Amosando publicacións coa etiqueta actitudes positivas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta actitudes positivas. Amosar todas as publicacións

28 de ago. de 2019

Non importa o lento que vaias mentres non pares

Con esta cita de Andy Warhol quero animarte a afrontar as dificultades e perseverar no camiño que elixiches se realmente esa é a elección sincera da túa alma.

Nabokov pasou cinco veces polo rexeitamento editorial antes de publicar "Lolita"; J.K. Rowling tivo que encaixar doce negativas editoriais para Harry Potter; vinte negativas recibiu William Golding para "O señor das moscas" e nada menos que 30 recibiu "Foise co vento". Outros ilustres rexeitados polas editoriais son D. H. Lawrence, Herman Melville, George Orwell, Kurt Vonnegut... e o premio é para Marcel Proust, quen finalmente tivo que autopublicar.

22 de xul. de 2019

Mirar atrás, mirar adiante

Non podes borrar o pasado, comprendo o que me dis, que a túa vida é consecuencia dunha serie de malas decisións pasadas que agora te limitan, pero mentres sigas vivo aínda terás decisións por tomar: céntrate nelas, e comeza hoxe a crear un futuro diferente. O teu presente de hoxe pode un día converterse nun pasado do que estar orgulloso.


28 de mar. de 2019

Abre os ollos



A vida desilusiónate para que deixes de vivir de ilusións e vexas a realidade 


(Berth Hellinger)


6 de xan. de 2019

Como é adentro, é afora


Imaxina por un momento que fosemos 100% responsables de todo o que sucede na nosa vida. Podes aceptar esta idea? Todos creamos as nosas experiencias a través dos pensamentos e sentimentos, a nosa vida reflicte o noso estado mental: se no noso interior hai paz, harmonía, equilibrio, as nosas vidas serán harmoniosas, pacíficas e equilibradas. Pero negamos o noso poder culpando a outros polo que "nos pasa" cando a realidade é que

O QUE PENSAMOS MANIFÉSTASE  NAS NOSAS VIDAS.

5 de out. de 2018

Hábitos que nos rouban a saúde, o equilibrio e a felicidade


1. Queixarse. Algunhas persoas fixeron das queixas o sentido da súa vida, viven para lamentarse, sempre atopan un motivo de insatisfacción. O problema é que estas persoas non se queixan para solucionar os problemas senón simplemente para regodearse neles. Como resultado, están continuamente procurando algo do que queixarse. Así centran as súas enerxías en algo totalmente inútil.
2. Deixar tarefas pendentes. Adiar continuamente esas tarefas que, antes ou despois, terás que enfrontar, é o mellor xeito para engadir unha tensión innecesaria á túa vida. Mesmo pode cansar máis ter que lembrar o que temos que facer, que afrontar a tarefa dunha vez e rematala.

3. Non darse permiso para descansar. A sociedade esíxenos moito e non sempre é posible seguir ese ritmo. De feito, vivir no carril rápido pasarache unha enorme factura, tanto desde o punto de vista psicolóxico como físico. Por iso, convén que non esperes a chegar ao límite para descansar senón que fagas do descanso un hábito cotián. 

4. Ser desorganizado. Os lugares onde impera a desorde son como un buraco negro que absorbe a túa enerxía. O caos farache perder un tempo precioso buscando cousas e, sobre todo, xera a sensación de incerteza e desorganización no teu cerebro, facendo que ao final do día esteas máis esgotado. Xa que logo, fai limpeza cada certo tempo: un escritorio e un fogar ordenado faranche sentir moito mellor e transmitiranche unha enerxía moi positiva.

5. Non aceptar os feitos. A aceptación non é resignación. Aceptar significa asumir as cousas que non podes cambiar e facer algo para cambiar aquelas sobre as que si tes algún control. Cando non aceptas unha situación esta convértese nun obstáculo no teu camiño, é como unha pedra que engades á mochila da túa vida.

6. Aferrarse ás cousas ou as persoas. É difícil poñer en práctica o desapego, pero é fundamental se non queremos sufrir máis do necesario. O desapego non significa non amar, senón amar deixando libre ao outro, sabendo que nalgún momento esa persoa pode afastarse de nós. Aferrarse ás cousas ou ás persoas dun xeito obsesivo só xerará dependencia e malestar. Ademais, nadar contra a corrente farache perder unha enerxía valiosa que poderías empregar noutros proxectos que che fagan máis feliz ou che compensen esa perda.

