Amosando publicacións coa etiqueta sociedade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta sociedade. Amosar todas as publicacións

6 de xuño de 2019

Como usar un idioma ou outro inflúe no pensamento


Ocórrenseme moitas preguntas sobre este tema, por exemplo que pasa cos falantes diglósicos, non digo os bilingües porque estes usan un idioma ou outro, pero que ocorre no caso dos diglósicos perpetuos, coma os galegos, que sempre estamos a pensar simultaneamente en dous idiomas.

19 de maio de 2019

O mito dos 21 días

Existe un mito moi estendido, que asegura que abondan 21 días para converter un comportamento determinado nun hábito. Lamento dicirche que non é certo.
Este mito ten a súa orixe nunha mala interpretación do traballo do doutor Maxwell Maltz, autor do famoso libro Psycho Cybernetics (1960). O Dr. Maltz era cirurxián plástico e observou que os seus pacientes tardaban 21 días en habituarse á súa nova imaxe tras unha operación, ou en deixar de sentir un membro pantasma tras unha amputación. Servíndose das súas observacións e a súa propia experiencia, expuxo unha teoría que trala publicación do seu libro tivo un enorme impacto. Pero en realidade o que Maltz dixo é que se tardaba, como mínimo, 21 días en xerar un hábito. Traballos posteriores non confirmaron o mito dos 21 días. De feito outras investigacións, como as de Phillipa Llay, apuntan a que se tarda uns 66 días de media en formar un hábito, aínda que en última instancia todo depende da acción en si, da persoa e da circunstancia. 
Formar ou cambiar un hábito é un proceso que require moita perseverancia.

4 de maio de 2019

Desinformación xeral

O extraordinario desenvolvemento dos medios de comunicación de masas nas últimas décadas puxo toda clase de información ao alcance da sociedade e anque pode supoñer un avance para o coñecemento e a liberdade das persoas, paralelamente se desenvolveron novas técnicas de control de masas para dificultar o acceso a toda esa información disponible, de maneira que na práctica as cousas cambian para seguir igual. Agora xa non se impide que o pobo se informe ocultándolle cousas senón todo o contrario, saturándoo de datos falsos e irrelevantes sobre o tema do seu interese ata conseguir que abandone a súa procura, exactamente igual que naquelas técnicas para deixar de fumar consistentes en fumar en exceso ata vomitar. O vómito informativo sobre algúns temas en concreto serve de pista ao disidente para saber cales son os temas que aos coordinadores da farsa mediática lles convén silenciar. Todo está aí, mesmo os contidos máis minoritarios, especializados ou esotéricos, actualmente todo está ao alcance da man, a dificultade xa non estriba en atopar o que procuras senón en recoñecelo, discriminar o verdadeiramente relevante do trivial, o blogueiro ben informado do farsante, o especialista do afeccionado, o profesional comprometido do oportunista.

30 de abr. de 2019

Di non ás dualidades fanáticas

Os fanáticos establecen dualidades, organizan o seu mundo nunha especie de código binario, un cero cero cero un... Así, obrígante a decantarte entre Ciencia ou Relixión, por exemplo  (como se houbese forzosamente que elixir, ou como se non houbese ningunha outra opción entre medias) ou elixir entre a medicina oficial e as "alternativas" (que nós queremos "complementarias").
Non te deixes enganar: son eles os que precisan esa dualidade articifial, non ti. Ti encarnaches neste plano para experimentalo TODO. Non deixes que os intereses ideolóxicos e económicos que serven a entidades que nin sequera son humanas te manipulen e limiten. Proba e comproba por ti mesmo, e elixe a través da túa experiencia o que che convén.

21 de abr. de 2019

Día da Terra

Contaminar é roubar, porque uns poucos usan e estropean algo que era de todos; aire, auga, sol, plantas e animais, culturas tradicionais e, nunha palabra, a Terra.
O 22 de abril celébrase o Día da Terra, unha hipocresía máis da ONU. Pero ocórreseme  que xa que tanto se fala dos "piratas" que rouban aos creadores polos dereitos de autor, talvez con esta metáfora o entendan: respecten os dereitos de autora da Nai Terra, por favor. Claro que, igual que un escritor só percibe o 10% da súa obra, será que se pode destruír o planeta deixándolle á Terra un 10%. 
En resume, imos morrer (si, iso xa, o que quero dicir é antes do previsto).

