Amosando publicacións coa etiqueta lendas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta lendas. Amosar todas as publicacións

2 de set. de 2023

Lendas sobre Ganesha


    Continuamos falando de Ganesha, Señor dos Éxitos e Destrutor dos Males e Obstáculos. Xa vos contei algunhas cousas sobre a súa aparencia e hoxe quero preguntarvos se vos fixastes ben nel, por exemplo na forma da súa trompa, que reproduce o símbolo sánscrito Omkara (Om, símbolo sonoro da realidade cósmica que encerra o pasado, o presente e o futuro). E xa reparastes en que ten o dente esquerdo partido? Vouvos contar por que, aínda que como sempre, existen varias versións, pois así son os mitos antigos: transmitidos oralmente desde tempo inmemorial, vanse modificando con cada narrador...

    De entre as moitas versións que se contan, a miña favorita di que o propio Ganesha arrincou un dente para escribir con el o Mahabharata, o gran poema épico da India, que é por certo a epopeia máis longa do mundo. Dise que o Mahabharata foi ditado polo ancián sabio Vyasa a Ganesha, xa que ningún ser humano normal podería escribilo. Un día o sabio Vyasa aproximouse ao deus creador Brahma e díxolle: «Oh, Señor, estou acabado: a miña intelixencia e a miña memoria desapareceron, por favor dime que debo facer». O deus respondeulle: "Oh, Vyasa, non sabes que todos os problemas xorden por esquecer ao Señor Ganesha? Ao iniciar calquera rito, actividade produtiva ou social, ao entrar nun novo fogar ou construción, e ao comezar calquera labor que teña como finalidade o coñecemento, destruiranse os obstáculos se lembras a Ganesha. Refúxiate nel, venérao e serás quen de realizar o teu propósito. Se non o fas así, anque o intentes durante un millón de anos, non lograrás o éxito completo». Así o fixo Vyasa e pouco despois acudiron as ideas á súa mente, pero a unha velocidade tan excesiva que escribilas era imposíbel. Vyasa orou a Ganesha e o deus apareceu ante el. O sabio pediulle:
    «Oh, Señor, serías tan amábel de tomarme o ditado?».
    Ganapati sorriu e dixo: «Fareino, pero non debe haber pausa nin interrupción».
  Vyasa respondeulle: "Moi ben, Señor, daquela prégoche que só escribas despois de comprender todo o significado, literal e simbólico, do que che dite".
    Ganesha estivo de acordo, Vyasa ditaba e el copiaba, pero era tal a velocidade da escrita que a pluma do deus rompeu! Como Vyasa seguía ditando sen interrupción, Ganesha partiu o seu dente esquerdo e continuou a escribir con el, usando o seu propio sangue como tinta. Entón Vyasa, vendo que o deus escribía á mesma velocidade do seu pensamento, como non lle daba tempo de compoñer novos versos, púxose a ditarlle algúns con 108 significados. Así, mentres Ganesha se detiña para meditar neles, o sabio compuña outros mil versos co seu poderoso intelecto... Así foi escrito o famoso Mahabharata. 


          Tense dito que todos os hindús veneran a Ganesha, indistintamente da súa crenza relixiosa. É un deus moi querido, e non só na India, tamén en Indonesia, Tailandia, Camboia, Sri Lanka, Vietnam, China, Afganistán, Malasia, Singapur, Nepal, Xapón e Mongolia. Foi incorporado ao budismo, e o seu culto foise espallando a medida que o budismo se divulgou polo mundo enteiro. En occidente a súa imaxe foise transformando ata converterse no amuleto elefante que todos coñecemos e durante a primeira metade do século XX o elefante da sorte adquiriu gran popularidade en forma de figuras de marfil, prata, ónice, ébano, etc. Disque para dar boa sorte a figura do elefante debe estar en posición de marcha e coa trompa levantada dobrada cara atrás, así a trompa levantada impide que a boa sorte se escape e se vaia cara abaixo desaparecendo. Estas figuras son frecuentes no interior das nosas casas, de fronte á porta principal, para manter afastadas as catástrofes e atraer a prosperidade. Seguro que as tes visto. Aínda poida que tamén na túa casa estea Ganesha gardando a porta...

