Amosando publicacións coa etiqueta desapego. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta desapego. Amosar todas as publicacións

6 de maio de 2019

Aprendendo a recibir

Talvez a educación que nos deron nos programou para dar: dar sempre foi entendido como xenerosidade, humildade, amabilidade, etc. Esa programación que nos inculcaron leva a desatender o noso propio benestar: sobrevalorando o feito de dar aos demais, esquecemos aprender a recibir. 

Compróbao en ti mesmo: como vives os eloxios, regalos e felicitacións que outros che dan? Es dos que insiste en darlles razóns para que deixen de eloxiarte? Refírome por exemplo ao caso dos que traballan duro e cando os felicitan responden “non foi nada”. Tamén a cando os teus amigos queren darche algo, un regalo polo teu aniversario ou simplemente porque si, sen motivo aparente: é unha expresión do seu afecto e non debe tomarse á lixeira. 

É mellor aceptar os eloxios, recibir con humildade o que che ofrecen, asumir que o mereces, respectar a opinión dos demais sobre a túa valía e simplemente agradecer as súas mostras de afecto. 

Se non te sentes valioso, entón é comprensible que non queiras recibir, pero nesta vida ti formas parte do fluxo de enerxía que se move no proceso de dar e recibir. Cada vez que te empeñas en rexeitar o que a vida ten para ti, interrumpes o fluxo de enerxía universal. Pénsao ben: non pode ser máis valioso dar que recibir, non podemos estar todos dando se non hai ninguén que reciba. Se dar é tan importante, debemos colaborar en que iso siga sucedendo poñéndonos en situación de recibir, para permitirlle ao outro o acto de dar. 

Se alguén dá e non hai ninguén que reciba: está realmente dando? É imposible dar sen que alguén reciba, polo tanto debemos aceptar o rol de recibir como igual de importante, e ademais en igual cantidade: pois que sentido ten dar máis do que recibes? Que intentas demostrar con iso? Se dás máis do que recibes contribúes á falta de equilibrio na túa vida. Se damos máis do que recibimos, hai alguén que está recibindo máis do que dá, e ese non é o mundo que queremos. 

Se non estás disposto a recibir, estás privando a outros de sentirse ben dando. Polo tanto, recibir o que nos dan, e simplemente agradecelo, sen insistir en devolvelo, é un acto de verdadeira humildade.



22 de out. de 2014

Isto tamén pasará


Un xove rei pediu consello aos sabios da corte para asumir dignamente a responsabilidade do goberno. Entón un sabio ancián regaloulle un anel e recomendoulle que periodicamente mirase a inscrición que levaba.
No medio da batalla, trala derrota e a perda de moitos soldados e oficiais do seu exército, o rei mirou o anel e puido ler: 
ISTO TAMÉN PASARÁ.
Pero despois a sorte sorriulle e tras gañar a guerra houbo grandes festexos en todo o país. No medio dos bailes e desfiles, o rei puido ver ao seu sabio conselleiro que lle facía unha inclinación de cabeza. Entón mirou o seu anel, que dicía:
ISTO TAMÉN PASARÁ.

1 de ago. de 2014

Ama a quen te ama e responde a quen te chama

Amar a unha persoa que non te corresponde, pero é tan perfecta e inalcanzable que constitúe un ideal digno de ser amado.
Amar a unha persoa que está comprometida con outra, pero ti es a súa mellor amiga ou amigo e por un lado che di que te necesita e que só contigo pode sincerarse pero por outro lado non te ve como parella cando é iso exactamente o que ti estás desexando, esperando, sempre disponible para as súas confidencias, para acudir á súa chamada, confiando en que un día se entregará a ti completamente.
Amar a alguén que ten outra orientación sexual, pero ti cres que un día cambiará.
Amar a quen o foi todo para ti anos atrás e seguides xuntos pero claro, as cousas cambian e por circunstancias da vida fostes distanciándovos e en canto se solucione o problema dos fillos / da hipoteca / dos papeis do seu divorcio / do seu emprego / da venta do piso ... todo se solucionará e volverá a ser como antes.
Amar a quen te quere con loucura anque en fin, o seu carácter é así, os celos pódenlle e ponse violento, pero só polo moito que te quere, desde fóra pode parecer que che fai dano pero en realidade esa violencia é froito da súa paixón por ti, que non pode controlala, así que podería mesmo considerarse que é unha proba do seu amor.
Amar a quen está a punto a punto de casar contigo, só espera que se resolva un asuntiño de nada, asuntiño que leva anos sen resolverse e vós mantedes a vosa relación en segredo para non prexudicar a outras persoas implicadas.
Amar a alguén do mesmo sexo que non pode admitir en público o que sente por ti porque sería darlle un desgusto mortal a terceiras persoas ou perder algo importante, que el cre imprescindible, como o traballo, a posición social...