7. Preocuparse innecesariamente. Non adoitamos reaccionar ante as situacións senón ante o cadro que pintamos na nosa mente. Nese cadro non somos obxectivos senón que incluímos todas as preocupacións sobre o que podería acaecer. Esa tendencia á negatividade engade un estrés e unha ansiedade totalmente innecesarios xa que a miúdo eses malos pronósticos nin sequera dan lugar a un plan de acción senón que son tan só como moscas molestas que roldan na nosa mente. Por iso, ante unha situación difícil, o mellor é centrarse no aquí e agora, ir paso a paso, sen imaxinar consecuencias negativas que probablemente non ocorrerán.

8. Non saber dicir “non”. As persoas que non saben dar unha negativa adoitan sobrecargarse de tarefas que acaban provocando esgotamento. En moitas ocasións estas persoas non se negan porque lles dá pena ou porque teñen medo a que os demais as rexeiten. Con todo, o tempo é a posesión máis valiosa que tes: non o malgastes con proxectos que non te motivan nin son da túa responsabilidade. Ter tempo para ti, para os teus e para gozar do que che gusta, é fundamental para o teu benestar físico e emocional.

9. Gardar rancor. O odio e o rancor consómente lentamente, é coma se estiveses avivando a chama que te queima, e cos anos poden mesmo provocar enfermidades. Por iso é tan importante aprender a deixar ir. Por suposto, todas as feridas necesitan un tempo para sanar, pero debes cerciorarte de que ese tempo non sexa excesivo.

10. Non decidirse. Cando temos que tomar decisións importantes é normal que teñamos dúbidas e queiramos máis tempo para pensar, pero adiar continuamente as decisións terminará roubándonos unha enerxía preciosa a incerteza acabará esgotándonos. Por iso, é recomendable liberarse de todas esas “batallas internas”. Debemos asumir que non sempre tomaremos a mellor decisión, quizais nos equivocaremos pero os erros son aprendizaxes. É mellor equivocarse e enmendar que quedarse de brazos cruzados sufrindo pola indecisión

30 de set. de 2018

Flores rotas

A perfección en si non existe, só é un concepto creado pola mente humana: podes comprendelo a nivel intelectual pero nunca o encontrarás na realidade da vida cotiá.
Como sería un bosque perfecto? Só árbores, sen moscas molestas, por exemplo? A vida non se sostería. Todo ten a súa función.
Cando as imperfeccións que te rodean se che fagan insoportables, lembra que ti tes a capacidade de atoparlles unha función na túa vida. Son mestras que aparecen para darche a oportunidade de mellorarte a ti mesmo.


28 de set. de 2018

Vive hoxe


De vez en cando, déixao todo e simplemente sal a respirar, a comprobar que estás vivo. Déixate sorprender. A vida real é máis fermosa e excitante que calquera idea que teñas sobre ela.



2 de xul. de 2018

Actuando en positivo: define ben as túas metas

A idea do "pensamento positivo" é unha desas excelentes actitudes que axiña son malentendidas e malinterpretadas e extendidas dun xeito diríamos viral, repetidas por todo o mundo ata que acabamos por crer que se trata de desexar moito unha cousa e daquela nos será concedida. Iso é infantil, simplista, irracional, é case como crer nos Reis Magos.

Pensar en positivo é necesario para compensar o sesgo negativo co que a evolución dotou o noso cerebro, unha protección da especie útil para a supervivencia. Estar á defensiva, imaxinar que é o que pode saír mal ou onde axexa o perigo para así poder anticiparnos e protexernos, durante milenios resultou unha estratexia conveniente, pero debemos matizala un pouco e non vivir sempre esperando o peor, repetindo con superioridade que "un optimista é un pesimista mal informado" e outras sandeces que só serven para coartar a nosa iniciativa.

Por suposto temos que desexar conseguir o que queremos, expresar ese desexo, compartilo e crer que é posible. Pero despois hai que poñerse en marcha cara a esa consecución. Deberemos usar esa intención positiva para avanzar cara a ese lugar, ese obxectivo que nos marcamos. A frase trampa "o que conta é a intención" significa que se non temos claro o noso obxectivo non podemos avanzar; sen unha intención clara, o que fagamos non ten sentido, ou conduce a un lugar a onde realmente non queriamos ir.

