8 de dec. de 2016

Levar razón

A maioría da xente discute para demostrar algo e dalgunha maneira gañar a discusión, coma quen gaña unha competición deportiva. Isto non ten o menor sentido, salvo no terreo clásico da oratoria (o foro político, os tribunais) onde realmente hai unha ganancia en forma de votos ou un veredicto a favor. Na vida cotiá, na vida real, fóra da exhibición sofista, o único que está en xogo son os egos dos discutidores. 
Cada persoa constrúe o seu mundo: o seu sistema de crenzas, a súa personalidade, o seu plan de vida, en resume a súa existencia. Toda a ideoloxía directamente relacionada con este constructo percíbese como parte integrante da identidade persoal e non vai cambiar no que dura unha discusión, por moi profunda, apaixonante e ben argumentada que esta sexa. As persoas adoitan procurar confirmación das súas crenzas, e cando alguén insiste en desmontarlle as súas conviccións máis arraigadas séntense ameazadas e entran en modo autodefensa, ou peor aínda, en modo contraataque.

Todo o anterior dificulta ou mesmo impide que unha discusión sexa produtiva. Por iso, se queremos obter un bo resultado dunha discusión debemos estar atentos á súa finalidade, que non pode ser de ningunha maneira convencer ao outro, nin sequera informalo de cousas que non sabía ou explicarlle o equivocado que está. Non, o verdadeiro obxectivo dunha discusión ha de ser chegar a un acordo, tomar unha decisión xuntos, acadar un consenso, ou no caso de que non se discuta cunha finalidade práctica e si por un sincero interese no coñecemento, o obxectivo será entón adquirir eu novos coñecementos, mudar eu de perspectiva, informarme eu do que non sabía. A discusión debe enriquecerme a min, e se non o está facendo significa que tampouco está enriquecendo ao interlocutor. Este é un indicador moi interesante: tan lonxe como eu estou de mudar de ideas, así de lonxe está o meu contertulio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario