Amosando publicacións coa etiqueta humor. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta humor. Amosar todas as publicacións

2 de feb. de 2019

Feliz día da marmota


Hoxe é o día da Candeloria, que se chora medio inverno vai fóra e se ri medio inverno está por vir. En moitas partes do mundo se aplica este cálculo baixo distintos lemas, refráns e tradicións, se mira o tempo que fará hoxe para calcular como será o que resta de inverno. En USA son moitas as marmotas que sairán hoxe e volverán aos seus tobos ou non, dependendo de que se poida ver a súa sombra. De todas as famosas marmotas desta coñecida práctica sen dúbida Phil é a nosa favorita. Hoxe é un bo día para revisar este pequeno clásico do cine, Atrapado no tempo (1993), apto para toda a familia e que vai camiño de se converter en cinta de culto.
Algunhas curiosidades sobre a película que che gustará saber, en cinemanía.
A min encántame esta película por varias razóns, non todas cinematográficas. Sempre pensei que a experiencia de Phil Connors resume moi ben o que son as diferentes vidas que atravesamos no proceso de adquisición de consciencia. O que para el aparece como un día (un día que se repite inexorablemente) podemos interpretalo como unha vida enteira (vidas que repetimos, con frecuencia cometendo os mesmos erros unha e outra vez, anque nos pareza que cambiamos seguimos actuando igual en esencia).
En fin, polo menos Connors ten unha vantaxe/desvantaxe da que nós carecemos cada vez que espertamos nunha nova vida: a memoria. Dá para pensar. Se tivesemos o coñecemento de todas as nosas outras vidas, axudaríanos a tomar as decisións correctas?







13 de xan. de 2019

Listos para cambiar

Hai un chiste que pregunta cantos psicoanalistas fan falla para cambiar unha bombilla.
Só un, pero leva moito tempo, é un proceso caro e ademais a bombilla debe estar lista para cambiar...

Entón en que consiste estar "listo para cambiar"?
Simplemente en querer facelo e crer que é posible. Se alguén cre que pode cambiar, cambiará.

Comeza por concretar cal é o cambio que queres na túa vida. Despois observa cales son as túas crenzas ao respecto. Por último comeza a introducir cambios nesas crenzas porque son elas as que determinan o que podes e non podes, o que debes e non debes, non só a nivel interno senón tamén externo: coñecido é por exemplo o efecto placebo, onde as crenzas do suxeito inflúen ata o punto de que unha substancia inocua proporcione alivio dos seus síntomas e incluso a desaparición dos mesmos; non sei se sabes que tamén existe o fenómeno contrario, o efecto nocebo. Se a túa mente pode producir ambos efectos, cal queres para ti?

Se necesitas axuda pídea, porque hai moitas técnicas que poden servir para deixar atrás adiccións, cambiar rutinas prexudiciais ou adquirir outras saudables, comportarte de maneira máis produtiva no traballo ou máis amorosa na familia, recuperar ou adquirir autoconfianza e un longo etcétera que só pode realizarse se ti cres que é posible.

Ti decides, ti deseñas as túas metas e elixes o camiño para chegar a elas


11 de xan. de 2019

Se non sanas hoxe sanarás mañá...

Oín o outro día un chiste que me fixo reflexionar:
Un home vai á consulta do médico e quéixase de que leva unha semana tendo o mesmo soño estúpido: partidos de fútbol entre formigas. Non logra descansar e non sabe que facer.
- Tome isto - dille o doutor - e esta noite durmirá sen soñar nada, xa verá como mañá estará mellor.
- Esta noite? Esta noite? Pero esta noite é a Final!

Algunhas persoas parece que non poden aceptar a sanación. O proceso de sanación si, pero non o remate do sufrimento. Como se lles gustase estar sanándose en vez de estar sas.

Conta Michael Harner en "La cueva y el cosmos" dun que na súa viaxe chamánica lle pediu a un dos seus mestres no mundo espiritual que lle sanase a dor de cabeza.
- Estache doendo a cabeza? - preguntou o ser de luz.
- Agora mesmo non, pero que podo facer para que non me doia?
- Xa está feito, agora non che doe.
- Agora mesmo non, pero despois vaime doer.
- Parece que queres que che doia.
- Quero que non me doia.
- Pero xa non che doe.
- Pero como despois me vai doer, por iso che pido que me sanes da dor de cabeza.
- Pero non che doe, polo tanto será mellor que agora eu che envíe unha forte dor de cabeza, para que poidas pensar en como curala!
- Nooooooon por favoooooor...

