22 de xuño de 2015

Albiscando o futuro

En Paycheck (John Woo, 2003) Michael, o protagonista, constrúe por encarga unha máquina coa que logra mirar o seu futuro inmediato a través dunha fiestra no tempo que pouco despois será borrada das súas lembranzas. Cando todo se torce só contará coa axuda dalgúns obxectos cotiáns aparentemente irrelevantes que gardou antes de que lle borrasen a mente. El sabe que neses obxectos hai unha mensaxe oculta que se enviou a si mesmo, pero cal? A película convértese así nunha metáfora de como nos axuda o Eu Superior: tes que confiar nos sinais que che envía e nos recursos que tes. Tamén contén unha interesante reflexión sobre os inconvenientes de coñecer o futuro:

"A máquina predice unha guerra e iniciámola para evitala; prevé un andazo e xuntamos a todos os enfermos, producíndoo. Calquera futuro que prevea facémolo posible. Entregámoslle o control total. Ver o futuro destruiranos".

Cómpre ter un temple moi especial para mirar máis aló da realidade ordinaria. Sexa o futuro nunha bóla de cristal, o pasado durante unha hipnose regresiva, o alén nunha viaxe chamánica, os arcanos do Tarot, os camiños da vida na Cábala, etc. Poucos poden facelo sen entregar o seu propio poder a cambio, sucede sen decatarse, ao tomar por incuestionable esa visión, crendo que non se pode facer nada porque procede dun poder superior (pero que haxa un poder superior a min non significa que sexa infalible, nin inmutable, nin invencible, non significa que sexa o único poder superior e non haxa outros, non significa que esa visión sexa inevitable, nin significa que non haxa outras liñas temporais posibles, igual son menos probables pero podemos facer por alinearnos con elas).

"Xa cambiei o meu futuro tras utilizar esta máquina, podo volver a cambialo" di Michael tras contemplar o que parece a súa propia morte.

Se algún día temos a ocasión de contemplar algo así, un futuro inmediato tan desfavorable, oxalá teñamos esa profundidade, esa subtileza e ese optimismo necesarios para non darnos por vencidos e loitar non contra a visión, senón contra as interpretacións desfavorables que a nosa mente faga desa visión. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario