Amosando publicacións coa etiqueta sinais. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta sinais. Amosar todas as publicacións

22 de xuño de 2015

Albiscando o futuro

En Paycheck (John Woo, 2003) Michael, o protagonista, constrúe por encarga unha máquina coa que logra mirar o seu futuro inmediato a través dunha fiestra no tempo que pouco despois será borrada das súas lembranzas. Cando todo se torce só contará coa axuda dalgúns obxectos cotiáns aparentemente irrelevantes que gardou antes de que lle borrasen a mente. El sabe que neses obxectos hai unha mensaxe oculta que se enviou a si mesmo, pero cal? A película convértese así nunha metáfora de como nos axuda o Eu Superior: tes que confiar nos sinais que che envía e nos recursos que tes. Tamén contén unha interesante reflexión sobre os inconvenientes de coñecer o futuro:

"A máquina predice unha guerra e iniciámola para evitala; prevé un andazo e xuntamos a todos os enfermos, producíndoo. Calquera futuro que prevea facémolo posible. Entregámoslle o control total. Ver o futuro destruiranos".

Cómpre ter un temple moi especial para mirar máis aló da realidade ordinaria. Sexa o futuro nunha bóla de cristal, o pasado durante unha hipnose regresiva, o alén nunha viaxe chamánica, os arcanos do Tarot, os camiños da vida na Cábala, etc. Poucos poden facelo sen entregar o seu propio poder a cambio, sucede sen decatarse, ao tomar por incuestionable esa visión, crendo que non se pode facer nada porque procede dun poder superior (pero que haxa un poder superior a min non significa que sexa infalible, nin inmutable, nin invencible, non significa que sexa o único poder superior e non haxa outros, non significa que esa visión sexa inevitable, nin significa que non haxa outras liñas temporais posibles, igual son menos probables pero podemos facer por alinearnos con elas).

"Xa cambiei o meu futuro tras utilizar esta máquina, podo volver a cambialo" di Michael tras contemplar o que parece a súa propia morte.

Se algún día temos a ocasión de contemplar algo así, un futuro inmediato tan desfavorable, oxalá teñamos esa profundidade, esa subtileza e ese optimismo necesarios para non darnos por vencidos e loitar non contra a visión, senón contra as interpretacións desfavorables que a nosa mente faga desa visión. 

5 de ago. de 2013

Explicación dos diferentes tipos de guías espirituais

    Hai uns días atopaba, por unha marabillosa sincronicidade en resposta a algo que eu estaba a vivenciar, un vídeo de David Topí, daquela un perfecto descoñecido para min, explicando con claridade meridiana os diferentes tipos de ataques psíquicos. Unha das cousas que explicaba era cómo podes chegar a empoderarte ao superar un deses ataques, descubrir o teu punto fraco e sanalo.
   Como dunha experiencia desagradábel xorde algo agradábel! E entón quero tamén agora poñer o vídeo en que fala dos guías espirituais. Encantoume esta exposición, o que di e como estrutura a información. Ten moitos outros vídeos igualmente interesantes, que vos recomendo encarecidamente, anque xa non os seguirei poñendo aquí porque xa sería redundante, simplemente queda engadida a súa páxina aos favoritos deste blog.

10 de xuño de 2012

1.000 grous

Hai aproximadamente ano e medio, unha tirada en casa de alguén que tiña “La Rueda Medicinal” de Jamie Sams y David Carson (editorial Integral, actualmente descatalogado) me descubriu cousas importantes sobre min mesma. Desde entón procurei, en van, ese precioso libro acompañado de 44 cartas que representan distintos animais de poder dos indíxenas norteamericanos.
Non quedaba outra opción que confeccionar o meu propio libro e xogo de cartas. Cando por fin hai unha semana mo emprestaron para escanear eu ignoraba todo o que se me viña enriba. Púxenme a facer as cartas e iso implicaba escanear, axustar, imprimir, elixir unha cartolina que harmonizase ben para pegalas e así darlles consistencia, recortar e finalmente gozar do resultado... No proceso descubrín moitas cousas e cara ao final comprendín que este era un exercicio de meditación activa poderosísimo.
Dous animais se me presentaron con forza nos meus soños, a min que nunca antes soñara con animais, e engadinos ao mazo como se pode ver no exemplo da ilustración adxunta, o grou, de quen quero falar agora.
Eu descoñecía a lenda xaponesa segundo a cal a persoa que faga 1.000 grous de papel verá cumprido o seu maior desexo. Onte completei o meu mazo con esta marabillosa imaxe e hoxe estiven a procurar información escrita en internet sobre esta ave que sempre me pareceu fascinante. Ao saber da lenda dos 1.000 grous e de Sadako, ocorréuseme mirar como se fai un grou de papel, anque sen esperanzas de facer un porque teño intentado facer moitas figuriñas que me teñen ensinado e nunca fun capaz, por algún misterio só sei facer unha que aprendín de moi nena en preescolar, eu chámolle paxariño que bate as ás... pero en adiante chamareille grou, porque oh bendita sincronía, a ave de papel que levo toda a vida facendo é exactamente un grou.

Agradezo a esta marabillosa ave pola axuda que me está a prestar nesta difícil etapa da miña vida. Quizais fixen 1.000 grous para merecela, se cadra si, pois nonos contei... nonos gardei... pero a lenda di facelos, non di que teñan que gardarse xuntos, eu simplemente fíxenos e solteinos por aí, un para un neno que choraba, outro para pasar o rato na consulta do médico ou na parada do autobús...

Neste blog podes ver as cartas e mesmo facer unha tirada virtual coa Roda Medicinal de que falamos aquí (tes que baixar bastante na páxina, está despois dunha simpática serie de fotos de animais)

Nestoutro blog podes seguir as investigacións doutra persoa usuaria das mesmas cartas, moito máis experta ca min... (xa aprenderei, dádeme tempo, só hai dous días que rematei a "manufactura"... en fin, para ser máis exactos, a primeira fase da manufactura, porque todos os animais que me veñan a falar ireinos engadindo!)

4 de mar. de 2012

Éche unha risa!

O humor "absurdo" é unha das técnicas zen de reflexión. Vai directo ao subconsciente e abre novas canles de comprensión.



.
Ás veces oímos dicir dalgunhas persoas que son moi "intuitivas" ou teñen moita "sorte" e o único que pasa é que seguen os sinais. Primeiro, son capaces de velos, pois moita xente non os ve anque os teña diante; segundo, son capaces de entendelos, pois moita xente os ve pero lles chama "casualidades" ou di "fíxate que curioso" e non lles busca sentido; terceiro, son capaces de respectalos, porque hai quen recibe un aviso pero non lle fai caso porque a súa mente pensante llo impide. Impídello cunha pregunta-trampa do tipo: "Pero que dis, ho, como van caír xamóns do ceo?"
Cando a miña mente pensante me pregunta cousas deste tipo encóllome de ombros e respondo simplemente: non sei. Pero que eu non saiba explicar como é o mecanismo que fai caír xamóns do ceo non me impide apartarme deles.