23 de xan. de 2012

Luz! Máis luz!

As últimas palabras de Goethe son as miñas primeiras de hoxe. Discuten autores: hai quen di que se lle escureceu o mundo e outros que foi deslumbrado por unha luz tremenda. Nunca o saberemos, habería que ver a expresión da súa cara para saír de dúbidas. Que difícil é transmitir só con palabras, sen que vexades a expresión da miña cara (ou eu as vosas para saber se vos aburro...)

Iluminación. Cousa controvertida, esaxerada, deformada, idealizada ata o irrealizábel, sobrenatural e frustrante. Palabra que se traizoa a si mesma co uso e abuso, como Amor ou Liberdade, acabando por significar o contrario do que pretendía: Amor non é apego; Iluminación non é  un estatus reservado a uns poucos místicos que comungan con algún ser sobrenatural que lles transmite un coñecemento especial normalmente acompañado de superpoderes.

Iluminar é pór luz sobre algo e non lle deas máis voltas, xa non a toques máis, que así é a rosa.

Todos nos iluminamos algunha vez ao longo das nosas vidas, incluso varias veces. Existen persoas que se manteñen nese estado de ser durante máis tempo ca outras. A Iluminación é unha maneira de estar no mundo, non é un "coñecemento" senón un estar atento, estar presente  en cada intre botándolle luz e deixar que a experiencia dese intre bote luz sobre o teu ser profundo.

Ilumínate: pon luz naqueles aspectos aínda escuros do teu ser, a través das vivencias cotiás, sentindo plenamente cada unha das cousas que fagas, pequenas e grandes, privadas e públicas, porque todas elas son boas mostras de quen ti es. Pouco a pouco irás adquirindo unha comprensión cada vez máis completa de ti mesmo e, co tempo, do lugar que ocupas no universo. Iso é a Iluminación.






Un non se ilumina imaxinando figuras de luz, senón facendo consciente a escuridade (C.G.  Jung)

Ningún comentario:

Publicar un comentario