Amosando publicacións coa etiqueta mestres. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta mestres. Amosar todas as publicacións

2 de dec. de 2016

Como che digo unha cousa dígoche outra

  Unha das miñas historias favoritas conta que un mestre zen estaba tranquilamente descansando no xardín dun mosteiro cando se lle achegou un novicio.
  - Mestre: Deus existe, verdade? -preguntoulle.
  - Si, claro que existe -respondeu el, e o monxe marchou contento.
  De alí a pouco achegóuselle outro novicio e díxolle:
  - Mestre, en realidade Deus non existe, verdade?
  - Non -respondeu el-, non existe.
  Este monxe tamén marchou satisfeito, pero de alí a un pouco achegóuselle outro:
  - Mestre, eu non sei se Deus existe ou non: ti que pensas?
  - Eu tampouco o sei -respondeu el.
  Cando o terceiro monxe marchou achegóuselle outro que estivera todo o tempo alí sentado detrás dun arbusto. 
  - Sei o que fixeches -díxolle-. Oín como ao primeiro monxe lle dixeches que Deus existe, ao segundo dixécheslle que non, e ao terceiro que non sabes. Se non o sabes, por que mintes? Non es máis que un farsante!
  - Díxenlle a cada un o que precisaba oír para seguir o seu camiño, pois cada un ten a súa propia maneira de aprender. O primeiro monxe veu a min coa súa certeza pois el aprende a través da afirmación na súa fe, o segundo aprende mediante a negación e o terceiro mediante a dúbida. Todos os camiños son igualmente dignos de ser percorridos, eu só animei a cada un deles a perseverar no camiño que escolleu. 
  No labirinto da vida e da aprendizaxe, a miúdo me sorprendo a min mesma actuando coma este mestre, malia o desconcerto dos que descobren de cando en vez as miñas supostas contradicións. 
  Cada persoa está nun momento único da súa evolución persoal e cómpre respectalo. Xa sei, moitos de vós pensades que se alguén (por exemplo, eu) descubriu unha verdade importante debe compartila, pero en serio credes que se pode facer mudar de opinión a outra persoa? Cada un cambia de opinión por si mesmo, cando chega ao punto en que a súa vida o pon na disxuntiva de facelo. Discutir con alguén que ten unha certeza non conduce máis que a axudalo a reafirmarse nela. Mellor apóiao naquela traxectoria, de entre as que están disponibles para el nese momento, que conduce a facer que se convirta na mellor versión de si mesmo.

20 de xuño de 2015

A influencia sobre os demais

Observa ao teu redor, as condutas da xente, as súas conversas, as opinións que expresan, os plans que fan. Cantas persoas do teu entorno cres que son verdadeiramente creativas e innovadoras?

A gran maioría das persoas non son pioneiras, senón imitadoras. Isto é algo natural, terás oído falar das neuronas espello, que desempeñan un papel importantísimo nas nosas aprendizaxes e relacións sociais.

Así que a próxima vez que queiras persuadir a alguén non insistas en ofrecerlle datos, probas ou argumentos, ofrécelle tamén o teu exemplo. Permite que observen a túa vida e os resultados que obtés coa túa praxe, e entón decidirán.


17 de out. de 2014

Matasqué... Namasté...


 Isto escríboo para min porque estou demasiado habituada a que todo me flúa ás mil marabillas e actualmente teño un asuntiño por resolver que é un auténtico crebacabezas no que me sinto como se me faltasen pezas...
  Ás veces pasa. Non me vou sentir culpábel, estou facendo todo o posíbel, probando estratexias diferentes, pedindo opinións,  xa encontrarei algo que funcione, todo está ben así, non estou facendo nada mal, de momento só atopei 999 maneiras de como non se fai unha lámpada, estou máis cerca de atopar a receita que funciona, xa me falta menos. Hai unha solución e vouna atopar, sen meterme a culpar a ninguén desta situación, quen non fixo que, ou se a administración debería tal ou cal cousa, o que quero agora son solucións. ÁNIMO! Non é que non o podo facer, é que aínda non lle dediquei o tempo suficiente...
  É un reto que a vida me pon, seguramente porque detrás del hai algunha aprendizaxe importante para min, unha oportunidade para crecer que estou necesitando. Seguramente eu mesma bloqueei esta aprendizaxe noutras ocasións, cando se me presentou de maneira menos traumática, e por iso agora volve a min, e seguirá volvendo cada vez con máis forza ata que eu a acepte e descubra onde está o bloqueo, onde me entrampo, confundo e atasco.
 Teño unha amiga que un día me dixo, falando por teléfono, "me atasqué" e eu entendín "namasté" producíndose durante uns segundos un diálogo absurdo e divertido que desde entón dá pé a algunhas bromas en clave moi simpáticas entre nós. E agora penso: "Namasté" ao problema que estou tendo. "Namasté" ao atasco en que me atopo e a todos os que interveñen nel. O buda que hai en min saúda ao buda que hai na persoa con quen me estou atascando, recoñéceo como mestre para esta aprendizaxe en concreto e agradece a lección que me está dando. Aínda non sei cal é pero estou disposta a prestar máis atención e descubrila. Sei que no momento en que eu a aprenda o atasco desaparecerá.