4 de mar. de 2019

Verdades e mentiras

Actualmente o dogmatismo científico e tecnolóxico conduce á humanidade a aferrarse a un paradigma existencial á procura de sentido: os seres humanos vólcanse agora no que chaman Razón (unha caricatura obscena da verdadeira razón) polos mesmos motivos, coa mesma desesperación e coas mesmas actitudes que na antigüidade se volcaban na Fe. En ambos casos se entroniza unha Verdade Indiscutible por riba dos dereitos humanos. Igual que lle poderiamos preguntar a Urbano II onde quedou o amor que Cristo predicaba, poderiamos preguntarlles aos papas do paradigma actual onde quedou o escepticismo, a curiosidade e a obxectividade que o verdedeiro método científico predicaba. 


1 de mar. de 2019

Acoso institucional

El Ministerio de Sanidad ha sacado un anuncio contra las 'pseudoterapias' vergonzoso. Yo estoy en contra de la desinformación deliberada, la manipulación mediática y la manera en que se nos insulta y menosprecia a los que respetamos o practicamos terapias naturales, algunas de las cuales aunque se intenten prohibir en España están aceptadas e incluso recomendadas y hasta incluídas en el sistema sanitario de otros países, tened en cuenta que el joven que aparece en este anuncio haciendo una especie de pases mágicos no representa la realidad y es un insulto a nuestra inteligencia. Te ruego que le des un 👎 a los vídeos y lo denuncies a Youtube eligiendo la opción:
-Inapropiado o incita al odio. ❌
Para denunciar debes de dar arriba a la derecha del video donde salen 3 puntos en vertical.
Los vídeos mencionados son los siguientes: ⤵⤵
Muchas gracias por tu colaboración.

7 de feb. de 2019

Impuntuais

Algúns dirán que eles non son escravos dos reloxos, senón persoas libres que non dependen de horarios. Outros simplemente non puideron chegar a tempo porque teñen unha vida moi intensa e ocupada. Outros intentárono, pero algo ou alguén llelo impediu. Os impuntuais non cren que sexa unha desconsideración pola súa parte e un maltrato aos demais, senón simplemente un rasgo seu que os outros deben aceptar. 

Ás veces a impuntualidade se dá especialmente en certo tipo de personalidades das que, en xeral, ninguén o esperaría: persoas tremendamente lóxicas, que poden desenvolver patoloxías de tipo obsesivo compulsivo, con comportamentos precisamente opostos á impuntualidade pero, como conduta reactiva, poden ser dramaticamente impuntuais. A impuntualidade tamén pode ser síntoma dunha personalidade de evitación, ou de certa angustia fronte ao encontro cun "Outro". Existen explicacións fisiolóxicas que tamén habería que valorar en cada caso, así como a existencia de TDA e outras características de cada individuo.

Desde o punto de vista protocolar, a impuntualidade denota unha falta de cortesía enorme. O xeralmente admitido como marxe tolerable son dez minutos, anque é certo que a algunhas personalidades da máis alta xerarquía social se lles permite en ocasións chegar máís tarde precisamente para simplificar o protocolo que se daría se tivesen que esperar moito polos demais.

Entre os psicólogos existen varias clasificacións posibles dos impuntuais crónicos, como por exemplo esta:

O racionalizador. El non ve ningún problema de puntualidade, se chega tarde atopa unha explicación onde el é a víctima, considérao un feito aillado e sempre ten a escusa perfecta.

O produtivo. Quere parecer ocupado e xunta os seus compromisos con pouca marxe de separación, así pode dicir que chega tarde porque ten moito que facer.

O que posterga  Deixa todo para o último momento, nunca se programa, cre que baixo presión traballa mellor, abúrrese facilmente e gústalle gozar da adrenalina por iso vai correndo a todas partes.

O consentidor. Admite que ten o costume de chegar tarde pero non pode evitalo, despois de todo non é tan importante, os demais esaxeran...

O distraído. Sempre anda noutro mundo, esquece as citas e demais compromisos.

O relaxado. Ten problemas de autodisciplina e mesmo cando está listo para saír ponse a facer outra cousa, recoller a mesa, tomar outro café, ver a tele...

O rebelde. Non respecta o tempo dos demais, ten problemas coa autoridade e gústalle desafiar as regras, sente que se chega tarde el ten o control.

O evasivo.  Ten pouca autoestima, por iso non asume nin a importancia nin a responsabilidade de chegar puntual.



Para rematar, se te recoñeces nalgún destes caracteres, simplemente trata de admitir que tes un problema e entón poderás comezar a solucionalo.  Se pola contra, tes que sufrir os desplantes sistemáticos de alguén impuntual, deséxoche a paciencia e o humor de Billy Wilder, quen unha vez declarou:


 "Sobre a impuntualidade de Marilyn debo dicir que teño unha vella tía en Viena que estaría no plató todos os días ás seis da mañá e sería capaz de recitar os diálogos incluso do revés. Pero, quen querería vela? Ademais, mentres esperabamos a Marilyn Monroe todo o equipo, non perdemos totalmente o tempo. Eu, por exemplo, tiven a oportunidade de ler "Guerra e Paz" e "Os Miserables".

