20 de xul. de 2017

Flores de Bach

Recentemente tiven a oportunidade e o privilexio de formarme en Flores de Bach, unha serie de esencias naturais utilizadas para tratar diversas situacións emocionais, como medos, soidade, tensión, depresión, etc. que poden ser un problema en si mesmas ou producir enfermidades que cursan con síntomas aparentemente de orixe física. Foron descubertas por Edward Bach entre os anos 1926 e 1934 e hoxe poden adquirirse nunha boa herboristería, en forma de preparados en frascos goteiros que conteñen a esencia e un pouco de brandy que actúa como conservante.

Edward Bach graduouse en Londres como médico e realizou notables traballos de investigación en bacterioloxía, terreo no que gozou de bastante prestixio. Contodo el non estaba convencido da medicina que practicaba, consideraba que ás veces os tratamentos eran máis dolorosos e agresivos que a propia enfermidade, polo que se dedicou á  homeopatía destacando tamén nela como médico e investigador.

Ao cabo dos anos constatou un feito curioso: algúns pacientes que tiñan a mesma enfermidade tiñan ademais outras características similares, como a súa postura corporal, a súa forma de falar, os xestos e expresións. Empezou entón a analizar aos pacientes non só polas súas enfermidades e síntomas, senón pola súa personalidade. Esta investigación levouno a probar algúns remedios homeopáticos baseados en flores que recolleu durante unhas vacacións na súa terra natal, Gales. Obtivo tan bos resultados que decidiu mudarse definitivamente a Gales e dedicarse a desenvolver esta nova medicina. O método de preparación tamén era novo: en lugar de tomar os extractos das flores e empezar a facer dilucións, como en homeopatía, simplemente recollía o rocío depositado nas flores pola mañá e usábao como tintura nai. Para o seu asombro, este rocío era suficientemente poderoso como para crear efectos significativos nas persoas. Máis adiante experimentou mergullando as flores nun frasco de cristal cheo de auga mineral, deixándo ao sol durante algunhas horas. É así como reuniu 38 remedios, cada un cunha aplicación específica para un tipo de personalidade. Estes 38 remedios están compostos por 34 flores silvestres, 3 flores de cultivo e o último non é unha flor, senón auga de manancial.

Estivo experimentando os efectos dalgunhas tinturas de flores consigo mesmo, e logo con plantas e animais, para finalmente probar os seus remedios con pacientes, receitando os remedios de acordo co seu tipo de personalidade e non os seus síntomas. Debido aos sorprendentes resultados que obtivo, enunciou un importante principio: Para corrixir unha enfermidade física, é necesario primeiro corrixir os problemas mentais e emocionais do paciente. Corrixindo os problemas emocionais, os problemas físicos poden resolverse máis fácil e rapidamente, e sen risco de que volvan presentarse.

O Dr. Bach legounos unha poderosa ferramenta para a saúde, un verdadeiro sistema holístico, é dicir integral, pois reúne a mente e as emocións co corpo do paciente. Pero como adoito dicir eu sempre, cando a enfermidade aparece no corpo físico leva xa un longo periodo de incubación nos corpos sutís, por intoxicarnos durante anos e por non vivir de acordo co noso ser interior. É un aviso de que hai cousas importantes que cambiar na nosa vida. Agora ben, unha vez que se manifestou no corpo físico, este pode precisar tamén unha intervención física nese plano, por iso non hai que desbotar tamén unha visita médica. Explícome: imaxina un accidente co coche. É interesante comprender por que che sucedeu para que non se repita, pero tamén pode ser necesario levar o coche ao taller e reparar os danos. Anque seremos nós quen temos a responsabilidade última de sanarnos a nós mesmos en todos os aspectos da nosa persoa, tomando consciencia da vida que levamos e actuando sobre ela para corrixir os posibeis desequilibrios.

Ningún comentario:

Publicar un comentario