19 de xuño de 2014

De mestres e aprendices


Proverbio oriental.
Unha reflexión interesante tanto nesta altura, 
final do curso académico, como no contexto espiritual.

11 de abr. de 2014

Cinco razóns para botar unhas risas

Hoxe entregamos as notas do segundo trimestre. Máis de 20 anos nesta profesión fóronme dando ferramentas non só pedagóxicas senón tamén emocionais para facer do proceso de ensino-aprendizaxe algo que mereza a pena ser vivido e compartido. Unha das que máis emprego é o humor, por moitas razóns que vou resumir agora, destacando cinco funcións principais das moitas que presenta:

1-Función pedagóxica e motivadora: O humor favorece os procesos de ensino e aprendizaxe, facilita un contexto ameno e motivador, activa o interese e o entusiasmo pola temática que se estea traballando e contribúe a realizar aprendizaxes significativas.

 2- Función de distensión: Posibilita un clima de cordialidade e confianza, favorece a cohesión grupal, crea e reforza os vínculos entre as persoas; axuda a liberar a tensión acumulada e a desdramatizar as preocupacións. O humor canaliza as situacións imprevistas ou conflictivas axudando reducir a tensión ou a ansiedade. Actúa contra os ataques desmontando a hostilidade latente e desdramatizando conflitos.

 3-Función intelectual: O humor búrlase dos pensamentos distorsionados e das crenzas irracionais, obriga a elaborar e xestionar a información desde outras perspectivas cognitivas.

 4-Función creativa: O humor ofrece unha visión crítica da realidade, estimulando así o pensamento lateral ou diverxente; potencia a imaxinación como elemento fundamental na resolución de problemas e descobre conexións novas que potencian a imaxinación e a orixinalidade.

 5-Función terapéutica: O humor utilízase para tratar e resolver trastornos emocionais desde varias formulacións psicolóxicas. Rir descarga o nerviosismo físico, alivia a tensión psicolóxica xeral, mellora o sistema cardiovascular e potencia a enerxía interior.

Que pases unha moi feliz Semana Santa!!






1 de out. de 2013

Experiencia mística no Museo Provincial de Lugo

Francesco é un ser de luz, como se ve, sen darlle moitas voltas, na súa conduta, na súa maneira de estar consigo mesmo, cos demais e coa natureza.
Resulta difícil saber con certeza, do que chegou ata nós, que cousas son certas e cales inventadas a posteriori, pero en xeral parece ser que naceu nunha familia rica e viviu unha xuventude ideal, como Buda, afastado de toda miseria ata que tropeza coa desgraza allea, no seu caso un leproso. Despréndese entón de todo o innecesario para vivir unha vida máis auténtica e na relixión que practicaba propuxo tamén iso mesmo. Foi o primeiro caso de estigmas que se coñece, pero nunca se gabou de tal cousa, moi polo contrario, ocultábao, comezou a calzarse e usaba luvas ou metía as mans dentro das mangas da túnica.
Por outra parte, como Usui, retirouse nunha montaña onde permaneceu en xexún ata que unha gran bóla de luz dourada descendeu sobre el, e como calquera chamán, andaba por aí dun lado a outro considerando irmáns ao sol, á lúa... e o lobo.
O 4 de outubro é o seu día, segundo o santoral católico. Podes aproveitar esa enerxía para meditar na súa traxectoria e nas súas ensinanzas. Se ademais estás en Lugo ou arredores non deixes de visitar a conmovedora escultura de Asorey no Museo Provincial. Con aparente simplicidade, aúna elementos de distintas tradicións espirituais dunha maneira realmente inspirada: mostra a un ser iluminado cos ollos entornados como en meditación zen, as mans en alto como canalizando reiki, xunta a árbore do mundo e en compañía do seu animal de poder, o irmán lobo.
Paz e Ben!

