28 de feb. de 2019

A consciencia do observador





O ollo con que vexo a Deus é o mesmo ollo con que Deus me ve (Mestre Ekhard, séc. XIII)




Esta aparente contradición, que se asemella tanto a un koan, compréndese perfectamente en estado meditativo, cando un é ao mesmo tempo o observador e o observado, plenamente consciente de si mesmo e do seu propio rol no proceso de decatarse dese mesmo proceso que dilúe todas as diferencias entre o que crea a realidade (observador) e a realidade resultante (observado).

É imposible de explicar, por iso se bota man de imaxes, comparacións e parábolas. O mellor é poñerse a experimentalo porque paga a pena, mesmo que só sexa por unha vez e sen chegar a comprendelo, sentir como se borran as fronteiras de todo canto existe e vivenciar esa sensación de unidade absoluta con todo.

Para min é unha constatación de que somos algo máis que un corpo, unha simple estrutura material. Só en estado meditativo te liberas da escravitude da mente. A maioría da nosa actividade mental só serve para desenvolver máis actividade mental aínda. Somos adictos ao noso pensamento, que só é unha das estratexias posibles para relacionarse co mundo, pero por algunha razón os seres humanos despois de tantos milleiros de anos de evolución ao final acabamos por identificarnos con el e hoxe desprezamos outras estratexias e xa non as utilizamos, de todas as ferramentas que tiñamos decidimos prescindir, e quedarnos exclusivamente co noso razoar.

O único necesario para comprender todo isto é unha mente en calma, entón comezarás a percibir máis alá da propia mente. En estado meditativo entras noutro nivel de realidade, ou se o prefires, outro estado de consciencia, onde é posible a plenitude sen paliativos, "ese alén que está no interior" como se di no Tao.

Visita esta excelente páxina con consellos para iniciarse na MEDITACION.

Aquel que mira fóra, soña; aquel que mira dentro, esperta (Carl G. Jung)


Ningún comentario:

Publicar un comentario