31 de ago. de 2023

O nacemento de Ganesha

Ganesha é o deus hindú que representa o uso do intelecto e a vontade para a superación de obstáculos. Tamén se relaciona co chakra mūlādhāra (raíz) asociado á procreación, a seguridade e o instinto de supervivencia.
  O elefante é un dos animais máis venerados na India, pola súa nobreza e intelixencia. Considérase a Ganesha como o máis intelixente dos deuses e é o protector dos escritores e os literatos, do coñecemento en xeral e de todas as artes. Tamén cómpre ser intelixente para facer negocios, polo tanto é o deus dos comerciantes. Como concede a riqueza aos que a merecen polo seu traballo, fánselle pregarias antes de empezar calquera nova empresa. Nas viaxes e nas vodas é a deidade presente e en xeral, sempre antes de comezar calquera actividade é costume encomendarse a Ganesha, o destrutor de obstáculos.
  Hai varias versións do nacemento de Ganesha, fillo de Shiva e Parvati. Cóntase que a deusa Parvati o creou mentres o seu esposo estaba nun dos seus frecuentes retiros de meditación, ou segundo outras fontes, na guerra. Parvati tomou cinza da que puxera no peito o seu marido, como fan na India todos os ascetas, e engadiulle unhas pingas de auga que recolleu do seu propio corpo despois de bañarse. Amasou todo aquilo e fixo un fermoso rapaz, Ganesha.
  Un día Parvati foise bañar e pediulle a Ganesha que vixiase a porta principal. Nese momento Shiva regresou, Ganesha non o coñecía e prohibiulle o paso. Houbo unha gran loita e Shiva decapitou ao mozo insolente que lle impedía entrar na súa propia casa.
  Ao ver o sucedido Parvati enfureceuse e despois rompeu a chorar mentres abrazaba o corpo acéfalo do seu fillo. Vendo a dor da súa amada, Shiva ordenou aos seus gardas que lle trouxesen a cabeza do primeiro ser que atopasen durmindo cara ao norte. Os soldados atoparon un elefante e trouxeron a súa cabeza. Shiva tomou a cabeza do animal e pegouna ao corpo do mozo, resucitouno e nomeouno pati (líder) das súas tropas. Esta historia explica por que nas casas hindús hai unha estatua de Ganesha sobre a porta, protexendo a entrada das enerxías negativas.
  O nacemento de Ganesha conmemórase o cuarto día da última lúa crecente do verán. Este ano cae o 19 de setembro.

Shiva, Parvati e Ganesha, a Sagrada Familia hindú

20 de nov. de 2014

Gato negro, gato branco

Con frecuencia xulgamos as cousas que nos pasan como positivas ou negativas cando non son nada en absoluto, só son produto da nosa mente.

Dous monxes discutían nun mosteiro zen a propósito dos estandartes que ondeaban no alto: o estandarte móvese, dicía un; é o vento o que move o estandarte, dicía outro; tanto o vento como o estandarte son inanimados e polo tanto non ondean en absoluto, dicía un terceiro... Entón o sabio Hui-neng, que estivera escoitando, dixo: "Nin vento nin estandarte, o único que eu vexo ondeando aquí sen parar son as vosas mentes".

Onte participei nun interesante debate sobre a natureza dos conflictos, onde se trataba de decidir se os conflictos en xeral son positivos ou negativos. Son negativos, dicía un, é preferible evitalos. Poida que sexan incómodos, ou dolorosos, pero non necesariamente negativos, dicía outro. Non podes evitar o conflicto, dicía un terceiro, só podes evitar o enfrontamento pero o conflicto existirá igualmente.

Talvez os conflictos non son positivos nin negativos, é a nosa interpretación deles a que os dota de semellante carácter que, de seu, non teñen. A nosa interpretación sobre as cousas que nos pasan pode contribuír a aumentar ou diminuir a dor e o estrés.