Pensemos en positivo, atrevámonos a desexar mellorar as nosas vidas. E a continuación establezamos metas claras. Formulemos ben os nosos obxectivos, porque se non están ben formulados é doado perdernos no camiño. 

Polo tanto imos aprender a formular un obxectivo, imos dedicar as vacacións de verán a darlle forma, e comprobaremos o seguinte:

- que sexa algo realmente importante para nós, que de veras contribúa ao noso benestar. Aumentar o índice de produtividade da empresa onde traballo non é un bo obxectivo para a miña felicidade, ten que ser algo máis persoal e coherente co meu ser, co meu pensar, co meu sentir.

- que estea formulado en positivo, sempre expresando o que queremos lograr, a onde queremos dirixirnos, non aquilo que non queremos, o que queremos evitar ou do que queremos fuxir. Por exemplo, un obxectivo mal formulado sería "quero deixar o meu traballo porque estou moi descontenta e tan explotada que a miña saúde comeza a resentirse". O verdadeiro obxectivo debería ser concretar o tipo de traballo que quero atopar, para despois poder definir os pasos que hei de dar para chegar a el, os contactos que podo tocar, a formación que debo completar, o tipo de currículo que debo elaborar e onde presentalo.

- que sexa concreto, non un desexo abstracto senón algo que sexa posible comprobar obxectivamente, mesmo medir o grao de consecución, nun prazo previsto. Por exemplo: un obxectivo mal formulado sería "mellorar o meu aspecto para aspirar a un posto de traballo onde se esixe boa presenza". Non é o bastante concreto. Ese obxectivo, ben formulado, sería: "cambiar de vestiario e corte de pelo" porque despois poderei establecer os pasos nesa dirección.

- que se poidan definir os pasos a dar, mesmo temporalizalos, e se poida avaliar o seu grao de consecución. Por exemplo, no exemplo anterior: coller o hábito de acudir á perruquería unha vez ao mes para retocar o corte de pelo e darlle un baño de cor, tirar ou doar toda a roupa que realmente non me senta ben e durante a próxima tempada mercar só saias e vestidos cos que ir substituíndo progresivamente os vaqueiros.

-  que dependa de nós, que realmente estea na nosa man. Neste sentido os exemplos anteriores son correctos, pois de min depende mercar roupa bonita e coidar o meu aspecto, eu podo mellorar a miña apariencia con iso, o que non podo conseguir, porque xa non depende de min, é gustarlle a certa persoa, pois para iso hai demasiados factores que inflúen niso e non están na miña man.

Marcar bos obxectivos e dar pasos na dirección correcta para conseguilos pode cambiarche a vida, levándote a ser cada vez menos reactivo e máis proactivo, con todos os beneficios psicolóxicos que isto implica.

Luz ao alcance de todos



"Aquel cuxas boas accións superan ás malas ilumina este mundo como a lúa cando emerxe por entre as nubes" (DAMMAPADA)

 



Cantas veces lin esta sentencia e non a comprendín...
Aquel cuxas boas accións superan ás malas, non aquel que carece de malas accións senón que as supera coas boas.
Eu mesma ilumino o mundo, e ti que me les estou certa que tamén o fas.

28 de dec. de 2017

Feliz vida

"Felices Festas", "Feliz Ano Novo"... Pero en que consiste esta felicidade?

A maioría da xente pon a súa felicidade fóra de si mesma, en determinados logros persoais, adquirir certas cousas ou relacións, pero iso non funciona.
Non cansarei de repetir que a felicidade é sobre todo unha actitude, e o primeiro paso para ser feliz é estar a ben contigo mesmo.
Oxalá que entre os teus "Bos Propósitos" para o vindeiro ano figure amarte a ti mesmo. Aceptarte totalmente, sinceramente, coas túas cualidades e defectos. Perdoarte sen reservas e permitirte ser quen de verdade es no teu interior, animarte a desenvolver todo o teu potencial e non resignarte a ser menos.

 1. Coñécete a ti mesmo. Adica un tempo á introspección todos os días, pois se non sabes quen es non poderás ser auténtico, estarás á mercede do que outros esperan que sexas e proxectan sobre ti. Ademais, como poderás lograr as túas aspiracións se non te atreves a recoñecelas?
 