Isto é verídico. Moitas persoas están tan concentradas no proceso de sanarse que non teñen nada pensado para cando están sas, e aínda que comecen o proceso de sanación axiña volven reproducir o problema desde o inicio. Pode ser porque non dan saído da súa rotina enferma; porque teñen medo de acometer outras cousas na súa vida; porque non son conscientes da súa sanación; porque obteñen algunha vantaxe de estar enfermos como ser máis interesantes, ter grandes historias de sufrimento ou supervivencia que contar, como elemento de sedución para os demais, ou de queixa, ou de lástima, ou excusa para non resolver outro asunto que pospoñen ata que "se curen" ou simplemente porque a enfermidade lles proporciona a intensidade vivencial na que queren estar, como naquel poema de Rosalía:

Unha vez tiven un cravo
cravado no corazón,
i eu non me acordo xa se era aquel cravo
de ouro, de ferro ou de amor.
Soio sei que me fixo un mal tan fondo,
que tanto me atormentóu,
que eu día e noite sin cesar choraba
cal choróu Madalena na Pasión.
“Señor, que todo o podedes
-pedínlle unha vez a Dios-,
dáime valor para arrincar dun golpe
cravo de tal condición”.
E doumo Dios, arrinquéino.
Mais…¿quén pensara…? Despois
xa non sentín máis tormentos
nin soupen qué era delor;
soupen só que non sei qué me faltaba
en donde o cravo faltóu,
e seica..., seica tiven soidades

daquela pena…¡Bon Dios!
Este barro mortal que envolve o esprito
¡quén o entenderá, Señor!…
Rosalía de Castro

(Follas Novas, 1880)


19 de xuño de 2018

Discusións absurdas

Ás veces en sesión de avaliación acabamos perdendo o norte tal que así...


Por iso é importante saber que queremos avaliar e para que, cal é a finalidade última do noso labor. Colegas docentes: non perdades a perspectiva e ánimo, que xa queda pouco para esas merecidas vacacións.

5 de mar. de 2018

Coidado co que pides...

Contáronme este delicioso conto que quero compartir con vós:

 Un pagán morre e decide ir para o Ceo. San Pedro négalle a entrada, dicíndolle que o Ceo só é para os cristiáns e el, malia ser boa persoa toda a súa vida, por ser pagán debe ir para o Inferno.
 O home vai para o Inferno, onde é recibido por un Satán moi amable que lle ensina as instalacións: habitación de todo luxo, buffet libre, piscinas, ximnasio, discoteca, todo o que poida desexar. Máis aló o home divisa unha sala con xente berrando de dor mentres son torturados por uns demos de moi mala catadura.
  - Que é aquilo?-pregunta.
  - Bah, nin caso. Ese é o Inferno dos cristiáns. Para eles o Inferno é así, e se iso é o que piden, iso é o que lles damos, porque o cliente sempre ten a razón.


Paréceme un exemplo perfecto de como funcionan os sistemas de crenzas, e como somos co-creadores da nosa realidade.

14 de feb. de 2018

Día dos namorados ... ou non

Anímate.
Hoxe é o día dos namorados e o mércores de cinsa... As posibilidades de botar un polvo multiplícanse!!!

10 de abr. de 2016

Os catro acordos

1. Se impecable coas palabras. Respecta o seu poder, fala con exactitude, di o que queres dicir e a quen llo queres dicir. Se coherente e non digas o que non pensas. E sobre todo, nunca fales mal de ninguén, comezando por ti mesmo.
2. Non tomes nada como algo persoal. Todo o que fan os demais procede da súa propia proxección, non ten que ver contigo, mesmo aínda que falen de ti.
3. Non deas nada por suposto. Non creas que xa sabes o que che van dicir, non proxectes as túas espectativas, medos e necesidades sobre os demais, simplemente escoita e tenta de comprender.
4. Fai o mellor que poidas. Non é necesario facer todo, nin resolver sempre, porque o mellor que se pode facer varía en cada caso, así que en cada momento fai o mellor que poidas e deixa de compararte, xulgarte e maltratarte.

Se logras asumir progresivamente estas catro actitudes, a túa vida mellorará en todos os aspectos. Non é necesario máis, só medita nestas catro ideas e incorpóraas paseniño á túa práctica diaria, pero se queres ampliar e ler o libro de Miguel Ruiz tamén podes facelo, adiante!

MIGUEL RUIZ: LOS CUATRO ACUERDOS



7 de xan. de 2016

Non teño solto

Os contaminantes contaminan, pagan unha multa e seguen contaminando, non vexo eu que a política de multas vaia realmente encamiñada a poñer fin a estas condutas. Multas a Volkswagen polo Dieselgate; multas aos condutores madrileños que non respectan as restricións por causa da contaminación... Todo parece que se resolve con multas, pero a min paréceme que iso non leva a nada.
Como cando un borracho mexou na porta do templo onde exercía de xuíz o meu querido Mulá Nasrudín e este lle puxo de multa unha moeda de prata.
- Non teño máis que esta moeda de ouro -dixo o home-. Déame o cambio.
- Eu non teño cambio -dixo Nasrudín- así que vou quedar coa moeda e ti podes mexar no mesmo sitio mañá.

