Ser empático é poñerte na situación do outro e comprendela, pero non é sufrir o que el sofre, nin sentir a mesma dor que el sente, nin interpretar desde a túa mente a experiencia pola que esa persoa debe de estar pasando e facela propia. Non es ti quen pasa por esa experiencia, non es ti quen ten unha aprendizaxe vital que recoller aí. Todas as experiencias son dignas de agradecer cando as vemos cunha perspectiva mais ampla, como leccións da alma que son, pois traen aprendizaxe e luz para quen as vive, pero cando te pos a vivenciar a dor doutra persoa o que estás facendo só é recrear desde a túa mente a dor que imaxinas que esa persoa está pasando. En realidade inventas unha película co que ti cres que lle pasa, pero desde a túa experiencia e aprendizaxe.
Todos fomos educados na crenza de que o sacrificio e o sufrimento son bos. Socialmente está ben visto que nos sintamos mal cando outros sofren, se non o facemos así non se nos considera boas persoas. Inculcáronnos que para apoiar a quen o pasa mal debemos estar tristes, con mala cara, non debemos expresar que estamos ben, todo o contrario, os que acompañan as persoas que sofren adoitan contar o seu propio sufrir, sexa actual ou pasado, nun falso intento de axudar, porque a final o ego acaba apropiándose da situación: mesturando o sufrimento do outro co propio fortalécese o ego. Ao outro non lle axuda nada que ti te poñas a sufrir a súa pena e digas: é que eu son moi sensible, non o podo evitar. Pénsao con calma: non ves que o protagonista dese dramón que estás construíndo es ti? O ego xoga o seu papel demostrando que es unha persoa bondadosa e boa por sufrir co sufrimento dos demais. Pero cres que a persoa que o pasa mal pode saír do sufrimento con máis sufrimento? Crer que a persoa que sofre se sentiría mellor vendo sufrir a outros... Pero qué concepto tes dela entón? Qué clase de estima lle tes ou che ten?
A necesidade de constatar o bos que somos, as conviccións morais que nos inculcaron,
todo isto son programacións mentais das que debemos liberarnos. Cando acompañemos a alguén que sofre ofrezámoslle o noso cariño, non o noso sufrimento. Ofrezámoslle axuda, consolo, compañía, permitámoslle expresarse se o desexa animándoo a falar, preguntándolle, asentindo. Aprendamos a escoitar sen interrumpir para dicir o mal que nos sentimos nós, e sen poñernos de exemplo contando como nos comportamos nós nunha situación similar.Se a nosa intención é axudar aos demais temos que estar ben enteiros, non sumidos na súa dor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario