Amosando publicacións coa etiqueta vídeos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta vídeos. Amosar todas as publicacións

1 de set. de 2023

Ganesha

Aproxímase o aniversario de Ganesha, unha das grandes festas do mundo hindú. Hai varios anos que eu tamén o celebro, e este ano vouvos explicar como, e por que. Pero primeiro vouvos contar algunhas cousiñas sobre quen é Ganesha.

A pesar do que popularmente se cre en Occidente, a relixión hindú é monoteísta. Existe unha forza suprema, Atman, o Absoluto, que é eterno, invariable e sen forma. Sendo así evidentemente non pode representarse dunha maneira concreta porque iso o limitaría moito, por iso hai diferentes imaxes, "deidades" que representan diferentes aspectos e cualidades dese Absoluto.
O territorio da India é realmente extenso e dependendo de moitos factores locais atópanse deidades diferentes, ou tamén a mesma deidade pero con outros nomes e atributos. Malia esta variedade, hai unha imaxe que pode atoparse en toda a India con poucas variacións: Ganesha, o deus con cabeza de elefante.
En sánscrito a silaba "Ga" simboliza Buddhi (intelecto) e a silaba "Na" simboliza Vijnana (sabedoría), polo tanto o nome Ganesha expresa que é o mestre da intelixencia e a sabedoría. Soe levar o prefixo Sri, un título hindú de respecto. Tamén pode levar os epítetos Vinayaka (señor de todos os seres), ou Ganapati (condutor das tropas celestiais).
As figuras de Ganesha adoitan ter catro brazos para simbolizar a divinidade, aínda que existen figuras con 6, 8, 12 e 16 brazos, cada man cun obxecto diferente, existindo un número de ata 57 obxectos ou símbolos nas distintas representacións coñecidas de Ganesha. Unha descrición de todas as características e atributos de Ganesha pódese atopar no "Ganapati Upanishad", antigas escrituras do rishi (gran vidente) Atharva, onde Ganesha é identificado co Atman (o supremo espírito, que é eterno, sen xénero, omnipotente, omnisciente, inmutable, infinito, inmanente e realidade trascendental que é a base divina de todo o que existe no universo). Tamén é descrito como a fonte, causa e suma de todo o que está delimitado polo espazo e o tempo no cosmos, asi como o ser de infinita consciencia e gozo.
Como no caso de calquera outra representación de deus, Ganesha é un arquetipo cargado de múltiples significados e simbolismos para expresar un estado de plenitude, así como os medios para obtela. Nel atopamos o perfecto equilibrio entre as enerxías masculina e feminina, entre forza e beleza, e a capacidade discriminativa entre o real e o irreal. En todo caso e sobre todas as cousas, Ganesha é a representación de quen descubriu a divinidade dentro de si mesmo.
A representación máis frecuente de Ganesha é un mozo feliz, alegre, coa pel vermella ou sonrosada, gran barriga de satisfacción e prosperidade, unha cabeza de elefante cun só cairo e un ratiño aos seus pés. Cada unha das súas mans expresa un concepto diferente, normalmente os seguintes:
 - Na primeira man leva unha soga para conducirnos, igual que o gado, polo camiño certo.
 - Na segunda man un machete, para cortar as nosas ataduras, apegos, todo o que nos lastra.
 - A terceira man suxeita unha cunca de laddu, un dos seus doces favoritos (feito con fariña de garavanzo, mantequilla frita, leite condensado e froitos secos) para recompensarnos, porque o camiño espiritual é gozoso.
 - A cuarta man bendícenos, cun mudra que significa "non temas".



O culto a Ganesha está ampliamente difundido fóra da India en toda Asia e en anos recentes chegou aos paises occidentais. Aos seus devotos denomínaselles Ganapatyas.

Como Ganesha elimina todos os obstáculos do noso camiño material e espiritual, en todo o mundo se considera un deus da boa sorte, que outorga prosperidade e fortuna en todos os ámbitos da vida. Por iso o invocan antes de iniciar unha actividade importante, sexa mundana ou espiritual, para que todo obstáculo sexa eliminado e a boa fortuna se alcance fácilmente en todo o que se realice (sempre que se intente conseguir algo bo e puro, porque se non o propio Ganesha porá toda clase de obstáculos e impedimentos, para que non se faga nada egoista, daniño para nós mesmos ou para outros, ou simplemente non auspicioso).

Para invocar a Ganesha séguense as mesmas regras básicas que para calquera divinidade. É conveniente, antes da invocación, realizar algunha ou todas as seguintes recomendacions para lograr unha mellor comunicación: Tomar un baño, lavar a boca e poñer roupa limpa. Ter unha imaxe, ou símbolo de Ganesha nun altar para axudar á concentracion. Realizar ofrendas: auga, flores, incienso, candelas, froitas, doces, comida... calquera cousa especial ou de valor para nós.
Desde o punto de vista maxico é mais propicio invocalo polas mañás antes do mediodia e aínda mellor durante o periodo da lúa crecente, desde a lúa nova ata a lúa chea. Pero desde o punto de vista relixioso Ganesha está sempre dispoñible en todo momento para escoitarnos, con ou sen ritual, sexamos hinduistas ou non, simplemente con que exista un desexo real e puro de comunicarse coa enerxía cósmica que rexe este universo e todos os demas universos paralelos e dimensións.

