Amosando publicacións coa etiqueta sinerxia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta sinerxia. Amosar todas as publicacións

27 de ago. de 2013

O nome de Deus

Tense dito que o nome de Deus é impronunciábel, secreto, prohibido, mais por outra parte tense falado dos 72 nomes de Deus e ténselle dado un nome concreto, nalgunhas tradicións incluso se lle atribúen non só varios nomes senón varias persoas, a xeito de trinidade, misterio insondábel da fe... Que pasa co nome de Deus?
A explicación é moi sinxela. Existe unha realidade última e global en todas as cousas. Todo canto ves é un fragmento desta realidade total, tanto se miras ao teu redor como se miras dentro de ti. Si: ti es parte diso que na maioría das tradicións chaman Deus. Por iso non se pode dicir o verdadeiro nome de Deus, non porque o prohiba ningunha lei senón porque simplemente non é posíbel xa que non hai ningunha palabra capaz de expresalo na súa totalidade. Todo o que podemos abranguer neste momento da nosa encarnación na Terra son visións parciais da realidade última que somos, observándose a si mesma. É parecido a aquel conto onde un pobo de cegos elixe aos máis listos para que fosen investigar un elefante e despois lles contasen aos demais como era. O cego que tocou unha orella, díxo que o elefante era liso e plano, como unha saba; o que tocou unha pata dixo que era como unha columna; o que tocou o rabo dixo que era como unha corda...
É correcto calquera nome que lle deas, podes dicir que Deus é Amor ou que Deus é Enerxía ou Vibración ou Vida ou Nai Terra ou podes darlle un nome propio como Shiva ou Jehová, ou podes afirmar simplemente EU SON. Como queira que o fagas, respecta prudentemente as visións dos demais sabendo que na realidade última todas as visións parciais de cadaquén están incluídas e polo tanto ninguén está totalmente equivocado... nin totalmente acertado, claro.
bosón de Higgs?

31 de out. de 2012

Sumando capacidades

Recoméndovos visitar esta páxina, descargar esta preciosa tipografía (fermosísima, orixinal, gratuíta) e compartilo, para seguir xuntos SUMANDO CAPACIDADES, unha lección que os que nos cremos mellor "capacitados" ás veces temos pendente... http://www.annavives.com/


28 de xan. de 2012

A iluminación é unha consciencia de Todo

Aí atrás tiven ocasión de pasar un día marabilloso con M.D. percorrendo o esteiro do Miño, vendo abrírense as ondas no Puntal, falando da luz e das batallas gañadas e perdidas no Camiño. Foi ela quen me contou este contiño oriental de sabedoría:

Din que unha vez houbo un home que camiñaba polo mundo na procura da verdade e topou cun gran sabio que lle dixo: “Hai un pozo escondido nunha cova. Vai alí e fai unha pregunta. Se preguntas con sinceridade, o pozo responderache. E isto é un milagre que só uns poucos grandes adeptos coñecen.”

O home procurou e procurou durante anos a cova e mailo pozo. Foi difícil de atopar, pero finalmente chegou, asomouse e preguntou: “Que é a vida?” Non tivo resposta. Repetiu varias veces a pregunta pero só se escoitaba o eco. Como tiña un interese sincero, continuou preguntando día e noite, noite e día, “Que é a vida?” E o pozo soamente resoaba coa súa propia voz. Pero el non se daba por vencido, ata que o pozo finalmente comprendeu que o home era sincero e non ía desistir. Así que o pozo respondeu: “De acordo, direiche o que é a vida: Vai á aldea máis próxima, visita as tres primeiras tendas e volta, e cóntame”.

O home quedou abraiado porque, que clase de resposta era esta? "Vale, vouno facer..." decidiu, confiando na sabedoría profunda do pozo. Foise á cidade e visitou as tres primeiras tendas, quedando aínda máis frustrado: non atopou nada. Na primeira tenda había xente traballando con pezas de metal. Foi á seguinte tenda e alí viu outras persoas que estaban preparando unhas cordas. Entrou na terceira, que era a tenda dun carpinteiro, e nela estaban traballando a madeira. Díxose a si mesmo: “É isto a vida?”

Regresou ao pozo e preguntou: "Que queres dicir? Fun alí e vin isto, pero non ten relación coa miña pregunta." O pozo respondeu: "Eu amoseiche o camiño. Percórreo. Algún día descubrirás a clave. Mostreiche o camiño, agora percórreo." O buscador enfadouse e dixo: "Enganáronme! Que saquei de pasar tantos anos procurando o pozo, de botar tanto tempo preguntándolle ao pozo? Que gañei abríndolle tan sinceramente o meu corazón, confiando nas súas palabras, facendo o que me mandou? Todo era mentira! Todo era un engano!" E frustrado, afastouse.

Ao cabo de moitos anos de peregrinaxe, chegou preto dun xardín e detívose, escoitando. Era unha noite de lúa chea e alguén estaba tocando unha música fascinante. Quedou embelesado. A maxia funcionou. Coma se fose atraído por un imán, entrou no xardín. Non pediu permiso. Achegouse ata o músico: aquel home atopábase en profunda meditación, tocando o sitar. O viaxeiro sentou alí e púxose a escoitar. Á luz da lúa observou ao home e o instrumento. Nunca antes vira un instrumento así. E de súpeto lembrou a uns carpinteiros que vira tempo atrás, traballando en obxectos similares... Estaban preparando sitares! E a xente que laboraba o metal... esas pezas tamén pertencían ao sitar! E as cordas...

Entón, coma se as nubes desaparecesen e descubrise algo, púxose a bailar. O músico decatouse e parou de tocar pero iso non detivo a danza do buscador. O músico preguntoulle: "Que sucede? Que che pasou?" O home respondeu: "Comprendo! Mirei nas tres tendas. Todo estaba alí, pero non había sitar. Todo existía por separado. Cumpría ordenalo, estaba nun caos, pero estaba todo, todo o necesario estaba alí, só faltaba unha conexión para que esa música tan fermosa puidese agromar. A vida teno todo, pero eu non vía a conexión. Agora comprendo..."




O sitar é un instrumento musical hindú de corda pulsada, como a guitarra, o laúde, etc. que seguramente oíches tocar algunha vez por exemplo a Ravi Shankar