14 de ago. de 2015

Para que aprendas

Aprender unha cousa significa entrar en contacto con algo do que non tiñas idea. Sé humilde: non intentes confirmar o que cres saber, acepta o que se presente.

Atopeino en King Of Normal, by Wumo

28 de xul. de 2015

Ovos de ouro

Nasrudín rexentaba unha pousada nun camiño por onde un día pasou o rei e apeteceulle tomar unha tortilla. Cando rematou preguntou canto debía, ao que Nasrudín contestou que cen moedas de ouro.
- Vaia, pois si que deben de escasear os ovos por aquí -dixo o rei.
- Non, señor -respondeu Nasrudín-, o que escasea son as visitas dos reis.


Come ovos se che gustan, incluso todos os días, porque os estudos recentes demostran que son beneficiosos para a saúde e non elevan o colesterol. O problema non son os ovos, senón as frituras, así que se en realidade o que che gusta non son os ovos, senón os ovos fritos, si que pode ser un problema, e deberías buscar outra forma de preparación que che permita gozar do delicado sabor da xema case crúa e a clara cociñada pero sen fritir, por exemplo ao forno.

6 de xul. de 2015

Giufà Nasrudín

Contan que Mulá Nasrudín unha vez foi a unha casa de baños pobremente vestido, tratárono entre regular e mal e ao saír deixoulles unha moeda de ouro de propina. Á semana seguinte volveu, ía ricamente vestido e desvivíronse por atendelo. Entón deixoulles unha moeda de cobre, dicindo:
- Esta é a propina polo trato da semana pasada e a da semana pasada, polo de hoxe.

Noutra ocasión, Nasrudín foi mercar un burro á feira. Había moitísima xente que viña de todas partes a mercar e vender, e entre o barullo escoitou a alguén dicir:
- Aquí non hai máis que burros e labregos!
- Nasrudín volveuse a el e preguntoulle:
- Ti tamén es labrego?
- Eu? Desde logo que non!
- Xa, non me digas máis.

Unha noite a muller de Nasrudín espertouno bruscamente:
- Escoita! Non oes? Acaba de entrar alguén na casa. Un ladrón!  Ai, que desgraza, entrou un ladrón!
- Que ben - dixo Nasrudín -. Nós non temos nada que poida roubarnos, a ver se el se deixa algunha cousa.

Mulá (mestre) Nasrudín, simpático personaxe que aparece en moitos contos orientais, soe protagonizar ese tipo de historias que poderiamos definir como parvadas que che fan pensar, cun marabilloso sentido do humor que o aproxima ao koan, tanto pola súa graza desconcertante e iconoclasta como pola súa intención pedagóxica e terapéutica. O arquetipo do tolo, ou parvo, que ao mesmo tempo é sabio, aparece nos contos populares de todo o mundo. Por exemplo, outra versión de Nasrudín é o pobre Giufà

Máis historias deste personaxe: Las ocurrencias del increible Mulá Nasrudín.



5 de xul. de 2015

Cósmica e galáctica

Nasrudín estaba sen traballo e preguntou a algúns amigos a que profesión podía dedicarse. Eles dixéronlle:
- A ver Nasrudín... Ti sabes moito sobre as propiedades medicinales das herbas. Poderías abrir unha farmacia.
Nasrudín deulle voltas á cuestión durante uns días, e finalmente decidiu que ben podía facelo. "Non só abrirei unha farmacia que se ocupe de herbas. Abrirei un establecemento enorme e producirei un gran impacto."
Alugou un local, instalou os andeis e vitrinas, e cando chegou o momento de pintar a fachada colocou un andamio, cubriuno con sabas, e púxose a traballar sen que ninguén puidese ver nada. Toda a xente se preguntaba que estaba facendo pero el non llo deixou ver a ninguén. Ata que un día repartiu panfletos que dicían: "Mañá é o gran día. Inauguración: mañá ás 9". Todas as persoas do pobo e da contorna acudiron e agardaron espectantes fronte á farmacia. Ás 9 en punto saíu Nasrudín e, con xesto teatral, sacou a saba que cubría a fachada da tenda. A xente que alí estaba viu un gran cartel que dicía: "FARMACIA CÓSMICA E GALÁCTICA DE NASRUDÍN". Debaixo, con letras máis pequenas: "Harmonizada con influencias planetarias". A gran maioría de persoas que asistiron á inauguración quedaron moi impresionadas. Aquel día fixo moito negocio, a xente non deixaba de comprar. Pola tarde o mestre da escola do pobo visitouno e díxolle:
- Francamente, Nasrudín, estas afirmacións que vostede fai son un pouco dubidosas...
- Dubidosas por que? -respondeu Nasrudín.
- Iso de cósmica e galáctica, e harmonizada con influencias planetarias, francamente...
- Claro que si-dixo Nasrudín-. Todas as afirmacións que eu fago sobre as influencias planetarias son absolutamente certas. Cando sae o sol, abro a farmacia. Cando o sol se pon, péchoa.

6 de xan. de 2015