Amplía esta información escoitando este interesante podcast: PSICOLOXÍA CON ALFONSO



10 de xuño de 2012

1.000 grous

Hai aproximadamente ano e medio, unha tirada en casa de alguén que tiña “La Rueda Medicinal” de Jamie Sams y David Carson (editorial Integral, actualmente descatalogado) me descubriu cousas importantes sobre min mesma. Desde entón procurei, en van, ese precioso libro acompañado de 44 cartas que representan distintos animais de poder dos indíxenas norteamericanos.
Non quedaba outra opción que confeccionar o meu propio libro e xogo de cartas. Cando por fin hai unha semana mo emprestaron para escanear eu ignoraba todo o que se me viña enriba. Púxenme a facer as cartas e iso implicaba escanear, axustar, imprimir, elixir unha cartolina que harmonizase ben para pegalas e así darlles consistencia, recortar e finalmente gozar do resultado... No proceso descubrín moitas cousas e cara ao final comprendín que este era un exercicio de meditación activa poderosísimo.
Dous animais se me presentaron con forza nos meus soños, a min que nunca antes soñara con animais, e engadinos ao mazo como se pode ver no exemplo da ilustración adxunta, o grou, de quen quero falar agora.
Eu descoñecía a lenda xaponesa segundo a cal a persoa que faga 1.000 grous de papel verá cumprido o seu maior desexo. Onte completei o meu mazo con esta marabillosa imaxe e hoxe estiven a procurar información escrita en internet sobre esta ave que sempre me pareceu fascinante. Ao saber da lenda dos 1.000 grous e de Sadako, ocorréuseme mirar como se fai un grou de papel, anque sen esperanzas de facer un porque teño intentado facer moitas figuriñas que me teñen ensinado e nunca fun capaz, por algún misterio só sei facer unha que aprendín de moi nena en preescolar, eu chámolle paxariño que bate as ás... pero en adiante chamareille grou, porque oh bendita sincronía, a ave de papel que levo toda a vida facendo é exactamente un grou.

Agradezo a esta marabillosa ave pola axuda que me está a prestar nesta difícil etapa da miña vida. Quizais fixen 1.000 grous para merecela, se cadra si, pois nonos contei... nonos gardei... pero a lenda di facelos, non di que teñan que gardarse xuntos, eu simplemente fíxenos e solteinos por aí, un para un neno que choraba, outro para pasar o rato na consulta do médico ou na parada do autobús...

Neste blog podes ver as cartas e mesmo facer unha tirada virtual coa Roda Medicinal de que falamos aquí (tes que baixar bastante na páxina, está despois dunha simpática serie de fotos de animais)

Nestoutro blog podes seguir as investigacións doutra persoa usuaria das mesmas cartas, moito máis experta ca min... (xa aprenderei, dádeme tempo, só hai dous días que rematei a "manufactura"... en fin, para ser máis exactos, a primeira fase da manufactura, porque todos os animais que me veñan a falar ireinos engadindo!)

28 de xan. de 2012

A iluminación é unha consciencia de Todo

Aí atrás tiven ocasión de pasar un día marabilloso con M.D. percorrendo o esteiro do Miño, vendo abrírense as ondas no Puntal, falando da luz e das batallas gañadas e perdidas no Camiño. Foi ela quen me contou este contiño oriental de sabedoría:

Din que unha vez houbo un home que camiñaba polo mundo na procura da verdade e topou cun gran sabio que lle dixo: “Hai un pozo escondido nunha cova. Vai alí e fai unha pregunta. Se preguntas con sinceridade, o pozo responderache. E isto é un milagre que só uns poucos grandes adeptos coñecen.”

O home procurou e procurou durante anos a cova e mailo pozo. Foi difícil de atopar, pero finalmente chegou, asomouse e preguntou: “Que é a vida?” Non tivo resposta. Repetiu varias veces a pregunta pero só se escoitaba o eco. Como tiña un interese sincero, continuou preguntando día e noite, noite e día, “Que é a vida?” E o pozo soamente resoaba coa súa propia voz. Pero el non se daba por vencido, ata que o pozo finalmente comprendeu que o home era sincero e non ía desistir. Así que o pozo respondeu: “De acordo, direiche o que é a vida: Vai á aldea máis próxima, visita as tres primeiras tendas e volta, e cóntame”.

