Acudir ao psicólogo está moi ben, sempre que sexa necesario, pero igual que cando hai andazo de gripe se dan unhas recomendacións xerais para non saturar os servizos de urxencias porque non é necesario, deberiamos comprobar, antes de considerar que padecemos algún trastorno psicolóxico, cales son os nosos hábitos mentais e emocionais e introducir algunhas melloras saudábeis.1) Descansar o necesario. A maioría da xente precisa oito horas de sono, pero comproba exactamente cal é o teu caso porque talvez precises máis. Se non te concedes un sono reparador, adecuado en cantidade e calidade ás túas necesidades persoais, probabelmente terás algunha resposta emocional esaxerada ao longo do día. Observa o que acontece cos nenos pequenos, como se poñen de irritabeis cando non dormen, en cambio se dormen ben están de bo humor, aprenden e xogan e pasan o día agradabelmente (eles e quen conviva con eles...) O mesmo pasa cos adultos.
2) Comer ben e facer exercicio. Unha dieta saudabel faiche menos vulnerable a unha longa serie de problemas, entre eles a falta de control das emocións. Existen moitos trastornos alimentares directamente relacionados coa xestión emocional, desde o comedor compulsivo ás vítimas da anorexia. Hai que comer dunha maneira racional, sa, equilibrada e completa. Encontrarás moita información na Rede ou no teu centro de saúde. Respecto ao exercicio, non é preciso que te apuntes ao xinmasio se non te atrae a idea pero procura como mínimo dar un paseo de media hora todos os días. Entre moitas vantaxes axúdache a manter san o corazón e aumenta a produción de endorfinas.
3) Establecer relacións de calidade. Ter polo menos dúas ou tres persoas de confianza con quen compartir os máis íntimos pensamentos e sentimentos aporta numerosos beneficios emocionais, sociais e psicolóxicos.
4) Rompe coa rutina. Cambia a ruta que fas todos os días, vai ao traballo por outro sitio, colle outro transporte, almorza nunha cafetaria nova, queda con persoas diferentes despois do traballo, organiza o teu despacho de xeito distinto, pinta as paredes do teu dormitorio, renova o teu vestiario ou corte de pelo, cambia de menú. Sentiraste máis vital, aumentará a túa creatividade, a sensación de poder e a liberdade, o teu cerebro funcionará mellor, será máis divertido... Cambia algo, anque só sexa unha cousiña trivial, da túa rutina diaria.
5) Infórmate ben sobre as tensións que sofres. Debes identificar claramente o que che afecta e por que che afecta, así non te deixarás arrastrar polo medo. Aprende estratexias para a resolución de problemas, como falar en publico, asertividade, etc. Hai moitos recursos gratuitos sobre estes temas na Rede.
6) Aprende a calmarte. Se estás moi tenso ou con moita ira, ou se negas ter un problema, é posíbel que a soa palabra "ioga" ou "meditación" che produza espullas. Pero se a túa conversa interior está chea de xuízos negativos (sobre os demais, sobre a vida, sobre ti mesmo) hai que tomar medidas para cambiar eses pensamentos. Por cada idea negativa que se che ocorra busca unha positiva. Reflexiona polo menos unha vez ao día sobre os teus puntos fortes e a túa capacidade para asumir situacións difíciles. Se as túas emocións tenden a meterte en problemas, pensa en como desexas responder a próxima vez que teñas sentimentos como o medo, a tristeza ou a frustración e prepárate para reaccionar desa nova maneira cando chegue o momento. Ademais non é certo que as emocións sexan incontrolábeis, é posibel ter unha emoción moi forte e pensar ao mesmo tempo.
7) Fai algo divertido cada día. Concédete tempo cada día para as túas afeccións, busca algo que facer por puro pracer, desde coleccionar algo ata tocar un instrumento, acepta o desafío diso que sempre che fascinou pero pensabas que estaba fóra do teu alcance: apúntate a unhas clases do que sexa, pintura, cociña, boxeo. Se o gasto económico te preocupa, procura en internet: sorprenderaste da cantidade de cousas que podes aprender gratis.
Ningún comentario:
Publicar un comentario