Debes comprender que o amor non implica sufrimento. Nunca. Nos casos que vimos de mencionar por un lado temos un sentimento amoroso, e por outro temos lazos de dependencia prexudiciais, intereses creados, malos hábitos adquiridos, crenzas limitantes, en suma toda unha serie de condicionantes que se ben nos manteñen unidos fano con dor, medo ao cambio e frustración. Neste tipo de relacións, polo tanto, predomina o apego, non o cariño.

O apego consiste nunha escravitude, nun lazo que non queremos soltar anque nos manque. Pode darse por varias razóns, por exemplo medo. Medo de que se algo cambia a relación non se sosteña, medo de non atopar nunca outra relación satisfactoria, medo de ferir ou ser feridos, medo de sermos persoas malas e desconsideradas, medo da soedade, da opinión dos demais, de non ser capaces, etcéeeeeetera.

Se cres que non é o teu caso, que non se trata de apego, deberías probar a cortar os lazos limitantes desa relación. Non che estou suxerindo porlle fin á relación en si senón todo o contrario, mellorar a súa calidade, cortar os lazos do apego, da dependencia limitante, da chantaxe emocional, do medo. A relación pode quedar fortalecida, tras unha poda magnífica de todo o superfluo, nacerán gromos novos, fortes e sans. Pero tamén, se non había verdadeiro afecto, podes decatarte de súpeto, ver a realidade sen máscaras e comprender que efectivamente hai que porlle fin. Iso non ten por que significar berros, dramas, choros e traumas, podes cambiar o tipo de relación con esa persoa, sen cortar o trato con ela, ou podedes mesmo manter a relación pero sentando novas bases.

Por exemplo: Rosa leva vinte anos namorada do seu xefe. El está casado, e anque unha vez se deitaron iso non volveu pasar e serviu para reafirmar a súa intimidade e complicidade, pero non para que el se cuestione o seu matrimonio. Continuamente chama a Rosa por teléfono e manteñen longas conversas ata altas horas da madrugada. El asegura que só Rosa o comprende, que son almas xémeas. Rosa está segura de que algún día estarán xuntos. Rosa non está disponible para ningún outro romance porque se entregou a esta fantasía estéril completamente e se coñece algún home interesante non constrúe nada sólido con el porque a súa verdadeira meta é o seu xefe, sempre compara con el a calqueroutro, sempre responde ao teléfono cando el chama, escoita as súas coitas, mesmo que traten das súas amantes. Ela está convencida de ser alguén moi especial na vida del e non quere prescindir de ocupar un lugar tan especial no seu corazón, anque sexa o de confidente, amiga íntima, ou calquera nome que entre eles decidan darlle a esta escravitude de Rosa, porque claramente el non está no mesmo caso de dependencia, esta non é unha relación entre iguais. Un día Rosa decide cortar os lazos prexudiciais que a unen ao seu xefe. Para iso hai varios procedementos e ela escolle unha meditación pedíndolle axuda ao arcanxo Miguel.

Rosa, a soas no seu cuarto, pecha os ollos e imaxina estar fronte ao seu xefe. Explícalle que van proceder a cortar os lazos de dependencia prexudiciais que se foron formando entre eles e pídelle a súa colaboración. Acto seguido chama polo arcanxo Miguel e pídelle a súa colaboración. Imaxina a Miguel arcanxo dándolle o aspecto que considere, non se obsesiona con isto, simplemente sabe que é un ser fermoso e bondadoso que porta unha gran espada. Rosa comeza a visualizar un por un os lazos que saen do seu corpo e van ao corpo do seu xefe. Algúns son lazos dourados moi fermosos que unen as súas cabezas, outros saen do corazón e doutras partes do corpo. Rosa visualiza todos estes lazos, fíxase en como son, de que material están feitos, de que partes do corpo saen. Cando xa os está vendo todos, pídelle a Miguel que os corte, que corte todos os lazos prexudiciais entre eles. Miguel córtaos coa súa espada. A continuación é importante recoller os cabos destas ataduras e conectalos ao seu propio corpo. Rosa recolle os extremos dos seus lazos e conéctaos no seu corpo, e asegúrase de que o seu xefe faga outro tanto. Cando ambos remataron, Rosa agradece ao seu xefe e a Miguel arcanxo a súa participación e abre os ollos, aliviada.

