Amosando publicacións coa etiqueta creatividade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta creatividade. Amosar todas as publicacións

24 de xan. de 2019

Mente aberta

Ás veces estamos tan habituados a ver as cousas dunha maneira en concreto que non somos capaces de ver outras posiblidades de solución. Ábrete de mente, testa os teus límites, toma consciencia dos teus modus operandi e procura novos camiños, que os hai.

 

11 de dec. de 2016

Einstellung

Hai uns días falabamos do arquetipo do sobrevivente, orgulloso de ter superado grandes dificultades no pasado, tanto que non é quen de crear cousas novas para o seu futuro sen tomar ese sufrimento pasado como punto de partida. Isto é unha limitación tremenda pero comprensible porque cando un aprende a resolver a súa vida dunha maneira que funciona dificilmente abandonará ese método para empregar outro, anque xa non lle funcione.
Este feito ten sido amplamente estudado desde que xa en 1942, o psicólogo Abraham Luchins levou a cabo o famoso experimento das xarras. Pediu a un conxunto de voluntarios resolver un problema matemático sinxelo: debían imaxinar tres xarras baleiras, con capacidades para 21, 127 e 3 unidades de líquido, respectivamente, e atopar o xeito de medir 100 unidades transferindo auga dunha xarra a outra. Cada xarra podía encherse e baleirarse tantas veces como quixesen, pero en caso de verter auga nelas, esta debería sempre alcanzar os bordos. A solución consiste en encher a segunda xarra (de 127 unidades), baleirar daquela parte do seu contido na primeira (de 21 unidades), a fin de que queden 106, e, para rematar, encher dúas veces a terceira (de 3 unidades). Acto seguido, Luchins propúxolles unha serie de problemas similares, que podían resolverse cos mesmos tres pasos. Os suxeitos lográrono con rapidez. Despois pediulles que obtivesen 20 unidades de auga usando xarras de 23, 49 e 3 unidades de capacidade.  Basta con encher o primeiro recipiente e, con ese líquido, colmar o terceiro, pero todos insistiron en resolver o problema co método anterior, é dicir, vertendo a auga do segundo recipiente no primeiro e despois no terceiro dúas veces. Para rematar, cando Luchins lles propuxo outro problema moito máis simple aínda, que podía resolverse en dous pasos pero xa non admitía a familiar solución en tres etapas, os participantes deixárono por imposible.
Este fenómeno, que todos padecemos en maior ou menor medida, coñécese desde entón como efecto Einstellung e defínese como o sesgo cognitivo polo que, ao enfrontarnos a un problema, só temos en conta as solucións coñecidas sen contemplar sequera outras alternativas. 
Que pasaría se tras chocar co iceberg, o Titanic non fuxise del senón que o utilizase para desembarcar aos pasaxeiros sobre a súa superficie? Seguramente habería partes planas na súa superficie, non? Alí as persoas poderían esperar ata que chegase a axuda. Pero todos viron no iceberg o seu inimigo e non o seu salvador.

3 de dec. de 2015

Eu son a que son



O Arcano III fala da Creación, que tradicionalmente é unha actividade feminina. É a muller quen produce unha nova vida e por iso representa a fecundidade, a productividade, a abundancia, a exhuberancia da Vida. A Emperatriz do tarot é un modelo de poder feminino, prosperidade, creatividade e autoconfianza.

7 de feb. de 2015

Para ser creativos ( e II)

Nun post anterior falamos da creatividade e as fases polas que se atravesa durante o proceso creativo. Ampliemos agora un pouco sobre en que consiste ser creativo e como conseguilo. Un erro moi frecuente consiste en considerar que unha persoa é moi creativa porque un día fixo algo artístico. Non é exactamente así. A creatividade é unha actitude para aplicar na vida cotiá: vestirse, facer a comida, decidir que facer a fin de semana. A persoa creativa non fai unha cousa puntual, ou non aplica esa creatividade a un só aspecto da súa vida, por exemplo un escritor que publica un libro cada ano pero non é creativo na súa vida diaria. Ser creativo non é o mesmo que desempeñar un traballo artístico, podes ser un escritor rutinario que publica unha e outra vez o mesmo tipo de historia.

Decálogo para estimular a túa creatividade:

1. Permite que as cousas novas entren na túa vida, reservando un tempo para elas. Sempre que poidas vai a traballar por un camiño e volve por outro. Sae de casa con tempo de sobra para poder gozar dos imprevistos que se presenten.