5 de ago. de 2013

Explicación dos diferentes tipos de guías espirituais

    Hai uns días atopaba, por unha marabillosa sincronicidade en resposta a algo que eu estaba a vivenciar, un vídeo de David Topí, daquela un perfecto descoñecido para min, explicando con claridade meridiana os diferentes tipos de ataques psíquicos. Unha das cousas que explicaba era cómo podes chegar a empoderarte ao superar un deses ataques, descubrir o teu punto fraco e sanalo.
   Como dunha experiencia desagradábel xorde algo agradábel! E entón quero tamén agora poñer o vídeo en que fala dos guías espirituais. Encantoume esta exposición, o que di e como estrutura a información. Ten moitos outros vídeos igualmente interesantes, que vos recomendo encarecidamente, anque xa non os seguirei poñendo aquí porque xa sería redundante, simplemente queda engadida a súa páxina aos favoritos deste blog.

5 de mar. de 2013

Ego sum



A maioría da xente que fala de "iluminación" non procura unha transformación radical senón só poñer tiritas, remendar algúns aspectos concretos que non van ben na súa vida e seguir co resto como antes da crise, sen grandes cambios. Pero ai, pobres, como dean cunha persoa poderosa e carismática disposta a salvalos! Peor aínda, ai deles se chegan a crerse chamados a salvar a outros! Simplemente varrer a propia casa, pulir o propio ego, é a mellor empresa en que un pode comprometerse.

16 de ago. de 2012

Educación alternativa, educación prohibida

Unha profunda reflexión sobre como é o sistema educativo imperante e por que, e o máis importante, unha interesante achega de propostas alternativas.


Queres vela? AQUÍ

10 de xuño de 2012

1.000 grous

Hai aproximadamente ano e medio, unha tirada en casa de alguén que tiña “La Rueda Medicinal” de Jamie Sams y David Carson (editorial Integral, actualmente descatalogado) me descubriu cousas importantes sobre min mesma. Desde entón procurei, en van, ese precioso libro acompañado de 44 cartas que representan distintos animais de poder dos indíxenas norteamericanos.
Non quedaba outra opción que confeccionar o meu propio libro e xogo de cartas. Cando por fin hai unha semana mo emprestaron para escanear eu ignoraba todo o que se me viña enriba. Púxenme a facer as cartas e iso implicaba escanear, axustar, imprimir, elixir unha cartolina que harmonizase ben para pegalas e así darlles consistencia, recortar e finalmente gozar do resultado... No proceso descubrín moitas cousas e cara ao final comprendín que este era un exercicio de meditación activa poderosísimo.
Dous animais se me presentaron con forza nos meus soños, a min que nunca antes soñara con animais, e engadinos ao mazo como se pode ver no exemplo da ilustración adxunta, o grou, de quen quero falar agora.
Eu descoñecía a lenda xaponesa segundo a cal a persoa que faga 1.000 grous de papel verá cumprido o seu maior desexo. Onte completei o meu mazo con esta marabillosa imaxe e hoxe estiven a procurar información escrita en internet sobre esta ave que sempre me pareceu fascinante. Ao saber da lenda dos 1.000 grous e de Sadako, ocorréuseme mirar como se fai un grou de papel, anque sen esperanzas de facer un porque teño intentado facer moitas figuriñas que me teñen ensinado e nunca fun capaz, por algún misterio só sei facer unha que aprendín de moi nena en preescolar, eu chámolle paxariño que bate as ás... pero en adiante chamareille grou, porque oh bendita sincronía, a ave de papel que levo toda a vida facendo é exactamente un grou.

Agradezo a esta marabillosa ave pola axuda que me está a prestar nesta difícil etapa da miña vida. Quizais fixen 1.000 grous para merecela, se cadra si, pois nonos contei... nonos gardei... pero a lenda di facelos, non di que teñan que gardarse xuntos, eu simplemente fíxenos e solteinos por aí, un para un neno que choraba, outro para pasar o rato na consulta do médico ou na parada do autobús...

Neste blog podes ver as cartas e mesmo facer unha tirada virtual coa Roda Medicinal de que falamos aquí (tes que baixar bastante na páxina, está despois dunha simpática serie de fotos de animais)

Nestoutro blog podes seguir as investigacións doutra persoa usuaria das mesmas cartas, moito máis experta ca min... (xa aprenderei, dádeme tempo, só hai dous días que rematei a "manufactura"... en fin, para ser máis exactos, a primeira fase da manufactura, porque todos os animais que me veñan a falar ireinos engadindo!)