O home quedou abraiado porque, que clase de resposta era esta? "Vale, vouno facer..." decidiu, confiando na sabedoría profunda do pozo. Foise á cidade e visitou as tres primeiras tendas, quedando aínda máis frustrado: non atopou nada. Na primeira tenda había xente traballando con pezas de metal. Foi á seguinte tenda e alí viu outras persoas que estaban preparando unhas cordas. Entrou na terceira, que era a tenda dun carpinteiro, e nela estaban traballando a madeira. Díxose a si mesmo: “É isto a vida?”

Regresou ao pozo e preguntou: "Que queres dicir? Fun alí e vin isto, pero non ten relación coa miña pregunta." O pozo respondeu: "Eu amoseiche o camiño. Percórreo. Algún día descubrirás a clave. Mostreiche o camiño, agora percórreo." O buscador enfadouse e dixo: "Enganáronme! Que saquei de pasar tantos anos procurando o pozo, de botar tanto tempo preguntándolle ao pozo? Que gañei abríndolle tan sinceramente o meu corazón, confiando nas súas palabras, facendo o que me mandou? Todo era mentira! Todo era un engano!" E frustrado, afastouse.

Ao cabo de moitos anos de peregrinaxe, chegou preto dun xardín e detívose, escoitando. Era unha noite de lúa chea e alguén estaba tocando unha música fascinante. Quedou embelesado. A maxia funcionou. Coma se fose atraído por un imán, entrou no xardín. Non pediu permiso. Achegouse ata o músico: aquel home atopábase en profunda meditación, tocando o sitar. O viaxeiro sentou alí e púxose a escoitar. Á luz da lúa observou ao home e o instrumento. Nunca antes vira un instrumento así. E de súpeto lembrou a uns carpinteiros que vira tempo atrás, traballando en obxectos similares... Estaban preparando sitares! E a xente que laboraba o metal... esas pezas tamén pertencían ao sitar! E as cordas...

Entón, coma se as nubes desaparecesen e descubrise algo, púxose a bailar. O músico decatouse e parou de tocar pero iso non detivo a danza do buscador. O músico preguntoulle: "Que sucede? Que che pasou?" O home respondeu: "Comprendo! Mirei nas tres tendas. Todo estaba alí, pero non había sitar. Todo existía por separado. Cumpría ordenalo, estaba nun caos, pero estaba todo, todo o necesario estaba alí, só faltaba unha conexión para que esa música tan fermosa puidese agromar. A vida teno todo, pero eu non vía a conexión. Agora comprendo..."




O sitar é un instrumento musical hindú de corda pulsada, como a guitarra, o laúde, etc. que seguramente oíches tocar algunha vez por exemplo a Ravi Shankar

11 de nov. de 2011

Nós somos unha parte da Terra

Esta é unha lenda moi estendida, que a maioría da xente acepta en xeral como verdade histórica:

O estado de Washington, ao noroeste de Estados Unidos, era a patria dos Dewamish, un pobo das pradeiras, cando no ano 1855 o décimo cuarto Presidente dos Estados Unidos, o demócrata Franklin Pierce, lles propuxo que vendesen as súas terras aos colonos brancos e marchasen a unha reserva. Os indios non entenderon isto. Como se podía comprar e vender a Terra? Ao seu parecer o home non pode posuír a Terra, nin o Ceo, nin o aire, nin a auga. O Gran Xefe dos Dewamish respondeu cun discurso conmovedor, coñecido como "Nós somos unha parte da Terra", "Discurso do Gran Xefe Seattle" ou "Carta do Gran Xefe Seattle" (na fotografía, exemplar de ed. Olañeta, ISBN 84-976-254-4; que eu saiba non está publicado en galego, a tradución que vos vou ofrecer é miña).