"Om Gam Ganapatye Namah" 

Os mantras son frases en sánscrito (antigo idioma da India) escritas polos grandes sabios e videntes da antigüidade. Ao pronuncialos estableces comunicación directa coa entidade invocada. Simplificando moito, podería compararse remotamente ao que en occidente se considera un "conxuro", que atrae as vibracións do universo para conseguir un obxectivo concreto. O xeito de pronunciar un mantra é facelo 11, 21, 51 ó 108 veces. Canto máis se pronuncie un mantra mais enerxía atraemos ao noso ambiente, ao noso corpo, mente e espiritu, e iso gradualmente fará que vivamos en sintonia coa deidade invocada. No caso dun mantra de Ganesha, fará que calquera obstáculo no noso camiño material ou espiritual sexa eliminado. Hai quen recomenda comezar un Luns ou Xoves. Despois de pronunciar este mantra diariamente, inclusive durante as actividades cotiás, logo dunhas semanas podes ver os resultados e o que parecía un problema ou obstáculo solucionouse.

CONTINUARÁ

29 de abr. de 2019

Lei do Karma



Significa que non tes que devolverme un convite, xa mo devolverá a vida. Eu regáloche un pedrusco, ti regálaslle unha terapia a outra persoa, esa persoa planta unha árbore e vinte anos despois eu recollo cogomelos na árbore que plantou el porque ti o sanaches porque eu che regalei unha turmalina... Todo vai unido. Devolve o ben que recibas, pero non te angusties en devolver O MESMO que che deron, nin Á MESMA PERSOA: Deixa que se transforme! Esa é a graza da vida. O importante non é o euro que custa senón a enerxía que se move.

24 de xan. de 2019

Mente aberta

Ás veces estamos tan habituados a ver as cousas dunha maneira en concreto que non somos capaces de ver outras posiblidades de solución. Ábrete de mente, testa os teus límites, toma consciencia dos teus modus operandi e procura novos camiños, que os hai.

 

2 de xan. de 2019

A trampa da soedade

« É posible ter, no máis fondo da alma, un corazón cálido, e que aínda así ninguén acuda a el. » (Vincent Van Gogh)



Que che fai sentir separado do mundo? Ti es algo que todo o universo está facendo. Non hai "eu", non hai "ti", só unha única cousa que o percorre todo chamada enerxía. A soedade que cres sentir é tan absurda como a que sentiría o dedo pequeno inconsciente dos demais dedos que canda el forman unha man nun brazo nun corpo humano. Chegados a este punto talvez te preguntes a que estás unido ti, que é iso que non ves ao igual que o dedo non percibe a man, o brazo. Observa con atención e percibirás a que estás unido. A meditación e a interiorización son boas ferramentas para este traballo de observación. Transforma esa soedade que te atormenta na túa fortaleza e aproveita a oportunidade que tes de profundizar en ti mesmo.

" Igual que toda porción dun holograma contén a imaxe da totalidade, cada porción do universo contén a totalidade. Isto significa que se soubesemos como acceder, poderiamos atopar a galaxia de Andrómeda na marca dixital do dedo gordo da nosa man esquerda. Poderiamos atopar a Cleopatra coñecendo a Xulio César por primeira vez, xa que nun principio a totalidade do pasado e as implicacións do futuro están contidas en cada porción do espazo-tempo. Cada célula do noso corpo contén o cosmos enteiro."
(Michael Talbot: O universo holográfico)


Nun estado alternativo de consciencia podemos acceder a esa información (arquivos akháshicos), que non está no cerebro pero que este é quen de capturar:

" O gran erro do mundo moderno foi considerar que todo o que non se pode oír, tocar ou ver é una ilusión. A realidade fundamental non é observable directamente. Por exemplo: se tiro un lapis observo cómo opera a gravidade, pero non podo ver o campo gravitatorio, só o efecto. Todas as forzas da natureza están nesa dimensión máis profunda e só observamos os efectos. "
( Ervin Laszlo)

Ver    O UNIVERSO HOLOGRÁFICO SEGUNDO STEPHEN DAVIS


Non creas todo o que ves...



19 de xuño de 2018

Discusións absurdas

Ás veces en sesión de avaliación acabamos perdendo o norte tal que así...


Por iso é importante saber que queremos avaliar e para que, cal é a finalidade última do noso labor. Colegas docentes: non perdades a perspectiva e ánimo, que xa queda pouco para esas merecidas vacacións.

6 de out. de 2017

O que resistes, persiste

Loitar ou integrar. Fermosa curta que nos ensina que se cambiamos a nosa mirada todo cambiará en redor. Asume a túa responsabilidade como co-creador desta realidade compartida en que vivimos e entón verás como se transforma, dentro e fóra de ti mesmo.

22 de xan. de 2017

Canto sanador

Con cariño para todos os que están a pasar un inverno difícil, con gripe, arrefriados, etc. Escoitar con cascos, ollos pechados e un incenso de calidade.

20 de nov. de 2016

Veña mocosos


Parece ser que non sabemos nin soar os mocos, vaia ho, tamén, todo nolo hai que dicir! O Colexio de Fisioterapeutas de Galicia sacou recentemente este... isto... esta cousa:

4 de feb. de 2016

Paz e amor na vida cotiá

Outra educación é posible.
No marco da conmemoración do Día da Paz. Orgullosa de formar parte disto.

 

16 de xul. de 2015

Dálle unha oportunidade aos imprevistos

Permitir os imprevistos na túa vida é unha das técnicas recomendadas para estimular a creatividade. Por exemplo, a min me gusta ir con tempo aos sitios para poder aproveitar todos os imprevistos que xurdan, ao ir con tempo de sobra creo ese espazo para eles no momento en que me dirixo a calquera lugar, así podo pararme a conversar con alguén a quen non esperaba atopar, dar un rodeo para ver algo inesperado, entrar a mercar calquera cousa que vin nunha tenda de socato, facer unha fotografía preciosa dun bechoco ou planta ou solpor que me chamou a atención...
Se queres cousas novas na túa vida lémbrate de permitir que sucedan. Como o Rei Artur, que nas grandes celebracións sentaba á mesa con toda a súa corte a esperar que sucedese algo marabilloso, e ninguén comezaba a xantar ata que non se presentaba algún prodixio ou a ocasión dalgunha gran aventura.
Deixa sempre espazo e tempo para os imprevistos na túa vida. Son refrescantes e motivadores e aportan moita enerxía.

 

30 de abr. de 2015

En que te estás fixando?

 En que te fixas da túa vida? Onde está a túa atención?
 Percibes a maxia na túa vida? Como recibes os pequenos dons cotiáns? Dáste conta, gozas con eles, agradeces, ou non son o bastante bos?
 A que sabe a túa omelette? Está rica?

 

16 de abr. de 2015

Por que non pertenzo a ningún partido político

Unha vez máis comeza a "loita" por mellorar o mundo desde a primeira etapa de conciencia, na cal non vou participar.
Queridos amigos e amigas, respecto a vosa postura e que non participe da vosa ilusión por determinado partido político e as súas solucións para o mundo non é nada persoal, quérovos a cada un de vós desde o fondo da alma, pero non acudirei á vosa presentación de candidaturas / mitin / asemblea / discurso / festival, etc., nin votarei por vós, anque sigo amándovos e respectando a vosa contribución ao mundo desde a vosa etapa de conciencia, que non é a miña.
Unha aperta sincera.


.........

 
...



...

20 de nov. de 2014

Gato negro, gato branco

Con frecuencia xulgamos as cousas que nos pasan como positivas ou negativas cando non son nada en absoluto, só son produto da nosa mente.

Dous monxes discutían nun mosteiro zen a propósito dos estandartes que ondeaban no alto: o estandarte móvese, dicía un; é o vento o que move o estandarte, dicía outro; tanto o vento como o estandarte son inanimados e polo tanto non ondean en absoluto, dicía un terceiro... Entón o sabio Hui-neng, que estivera escoitando, dixo: "Nin vento nin estandarte, o único que eu vexo ondeando aquí sen parar son as vosas mentes".

Onte participei nun interesante debate sobre a natureza dos conflictos, onde se trataba de decidir se os conflictos en xeral son positivos ou negativos. Son negativos, dicía un, é preferible evitalos. Poida que sexan incómodos, ou dolorosos, pero non necesariamente negativos, dicía outro. Non podes evitar o conflicto, dicía un terceiro, só podes evitar o enfrontamento pero o conflicto existirá igualmente.

Talvez os conflictos non son positivos nin negativos, é a nosa interpretación deles a que os dota de semellante carácter que, de seu, non teñen. A nosa interpretación sobre as cousas que nos pasan pode contribuír a aumentar ou diminuir a dor e o estrés.




Amplía esta información escoitando este interesante podcast: PSICOLOXÍA CON ALFONSO



27 de out. de 2014

Eternamente

Existe unha pequena medusa de apenas un centímetro de tamaño (Turritopsis Nutricula) que é inmortal. En certas condicións de estrés, esta criatura que pode encontrarse en todos os océanos, dende Florida ata Xapón, pode ir en sentido oposto ao reloxo biolóxico, de forma que as súas células comezan a desdiferenciarse e se converte de novo nun pólipo, a estrutura xuvenil de calquera medusa. Ao parecer, sería capaz de repetir este proceso infinitas veces.