23 de maio de 2012

Ilusións desilusionantes

Inmersos na "terceira dimensión", unha conciencia baseada no ego, vivimos unha realidade enerxética na que predominan certos enganos:

1. A perda da mestría O primeiro engano é o da perda da mestría. Esquecemos, mentres vivimos na terra, que somos creadores de todo o que sucede na nosa vida. Non recoñecemos o que sucede nas nosas vidas como creación nosa, mesmo pensamos que somos unhas vítimas. Pensamos que hai poderes máis grandes ca nós, que poden determinar a nosa vida. Esta é a perda da mestría.

2. A perda da unidade Consiste en non recoñecer a unidade entre cada un de nós e os outros, e o mundo. Dentro da conciencia baseada no ego existe a convicción de que todos nós estamos separados uns doutros, cada un nun corpo separado. Existe a crenza de que vivimos nese corpo e que custa moito traballo contactar aos demais. É o engano do corpo como unha prisión.

3. A perda do amor Neste mundo relativamente escuro, onde hai tanto desamor, confúndese amor con toda clase de cousas que non o son, como admiración e dependencia emocional.

Entre o limitado da nosa visión, o noso apego ao pouco que vemos e a presión social para que malia os cambios todo siga igual, o espertar non é doado nin indoloro.





Amplía estas reflexións cunha interesante entrada sobre a nosa percepción dos cambios AQUÍ

15 de abr. de 2012

Cando o discípulo está preparado, o mestre aparece


Cando se fala de mestres espirituais a xente soe pensar naqueles que nos provén de información ou nos inspiran co exemplo da súa vida. Pero isto non é moi exacto, o feito de que alguén transmita determinada información non o coloca nun plano superior e cada vez que idealizamos a unha persoa estamos engordando os nosos egos (o dela e o noso).

Un mestre non é coma un libro, que nos dá información teórica e máis nada. Hai moitos tipos de mestres. Hoxe anímote a reparar noutros mestres espirituais: os que veñen "disfrazados" de fillos, pais, xefes, amigos, inimigos... e en xeral, calquera que nos dea problemas. Ás veces poden ser animais, plantas, enfermidades, que tamén nos obrigan a aprender póndonos a proba.

Algunhas persoas van a igrexas, asembleas ou escolas esotéricas, onde repiten que Deus é Amor, pero logo van ás súas casas e pelexan cos seus familiares, critican aos veciños, odian aos seus xefes, aos políticos, aos animais, a individuos doutras razas ou culturas... aínda non aprenderon a lección e terán que enfrontarse unha e outra vez coa mesma situación ou persoa ata que aprendan a mostrar amor. Existe unha Lei no Universo: todo o que nos molesta, complica, enreda, todo o que odiamos se nos "pega", e así será ata que aceptemos esa situación, agradezamos o que nos aporta e mesmo cheguemos a amalo: entón ese problema ou esa persoa se transforma no noso mestre espiritual para ese momento da nosa vida.

2 de abr. de 2012

En que consiste ser mestre?

Estes días quero reflexionar sobre a mestría. A mestría, en xeral: en que consiste ser mestre? Pénsao uns momentos. Mestre de Primaria. Mestre canteiro. Mestre director de orquesta. Mestre en calquera das acepcións desta palabra a ver: que é exactamente? Pénsao seriamente. Toma o tempo que precises. Mestre espiritual. Sanador. Iluminado. Gurú. En que consiste isto, de que trata?

Que esperas dun mestre? Acaso esperas que te guíe, te console, te aconselle, tome decisións por ti? Ou esperas que che presente toda a información do cosmos ben clariña e ordenada para que poidas elixir facilmente? Ou se cadra esperas que sexa un modelo de conduta, sempre dono de si mesmo, nunca unha palabra fóra de sitio, sublime sen interrupción, todo luz nunca sombra, puro espírito, como San Antonio Bendito, que ni come ni bebe y está gordito?

Se cadra o teu mestre decepcionouche porque fuma, porque come carne, porque cobra tarifas abusivas por un cursiño de fin de semana, porque casou  ou porque se divorciou, porque aprobou unhas oposicións de funcionario, porque che dixo que lle doía a cabeza e o deixases en paz e che colgou o teléfono? Decepcionouche porque leva anos falando de autosanación e acaban de diagnosticarlle unha enfermidade autoinmune?

Hoxe propóñoche reflexionar sobre unha verdade espiritual moi profunda e de difícil comprensión, que é a seguinte: caga o rei e caga o papa, de cagar ninguén escapa.

