Amosando publicacións coa etiqueta ceo nocturno. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ceo nocturno. Amosar todas as publicacións

23 de xul. de 2017

Lunáticos todos

Mañá hai Lúa Nova. Comeza pois un novo ciclo lunar. Desde antigo se ten considerado que existe unha conexión entre as fases da Lúa e o estado de ánimo, pero recentemente varios estudosos de diferentes disciplinas, entre eles algúns neurocientíficos, estableceron correspondencia entre as catro fases lunares e catro neurotransmisores básicos. Isto pode axudarnos a comprender como nos sentimos e aproveitar cada momento para as actividades idóneas segundo as nosas capacidades.

Primeira semana lunar: Lúa Nova/Cuarto Crecente. Acetilcolina

Na primeira semana do ciclo lunar volvémonos máis sensibles, máis receptivos ao emocional, procuramos compañía e actividades en grupo. Anque nos custa concentrarnos nunha tarefa temos moita enerxía que podemos utilizar para emprender novos proxectos e aprender cousas novas porque a acetilcolina se asocia á memoria e a aprendizaxe. Tradicionalmente tamén se vén considerando que a lúa nova é ideal para iniciar novos proxectos, sementar plantas, expresar intencións e en xeral aproveitar a enerxía ascendente.

Segunda semana lunar: Cuarto Crecente/Lúa Chea. Serotonina

Na segunda semana aumenta a nosa enerxía, concentración mental e creatividade. Podemos sentirnos satisfeitos e desaproveitar o gran potencial da serotonina, pero se reservamos algúns momentos en soedade para a reflexión e a concreción dos nosos proxectos pode ser o periodo máis produtivo do mes a todos os niveis.

Terceira semana lunar: Lúa Chea/ Cuarto Minguante. Dopamina

É unha semana de distracción e divertimento, relacións sociais e gran empatía. Está asociada coas experiencias e estímulos de pracer, recompensa e excitación. É o momento de descansar e gozar do que fixemos.

Cuarta semana lunar: Cuarto minguante / Lúa nova. Norepinefrina (ou noradrenalina)

Estamos en estado de alerta, de fuxir ou loitar, un estado defensivo no que queremos protexernos. Sentímonos fráxiles e ao mesmo tempo agresivos, como nun regreso, aínda que parcial, ao cerebro reptiliano. 

19 de out. de 2014

Non perdas as oriónidas o vindeiro martes

 As Oriónidas son a miña chuvia de estrelas favorita, porque son especialmente vistosas e moi doadas de observar, radian dende a fermosa constelación de Orión, que todo o mundo coñece, duran varias noites seguidas e nunha época en que aínda non vai demasiado frío para permanecer fóra. Este ano ademais estamos de sorte, pois o prognóstico do tempo anuncia ceos despexados e a lúa minguante será case invisible durante o máximo de meteoritos (noite do martes 21 de outubro) polo que o espectáculo pode ser realmente marabilloso durante toda a noite sen a interferencia da luz do noso satélite. Contodo a chuvia dura ata o 7 de novembro, así que se precisamente o martes non podes velo non deixes de intentalo nas noites seguintes.
 A media é que poidamos ver uns 25 meteoros por hora, que non é moito, pero o que os fai tan especiais é que as oriónidas adoitan producir os chamados bólidos: As estrelas fugaces que vemos son partículas do tamaño dun gran de area, pero os bólidos son partículas de varios centímetros, que se iluminan tanto como o planeta Venus (o astro máis brillante tras o Sol e a Lúa) e mesmo poden chegar a brillar tanto como a mesma lúa, ademais adoitan deixar ronseis persistentes no ceo, é dicir, restos do material queimado na atmosfera flotando durante varios segundos ou minutos, coma se dunha nube alongada se tratase.
 Esta chuvia está asociada ás partículas que deixa o famoso Halley, un cometa que volve ás proximidades do noso planeta cada 76 anos e cuxo último paso polas proximidades da Terra tivo lugar en 1986. Este cometa tamén produce a chuvia das Eta Acuáridas, con máximo de actividade o 6 de maio.
 O radiante ou lugar de onde proceden os meteoros localízase na famosa e brillante constelación de Orión, recoñecible por ter no centro tres estrelas aliñadas e practicamente do mesmo brillo, que denominamos as tres Marías. Se miramos directamente ao radiante observaremos meteoros que nos veñen practicamente de fronte, polo que apreciaremos traxectorias moi curtas, pero se miramos a 90 graos do radiante en calquera dirección, poderemos contemplar meteoros con percorridos moi longos. É por iso que non convén mirar directamente ao radiante. Os meteoros poderán aparecer dende calquera punto do ceo, pero todos levarán unha dirección contraria ao radiante. Aínda que a chuvia se verá durante toda a noite do 21 ao 22 de outubro, as mellores observacións e a máxima actividade chegarán ben entrada a noite. Así que encontra un lugar moi escuro, lonxe das luces das cidades, e ponte cómodo, mellor deitado. Non leves telescopio, a chuvia vese mellor a simple vista. En caso de que vexas un bólido podes usar uns prismáticos para ver o ronsel persistente flotando no ceo durante máis tempo.

