27 de ago. de 2013

O nome de Deus

Tense dito que o nome de Deus é impronunciábel, secreto, prohibido, mais por outra parte tense falado dos 72 nomes de Deus e ténselle dado un nome concreto, nalgunhas tradicións incluso se lle atribúen non só varios nomes senón varias persoas, a xeito de trinidade, misterio insondábel da fe... Que pasa co nome de Deus?
A explicación é moi sinxela. Existe unha realidade última e global en todas as cousas. Todo canto ves é un fragmento desta realidade total, tanto se miras ao teu redor como se miras dentro de ti. Si: ti es parte diso que na maioría das tradicións chaman Deus. Por iso non se pode dicir o verdadeiro nome de Deus, non porque o prohiba ningunha lei senón porque simplemente non é posíbel xa que non hai ningunha palabra capaz de expresalo na súa totalidade. Todo o que podemos abranguer neste momento da nosa encarnación na Terra son visións parciais da realidade última que somos, observándose a si mesma. É parecido a aquel conto onde un pobo de cegos elixe aos máis listos para que fosen investigar un elefante e despois lles contasen aos demais como era. O cego que tocou unha orella, díxo que o elefante era liso e plano, como unha saba; o que tocou unha pata dixo que era como unha columna; o que tocou o rabo dixo que era como unha corda...
É correcto calquera nome que lle deas, podes dicir que Deus é Amor ou que Deus é Enerxía ou Vibración ou Vida ou Nai Terra ou podes darlle un nome propio como Shiva ou Jehová, ou podes afirmar simplemente EU SON. Como queira que o fagas, respecta prudentemente as visións dos demais sabendo que na realidade última todas as visións parciais de cadaquén están incluídas e polo tanto ninguén está totalmente equivocado... nin totalmente acertado, claro.
bosón de Higgs?

Ningún comentario:

Publicar un comentario