2. Rompe os teus hábitos polo menos un día á semana. Non caias na rutina. Cambia de cando en vez as cousas próximas: pinta doutra cor as paredes, move os mobles e obxectos de sitio.

3. De cando en vez párate. Non importa o que esteas facendo, párate un momento e obsérvate a ti mesmo, como te sentes e como está o teu corpo (con frío? Con dor de costas? Con fame?) Faite máis e máis consciente cada día.

4. Sal a pasar tempo na natureza, camiñar, nadar, recoller pedras ou cunchas ou follas secas para un herbario, ou facer fotografías, calquera cousa que te faga pasar un tempo de goce e conexión coa natureza e contigo mesmo.

5. Interésate por cousas radicalmente diferentes das que ocupan a túa vida laboral: lendo, facendo un obradoiro de fin de semana, mergullando nelas a ver como te sentes. Procura a túa paixón, no caso de que non saibas cal é... (Iso que sempre amaches con loucura, sempre desexaches facer, pero fuches adiándoo, renunciando e dándolle prioridade a outras cousas "máis urxentes" ou "necesarias").

6. Soña esperto. Imaxina, visualiza, xoga coa túa capacidade de ensoñar. Hai moitas visualizacións guiadas en internet se cres que non podes facelo só.

7. Crea un caderno de soños e ideas e lévao sempre contigo. Apunta nel calquera cousa, sexa da túa invención ou vista/lida/oída por aí. Non te conformes coa primeira solución que se che ocorra para calquera asunto, apúntaa e espera a ter varias para comparalas e escoller.

8. Estuda algunha forma de arte, reparando no novidoso das obras que máis che impacten, nas emocións que che producen e nas técnicas con que foron realizadas. Se te atreves pinta, escribe, toca un instrumento musical ou polo menos canta, anque só sexa na ducha.

9. Non teñas medo de equivocarte, de crear un producto feo ou inútil. Mira o lado divertido do asunto, o moito que gozaches facéndoo, a técnica que adquiriches, e sempre que poidas ri de todo o que te rodea, comezando por ti mesmo, o teu autoconcepto e as túas espectativas. Estás aprendendo e pasándoo ben, non renuncies a iso.

10. Persevera. Non te deas por vencido nin creas que che falta algo máxico chamado "talento": sen entrenamento non hai talento que valla.

Consulta tamén 22 cousas que a xente creativa fai de xeito diferente...


4 de feb. de 2015

Para ser creativos (I)

Algunhas persoas saben atopar solucións orixinais e novedosas a partir de materiais coñecidos, como se fosen capaces de ver máis alá do que ve a maioría. Trátase da creatividade.

1   A creatividade comeza coa observación, pois non se crea realmente "da nada" senón partindo do coñecemento previo dun asunto, observando desde diversos puntos de vista, reunindo toda a información posible e despois comparándoa, deixando libre a imaxinación sen medo, sen autocensura, por puro pracer. Si, a creatividade ten unha parte importante de goce, de xogar coas materias primas de que dispomos, sen importarnos chegar a unha conclusión ou que os demais opinen que estamos a perder o tempo.

2   Estes primeiros pasos son importantísimos, mesmo que despois apareza un tempo de frustración por non albiscar nada realmente novo e interesante, pero hai que perseverar e considerar que esta "noite escura" tamén é un paso necesario.

3   A maneira de abrirse a algo diferente e sorprendente moitas veces é "durmir sobre o tema", periodo de incubación das ideas en que permitimos que o subconsciente tamén xogue un papel, porque se traballamos só coa mente analítica non faremos máis que analizar e nunca producir nada novo. Para producir algo novo é preciso poñer en xogo non só os conceptos intelectuais senón tamén as capacidades emocionais da persoa e todo un conxunto de aspectos irracionais comunmente coñecidos como "inspiración", onde entran moitas cousas que percibimos ao longo da vida sen decatarnos intelectualmente destas percepcións porque estamos atentos a outras cousas, pero o noso subconsciente sempre as garda e pode
mos acceder a elas. Soñar esperto tamén é unha técnica útil, fantasear coas ideas que nos ocupan mentres paseamos ou facemos outra tarefa relaxante. Así permitimos que o subconsciente libere eses contidos para nós.

4    A gran idea: cando xorde esa inspiración, ou iluminación, aínda non está todo resolto porque haberá que materializala. Moitas persoas teñen ideas que nunca concretan en nada. De aí o dito "Se chega a inspiración, que me pille traballando". Ter unha idea non é ser creativo, hai que facela realidade.