Ben, se cadra  non é unha verdade histórica, pertence ao mundo das lendas, pero a carta merece conservarse porque transmite dúas mensaxes que a humanidade necesita: o mito do bo salvaxe e a reflexión sobre a nosa xestión insensata dos recursos naturais. Estas son verdades intemporais, que non sucederon nun momento histórico concreto pero existen sempre. Os mitos (no sentido estrito do termo) serven para alimentar a alma (ou se o prefires, a psique). Por exemplo, que os restos conservados na catedral de Santiago non sexan de Santiago Apóstolo non invalida o crecemento persoal experimentado polos peregríns. Como no conto de Gonsuké, anque o mestre sexa un farsante sempre vai ser a nosa intención de aprender a que nos fará avanzar.



NÓS SOMOS UNHA PARTE DA TERRA


Mensaxe atribuída ao Gran Xefe Seattle:


O Gran Xefe Branco de Washington enviounos unha mensaxe dicindo que quere mercar as nosas terras. Enviounos tamén palabras de amizade e de boa vontade. Isto é moi amable pola súa parte, pois sabemos que el non necesita a nosa amizade. Con todo nós meditaremos a súa oferta pois sabemos que, se non vendemos, igual veñen homes brancos armados e nos quitan as nosas terras. Pero como é posible mercar ou vender o ceo ou a calor da terra? Nós non comprendemos esta idea porque non somos donos da frescura do aire, nin do reflexo da auga, así que como poderiades mercalo? Mais tentaremos de tomar unha decisión, e o Gran Xefe de Washington pode confiar no que diga o Xefe Seattle con tanta seguridade como no transcorrer das estacións do ano. As miñas palabras son como as estrelas que nunca se extinguen.

Cada partícula desta terra é sagrada para o meu pobo. Cada brillante agulla de piñeiro, cada gran de area da praia, cada pinga de rocío no sombrío bosque, cada clareira, o zumbido de cada insecto é sagrado no pensar e no sentir do meu pobo. A savia que ascende polas árbores trae as lembranzas do pel vermella. Os mortos do home branco esquecen a terra onde naceron cando parten para vagar entre as estrelas. En cambio, os nosos mortos non esquecen xamais esta terra marabillosa, pois ela é a nosa nai. Somos parte da terra e ela é parte de nós. As flores perfumadas son as nosas irmás, o cervo, o cabalo, a gran aguia, son os nosos irmáns. Os cumes rochosos, os prados húmidos, os cálidos corpos dos cabalos e dos homes, todos somos da mesma familia.

Por todo iso, cando o Gran Xefe de Washington nos anuncia que pensa comprar a nosa terra esixe moito de nós. Di que nos reservará un lugar onde podamos vivir agradablemente e que el será o noso pai e nós converterémonos nos seus fillos. Pero é iso posible? Deus ama ao voso pobo e abandonou aos seus fillos vermellos. Deus envía máquinas para axudar ao home branco no seu traballo e constrúe para el grandes poboados. Fai cada día máis forte ao voso pobo. Pronto invadiredes toda a terra como ríos que rebordan desde a montaña despois dunha tormenta inesperada. O meu pobo é como unha corrente pero sen retorno. Somos razas distintas: os nosos nenos non xogan xuntos e os nosos anciáns contan historias diferentes; Deus é favorable para vós e nós estamos orfos.
Meditaremos a vosa oferta de mercarnos a terra pero non será doado porque esta terra é sagrada para nós. Nós temos alegría ao sentir estes bosques. A auga cristalina que corre polos ríos e regatos non é soamente auga, senón tamén o sangue dos nosos antergos. Se vos vendemos as nosas terras debedes saber que son sacras e ensinádelles aos vosos fillos que son sacras e que cada reflexo fugaz da auga clara das lagoas narra vivencias e sucesos do meu pobo. O murmurio da auga é a voz dos meus devanceiros. Os ríos son os nosos irmáns que sacian a nosa sede. Eles levan as nosas canoas e alimentan aos nosos fillos. Se vos vendemos as nosas terras debedes lembrar isto e ensinar aos vosos fillos que os ríos son os nosos irmáns e que, xa que logo, hai que tratalos con dozura, como se trata a un irmán.

