Amosando publicacións coa etiqueta guías. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta guías. Amosar todas as publicacións

7 de nov. de 2015

Estou preparada!

Xa coñecedes a miña afección a detectar contidos de crecemento persoal, espiritual e metafísico en películas que non tiñan esa intención primaria. Hoxe quero falarvos de Gravity, unha película fermosa, entretida e conmovedora. Pero non vou falar de ciencia ficción senón, oh sorpresa, de chamanismo.
Antes de nada quero recomendarvos que, se non vistes esta película, a vexades e despois leades o post. Non quero estropearvos a experiencia e que me acusedes de spoiler: estades avisados.
Paso entón a comentarvos a miña lectura persoal deste fabuloso film.
A doutora Ryan Stone (Sandra Bullock), que realiza a súa primeira misión espacial, e o veterán astronauta Matt Kowalsky (George Clooney), que realiza a última, vense golpeados por unha choiva de lixo espacial que destroza a súa nave mentres eles realizaban tarefas no exterior, deixándoos nunha situación realmente difícil. A pesar das protestas de Stone, Kowalsky se sacrifica por ela, dándolle un par de consellos que ela recibe aterrada pois non se sente capaz de seguir soa. 
Despois de conseguir facerse cunha vella Soyuz a doutora, que comezaba a crer posible salvarse, ve que ese plan non é viable, intenta rezar e declara que non sabe, que ninguén lle ensinou; entón derrúbase nunha secuencia marabillosa que constitúe toda unha viaxe chamánica, con morte iniciática incluída: desconecta o osíxeno e decide morrer sen dor, escoitando unha mensaxe que recibe da terra directamente desde o mundo chamánico tradicional, pois se trata nada menos que dun pescador inuit que primeiro está en compañía duns cans e despois cantándolle un arrolo a un bebé! Chegados a este punto un non pode menos que percibir o toque persoal do director, Alfonso Cuarón, que é mexicano, e algo sabe deste tipo de experiencias. Con gran ledicia asistimos ao retorno de Kowalsky, que entra na nave malia que todos sabemos dúas cousas que o impiden: non pode abrir a porta da nave e entrar sen máis e ademais Kowalsky está indubidablemente morto. Esta secuencia, desconcertante para moitos espectadores, é absolutamente perfecta: A doutora necesita axuda e, totalmente incapaz de resolver por si mesma rezou, por iso un inuit falou con ela, anque nunha lingua estraña que ela non entendía, e os seus cans ladraron, ela conmoveuse perante a chamada do seu animal de poder e respondeu, comezou a ladrar e mesmo ouvear con eles, despois o inuit cantou para ela mentres se durmía/morría docemente, e ela entón contacta cun guía espiritual que asume a forma de Kowalsky porque el representa para ela o ser máis sabio que podería guiala nesa situación concreta. Kowalsky explícalle o que debe facer e non deixa de ser simbólico tamén, porque lle di que "despegar é igual que aterrar", ao tempo que o noso subconsciente pode comprender que morrer é igual que nacer (xa que ela morrendo escoita o arrolo dun bebé). 
Despois deste asesoramento chamánico en toda regra ela cambia, esperta, conecta o osíxeno e asume o control da súa vida aínda sabendo que nos próximos minutos o máis probable é que a vella cápsula en que pretende regresar á Terra estoupe en mil anacos... Pero iso xa non importa, e ela pronuncia esa fermosa frase que constitúe toda unha declaración de principios para a vida: "Pase o que pase vai ser unha experiencia alucinante. Estou preparada!"
O seu retorno á Terra é un renacemento, incluíndo o medio acuático, onde se orixinou a vida neste planeta. Vendo como se arrastra para saír da auga, e como lle custa porse en pé despois de estar na ingravidez do espazo, actívanse as nosas memorias máis recónditas de cando, hai millóns de anos, demos eses primeiros pasos en terra firme, aínda nunha envoltura non humana, probablemente cun sentimento parecido tamén a "Pase o que pase vai ser unha experiencia alucinante. Estou preparada!"