Unha película extraordinaria que tiven ocasión de ver por primeira vez na miña infancia, rever na adolescencia e volver a ver na idade adulta é La gran evasión (Jonh Sturges, 1963). Esta pelí­cula baséase nun suceso real, con guión de James Clavell e W.R. Burnett, un reparto perfecto e unha banda sonora de Elmer Berstein que debe de ser a máis tarareada da historia en difícil empate con El puente sobre el río Kwai.

A película é un auténtico clásico e polo tanto en cada época da vida permite diferentes lecturas, como tamén ir atopando diferentes valores en cada un dos protagonistas: Steve McQueen nunha das personaxes que máis contribuiu á súa lenda, ben sexa pechado na "neverra" coa pelota de béisbol ou nesa secuencia de fuxida coa moto que figura en todas as antoloxías; o atormentado Richard Attenborough, cerebro organizador da fuga; un Charles Bronson escultural que excava os túneles malia a súa claustrofobia (este é o máis iluminado anque nono pareza, porque pasa todiña a película confrontando o seu medo máis profundo); o dandy conseguidor James Garner; o desvalido e perfeccionista falsificador de documentos Donald Pleasance; James Coburn véndoas vir nunha terraza de París... mesmo Von Luger me cae ben (Hannes Messemer) o nazi menos entusiasta que nunca se viu, transmitindo o seu desacordo sen palabras, sobre todo ao final dando explicacións pouco convincentes sobre os 50 mortos ...

Para min o máis conmovedor é Mac (Gordon Jackson). Un tipo discreto, a eminencia gris, de alcume "Intelixencia", o segundo de abordo, o mestre,  o que avisa a todos do vello truco usado polas autoridades para descubrilos: apréndelles alemán para que se desenvolvan cando estean fóra e introduce no medio da conversa unha observación en inglés do tipo "o seu alemán é excelente" ao que a maioría case sempre responde "grazas" delatándose con iso... Mac, a mente pensante, o profe que sabe a teoría. Ao final Mac é atrapado exactamente co mesmo truco sobre o cal advertía aos demais. Ao subir a un autobús, un oficial alemán deséxalle sorte en inglés... e el, precisamente el, responde. A mente pensante. Precisamente.


En que consiste ser mestre?
Pois si, efectivamente, consiste en intentalo.
Se o teu mestre (profesor, pai, médico, etc.) fose tan perfecto como ti queres, xa non estaría nesta dimensión. Tamén el ten que superarse, tamén el ten as súas probas, se cadra ti es unha delas. Porque rematou o tempo das clases maxistrais, agora todos somos mestres de todo para todos.
Porque un mestre é exactamente coma ti, cos teus medos e dúbidas, coas túas cargas, con todo o teu ser. Ti es o meu mestre tamén, e mestre do teu mestre, como tamén eu o son, anque me pregunte de que ou me encolla de ombros perante a maioría das túas preguntas. Porque todos e todas, que somos UN, estamos agora a construír unha mestría colectiva, somos un equipo como o da película que hoxe che propoño e avanzamos xuntos a través do túnel.
Eu non sei, nin ningún mestre sabe, o que vai pasar:  poida que se derrube o túnel, ou o descubran, ou nos capturen e regresemos á "neverra", ou nos fusilen... ou cheguemos remando aos lagos de Finlandia. Ningún mestre o sabe. Non somos mestres de certezas.

28 de xan. de 2012

A iluminación é unha consciencia de Todo

Aí atrás tiven ocasión de pasar un día marabilloso con M.D. percorrendo o esteiro do Miño, vendo abrírense as ondas no Puntal, falando da luz e das batallas gañadas e perdidas no Camiño. Foi ela quen me contou este contiño oriental de sabedoría:

Din que unha vez houbo un home que camiñaba polo mundo na procura da verdade e topou cun gran sabio que lle dixo: “Hai un pozo escondido nunha cova. Vai alí e fai unha pregunta. Se preguntas con sinceridade, o pozo responderache. E isto é un milagre que só uns poucos grandes adeptos coñecen.”

O home procurou e procurou durante anos a cova e mailo pozo. Foi difícil de atopar, pero finalmente chegou, asomouse e preguntou: “Que é a vida?” Non tivo resposta. Repetiu varias veces a pregunta pero só se escoitaba o eco. Como tiña un interese sincero, continuou preguntando día e noite, noite e día, “Que é a vida?” E o pozo soamente resoaba coa súa propia voz. Pero el non se daba por vencido, ata que o pozo finalmente comprendeu que o home era sincero e non ía desistir. Así que o pozo respondeu: “De acordo, direiche o que é a vida: Vai á aldea máis próxima, visita as tres primeiras tendas e volta, e cóntame”.