Polo tanto para ser creativos precisamos curiosidade, vontade, humor, perseverancia e confianza en nós mesmos. E para axudar aos nosos nenos e nenas a selo podemos fomentar neles estas cualidades.

Amplía este tema, por exemplo lendo a Daniel Goleman

15 de xul. de 2014

Convertendo o ego no teu aliado

« Se escoitas unha voz dentro de ti dicíndoche "non sabes pintar", pinta, faltaría máis! E a voz calará. »

(Vincent Van Gogh)




O que describe Van Gogh na frase anterior relaciónase co ego, a voz do ego sempre é paralisante. O ego é esa parte de nós que leva o noso nome e a nosa personalidade, a nosa imaxe pública, o que dirán os demais. O ego é conservador e medoño, sempre quere que todo siga igual, o paxaro na man mellor que os cen a voar, o risco mínimo e o non facer nada para non enfrontar a derrota. O ego de entrada nunca nos apoia: avisa, ameaza, asusta, e podes recoñecelo porque fala en segunda persoa. Cando te sorprendas dicíndote a ti mesmo "Vas tropezar, vas fracasar, vanse rir de ti" párate un intre e fíxate nesa parte de ti que fala desa maneira, cunha voz allea: é o ego.
O ego non se pode aniquilar, precisas del, necesitas unha personalidade con que amosarte ao mundo. O máis intelixente, en vez de loitar contra el, é conseguir que se poña da túa parte.
Así que a próxima vez que o ego te ameace, te chantaxee, te paralice, entrégalle todo o teu amor. Pensa que só é un neno asustado que levas dentro da túa cabeza e ten medo e celos de todo o que está fóra, medo de que pase algo que el non poida controlar, medo de que valores máis a outra persoa que a el. Como a calquera neno, dálle todo o teu amor e acougará. Demóstralle que valoras o seu parecer e esperas a súa axuda. Cando esa voz dentro da túa cabeza che diga "Iso nunca o poderás facer" respóndelle cun sorriso: "Eu só non, pero coa túa axuda si, xuntos lograrémolo, apúntaste?"
Normalmente nunca lle respondemos ao ego, pero se es capaz de dicirlle isto verás como un sentimento cálido e tenro te invade por dentro. Ningún ego se negará a axudarte se lle falas realmente, se llo pides como llo pedirías a alguén que estivese fóra de ti, con amor, con respecto e con verdadeira necesidade do seu apoio moral. Fai a proba e sorprenderaste.

5 de mar. de 2014

Paseo de inverno


Recuperándome aínda da peor viriase da miña vida (terá algo que ver o curso de Rexistros Akáshicos e será esta unha "crise de sanación?) albisco unha raiola de sol por entre as persianas e decido saír a que me dea un pouco o aire do mar (non hai aviso de temporal hoxe, ademais a esta hora a marea está baixa). Hai tempo que non había unha hora seguida de luz solar de calidade! Ións negativos porfa porfa, limpeza enerxética por dentro e por fóra!


Observo fascinada a praia deserta e as raíces do piñeiral dunar que quedaron dramaticamente ao descuberto despois de tanto temporal seguido.


Sento nunha rocha e estírome ao sol un bo anaco como un cormorán, cos brazos abertos. De regreso, reparo na madeira de deriva que o mar deitou na area. Son estes uns materiais moi bos, lentamente erosionados polas ondas adquiren formas e cores inverosímiles e ademais impregnados de salitre ata un punto que xa nunca serán atacados pola carcoma. 


Recollo algúns fragmentos que me parecen especialmente fermosos e suxestivos. Deixareinos a secar un par de días na bandexa traseira do coche e despois de sacudilos un pouco para eliminar os restos de sal e de area, cunha destas madeiras farei un centro de flores secas. 


O primeiro é decidir que forma, tamaño e cores lle van ben. Despois pegareille unha esponxa para flor (con cola térmica ou pegamento "no más clavos") e deixareino secar unhas horas. Entón comeza o máis entretido: ir pondo flores, musgo, ponlas, landras, materiais que fun recollendo aquí e alá nos meus paseos, flores que no seu día merquei e despois de gozar delas uns días nun xarrón púxenas a secar, restos de popurrís que perderon o seu perfume, todo vale. Esta vez terei que usar tamén algunhas flores artificiais porque levamos un inverno tan pasado por auga que hai moito tempo que non recollo nada no campo e non teño suficientes cousas hoxe. Pero o gasto total non chega nin a tres euros, e o resultado é espectacular.