O pel vermella sempre retrocedeu perante o home branco invasor, como a néboa temperá se recolle nas montañas ante o sol da mañá. Pero as cinzas dos nosos pais son sacras, as súas tumbas son chan sacro, e por iso estes outeiros, estas árbores, esta parte do mundo é sacra para nós. Sabemos que o home branco non nos comprende. Non sabe distinguir unha parte do país doutra, xa que é un estraño que chega de noite e quítalle á terra o que desexa. A terra non é a súa irmá senón a súa inimiga e despois de dominala cabalga de novo. Deixa atrás as tumbas dos seus pais sen preocuparse, rouba a terra dos seus fillos e non lle importa. Esquece tanto as tumbas dos seus pais como os dereitos dos seus fillos. Trata á súa nai, a terra, e ao seu irmán, o ceo, como cousas para comprar e devastar, para vendelas coma se fosen ovellas ou contas de cores. A súa voracidade acabará por devorar a terra, non deixando atrás máis que un deserto.

Eu non sei, pero a nosa forma de ser é diferente á vosa. A soa visión das vosas cidades tortura os ollos do pel vermella, quizais porque somos uns salvaxes e non comprendemos. Non hai silencio nas cidades dos brancos. Non hai ningún lugar onde escoitar como se abren as follas das árbores en primavera ou o zumbido dos insectos. Quizais son un salvaxe e non entendo, pero o ruído das cidades unicamente ofende aos nosos oídos. De que serve a vida se non podemos escoitar o berro solitario da avenoiteira, nin o croar das ras á noitiña na charca? Son un pel vermella e nada entendo, pero nós amamos o rumor suave do vento, que acariña a superficie do regato, e o cheiro da brisa, purificada pola choiva do medio día ou densa polo recendo dos piñeiros. O aire é precioso para o pel vermella, pois todos os seres comparten o mesmo alento: o animal, a árbore, o home..., todos respiramos o mesmo aire. O home parece non notar o aire que respira. Como un moribundo que agoniza desde hai moitos días e xa é insensible á pestilencia.

Pero se vos  vendemos as nosas terras non debedes esquecer que o aire é precioso, que o aire comparte o seu espírito con toda a vida que mantén. O aire deu aos nosos pais o seu primeiro alento e recibiu a súa última expiación. E o aire tamén debe dar aos nosos fillos o espírito da vida. E se vos vendemos as nosas terras, debedes aprezalas como algo excepcional e sacro, como o lugar onde tamén o home branco sinta que o vento ten o doce aroma das flores das pradarías.

Meditaremos a idea de vender as nosas terras, e se decidimos aceptar, será só cunha condición: o home branco deberá tratar aos animais do país como aos seus irmáns. Eu son un salvaxe e non o entendo doutra forma. Eu vin miles de bisontes podrecendo, abandonados polo home branco que os matou a tiros desde un tren que pasaba. Eu son un salvaxe e non podo comprender que unha máquina fumarenta sexa máis importante que os bisontes, aos que nós cazamos tan só para vivir. Que sería do home sen os animais? Se os animais desaparecesen o home tamén morrería de gran soidade espiritual. Porque o que lle suceda aos animais, tamén pronto lle ocorrerá ao home. Todas as cousas están relacionadas entre si. O que lle afecte á terra, afectará tamén aos fillos da terra.

Ensinade aos vosos fillos o que nós ensinamos aos nosos: a terra é a nosa nai. O que afecte á terra, afectará tamén aos fillos da terra. Se os homes cospen á terra, cóspense a si mesmos. Porque nós sabemos isto: a terra non pertence ao home, senón o home á terra. Todo está relacionado como o sangue que une a unha familia. O home non creou o tecido da vida, senón que simplemente é unha fibra del. O que fagades a ese tecido, facédesvolo a vós mesmos.

Non, o día e a noite non poden convivir. Os nosos mortos viven nos doces ríos da terra, regresan co paso silencioso da primavera e o seu espírito perdura no vento que riza a superficie do lago.