O home quedou abraiado porque, que clase de resposta era esta? "Vale, vouno facer..." decidiu, confiando na sabedoría profunda do pozo. Foise á cidade e visitou as tres primeiras tendas, quedando aínda máis frustrado: non atopou nada. Na primeira tenda había xente traballando con pezas de metal. Foi á seguinte tenda e alí viu outras persoas que estaban preparando unhas cordas. Entrou na terceira, que era a tenda dun carpinteiro, e nela estaban traballando a madeira. Díxose a si mesmo: “É isto a vida?”

Regresou ao pozo e preguntou: "Que queres dicir? Fun alí e vin isto, pero non ten relación coa miña pregunta." O pozo respondeu: "Eu amoseiche o camiño. Percórreo. Algún día descubrirás a clave. Mostreiche o camiño, agora percórreo." O buscador enfadouse e dixo: "Enganáronme! Que saquei de pasar tantos anos procurando o pozo, de botar tanto tempo preguntándolle ao pozo? Que gañei abríndolle tan sinceramente o meu corazón, confiando nas súas palabras, facendo o que me mandou? Todo era mentira! Todo era un engano!" E frustrado, afastouse.

Ao cabo de moitos anos de peregrinaxe, chegou preto dun xardín e detívose, escoitando. Era unha noite de lúa chea e alguén estaba tocando unha música fascinante. Quedou embelesado. A maxia funcionou. Coma se fose atraído por un imán, entrou no xardín. Non pediu permiso. Achegouse ata o músico: aquel home atopábase en profunda meditación, tocando o sitar. O viaxeiro sentou alí e púxose a escoitar. Á luz da lúa observou ao home e o instrumento. Nunca antes vira un instrumento así. E de súpeto lembrou a uns carpinteiros que vira tempo atrás, traballando en obxectos similares... Estaban preparando sitares! E a xente que laboraba o metal... esas pezas tamén pertencían ao sitar! E as cordas...

Entón, coma se as nubes desaparecesen e descubrise algo, púxose a bailar. O músico decatouse e parou de tocar pero iso non detivo a danza do buscador. O músico preguntoulle: "Que sucede? Que che pasou?" O home respondeu: "Comprendo! Mirei nas tres tendas. Todo estaba alí, pero non había sitar. Todo existía por separado. Cumpría ordenalo, estaba nun caos, pero estaba todo, todo o necesario estaba alí, só faltaba unha conexión para que esa música tan fermosa puidese agromar. A vida teno todo, pero eu non vía a conexión. Agora comprendo..."




O sitar é un instrumento musical hindú de corda pulsada, como a guitarra, o laúde, etc. que seguramente oíches tocar algunha vez por exemplo a Ravi Shankar

19 de xan. de 2012

Un traballo interior

Moitos cren que alguén é un bo mestre, un exemplo a seguir, porque é un experto iogui, imparte conferencias "metafísicas", publica "canalizacións" ou porque fundou a súa propia escola, pertence a unha tradición milenaria ou non come carne... ou mesmo non come nada en absoluto!

Estas cousas non te fan máis espiritual. Non digo que non sirvan, que non axuden no camiño de crecemento persoal, seguramente a unhas persoas máis, a outras menos, en todo caso non hai que limitarse a isto, pois o verdadeiramente importante é o traballo interior, o esforzo por entender as propias emocións negativas e transmutalas en positivas, ese é o camiño para intentar ser, cada día, a mellor versión posíbel de ti mesmo.

Todo o demais, libros, películas, cursiños, escolas, etc. é só coñecemento. Le se che interesa un libro, escoita conferencias e saca as túas propias conclusións, practica ioga e meditación se ves que che fai ben, coida o teu corpo e aliméntate dun xeito saudábel, traballa para manterte, realízate sexa casando e tendo fillos ou meténdote nun mosteiro, en realidade tanto ten. Non te cuestiones tanto, simplemente trata de ser.

