4 de feb. de 2015

Para ser creativos (I)

Algunhas persoas saben atopar solucións orixinais e novedosas a partir de materiais coñecidos, como se fosen capaces de ver máis alá do que ve a maioría. Trátase da creatividade.

1   A creatividade comeza coa observación, pois non se crea realmente "da nada" senón partindo do coñecemento previo dun asunto, observando desde diversos puntos de vista, reunindo toda a información posible e despois comparándoa, deixando libre a imaxinación sen medo, sen autocensura, por puro pracer. Si, a creatividade ten unha parte importante de goce, de xogar coas materias primas de que dispomos, sen importarnos chegar a unha conclusión ou que os demais opinen que estamos a perder o tempo.

2   Estes primeiros pasos son importantísimos, mesmo que despois apareza un tempo de frustración por non albiscar nada realmente novo e interesante, pero hai que perseverar e considerar que esta "noite escura" tamén é un paso necesario.

3   A maneira de abrirse a algo diferente e sorprendente moitas veces é "durmir sobre o tema", periodo de incubación das ideas en que permitimos que o subconsciente tamén xogue un papel, porque se traballamos só coa mente analítica non faremos máis que analizar e nunca producir nada novo. Para producir algo novo é preciso poñer en xogo non só os conceptos intelectuais senón tamén as capacidades emocionais da persoa e todo un conxunto de aspectos irracionais comunmente coñecidos como "inspiración", onde entran moitas cousas que percibimos ao longo da vida sen decatarnos intelectualmente destas percepcións porque estamos atentos a outras cousas, pero o noso subconsciente sempre as garda e pode
mos acceder a elas. Soñar esperto tamén é unha técnica útil, fantasear coas ideas que nos ocupan mentres paseamos ou facemos outra tarefa relaxante. Así permitimos que o subconsciente libere eses contidos para nós.

4    A gran idea: cando xorde esa inspiración, ou iluminación, aínda non está todo resolto porque haberá que materializala. Moitas persoas teñen ideas que nunca concretan en nada. De aí o dito "Se chega a inspiración, que me pille traballando". Ter unha idea non é ser creativo, hai que facela realidade.

Polo tanto para ser creativos precisamos curiosidade, vontade, humor, perseverancia e confianza en nós mesmos. E para axudar aos nosos nenos e nenas a selo podemos fomentar neles estas cualidades.

Amplía este tema, por exemplo lendo a Daniel Goleman

Ningún comentario:

Publicar un comentario