Meditaremos a idea do home branco de comprar as nosas terras. Pero seica pode un home ser dono da súa nai? O meu pobo pregunta: que quere o home branco? Pódese comprar o aire ou a calor da terra, ou a axilidade do venado? Como podemos nós vender esas cousas, e vós como poderiades compralas? Podedes facer coa terra o que queirades, simplemente porque un pel vermella firme un pedazo de papel e llo entregue a un home branco? Se nós non posuímos a frescura do aire, nin o reflexo da auga, como poderedes compralos? Seica poderedes volver comprar os bisontes, cando matedes ata o último? Cando todos os bisontes sexan sacrificados, os cabalos salvaxes domados, os misteriosos recunchos do bosque profanados polo alento atafegante de moitos homes e os cables parlantes abarroten a espléndida visión dos outeiros... onde estará o bosque? Destruído. Onde estará a aguia? Desaparecida. E isto significará o fin da vida e o comezo da loita pola supervivencia.

Pero vós camiñaredes cara ao desastre brillando gloriosamente, iluminados coa forza do deus que vos trouxo a este país e destinados a dominar esta terra e ao pel vermella. Deus deuvos poder sobre os animais, os bosques e o pel vermella por algún motivo especial. Ese motivo é para nós un enigma. Quizais o comprendésemos se soubésemos con qué soña o home branco, qué esperanza transmite aos seus fillos nas longas noites de inverno e qué ilusións bolen na súa imaxinación para o día de mañá. Pero nós somos salvaxes e os soños do home branco ocúltansenos. E por iso seguiremos distintos camiños, porque por riba de todo valoramos o dereito de cada home a vivir como queira, por moi diferente que sexa dos seus irmáns.

Non é moito realmente o que nos une. O día e a noite non poden convivir e nós meditaremos a vosa oferta de comprar o noso país e enviarnos a unha reserva. Alí viviremos aparte e en paz. Non ten importancia onde pasemos o resto dos nosos días. Os nosos fillos viron aos seus pais denigrados e vencidos. Os nosos guerreiros foron humillados e tras a derrota pasan os seus días hastiados, envenenando os seus corpos con comidas doces e fortes bebidas. Carece de importancia onde pasemos o resto dos nosos días. Xa non serán moitos. Poucas horas máis, quizais un par de invernos, e ningún fillo das grandes tribos que outrora vivían neste país e que agora vagan en pequenos grupos polos bosques sobrevivirá para lamentarse ante a tumba dun pobo que era tan forte e tan cheo de esperanzas como o noso. Pero cando o último pel vermella desapareza desta terra e os seus recordos só sexan como a sombra dunha nube sobre a pradaría, aínda estará vivo o espírito dos meus antepasados nestas ribeiras e nestes bosques. Porque eles amaban esta terra como un recén ama o latexo do corazón da súa nai.

Pero por que hei de lamentarme polo ocaso do meu pobo? Os pobos están formados por homes, non por outra cousa. E os homes nacen e morren como as ondas do mar. Ata o home branco, cuxo deus camiña e fala con el de amigo a amigo, non pode eludir ese destino común. Quizais sexamos realmente irmáns. Unha cousa si sabemos: que quizais o home branco descubra algún día que o noso Deus e o voso, son o mesmo. Vós quizais pensades que o posuídes igual que pretendedes posuír o país, pero iso non podedes logralo. El é o Deus de todos o homes, tanto do pel vermella como do branco. Esta terra élle querida, e danar a terra significa desprezar ao seu Creador.

Tamén os brancos desapareceredes, quizais antes que as demais razas. Continuade ensuciando o voso leito e unha noite morreredes asfixiados polos vosos propios excrementos.

Nós meditaremos a vosa oferta de comprar a nosa terra, pois sabemos que se non aceptamos virá seguramente o home branco con armas e expulsaranos. Porque o home branco, que detenta momentaneamente o poder, cre que xa é Deus, a quen pertence o mundo.

Se vos cedemos a nosa terra amádea tanto como nós a amamos, coidádea tanto como nós a coidamos, e conservade o recordo de tal como era cando vós a tomedes. E con todas as vosas forzas, o voso espírito e o voso corazón, conservádea para os vosos fillos e amádea como Deus nos ama a todos.

Pois aínda que somos salvaxes sabemos unha cousa: que o noso Deus é o voso Deus, e esta terra é súa, e incluso o home branco non pode eludir o destino común. Quizais mesmo sexamos irmáns. Xa se verá.