Non creas que, por estar no "camiño espiritual" non vas cometer erros, enfadarte ou sentir calqueroutra emoción negativa. Esta crenza conduce á represión desa emoción, que reaparecerá máis tarde en forma de rancor, de sarcasmo, ou pode chegar a somatizarse enfermando o teu corpo físico. Mentres estamos no plano terreal, vivimos as sensacións e as emocións deste plano, algunhas pracenteiras pero outras non. Ter un coñecemento intelectual sobre o prexudicial de certas emocións non as fai desaparecer. Por exemplo, un pode saber o malo que é o enfado e, con todo, un día non pode evitar enfadarse. Se aparece o enfado, o mellor será descargalo do xeito máis positivo posíbel, pois é peor reprimirse cando por dentro temos o desexo primitivo de querer atacar a alguén. Haberá que desafogar no momento e forma que menos dano cause, evitando no posíbel botar ese malestar sobre quen non lle corresponde. Cantas veces botamos sobre a nosa parella as frustracións laborais acumuladas durante o día... pero un problema cun compañeiro de traballo debe resolverse exactamente con ese compañeiro de traballo.

A maioría das persoas que transitan o terreo espiritual son moi esixentes consigo mesmas e pretenden erradicar completamente das súas vidas as emocións negativas pero ás veces o único que conseguen é reprimir as reaccións externas. Sexamos amábeis tamén con nós mesmos permitíndonos berrar, chorar e expresar, cando sexa necesario, as emocións negativas que estamos sentindo.

O crecemento espiritual é sempre, soamente e sempre, un proceso. E xa sabes, o desafío non é acumular coñecementos senón vivir a experiencia humana o máis conscientemente posíbel e aprender dela.

5 de nov. de 2011

O que importa é a intención

Nos tempos que corren cada vez hai máis obradoiros e cursiños para solucionarche a vida nunha fin de semana, terapias que se din milenarias, outras supostamente novidosas, antigas profecías e iluminados varios de todas as cores desexando que os sigas.
Ás veces xa non saberás que camiño tomar, a quen crer, e tamén serán moitos os que te avisen dos perigos dos falsos mestres, che metan o medo no corpo, ata o punto de que terás días nos que creas que mellor é renunciar a todo, non correr riscos, quedar na casa e que non che quenten a cabeza.

Pero ti querías emprender a Gran Procura, lembras? Entón, non esquezas que es ti quen fas o camiño, é a túa intención o que conta, polo tanto calquera camiño que sigas pode levarte se de verdade sabes a onde queres ir (por iso "todos os camiños levan a Roma").

Lembra que a perseverancia é favorábel. Lembra que é a túa intención de aprender a que che fai avanzar. Cando teñas medo de non estar estudando a disciplina certa ou co mestre certo, lembra o conto de Gonsuké, escrito polo autor xaponés Ryunosuke Agutagawa (1892-1927).


