Nun post anterior falamos da creatividade e as fases polas que se atravesa durante o proceso creativo. Ampliemos agora un pouco sobre en que consiste ser creativo e como conseguilo. Un erro moi frecuente consiste en considerar que unha persoa é moi creativa porque un día fixo algo artístico. Non é exactamente así. A creatividade é unha actitude para aplicar na vida cotiá: vestirse, facer a comida, decidir que facer a fin de semana. A persoa creativa non fai unha cousa puntual, ou non aplica esa creatividade a un só aspecto da súa vida, por exemplo un escritor que publica un libro cada ano pero non é creativo na súa vida diaria. Ser creativo non é o mesmo que desempeñar un traballo artístico, podes ser un escritor rutinario que publica unha e outra vez o mesmo tipo de historia.Decálogo para estimular a túa creatividade:
1. Permite que as cousas novas entren na túa vida, reservando un tempo para elas. Sempre que poidas vai a traballar por un camiño e volve por outro. Sae de casa con tempo de sobra para poder gozar dos imprevistos que se presenten.
2. Rompe os teus hábitos polo menos un día á semana. Non caias na rutina. Cambia de cando en vez as cousas próximas: pinta doutra cor as paredes, move os mobles e obxectos de sitio.
4. Sal a pasar tempo na natureza, camiñar, nadar, recoller pedras ou cunchas ou follas secas para un herbario, ou facer fotografías, calquera cousa que te faga pasar un tempo de goce e conexión coa natureza e contigo mesmo.
5. Interésate por cousas radicalmente diferentes das que ocupan a túa vida laboral: lendo, facendo un obradoiro de fin de semana, mergullando nelas a ver como te sentes. Procura a túa paixón, no caso de que non saibas cal é... (Iso que sempre amaches con loucura, sempre desexaches facer, pero fuches adiándoo, renunciando e dándolle prioridade a outras cousas "máis urxentes" ou "necesarias").
6. Soña esperto. Imaxina, visualiza, xoga coa túa capacidade de ensoñar. Hai moitas visualizacións guiadas en internet se cres que non podes facelo só.
7. Crea un caderno de soños e ideas e lévao sempre contigo. Apunta nel calquera cousa, sexa da túa invención ou vista/lida/oída por aí. Non te conformes coa primeira solución que se che ocorra para calquera asunto, apúntaa e espera a ter varias para comparalas e escoller.
8. Estuda algunha forma de arte, reparando no novidoso das obras que máis che impacten, nas emocións que che producen e nas técnicas con que foron realizadas. Se te atreves pinta, escribe, toca un instrumento musical ou polo menos canta, anque só sexa na ducha.
9. Non teñas medo de equivocarte, de crear un producto feo ou inútil. Mira o lado divertido do asunto, o moito que gozaches facéndoo, a técnica que adquiriches, e sempre que poidas ri de todo o que te rodea, comezando por ti mesmo, o teu autoconcepto e as túas espectativas. Estás aprendendo e pasándoo ben, non renuncies a iso.
10. Persevera. Non te deas por vencido nin creas que che falta algo máxico chamado "talento": sen entrenamento non hai talento que valla.
Consulta tamén 22 cousas que a xente creativa fai de xeito diferente...
Ningún comentario:
Publicar un comentario