Ao día seguinte no traballo todo semella igual que sempre, pero pola noite Rosa sae cun grupo de amigas e cando o seu móbil soa as doce da noite cunha chamada do seu xefe decide non collelo. Ao día seguinte o seu xefe pregúntalle por que non colleu o teléfono e ela responde cun sorriso que era demasiado tarde e pídelle que en adiante faga o favor de non chamar tan a deshora.

AMPLIA ESTA INFORMACIÓN

17 de xan. de 2014

Participar

Recentemente me falaron mal dunha personaxe pública moi exitosa, un artista multimillonario famoso ademais polo seu labor social. O reproche que lle facían consistía en que, se de veras é unha persoa altruísta, non debería ser millonario.
A persoa que facía estas críticas non comprende ben o proceso de dar e recibir. Seguramente lle inculcaron que a espiritualidade consiste no sacrificio persoal, en dalo todo polos demais, na falsa humildade, o non merecemento. Institucións poderosas se perpetuaron a si mesmas e exerceron o dominio sobre a xente inoculándonos esas crenzas: dáo todo polos demais. A igrexa católica, os exércitos, a disciplina de partido. Zombis obedientes, mártires ao servizo dunha abstracción que se percibe como "un ben maior".
O amor ao próximo pasa polo amor a un mesmo. O amor incondicional pasa polo propio amor ao ser de luz que eu son, e que merece todo o mellor, e que acepta o prezo do seu traballo. Por que me ía amar menos a min que aos demais? O mandato presente en todas as relixións é "ama aos demais como a ti mesmo" non "máis que a ti mesmo". Porque necesito aprender a amar comezando por min mesma para así poder entregar despois un amor limpo de trampas, incondicional, aos demais. Só así poderei amar aos demais desinteresadamente e non para que eles me amen a min, me valoren e me louven porque necesito que outros me amen dado que eu teño prohibido amarme.
O mesmo sucede con dar e recibir. Dar e recibir son aspectos dunha mesma cousa que é participar. Todos debemos aprender a dar, pero tamén a recibir. Por que non acepto que me paguen, en millóns se así o estipula a industria do espectáculo en que me movo? E por que non vou mercar un casoplón con ese diñeiro se iso contribúe ao meu benestar? Só cando o teña sentirei e comprenderei ata que punto non o necesito. Hai que ser pobres de espírito, non pobres de solemnidade! Pobres de espírito significa que no meu interior eu non sinto apego polas miñas pertenzas. Quen é realmente libre: o que ten moitas posesións pero non está apegado a elas ou o que ten só tres ou catro cousas sen as cales pensa que non pode vivir?
A espiritualidade non está reñida en absoluto coa riqueza material. Ao contrario, se eu comprendo as leis universais e as sigo, o universo me apoiará en todo o que eu emprenda.
Non se dixo que era imposíbel que un rico entrase no reino dos ceos, senón que era difícil.
Aprende a compartir. E iso significa dar e recibir. Non pretendas dalo todo polos demais. Acepta a remuneración que che corresponda. Non gaña quen máis dá ou quen máis recibe. Non se trata de dar nin de recibir senón de participar. Para que o acto de dar se produza ten que producirse tamén o acto de recibir. Aprende a recibir para que así outros aprendan a dar e a enerxía siga fluíndo polo universo.
Se só dás e non recibes, se non sabes aceptar a prosperidade, é un síntoma de que non te amas a ti mesmo. E se non te amas a ti mesmo, cando te entregas a min non me dás nada de valor.
Ámate, porque ti es unha parte importante do universo ao mesmo nivel que os demais seres humanos, as árbores, as estrelas e os planetas. Ti es un fío que sostén a trama do cosmos, non podes amar todos os demais fíos menos ese: todo o contrario, comeza por amar ese que é o que tes máis perto, o que mellor coñeces e o instrumento necesario para comunicar o teu amor aos demais.

15 de nov. de 2013

Desapego

Esta fin de semana podes aproveitar para deixar ir todo o que non necesitas, practicar o desapego. E o desapego farache libre.
Un gran xeneral, heroe da guerra, xa retirado, estaba na casa admirando todos e cada un dos trofeos que conseguira ao longo de tantos anos de batallas e sen querer deulle un golpe a un xarrón. Case o tira ao chan pero por sorte non lle pasou nada, puido collelo no aire. Era un xarrón moi valioso. Tanto que, do susto, o xeneral comezou a suar e a tremer. "Case o rompo" dixo. De súpeto o xeneral pensou: "Tantas batallas e tanto valor, e agora por un simple xarrón póñome a tremer?" Entón colleu todos os xarróns e todos os trofeos e tirounos.