constelación de Orión



16 de xul. de 2014

Superlúa de agosto

En xuño do ano pasado a Lúa chea protagonizou moitos titulares, co nome de “súper lúa” porque era extraordinariamente grande e brillante e en todo o mundo a xente se admirou dela. O termo científico para o fenómeno é “lúa de perixeo” e todos os anos hai algunha sen producir consecuencias extraordinarias.
Este fenómeno ocorre debido a que a Lúa xira arredor da Terra nunha órbita que non é circular, senón elíptica, polo tanto a distancia da Lúa pode variar desde uns 356.000 kms. no punto más próximo á Terra (chamado perixeo) ata uns 406.000 kms. no máis afastado (chamado apoxeo). A Lúa chea pode coincidir en calquera punto da órbita. Cando coincide perto do apoxeo parece de menor tamaño, e perto do perixeo son as famosas superlúas. No punto máis próximo á Terra o diámetro da Lúa é ata un 13% maior e ata un 30% máis luminosa que no punto máis arredado.
O ano 2014 ten tres superlúas. O 12 de xullo xa puidemos contemplar a primeira, e o 9 de setembro poderemos observar outra. O 10 de agosto, a Lúa volverase chea durante a mesma hora que acontece o perixeo, e isto indiscutiblemente a converte nunha extra súper lúa.
Xa que o brillo desta lúa nos impedirá gozar das Perseidas este ano, polo menos gocemos da propia lúa. Pódese observar a simple vista, pero a visión da saída sobre o horizonte é moi espectacular con prismáticos ou telescopio.

 

23 de xuño de 2014

Feliz verán...

Por fin chegou o verán, e neste interesante artigo faise un resumo de como será astronomicamente.
Poderemos observar a Marte e Saturno como luceiros vespertinos, Venus e Xúpiter como luceiros matutinos. As Perseidas, chuvia de meteoriños que acontece sempre contra o 12 de agosto, case non se verán este ano porque coinciden practicamente con lúa chea e con tanta luz non se aprezan ben. Tampouco haberá ningunha eclipse durante esta estación, nin de lúa nin de sol.
Esperemos gozar polo menos de bo tempo!

O CEO DO MES









15 de nov. de 2012

Este fin de semana non perdas as Leónidas

Estes días atopámonos dentro dun período de choiva meteórica, as Leónidas, que poderemos ver moi ben porque coincide que a Lúa está nos primeiros días da fase crecente e ademais ocúltase pouco despois do atardecer deixando un ceo escuro perfecto para a observación dos meteoriños. As Leónidas chámanse así porque parecen irradiar desde a constelación de Leo, que verás aparecer ao leste sobre a medianoite e a iso das 3:00 am chega ao cénit (ceo de Galicia).
Din os expertos que poderemos ver uns 40 meteoriños por hora. Non é moito comparado con outros anos ou con outras chuvias de estrelas máis intensas, pero a min gústanme especialmente as Leónidas porque teñen unha cor preciosa, avermellada, e son moi rápidas, xa que a Terra as atopa de fronte, e ademais soen deixar tras de si un ronsel de cor verdosa que dura uns segundos.
Que o gocedes en boa compañía.



Máis información AQUÍ ou AQUÍ