A experiencia chamánica busca producirse e non importa por que medios, chámeslle coincidencias ou sincronicidades. Se che pareceu pouco spoiler, prepárate para a curta de Jonás Cuarón (fillo do director, e coguionista) onde podes asistir á famosa conversa da doutora, desde o punto de vista do terrícola:

30 de xuño de 2015

NAMO KWAN SHIH YIN PUSA



Kwan Yin é unha entidade moi querida en toda Asia e encarna o Amor Incondicional, a Graza e a Compaixón no grao máis alto, pois se cre que salvará a calquera que acuda a ela, sen importar que a súa conduta fose piadosa ou non. O seu nome completo, Kwan Shi Yin, significa "A que ve e escoita os lamentos do mundo" e hai moitas lendas que contan milagres realizados por ela para socorrer aos que buscan a súa axuda. Tales historias sempre realzan a súa compaixón para con todos os seres, a súa santidade, a súa iluminación, o seu amor incondicional e a súa accesibilidade. A misericordia de Kwan Yin é única, ela está completamente libre de orgullo ou desexo de vinganza, pouco disposta a castigar a ninguén aínda que o teña merecido. Aqueles que poden sufrir horribles destinos kármicos noutros sistemas, poden obter renovación e purificación simplemente por implorar a súa graza con total e absoluta sinceridade.

Cando o Budismo chegou a China, alí considerouse máis natural que a compaixón fose representada con aspecto feminino. Así o Bodhisattva Avalokithesvara pasou a identificarse con Kwan Yin, entidade que xa existía desde moito antes, talvez dentro do marco da antiga tradición da Deusa en Persia. O primeiro monxe budista e tradutor que se referiu en feminino a Kwan Yin foi Kumarajiva na súa tradución ao Chinés do Sutra do Loto no 406 da nosa era. Das trinta e tres (o número que se relaciona con ela) aparicións do bodhisattva na tradución, sete son en xénero feminino. Isto que pode parecer unha contradición, non é tal dentro da visión budista, xa que un bodhisattva non é masculino nin feminino (similar aos anxos do cristianismo), e pode manifestarse tanto como home ou como muller, neno, animal, etc. dependendo do ser a quen quere socorrer. Como di o Sutra do Loto sobre Kwan Yin: "recorre a varios recursos ou medios e viaxes polo mundo, levando os seres á salvación."

Ata o século X, seguiuse representando a Kwan Yin en aspecto masculino pero pouco a pouco a imaxe do bodhisattva como unha fermosa Deusa vestida de branco foi crecendo en popularidade. Para o século IX xa había unha estatua da Deusa en cada mosteiro budista de China.

De acordo cunha crenza popular chinesa, Kwan Yin vive na illa de Pu-tuo-shan (O mundo de Lapislazuli), onde está o seu palacio sagrado. Aparece frecuentemente no ceo ou sobre as ondas, para salvar aos que a chaman en situacións de perigo, ou á beira de persoas doentes, sobre as que rocía unhas pingas da súa auga curativa que leva nun equeno envase. Cando se representa levando unha gavilla de arroz maduro ou unha cunca con grans de arroz, é como símbolo da súa capacidade de xerar fertilidad e sustento. As imaxes portando un loto branco fan referencia á súa pureza. Algúns símbolos asócianse característicamente con Kwan Yin como a ponla de salgueiro, antigo símbolo chamánico da cultura chinesa que o vincula á facultade de comunicar cos mundos espirituais e tamén símbolo da femineidade; Outras veces as representacións de Kwan Yin van vinculadas ás do Dragón, poderoso símbolo de espiritualidade, sabedoría, forza e poderes divinos de transformación. Tamén hai curiosas representacións de Kwan Yin con mil brazos, ou con mil ollos, representando os diferentes medios para salvar aos seres sentintes. As súas mans adoptan ás veces a forma do Yoni Mudra, simbolizando a matriz como a porta de entrada a este mundo a través do principio universal feminino. Do mesmo xeito que Artemisa, é unha Deusa virxe que protexe ás mulleres sendo propicia tanto ás que optan por unha vida relixiosa retirada como a aquelas que desexan matrimonio e descendencia. En Vietnam, Kwan Yin é invocada como protectora en tempo de desastres naturais, e patroa daqueles cuxas vidas dependen dos elementos, polo que soe estar presente nos altares de labregos e pescadores. Na teoloxía budista Kwan Yin é ás veces presentada como o capitán do "Barco da Salvación", guiando almas ao Paraíso do Oeste de Amitabha, ou a Terra Pura, a terra de bendición onde as almas poden renacer para continuar recibindo instrución ata chegar á iluminación e a perfección.