29 de xan. de 2019

Consellos para o éxito na túa actividade laboral

O éxito depende de numerosos factores, algúns fóra do noso control como a sorte ou a xenética, pero hai outras cousas nas que si podemos influír. Como di a coñecida Oración da Serenidade: "Señor, dáme serenidade para aceptar todo o que non podo cambiar, forza para cambiar o que son quen de cambiar e sabedoría para comprender a diferenza". Sabido isto, eis algunhas recomendacións para avanzar cara aos teus obxectivos:

 1- ESPECIALÍZATE 
Concentra o esforzo para chegar a ser moi bo no teu campo. Ninguén triunfa nunha actividade sen dedicarlle antes moitas horas de estudo e práctica. Moitas investigacións conclúen que para acadar a perfección en calquera actividade cómpre adicarlle primeiro un tempo mínimo de 10 anos ou 10.000 horas de práctica. Agora que sabes que a formación e o esforzo continuado son imprescindibles, tes que decidir a que te vas a dedicar e concentrarte niso. Enfoca as túas enerxías nesa dirección, non te disperses, e procura que todo o mundo te identifique con iso que decidiches facer.

 2‐ PLANIFICA E COMPARTE 
Unha vez decidido a que te vas dedicar, establece o camiño a seguir, os obxectivos a curto, medio e longo prazo. Se ambicioso, non rebaixes as túas expectativas, porque precisas desafíos capaces de motivarte de verdade. Interioriza as túas metas, pero exteriorízaas tamén, coméntaas con todo o mundo porque así terás un maior compromiso con elas.

 3‐ SEGUE EXPLORANDO 
Se xa es bo no teu terreo, nunca deixes de experimentar cousas novas e probar diferentes estratexias, mellorando cada detalle. Non caias na tentación de automatizar as tarefas, non te instales na zona de confort. Busca solucións diferentes, flexibles e orixinais. Este esforzo extra será o que che faga destacar no teu sector.

 4‐ PERMANECE AO AXEXO 
permanece alerta para estar no sitio correcto no intre adecuado. Trata de intuir e entender cara onde evoluciona a sociedade, e aí procura o teu nicho de mercado para destacar e lograr o éxito.Non te deixes influír pola inercia ou os prexuízos.

 5‐ ALIMENTA A TÚA CONFIANZA
Canto máis éxito tes, máis probabilidades tes de lograr novos éxitos, e igual sucede cos fracasos. O éxito alimenta a túa confianza, mentres que o fracaso a destrúe. Conque fai o  posible por construir un ciclo de éxito que se alimente a si mesmo. Non te durmas nos loureiros, pola contra, usa os teus  éxitos como trampolín para novos éxitos. O éxito, como tamén o fracaso, conforman ciclos acumulativos que se autoalimentan.


20 de xul. de 2018

In - fórmate

Ler o periódico ou ver as noticias non fai de ti unha persoa solidaria, ao contrario, fomenta as queixas, as acusacións e os sentimentos deprimentes: medo, sensación de inxustiza, abuso, indefensión, focalizar o teu pensamento nas desgrazas, a escaseza, a violencia, a enfermidade, a morte... e estes sentimentos fan que sexas fácil de dominar e manipular.
O que podes facer é liberarte de todo iso pero enfocarte no teu entorno para facer un mundo mellor: ocúpate da tua familia, do teu traballo, do teu vecindario, participa activamente no teu radio de acción. As noticias serven para convencerte de que vives nun mundo hostil e necesitas protección. Eles, a mafia que desexa facerte crer que te protexen, son moitas veces os mesmos que provocan incidentes espantosos para manterte asustado e dependente. Alimentan o medo, o odio e a desconfianza entre as persoas, pois saben que se te sentes indefenso e estresado serás dependente, non razoarás ben e aceptarás que eles decidan por ti.
 

11 de xuño de 2018

Non temos dereito a elixir como queremos tratarnos?

Imos camiño de que xa non me corresponda a min decidir un tratamento ou outro para a miña doenza, senón que lle corresponderá ao médico, ou ao goberno, e non a min. Por que? Iso non pasa con outras cousas, por exemplo, eu son profesora, eu ensínolles aos meus alumnos o que sei pero non decido que carreira deben facer ou que profesión escoller, iso é un dereito fundamental que eles teñen, iso queda no exercicio do seu libre albedrío, eu acompáñoos nese proceso pero non me sinto ofendida se optan por algo distinto do que eu ofrezo. A medicina tamén debería ser plural.


6 de dec. de 2017

De novo o Nadal...


