11 de dec. de 2016

Einstellung

Hai uns días falabamos do arquetipo do sobrevivente, orgulloso de ter superado grandes dificultades no pasado, tanto que non é quen de crear cousas novas para o seu futuro sen tomar ese sufrimento pasado como punto de partida. Isto é unha limitación tremenda pero comprensible porque cando un aprende a resolver a súa vida dunha maneira que funciona dificilmente abandonará ese método para empregar outro, anque xa non lle funcione.
Este feito ten sido amplamente estudado desde que xa en 1942, o psicólogo Abraham Luchins levou a cabo o famoso experimento das xarras. Pediu a un conxunto de voluntarios resolver un problema matemático sinxelo: debían imaxinar tres xarras baleiras, con capacidades para 21, 127 e 3 unidades de líquido, respectivamente, e atopar o xeito de medir 100 unidades transferindo auga dunha xarra a outra. Cada xarra podía encherse e baleirarse tantas veces como quixesen, pero en caso de verter auga nelas, esta debería sempre alcanzar os bordos. A solución consiste en encher a segunda xarra (de 127 unidades), baleirar daquela parte do seu contido na primeira (de 21 unidades), a fin de que queden 106, e, para rematar, encher dúas veces a terceira (de 3 unidades). Acto seguido, Luchins propúxolles unha serie de problemas similares, que podían resolverse cos mesmos tres pasos. Os suxeitos lográrono con rapidez. Despois pediulles que obtivesen 20 unidades de auga usando xarras de 23, 49 e 3 unidades de capacidade.  Basta con encher o primeiro recipiente e, con ese líquido, colmar o terceiro, pero todos insistiron en resolver o problema co método anterior, é dicir, vertendo a auga do segundo recipiente no primeiro e despois no terceiro dúas veces. Para rematar, cando Luchins lles propuxo outro problema moito máis simple aínda, que podía resolverse en dous pasos pero xa non admitía a familiar solución en tres etapas, os participantes deixárono por imposible.
Este fenómeno, que todos padecemos en maior ou menor medida, coñécese desde entón como efecto Einstellung e defínese como o sesgo cognitivo polo que, ao enfrontarnos a un problema, só temos en conta as solucións coñecidas sen contemplar sequera outras alternativas. 
Que pasaría se tras chocar co iceberg, o Titanic non fuxise del senón que o utilizase para desembarcar aos pasaxeiros sobre a súa superficie? Seguramente habería partes planas na súa superficie, non? Alí as persoas poderían esperar ata que chegase a axuda. Pero todos viron no iceberg o seu inimigo e non o seu salvador.

Ningún comentario:

Publicar un comentario