Estas cousas non te fan máis espiritual. Non digo que non sirvan, que non axuden no camiño de crecemento persoal, seguramente a unhas persoas máis, a outras menos, en todo caso non hai que limitarse a isto, pois o verdadeiramente importante é o traballo interior, o esforzo por entender as propias emocións negativas e transmutalas en positivas, ese é o camiño para intentar ser, cada día, a mellor versión posíbel de ti mesmo.
Todo o demais, libros, películas, cursiños, escolas, etc. é só coñecemento. Le se che interesa un libro, escoita conferencias e saca as túas propias conclusións, practica ioga e meditación se ves que che fai ben, coida o teu corpo e aliméntate dun xeito saudábel, traballa para manterte, realízate sexa casando e tendo fillos ou meténdote nun mosteiro, en realidade tanto ten. Non te cuestiones tanto, simplemente trata de ser.
Non creas que, por estar no "camiño espiritual" non vas cometer erros, enfadarte ou sentir calqueroutra emoción negativa. Esta crenza conduce á represión desa emoción, que reaparecerá máis tarde en forma de rancor, de sarcasmo, ou pode chegar a somatizarse enfermando o teu corpo físico. Mentres estamos no plano terreal, vivimos as sensacións e as emocións deste plano, algunhas pracenteiras pero outras non. Ter un coñecemento intelectual sobre o prexudicial de certas emocións non as fai desaparecer. Por exemplo, un pode saber o malo que é o enfado e, con todo, un día non pode evitar enfadarse. Se aparece o enfado, o mellor será descargalo do xeito máis positivo posíbel, pois é peor reprimirse cando por dentro temos o desexo primitivo de querer atacar a alguén. Haberá que desafogar no momento e forma que menos dano cause, evitando no posíbel botar ese malestar sobre quen non lle corresponde. Cantas veces botamos sobre a nosa parella as frustracións laborais acumuladas durante o día... pero un problema cun compañeiro de traballo debe resolverse exactamente con ese compañeiro de traballo. A maioría das persoas que transitan o terreo espiritual son moi esixentes consigo mesmas e pretenden erradicar completamente das súas vidas as emocións negativas pero ás veces o único que conseguen é reprimir as reaccións externas. Sexamos amábeis tamén con nós mesmos permitíndonos berrar, chorar e expresar, cando sexa necesario, as emocións negativas que estamos sentindo.
O crecemento espiritual é sempre, soamente e sempre, un proceso. E xa sabes, o desafío non é acumular coñecementos senón vivir a experiencia humana o máis conscientemente posíbel e aprender dela.
Ningún comentario:
Publicar un comentario