17 de xan. de 2014

Participar

Recentemente me falaron mal dunha personaxe pública moi exitosa, un artista multimillonario famoso ademais polo seu labor social. O reproche que lle facían consistía en que, se de veras é unha persoa altruísta, non debería ser millonario.
A persoa que facía estas críticas non comprende ben o proceso de dar e recibir. Seguramente lle inculcaron que a espiritualidade consiste no sacrificio persoal, en dalo todo polos demais, na falsa humildade, o non merecemento. Institucións poderosas se perpetuaron a si mesmas e exerceron o dominio sobre a xente inoculándonos esas crenzas: dáo todo polos demais. A igrexa católica, os exércitos, a disciplina de partido. Zombis obedientes, mártires ao servizo dunha abstracción que se percibe como "un ben maior".
O amor ao próximo pasa polo amor a un mesmo. O amor incondicional pasa polo propio amor ao ser de luz que eu son, e que merece todo o mellor, e que acepta o prezo do seu traballo. Por que me ía amar menos a min que aos demais? O mandato presente en todas as relixións é "ama aos demais como a ti mesmo" non "máis que a ti mesmo". Porque necesito aprender a amar comezando por min mesma para así poder entregar despois un amor limpo de trampas, incondicional, aos demais. Só así poderei amar aos demais desinteresadamente e non para que eles me amen a min, me valoren e me louven porque necesito que outros me amen dado que eu teño prohibido amarme.
O mesmo sucede con dar e recibir. Dar e recibir son aspectos dunha mesma cousa que é participar. Todos debemos aprender a dar, pero tamén a recibir. Por que non acepto que me paguen, en millóns se así o estipula a industria do espectáculo en que me movo? E por que non vou mercar un casoplón con ese diñeiro se iso contribúe ao meu benestar? Só cando o teña sentirei e comprenderei ata que punto non o necesito. Hai que ser pobres de espírito, non pobres de solemnidade! Pobres de espírito significa que no meu interior eu non sinto apego polas miñas pertenzas. Quen é realmente libre: o que ten moitas posesións pero non está apegado a elas ou o que ten só tres ou catro cousas sen as cales pensa que non pode vivir?
A espiritualidade non está reñida en absoluto coa riqueza material. Ao contrario, se eu comprendo as leis universais e as sigo, o universo me apoiará en todo o que eu emprenda.
Non se dixo que era imposíbel que un rico entrase no reino dos ceos, senón que era difícil.
Aprende a compartir. E iso significa dar e recibir. Non pretendas dalo todo polos demais. Acepta a remuneración que che corresponda. Non gaña quen máis dá ou quen máis recibe. Non se trata de dar nin de recibir senón de participar. Para que o acto de dar se produza ten que producirse tamén o acto de recibir. Aprende a recibir para que así outros aprendan a dar e a enerxía siga fluíndo polo universo.
Se só dás e non recibes, se non sabes aceptar a prosperidade, é un síntoma de que non te amas a ti mesmo. E se non te amas a ti mesmo, cando te entregas a min non me dás nada de valor.
Ámate, porque ti es unha parte importante do universo ao mesmo nivel que os demais seres humanos, as árbores, as estrelas e os planetas. Ti es un fío que sostén a trama do cosmos, non podes amar todos os demais fíos menos ese: todo o contrario, comeza por amar ese que é o que tes máis perto, o que mellor coñeces e o instrumento necesario para comunicar o teu amor aos demais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario