23 de xul. de 2017

Lunáticos todos

Mañá hai Lúa Nova. Comeza pois un novo ciclo lunar. Desde antigo se ten considerado que existe unha conexión entre as fases da Lúa e o estado de ánimo, pero recentemente varios estudosos de diferentes disciplinas, entre eles algúns neurocientíficos, estableceron correspondencia entre as catro fases lunares e catro neurotransmisores básicos. Isto pode axudarnos a comprender como nos sentimos e aproveitar cada momento para as actividades idóneas segundo as nosas capacidades.

Primeira semana lunar: Lúa Nova/Cuarto Crecente. Acetilcolina

Na primeira semana do ciclo lunar volvémonos máis sensibles, máis receptivos ao emocional, procuramos compañía e actividades en grupo. Anque nos custa concentrarnos nunha tarefa temos moita enerxía que podemos utilizar para emprender novos proxectos e aprender cousas novas porque a acetilcolina se asocia á memoria e a aprendizaxe. Tradicionalmente tamén se vén considerando que a lúa nova é ideal para iniciar novos proxectos, sementar plantas, expresar intencións e en xeral aproveitar a enerxía ascendente.

Segunda semana lunar: Cuarto Crecente/Lúa Chea. Serotonina

Na segunda semana aumenta a nosa enerxía, concentración mental e creatividade. Podemos sentirnos satisfeitos e desaproveitar o gran potencial da serotonina, pero se reservamos algúns momentos en soedade para a reflexión e a concreción dos nosos proxectos pode ser o periodo máis produtivo do mes a todos os niveis.

Terceira semana lunar: Lúa Chea/ Cuarto Minguante. Dopamina

É unha semana de distracción e divertimento, relacións sociais e gran empatía. Está asociada coas experiencias e estímulos de pracer, recompensa e excitación. É o momento de descansar e gozar do que fixemos.

Cuarta semana lunar: Cuarto minguante / Lúa nova. Norepinefrina (ou noradrenalina)

Estamos en estado de alerta, de fuxir ou loitar, un estado defensivo no que queremos protexernos. Sentímonos fráxiles e ao mesmo tempo agresivos, como nun regreso, aínda que parcial, ao cerebro reptiliano. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario