2 de set. de 2023

Lendas sobre Ganesha


    Continuamos falando de Ganesha, Señor dos Éxitos e Destrutor dos Males e Obstáculos. Xa vos contei algunhas cousas sobre a súa aparencia e hoxe quero preguntarvos se vos fixastes ben nel, por exemplo na forma da súa trompa, que reproduce o símbolo sánscrito Omkara (Om, símbolo sonoro da realidade cósmica que encerra o pasado, o presente e o futuro). E xa reparastes en que ten o dente esquerdo partido? Vouvos contar por que, aínda que como sempre, existen varias versións, pois así son os mitos antigos: transmitidos oralmente desde tempo inmemorial, vanse modificando con cada narrador...

    De entre as moitas versións que se contan, a miña favorita di que o propio Ganesha arrincou un dente para escribir con el o Mahabharata, o gran poema épico da India, que é por certo a epopeia máis longa do mundo. Dise que o Mahabharata foi ditado polo ancián sabio Vyasa a Ganesha, xa que ningún ser humano normal podería escribilo. Un día o sabio Vyasa aproximouse ao deus creador Brahma e díxolle: «Oh, Señor, estou acabado: a miña intelixencia e a miña memoria desapareceron, por favor dime que debo facer». O deus respondeulle: "Oh, Vyasa, non sabes que todos os problemas xorden por esquecer ao Señor Ganesha? Ao iniciar calquera rito, actividade produtiva ou social, ao entrar nun novo fogar ou construción, e ao comezar calquera labor que teña como finalidade o coñecemento, destruiranse os obstáculos se lembras a Ganesha. Refúxiate nel, venérao e serás quen de realizar o teu propósito. Se non o fas así, anque o intentes durante un millón de anos, non lograrás o éxito completo». Así o fixo Vyasa e pouco despois acudiron as ideas á súa mente, pero a unha velocidade tan excesiva que escribilas era imposíbel. Vyasa orou a Ganesha e o deus apareceu ante el. O sabio pediulle:
    «Oh, Señor, serías tan amábel de tomarme o ditado?».
    Ganapati sorriu e dixo: «Fareino, pero non debe haber pausa nin interrupción».
  Vyasa respondeulle: "Moi ben, Señor, daquela prégoche que só escribas despois de comprender todo o significado, literal e simbólico, do que che dite".
    Ganesha estivo de acordo, Vyasa ditaba e el copiaba, pero era tal a velocidade da escrita que a pluma do deus rompeu! Como Vyasa seguía ditando sen interrupción, Ganesha partiu o seu dente esquerdo e continuou a escribir con el, usando o seu propio sangue como tinta. Entón Vyasa, vendo que o deus escribía á mesma velocidade do seu pensamento, como non lle daba tempo de compoñer novos versos, púxose a ditarlle algúns con 108 significados. Así, mentres Ganesha se detiña para meditar neles, o sabio compuña outros mil versos co seu poderoso intelecto... Así foi escrito o famoso Mahabharata. 


          Tense dito que todos os hindús veneran a Ganesha, indistintamente da súa crenza relixiosa. É un deus moi querido, e non só na India, tamén en Indonesia, Tailandia, Camboia, Sri Lanka, Vietnam, China, Afganistán, Malasia, Singapur, Nepal, Xapón e Mongolia. Foi incorporado ao budismo, e o seu culto foise espallando a medida que o budismo se divulgou polo mundo enteiro. En occidente a súa imaxe foise transformando ata converterse no amuleto elefante que todos coñecemos e durante a primeira metade do século XX o elefante da sorte adquiriu gran popularidade en forma de figuras de marfil, prata, ónice, ébano, etc. Disque para dar boa sorte a figura do elefante debe estar en posición de marcha e coa trompa levantada dobrada cara atrás, así a trompa levantada impide que a boa sorte se escape e se vaia cara abaixo desaparecendo. Estas figuras son frecuentes no interior das nosas casas, de fronte á porta principal, para manter afastadas as catástrofes e atraer a prosperidade. Seguro que as tes visto. Aínda poida que tamén na túa casa estea Ganesha gardando a porta...

Ganesh Chaturti 2023

Ganesha é famoso por eliminar todos os obstáculos do noso camiño, material e espiritual, e en todo o mundo se considera un deus da boa sorte, que outorga prosperidade e fortuna en todos os ámbitos da vida. Por iso se invoca antes de iniciar unha actividade importante, mundana ou espiritual, para que todo obstáculo sexa eliminado e a boa fortuna se alcance fácilmente en todo o que se realice (sempre que se intente conseguir algo bo e puro, porque se non o propio Ganesha porá toda clase de obstáculos e impedimentos, para que non se faga nada egoista, prexudicial para nós mesmos ou para outros, ou simplemente non auspicioso).



As figuras de Ganesha adoitan ter catro brazos para simbolizar a divinidade, un arquetipo cargado de múltiples significados e simbolismos para expresar un estado de plenitude, así como os medios para obtela. Nel atopamos o perfecto equilibrio entre as enerxías masculina e feminina, entre forza e beleza, e a capacidade discriminativa entre o real e o irreal. En todo caso e sobre todas as cousas, Ganesha é a representación de quen descubriu a divinidade dentro de si mesmo.

A representación máis frecuente de Ganesha é un mozo feliz, alegre, coa pel vermella ou sonrosada, gran barriga de satisfacción e prosperidade e un ratiño aos seus pés. Ten cabeza de elefante, cun dente enteiro e outro partido (si, dente, pois resulta que os prezados cairos dos elefantes non son tales) e a súa fermosa trompa reproduce o símbolo OM.

Cada unha das súas catro mans expresa un concepto diferente, normalmente os seguintes:
 - Na primeira man leva unha corda para conducirnos, igual que o gado, polo camiño certo.
 - Na segunda man algúns din que un machete, para remover os obstáculos, ou cortar as nosas ataduras, apegos, etc. todo o que nos lastra. Outros consideran que é unha aguillada.
 - A terceira man suxeita unha cunca de laddu, un dos seus doces favoritos (feito con fariña de garavanzo, mantequilla frita, leite condensado e froitos secos) para recompensarnos, porque o camiño espiritual é gozoso.
 - A cuarta man bendícenos, cun mudra que significa "non temas".


Coa última lúa crecente do verán celébrase o festival de Ganesh Chaturthi, tamén chamado Vinayaka Chaturthi. Os festexos, esténdense por dez días, nos que seguindo a tradición se realizan rituais e ofrendas a figuras de Ganesha realizadas con barro especialmente para a ocasión. No último día das festas, as figuras tíranse á auga, sexa no mar ou no río, como símbolo do deus que marcha levando consigo todos os problemas dos devotos. Cada ano a data da celebración é diferente para os que temos o calendario gregoriano, o usado en Occidente. Este ano coincide do 19 ao 29 de setembro.

1 de set. de 2023

Ganesha

Aproxímase o aniversario de Ganesha, unha das grandes festas do mundo hindú. Hai varios anos que eu tamén o celebro, e este ano vouvos explicar como, e por que. Pero primeiro vouvos contar algunhas cousiñas sobre quen é Ganesha.

A pesar do que popularmente se cre en Occidente, a relixión hindú é monoteísta. Existe unha forza suprema, Atman, o Absoluto, que é eterno, invariable e sen forma. Sendo así evidentemente non pode representarse dunha maneira concreta porque iso o limitaría moito, por iso hai diferentes imaxes, "deidades" que representan diferentes aspectos e cualidades dese Absoluto.
O territorio da India é realmente extenso e dependendo de moitos factores locais atópanse deidades diferentes, ou tamén a mesma deidade pero con outros nomes e atributos. Malia esta variedade, hai unha imaxe que pode atoparse en toda a India con poucas variacións: Ganesha, o deus con cabeza de elefante.
En sánscrito a silaba "Ga" simboliza Buddhi (intelecto) e a silaba "Na" simboliza Vijnana (sabedoría), polo tanto o nome Ganesha expresa que é o mestre da intelixencia e a sabedoría. Soe levar o prefixo Sri, un título hindú de respecto. Tamén pode levar os epítetos Vinayaka (señor de todos os seres), ou Ganapati (condutor das tropas celestiais).
As figuras de Ganesha adoitan ter catro brazos para simbolizar a divinidade, aínda que existen figuras con 6, 8, 12 e 16 brazos, cada man cun obxecto diferente, existindo un número de ata 57 obxectos ou símbolos nas distintas representacións coñecidas de Ganesha. Unha descrición de todas as características e atributos de Ganesha pódese atopar no "Ganapati Upanishad", antigas escrituras do rishi (gran vidente) Atharva, onde Ganesha é identificado co Atman (o supremo espírito, que é eterno, sen xénero, omnipotente, omnisciente, inmutable, infinito, inmanente e realidade trascendental que é a base divina de todo o que existe no universo). Tamén é descrito como a fonte, causa e suma de todo o que está delimitado polo espazo e o tempo no cosmos, asi como o ser de infinita consciencia e gozo.
Como no caso de calquera outra representación de deus, Ganesha é un arquetipo cargado de múltiples significados e simbolismos para expresar un estado de plenitude, así como os medios para obtela. Nel atopamos o perfecto equilibrio entre as enerxías masculina e feminina, entre forza e beleza, e a capacidade discriminativa entre o real e o irreal. En todo caso e sobre todas as cousas, Ganesha é a representación de quen descubriu a divinidade dentro de si mesmo.
A representación máis frecuente de Ganesha é un mozo feliz, alegre, coa pel vermella ou sonrosada, gran barriga de satisfacción e prosperidade, unha cabeza de elefante cun só cairo e un ratiño aos seus pés. Cada unha das súas mans expresa un concepto diferente, normalmente os seguintes:
 - Na primeira man leva unha soga para conducirnos, igual que o gado, polo camiño certo.
 - Na segunda man un machete, para cortar as nosas ataduras, apegos, todo o que nos lastra.
 - A terceira man suxeita unha cunca de laddu, un dos seus doces favoritos (feito con fariña de garavanzo, mantequilla frita, leite condensado e froitos secos) para recompensarnos, porque o camiño espiritual é gozoso.
 - A cuarta man bendícenos, cun mudra que significa "non temas".



O culto a Ganesha está ampliamente difundido fóra da India en toda Asia e en anos recentes chegou aos paises occidentais. Aos seus devotos denomínaselles Ganapatyas.

Como Ganesha elimina todos os obstáculos do noso camiño material e espiritual, en todo o mundo se considera un deus da boa sorte, que outorga prosperidade e fortuna en todos os ámbitos da vida. Por iso o invocan antes de iniciar unha actividade importante, sexa mundana ou espiritual, para que todo obstáculo sexa eliminado e a boa fortuna se alcance fácilmente en todo o que se realice (sempre que se intente conseguir algo bo e puro, porque se non o propio Ganesha porá toda clase de obstáculos e impedimentos, para que non se faga nada egoista, daniño para nós mesmos ou para outros, ou simplemente non auspicioso).

Para invocar a Ganesha séguense as mesmas regras básicas que para calquera divinidade. É conveniente, antes da invocación, realizar algunha ou todas as seguintes recomendacions para lograr unha mellor comunicación: Tomar un baño, lavar a boca e poñer roupa limpa. Ter unha imaxe, ou símbolo de Ganesha nun altar para axudar á concentracion. Realizar ofrendas: auga, flores, incienso, candelas, froitas, doces, comida... calquera cousa especial ou de valor para nós.
Desde o punto de vista maxico é mais propicio invocalo polas mañás antes do mediodia e aínda mellor durante o periodo da lúa crecente, desde a lúa nova ata a lúa chea. Pero desde o punto de vista relixioso Ganesha está sempre dispoñible en todo momento para escoitarnos, con ou sen ritual, sexamos hinduistas ou non, simplemente con que exista un desexo real e puro de comunicarse coa enerxía cósmica que rexe este universo e todos os demas universos paralelos e dimensións.

