29 de xan. de 2019

Consellos para o éxito na túa actividade laboral

O éxito depende de numerosos factores, algúns fóra do noso control como a sorte ou a xenética, pero hai outras cousas nas que si podemos influír. Como di a coñecida Oración da Serenidade: "Señor, dáme serenidade para aceptar todo o que non podo cambiar, forza para cambiar o que son quen de cambiar e sabedoría para comprender a diferenza". Sabido isto, eis algunhas recomendacións para avanzar cara aos teus obxectivos:

 1- ESPECIALÍZATE 
Concentra o esforzo para chegar a ser moi bo no teu campo. Ninguén triunfa nunha actividade sen dedicarlle antes moitas horas de estudo e práctica. Moitas investigacións conclúen que para acadar a perfección en calquera actividade cómpre adicarlle primeiro un tempo mínimo de 10 anos ou 10.000 horas de práctica. Agora que sabes que a formación e o esforzo continuado son imprescindibles, tes que decidir a que te vas a dedicar e concentrarte niso. Enfoca as túas enerxías nesa dirección, non te disperses, e procura que todo o mundo te identifique con iso que decidiches facer.

 2‐ PLANIFICA E COMPARTE 
Unha vez decidido a que te vas dedicar, establece o camiño a seguir, os obxectivos a curto, medio e longo prazo. Se ambicioso, non rebaixes as túas expectativas, porque precisas desafíos capaces de motivarte de verdade. Interioriza as túas metas, pero exteriorízaas tamén, coméntaas con todo o mundo porque así terás un maior compromiso con elas.

 3‐ SEGUE EXPLORANDO 
Se xa es bo no teu terreo, nunca deixes de experimentar cousas novas e probar diferentes estratexias, mellorando cada detalle. Non caias na tentación de automatizar as tarefas, non te instales na zona de confort. Busca solucións diferentes, flexibles e orixinais. Este esforzo extra será o que che faga destacar no teu sector.

 4‐ PERMANECE AO AXEXO 
permanece alerta para estar no sitio correcto no intre adecuado. Trata de intuir e entender cara onde evoluciona a sociedade, e aí procura o teu nicho de mercado para destacar e lograr o éxito.Non te deixes influír pola inercia ou os prexuízos.

 5‐ ALIMENTA A TÚA CONFIANZA
Canto máis éxito tes, máis probabilidades tes de lograr novos éxitos, e igual sucede cos fracasos. O éxito alimenta a túa confianza, mentres que o fracaso a destrúe. Conque fai o  posible por construir un ciclo de éxito que se alimente a si mesmo. Non te durmas nos loureiros, pola contra, usa os teus  éxitos como trampolín para novos éxitos. O éxito, como tamén o fracaso, conforman ciclos acumulativos que se autoalimentan.


Ningún comentario:

Publicar un comentario