Algunhas correntes metafísicas e vinculadas aos ensinos dos "Mestres Ascendidos" teñen unha visión algo diferente de Kwan Yin. Así, afirman que ten un templo chamado "Templo Etérico da Misericordia" localizado sobre Pekín e que está rodeado de 12 pequenos templos, onde habitan lexións de seres ao seu servizo. Ela dirixe a Chama de Misericordia e Compaixón, e ela é un dos que están a cargo de exercer actividades de sanación sobre a humanidade na terra. Kwan Yin é membro do Equipo Kármico. O seu raio é o Raio Violeta da Conciencia Crística.

Tamén se relaciona con técnicas de manexo das enerxías como Magnified Healing.

Kwan Yin, é a manifestación do feminino, a Nai Cósmica, similar a outras figuras de culturas e relixións de profunda raigame histórica como Isis, Tara ou a María do Cristianismo, chegando a utilizarse imaxes de Kwan Yin para adorar á nai de Xesús entre os cristiáns chineses, xa que Kwan Yin representada como "A honorable das roupas brancas", parece unha virxe cristiá. Non nos debería estrañar que tanto orientais como occidentais manifesten de xeito similar os principios de misericordia, amor incondicional e santidade.

Para min Kwan Yin é un Yidam (deidade que mora no noso propio corazón), non adscrita a un credo determinado, disposta a darnos o seu amor, misericordia e axuda sen importar que sexamos dun credo ou doutro. A devoción á Kwan Yin trae como consecuencia un profundo amor e desexo de servizo a todos os seres vivos, e desta forma de actuar nacerá necesariamente un mundo mellor.

Fermoso blog dedicado a Kwan Yin

Máis mantras e oracións a Kwan Yin

Magnified Healing en España

20 de xuño de 2015

A influencia sobre os demais

Observa ao teu redor, as condutas da xente, as súas conversas, as opinións que expresan, os plans que fan. Cantas persoas do teu entorno cres que son verdadeiramente creativas e innovadoras?

A gran maioría das persoas non son pioneiras, senón imitadoras. Isto é algo natural, terás oído falar das neuronas espello, que desempeñan un papel importantísimo nas nosas aprendizaxes e relacións sociais.

Así que a próxima vez que queiras persuadir a alguén non insistas en ofrecerlle datos, probas ou argumentos, ofrécelle tamén o teu exemplo. Permite que observen a túa vida e os resultados que obtés coa túa praxe, e entón decidirán.


19 de xuño de 2014

De mestres e aprendices


Proverbio oriental.
Unha reflexión interesante tanto nesta altura, 
final do curso académico, como no contexto espiritual.

5 de ago. de 2013

Explicación dos diferentes tipos de guías espirituais

    Hai uns días atopaba, por unha marabillosa sincronicidade en resposta a algo que eu estaba a vivenciar, un vídeo de David Topí, daquela un perfecto descoñecido para min, explicando con claridade meridiana os diferentes tipos de ataques psíquicos. Unha das cousas que explicaba era cómo podes chegar a empoderarte ao superar un deses ataques, descubrir o teu punto fraco e sanalo.
   Como dunha experiencia desagradábel xorde algo agradábel! E entón quero tamén agora poñer o vídeo en que fala dos guías espirituais. Encantoume esta exposición, o que di e como estrutura a información. Ten moitos outros vídeos igualmente interesantes, que vos recomendo encarecidamente, anque xa non os seguirei poñendo aquí porque xa sería redundante, simplemente queda engadida a súa páxina aos favoritos deste blog.