mestre do budismo zen propón aos seus alumnos para que intenten resolvelo, que pensen nel e o teñan presente ao longo de varios días, mentres fan as súas tarefas cotiás, en fin, ata que se lles ocorra algunha solución. Cando ten unha solución, o estudante sométea á opinión do mestre e se acepta esa solución, o mestre proporá un novo koan.
Normalmente os koans son tan inexplicábeis, absurdos e retorcidos que para resolvelos non é suficiente a lóxica, hai que pensar ao mesmo tempo con todo o ser: a mente, as emocións e sobre todo a intuición. Ás veces hai que desligarse do pensamento racional e cambiar o nivel de conciencia para adiviñar o que en realidade está preguntando o mestre. A mente discursiva, conceptual, chega un momento en que se satura de si mesma e non atopa saída, e precisamente nese punto en que a mente se detén cabe a posibilidade de experimentar un satori ou iluminación: ver a realidade sen os condicionamentos da mente, vela tal como é, sen proxectar sobre ela os nosos medos, os nosos desexos, espectativas, emocións e pensamentos, porque todas estas cousas distorsionan a realidade.
Tentar de resolver koan é un poderoso exercicio de disciplina mental, abrindo as posibilidades dunha percepción máis aguda, máis exacta da realidade.
Hai un breve relato que ilustra perfectamente a esencia dos koans: o vello abade dun mosteiro zen reuniu aos monxes e díxolles que lles ía propoñer un problema; aquel que conseguise resolvelo sería o novo abade. Acto seguido colocou á súa vista un fermoso e valioso xarrón antigo e retirouse. Ninguén soubo que facer. Cando o abade regresou ninguén sabía que dicir... Entón o abade rompeu o xarrón contra o chan, dicindo: "Eu dixen que isto era un problema, e esta é a única solución posíbel; por moi fermoso e fascinante que sexa un problema, segue sendo un problema!!"