Axiña chegan as festas do Nadal, esa data tan especial do ano, chea de espectativas e decepcións, un tremendo espello para cada un de nós, sobre o cal proxectamos as nosas esperanzas e os nosos traumas:
As lembranzas tristes de todas as veces que nos sentimos estafados, a hipocresía dunha sociedade que parece impoñer a orde de ser felices e gastar estupidamente en regalos innecesarios, o absurdo das reunións (familiares ou de traballo) arredor dunha mesa excesiva con xente que non vemos o resto do ano e nos fai sentir incómodos, a lembranza dos que están ausentes talvez mesmo para sempre, a tristeza do ano que remata con todo o que non saiu como esperabamos, a incertidume do que está por vir cos seus bos propósitos imposibles... 
En fin, a indixestión, a resaca, os números vermellos, o frío e as escasas horas de luz que inflúen no noso ánimo, a depresión, a gripe...
Pero tamén temos uns días festivos para recuperarnos, un solsticio para conectar coas enerxías cósmicas e potenciar a nosa intención para atraer o que queremos na nosa vida, un fin de ano e polo tanto fin de ciclo para realizar algún ritual de agradecemento polos bens recibidos e felicitarnos polos logros, pondo a semente do que queremos para o novo ano. Unha oportunidade de estar coas persoas realmente importantes para nós, un tempo de interiorizar e reflectir sobre os nosos valores.
O Nadal non é bo nin malo nin deprimente nin amoroso nin nada que ti non poñas nel. Simplemente, elixe como queres que sexa, elixe onde queres estar, e con quen, facendo que. E faino. Se non o fas, se te deixas enredar na espiral de gastos irreflexivos, comidas prexudiciais, compañías tóxicas, etc, es ti quen está a converter o Nadal nun pesadelo. Aínda estás a tempo: o Nadal que queres está na túa man.


25 de xul. de 2017

Soberanía alimentaria

Esther Vivas, licenciada en Periodismo e Máster en Socioloxía, forma parte do Centro de Estudios sobre Movimientos Sociales (CEMS) na Universidad Pompeu Fabra sendo autora de varios libros sobre soberanía alimentaria e consumo crítico, para facernos conscientes de como se constrúe a fame no mundo para beneficio duns poucos.
.

10 de abr. de 2017

A voltas co terceiro sexo

Ardha Narīshuar,
representación de Shiva con
ambas enerxías masculina e feminina 

O recoñecemento dun sexo diferente do masculino e o feminino non debería ser tan traumático para a nosa sociedade, pero os europeos occidentais da era moderna temos unha venda nos ollos con este tema e non é doado que a quitemos, pois levamos moitos séculos, por non dicir milenios, de represión.
No hinduísmo non hai supremacía dun sexo sobre outro, moitos dos deuses están casados integrando a través da parella divina ambas enerxías, masculina e feminina, e os deuses principais (inclusive Visnú, Shiva e Krisna) se transformaron algunha vez mudando de sexo. Por iso é moi antiga a aceptación da existencia dun "terceiro sexo".
Digámolo unha vez máis: non é unha "verdade natural" a división da humanidade en homes e mulleres, é un feito que se dá en moitos casos, a maioría certamente, pero non todos, e son intereses ideolóxicos os que fan prosperar unhas formas da realidade sobre outras que se negan, se ocultan e se reprimen pola forza do discurso relixioso, filosófico, político e médico, bisturí en man.
Hai persoas que cando nacen resulta imposíbel determinar se son homes ou mulleres. Son unha minoría, pero o 1,7% da poboación mundial non merece ser ignorado, reprimido e obrigado a inscribirse no rexistro baixo un sexo que non describe a súa realidade.
Que un ser humano poida decidir libremente a que sexo pertence sería un gran avance e cada vez son máis as persoas que se atreven a expoñer as súas reivindicacións neste sentido. Lea T,  Andreja Pejic, Hanne Gaby Odiele, entre outras, abren camiño no difícil territorio da moda e os estándares de beleza da nosa sociedade. Pero aínda queda un longo camiño: o camiño para que un ser humano non teña que adquirir unha identidade masculina ou feminina en detrimento da outra se non é iso o que sente, porque só é unha fraude e unha vida frustrada.
A espiritualidade pasa en primeiro lugar por recoñecer as propias verdades e expresalas no mundo. Adquirir consciencia e desenvolvela implica non mentirse a un mesmo nin á sociedade, e se unha alma elixiu o tortuoso camiño de experimentarse a si mesma en dous sexos simultaneamente, merece como mínimo o meu respecto. Se un día se decanta por ser unha cousa ou a outra entendo que ten ese dereito, pero se desexa vivir con ambos sexos no seu corpo non se lle debe obrigar a mutilarse nin fisica nin emocional nin socialmente.

wikipedia
noite temática