Un home, un mozo de aldea a quen chamaremos Gonsuké, chegou unha vez á cidade de Osaka e viu unha axencia que tiña na porta un cartel: "COLOCACIÓNS PARA CALQUERA TRABALLO" así que entrou e dirixiuse alegremente a un empregado:
- Por favor, señor empregado, eu desexaría ser un sennin. Sería tan amábel de atoparme unha familia que me tome ao seu servizo e me ensine o segredo dos sennin mentres traballo para eles?
Un sennin é un iluminado, que acadou a inmortalidade e ten poderes máxicos, entre outras cousas. O empregado quedou tan abraiado que non soubo responder, pero Gonsuké insistiulle tanto que ao final houbo de responderlle o mellor que soubo que non tiña esa clase de traballo para el.
- Xa, xa, señor, vaia, pois iso non é moi correcto. Seica non di o cartel COLOCACIÓNS PARA CALQUERA TRABALLO? Posto que promete calquera traballo, vostede debe conseguir calquera traballo que lle pidamos. Vostede está mentindo intencionadamente se non cumpre!
Como o enfado de Gonsuké ía en aumento e estaba espantando aos demais clientes da axencia, o pobre empregado prometeulle axudalo e pediulle que voltase ao día seguinte. Por suposto, non sabía de ningunha casa onde puidesen ensinar aos criados os segredos para ser un sennin. De modo que ao desfacerse do visitante, o empregado acudiu á casa dun médico amigo para pedirlle consello.
-Doutor, que farei? Que familia cre vostede que podería facer deste mozo un sennin?
Aparentemente a pregunta desconcertou ao doutor. Pero a muller do doutor, que era unha vella moi astuta, contestou por el:
- Nada mais simple. Mándeo para acá. Nós farémolo sennin.
- Parécelle, señora? Sería marabilloso! Non sei como agradecerllo. Pero xa me parecía a min que algo de relación debía de haber entre un doutor e un sennin.
Cando o empregado marchou, agradecido e aliviado, o doutor reprochoulle á muller a súa mentira.
- E que farás cando o tipo comece a queixarse de que non lle ensinamos nada sobre os sennin?
A muller, lonxe de pedirlle perdón, revolveuse:
-Estúpido! Mellor non te metas. Neste mundo de comer ou ser comidos, un pobre idiota coma ti apenas saca para sobrevivir.
Esta frase fixo calar ao home.
Á mañá seguinte o empregado levou ao seu rústico cliente á casa do doutor, quen tiña gran curiosidade por coñecer ao aspirante a sennin pero viu que non era máis que un aldeán calquera.
-Dixéronme que vostede desexa ser un sennin, e eu teño moita curiosidade por saber quen lle meteu esa idea na cabeza- preguntou.
-Ben, señor, non hai moito que dicir -replicou Gonzuké-: cando vin por primeira vez a esta gran cidade e mirei o gran castelo, pensei que ata o noso gran gobernante Tayko, que alí vive, debe morrer algún día, que pode vivir suntuosamente pero aínda así volverá ao po como o resto de nós. En resumidas contas, que toda a nosa vida é un soño pasaxeiro.
-E logo - interrompeu a vella raposeira - farías calquera cousa con tal de ser un sennin?
-Si, señora, calquera cousa.
-Moi ben. Entón vivirás aquí e traballarás durante vinte anos a partir de hoxe e, ao termo do prazo, serás o feliz posuidor do segredo.
-É verdade señora? Quedareille moi agradecido.
-Pero -engadiu ela- durante vinte anos non recibirás nin unha moeda de soldo. De acordo?
-Si, señora. Grazas señora. Estou de acordo en todo.
Así empezaron a transcorrer os vinte anos que pasou Gonzuké ao servizo do doutor. Gonzuké carrexaba auga do pozo, cortaba leña, preparaba as comidas, fregaba e varría, e tamén seguía ao doutor nas súas visitas, cargando nas súas costas todo o botiquín. En verdade, en todo o Xapón non se atopou mellor servidor por menos soldo.
Pero o tempo pasa e finalmente un día Gonzuké presentouse ante os donos da casa, expresoulles o seu agradecemento por todas as bondades recibidas durante os pasados vinte anos, e dixo:
-E agora queren vostedes ensinarme hoxe como se chega a sennin e se acada a mocidade eterna e a inmortalidade?
O doutor morría de vergoña, pois como dicirlle despois de vinte anos que nada sabía do que lle preguntaba? Entón a muller falou:
- Vale, ensinareicho, pero deberás facer todo o que eu che diga, por difícil que che pareza. Doutro xeito, nunca poderás ser un sennin, e ademais terías que traballar para nós outros vinte anos sen paga, ou se non Deus Todopoderoso destruirate no acto.
-Moi ben señora, farei calquera cousa por difícil que sexa -respondeu Gonzuké moi contento.
-Ben -dixo ela-, entón sube a ese piñeiro do xardín.
A vella raposeira quería mandarlle calquera tarefa imposíbel de cumprir para asegurarse os seus servizos gratis por outros vinte anos. Con todo, ao oír a orde, Gonzuké subiu á árbore sen vacilar.
-Mais alto-berráballe ela-, ata a cima!
Ela erguía o pescozo para ver ao seu mellor servidor sobre a árbore, entre as ramas mais altas do piñeiro máis alto.
-Agora solta a man dereita.
Gonzuké aferrouse ao piñeiro o máis que puido coa man esquerda e cautelosamente deixou libre a dereita.
-Solta tamén a man esquerda!
- Ai, muller - dixo o marido -. Ti sabes que se solta a rama, caerá ao chan. Alá abaixo hai unha gran pedra e tan seguro como que son doutor, será home morto.
-Neste momento non quero consellos, déixame en paz. Hei, ti! Solta a man esquerda! Óesme?
Gonzuké levantou a vacilante man esquerda. Sen mans, como podería manterse sobre a árbore? O doutor e a súa muller contiñan a respiración, Gonzuké desprendeuse da ponla e caeu... e logo.....e logo.............. Pero que é iso? Gonzuké detívose! Detívose! No medio do aire! En vez de caer quedou alá arriba, en plena luz do mediodía, suspendido no aire.
-Estoulles agradecido aos dous, desde o máis profundo do meu corazón.Vostedes fixéronme un sennin -dixo desde o alto.
Vírono facerlles unha respectuosa reverencia e logo comezou a subir máis alto, dando leves  pasos no ceo azul, ata transformarse nun puntiño e desaparecer entre as nubes ...