“A túa ollada vaise aclarar só cando poidas ver dentro do teu corazón. 
Aquel que mira para fóra, soña; aquel que mira adentro, esperta”
(Carl Jung, 1875-1961)

 2. Observa todo o teu potencial e a onde podería conducirte. Aprende a recoñecer as túas cualidades, non disimules os teus puntos fortes, mira de utilizalos na vida cotiá, e nunca poñas unha máscara de falsa modestia. A verdadeira humildade consiste en coñecer os propios límites, pero se o teu límite está por riba do cume máis alto non estás sendo humilde cando finxes que non chegas alí.


"A algúns os disfraces non os disfrazan, senón que os revelan.
Cada un disfrázase daquilo que é por dentro". 
(Chesterton, 1874-1936)

 3. Acepta os teus puntos débiles e non te culpes por eles porque todo o mundo os ten; mellora todo o que poidas e aprende a xestionar correctamente o que non poidas cambiar. 

"Señor, concédeme a serenidade para aceptar as cousas que non podo cambiar, 
o valor para cambiar as que si podo cambiar e a sabedoría para recoñecelas"
(Oración da Serenidade, Reinhold Niebuhr, 1892-1971)

 4. Non te compares cos demais, podes mirar a outros como fonte de inspiracion, pero non os uses para desprezarte a ti mesmo.

“A realidade faise evidente cando deixamos de comparar.” 
(Bruce Lee, 1940-1973) 

 5. Presta atención ás túas feridas emocionais. Algunhas persoas arrastran sufrimentos profundos e antigos, que deben sandarse para poder amarse a un mesmo e aos demais, cousa difícil de facer mentres vivas na dor. 

 "Todo home se parece á súa dor."
(André Malraux, 1901-1976)

 6. Cambia o diálogo interno, deixa de atormentarte e facerte reproches: ese non es ti realmente, só é un eco das voces de persoas que te desprezaron nalgún momento da túa vida. Cada vez que detectes  esa autocrítica cruel tenta de substituíla por algún pensamento positivo.

"Amarse a un mesmo é o comezo dunha aventura que dura toda unha vida"
(Oscar Wilde, 1854-1900)

 7. Rodéate da xente que te quere, non te xuntes aos que non te aman, non te apoian, non te fan sentir ben. Ti mereces algo máis que a simple tolerancia doutras persoas.

“O crecemento dun home percíbese nos sucesivos grupos de amigos 
que ten. Por cada amigo que perde en nome da verdade, gaña un aínda mellor"
(Ralph Waldo Emerson, 1803-1882)


 8. Mímate, faite regalos, cóidate como farías con algún ser querido, trátate con cariño en todas as circunstancias, pois o amor incondicional comeza por ti mesmo. Non o entendes? Non estás dando amor verdadeiro se só outorgas o teu afecto a quen fai méritos por conseguilo, e te negas a ti mesmo ese afecto polo imperfecto que es. Cando falla o amor a un mesmo, fallan todos os demais.

"Ti mesmo, tanto como calqueroutro no universo enteiro,
mereces o teu amor e afecto."
(atribuída a Buda)

1 de out. de 2017

Perfectamente

O perfeccionismo en xeral está ben visto nesta sociedade tan competitiva na que vivimos, pero en realidade é unha actitude bastante destrutiva pois as máis das veces ten como consecuencia non emprender nunca determinadas empresas, ben porque nos parecen demasiado ambiciosas ou complexas, ben porque as imos pospoñendo ata que o teñamos todo claro, ata que nos sintamos preparados, ata que acabemos estoutro proxecto que aínda non está perfecto... Ou sexa, que pode converterse en algo paralisante.
Ningún camiño é unha liña recta libre de obstáculos, retrocesos, dúbidas. Se esperas a ter a certeza de estar facendo o correcto, ou de que obterás o beneficio calculado, é moi posible que esperes eternamente. Non te tomes as cousas con tanto dramatismo, mellor goza do que fas mentres o fas e permite que a vida tamén xogue e te sorprenda co resultado.



13 de feb. de 2017

Inténtao




Algúns días teño a sensación de que, contrariamente ás ensinanzas de Ioda, non podo facelo nin deixar de facelo, só podo intentalo, e aínda así, o intento é suficiente, coma naquela historia que conta Jodorowsky:
Un arqueiro quería cazar a lúa e todas as noites lle disparaba, anque os veciños facían burla del.
Nunca lle deu á lúa, pero converteuse nun gran arqueiro.

