Xa coñecedes a miña afección a detectar contidos de crecemento persoal, espiritual e metafísico en películas que non tiñan esa intención primaria. Hoxe quero falarvos de Gravity, unha película fermosa, entretida e conmovedora. Pero non vou falar de ciencia ficción senón, oh sorpresa, de chamanismo.
Antes de nada quero recomendarvos que, se non vistes esta película, a vexades e despois leades o post. Non quero estropearvos a experiencia e que me acusedes de spoiler: estades avisados.
Paso entón a comentarvos a miña lectura persoal deste fabuloso film.
A doutora Ryan Stone (Sandra Bullock), que realiza a súa primeira misión espacial, e o veterán astronauta Matt Kowalsky (George Clooney), que realiza a última, vense golpeados por unha choiva de lixo espacial que destroza a súa nave mentres eles realizaban tarefas no exterior, deixándoos nunha situación realmente difícil. A pesar das protestas de Stone, Kowalsky se sacrifica por ela, dándolle un par de consellos que ela recibe aterrada pois non se sente capaz de seguir soa.
Despois de conseguir facerse cunha vella Soyuz a doutora, que comezaba a crer posible salvarse, ve que ese plan non é viable, intenta rezar e declara que non sabe, que ninguén lle ensinou; entón derrúbase nunha secuencia marabillosa que constitúe toda unha viaxe chamánica, con morte iniciática incluída: desconecta o osíxeno e decide morrer sen dor, escoitando unha mensaxe que recibe da terra directamente desde o mundo chamánico tradicional, pois se trata nada menos que dun pescador inuit que primeiro está en compañía duns cans e despois cantándolle un arrolo a un bebé! Chegados a este punto un non pode menos que percibir o toque persoal do director, Alfonso Cuarón, que é mexicano, e algo sabe deste tipo de experiencias. Con gran ledicia asistimos ao retorno de Kowalsky, que entra na nave malia que todos sabemos dúas cousas que o impiden: non pode abrir a porta da nave e entrar sen máis e ademais Kowalsky está indubidablemente morto. Esta secuencia, desconcertante para moitos espectadores, é absolutamente perfecta: A doutora necesita axuda e, totalmente incapaz de resolver por si mesma rezou, por iso un inuit falou con ela, anque nunha lingua estraña que ela non entendía, e os seus cans ladraron, ela conmoveuse perante a chamada do seu animal de poder e respondeu, comezou a ladrar e mesmo ouvear con eles, despois o inuit cantou para ela mentres se durmía/morría docemente, e ela entón contacta cun guía espiritual que asume a forma de Kowalsky porque el representa para ela o ser máis sabio que podería guiala nesa situación concreta. Kowalsky explícalle o que debe facer e non deixa de ser simbólico tamén, porque lle di que "despegar é igual que aterrar", ao tempo que o noso subconsciente pode comprender que morrer é igual que nacer (xa que ela morrendo escoita o arrolo dun bebé).
Despois deste asesoramento chamánico en toda regra ela cambia, esperta, conecta o osíxeno e asume o control da súa vida aínda sabendo que nos próximos minutos o máis probable é que a vella cápsula en que pretende regresar á Terra estoupe en mil anacos... Pero iso xa non importa, e ela pronuncia esa fermosa frase que constitúe toda unha declaración de principios para a vida: "Pase o que pase vai ser unha experiencia alucinante. Estou preparada!"
O seu retorno á Terra é un renacemento, incluíndo o medio acuático, onde se orixinou a vida neste planeta. Vendo como se arrastra para saír da auga, e como lle custa porse en pé despois de estar na ingravidez do espazo, actívanse as nosas memorias máis recónditas de cando, hai millóns de anos, demos eses primeiros pasos en terra firme, aínda nunha envoltura non humana, probablemente cun sentimento parecido tamén a "Pase o que pase vai ser unha experiencia alucinante. Estou preparada!"
A experiencia chamánica busca producirse e non importa por que medios, chámeslle coincidencias ou sincronicidades. Se che pareceu pouco spoiler, prepárate para a curta de Jonás Cuarón (fillo do director, e coguionista) onde podes asistir á famosa conversa da doutora, desde o punto de vista do terrícola:

Ningún comentario:
Publicar un comentario