"Om Gam Ganapatye Namah" 

Os mantras son frases en sánscrito (antigo idioma da India) escritas polos grandes sabios e videntes da antigüidade. Ao pronuncialos estableces comunicación directa coa entidade invocada. Simplificando moito, podería compararse remotamente ao que en occidente se considera un "conxuro", que atrae as vibracións do universo para conseguir un obxectivo concreto. O xeito de pronunciar un mantra é facelo 11, 21, 51 ó 108 veces. Canto máis se pronuncie un mantra mais enerxía atraemos ao noso ambiente, ao noso corpo, mente e espiritu, e iso gradualmente fará que vivamos en sintonia coa deidade invocada. No caso dun mantra de Ganesha, fará que calquera obstáculo no noso camiño material ou espiritual sexa eliminado. Hai quen recomenda comezar un Luns ou Xoves. Despois de pronunciar este mantra diariamente, inclusive durante as actividades cotiás, logo dunhas semanas podes ver os resultados e o que parecía un problema ou obstáculo solucionouse.

CONTINUARÁ

31 de ago. de 2023

O nacemento de Ganesha

Ganesha é o deus hindú que representa o uso do intelecto e a vontade para a superación de obstáculos. Tamén se relaciona co chakra mūlādhāra (raíz) asociado á procreación, a seguridade e o instinto de supervivencia.
  O elefante é un dos animais máis venerados na India, pola súa nobreza e intelixencia. Considérase a Ganesha como o máis intelixente dos deuses e é o protector dos escritores e os literatos, do coñecemento en xeral e de todas as artes. Tamén cómpre ser intelixente para facer negocios, polo tanto é o deus dos comerciantes. Como concede a riqueza aos que a merecen polo seu traballo, fánselle pregarias antes de empezar calquera nova empresa. Nas viaxes e nas vodas é a deidade presente e en xeral, sempre antes de comezar calquera actividade é costume encomendarse a Ganesha, o destrutor de obstáculos.
  Hai varias versións do nacemento de Ganesha, fillo de Shiva e Parvati. Cóntase que a deusa Parvati o creou mentres o seu esposo estaba nun dos seus frecuentes retiros de meditación, ou segundo outras fontes, na guerra. Parvati tomou cinza da que puxera no peito o seu marido, como fan na India todos os ascetas, e engadiulle unhas pingas de auga que recolleu do seu propio corpo despois de bañarse. Amasou todo aquilo e fixo un fermoso rapaz, Ganesha.
  Un día Parvati foise bañar e pediulle a Ganesha que vixiase a porta principal. Nese momento Shiva regresou, Ganesha non o coñecía e prohibiulle o paso. Houbo unha gran loita e Shiva decapitou ao mozo insolente que lle impedía entrar na súa propia casa.
  Ao ver o sucedido Parvati enfureceuse e despois rompeu a chorar mentres abrazaba o corpo acéfalo do seu fillo. Vendo a dor da súa amada, Shiva ordenou aos seus gardas que lle trouxesen a cabeza do primeiro ser que atopasen durmindo cara ao norte. Os soldados atoparon un elefante e trouxeron a súa cabeza. Shiva tomou a cabeza do animal e pegouna ao corpo do mozo, resucitouno e nomeouno pati (líder) das súas tropas. Esta historia explica por que nas casas hindús hai unha estatua de Ganesha sobre a porta, protexendo a entrada das enerxías negativas.
  O nacemento de Ganesha conmemórase o cuarto día da última lúa crecente do verán. Este ano cae o 19 de setembro.

Shiva, Parvati e Ganesha, a Sagrada Familia hindú