8 de dec. de 2016

Levar razón

A maioría da xente discute para demostrar algo e dalgunha maneira gañar a discusión, coma quen gaña unha competición deportiva. Isto non ten o menor sentido, salvo no terreo clásico da oratoria (o foro político, os tribunais) onde realmente hai unha ganancia en forma de votos ou un veredicto a favor. Na vida cotiá, na vida real, fóra da exhibición sofista, o único que está en xogo son os egos dos discutidores. 
Cada persoa constrúe o seu mundo: o seu sistema de crenzas, a súa personalidade, o seu plan de vida, en resume a súa existencia. Toda a ideoloxía directamente relacionada con este constructo percíbese como parte integrante da identidade persoal e non vai cambiar no que dura unha discusión, por moi profunda, apaixonante e ben argumentada que esta sexa. As persoas adoitan procurar confirmación das súas crenzas, e cando alguén insiste en desmontarlle as súas conviccións máis arraigadas séntense ameazadas e entran en modo autodefensa, ou peor aínda, en modo contraataque.

Todo o anterior dificulta ou mesmo impide que unha discusión sexa produtiva. Por iso, se queremos obter un bo resultado dunha discusión debemos estar atentos á súa finalidade, que non pode ser de ningunha maneira convencer ao outro, nin sequera informalo de cousas que non sabía ou explicarlle o equivocado que está. Non, o verdadeiro obxectivo dunha discusión ha de ser chegar a un acordo, tomar unha decisión xuntos, acadar un consenso, ou no caso de que non se discuta cunha finalidade práctica e si por un sincero interese no coñecemento, o obxectivo será entón adquirir eu novos coñecementos, mudar eu de perspectiva, informarme eu do que non sabía. A discusión debe enriquecerme a min, e se non o está facendo significa que tampouco está enriquecendo ao interlocutor. Este é un indicador moi interesante: tan lonxe como eu estou de mudar de ideas, así de lonxe está o meu contertulio.

9 de set. de 2016

Volver ao traballo

É duro volver despois das vacacións? Talvez te sorprenda saber que a depresión postvacacional está mesmo sendo motivo de consulta médica. Moita xente é precisamente neste momento cando se decata das poucas satisfaccións que extraen do seu traballo e desexarían un cambio profesional.


Estas ideas poden serche de utilidade:

1. Non compararte cos demais: Todos temos debilidades e fortalezas que nos fan únicos.
2. Manter as túas fronteiras entre traballo e vida privada: Non permitas que o traballo invada o teu espazo persoal.
3. Non te esixas en exceso. É bo que te ofrezas para realizar varias tarefas, pero non podes facelo todo e o feito de non cumprir producirache unha sensación de decepción.
4. Non dediques o teu tempo a queixarte do traballo dos demais. Se podes axudalos a mellorar, faino, e se non, esquéceo.
5. Lembra que ti es o responsable último da túa felicidade. Non culpes aos teus xefes ou compañeiros cando algo non te satisfaga porque é asunto teu buscar unha alternativa que te faga feliz.

E como sempre: cóidate, come ben, procura descansar e gozar do aire libre cos teus seres queridos e todas as demais cousas que xa forman parte dos teus hábitos cotiáns de benestar.



10 de abr. de 2016

Os catro acordos

1. Se impecable coas palabras. Respecta o seu poder, fala con exactitude, di o que queres dicir e a quen llo queres dicir. Se coherente e non digas o que non pensas. E sobre todo, nunca fales mal de ninguén, comezando por ti mesmo.
2. Non tomes nada como algo persoal. Todo o que fan os demais procede da súa propia proxección, non ten que ver contigo, mesmo aínda que falen de ti.
3. Non deas nada por suposto. Non creas que xa sabes o que che van dicir, non proxectes as túas espectativas, medos e necesidades sobre os demais, simplemente escoita e tenta de comprender.
4. Fai o mellor que poidas. Non é necesario facer todo, nin resolver sempre, porque o mellor que se pode facer varía en cada caso, así que en cada momento fai o mellor que poidas e deixa de compararte, xulgarte e maltratarte.

Se logras asumir progresivamente estas catro actitudes, a túa vida mellorará en todos os aspectos. Non é necesario máis, só medita nestas catro ideas e incorpóraas paseniño á túa práctica diaria, pero se queres ampliar e ler o libro de Miguel Ruiz tamén podes facelo, adiante!

MIGUEL RUIZ: LOS CUATRO ACUERDOS