Hai aproximadamente ano e medio, unha tirada en casa de alguén que tiña “La Rueda Medicinal” de Jamie Sams y David Carson (editorial Integral, actualmente descatalogado) me descubriu cousas importantes sobre min mesma. Desde entón procurei, en van, ese precioso libro acompañado de 44 cartas que representan distintos animais de poder dos indíxenas norteamericanos.
Non quedaba outra opción que confeccionar o meu propio libro e xogo de cartas. Cando por fin hai unha semana mo emprestaron para escanear eu ignoraba todo o que se me viña enriba. Púxenme a facer as cartas e iso implicaba escanear, axustar, imprimir, elixir unha cartolina que harmonizase ben para pegalas e así darlles consistencia, recortar e finalmente gozar do resultado... No proceso descubrín moitas cousas e cara ao final comprendín que este era un exercicio de meditación activa poderosísimo.
Dous animais se me presentaron con forza nos meus soños, a min que nunca antes soñara con animais, e engadinos ao mazo como se pode ver no exemplo da ilustración adxunta, o grou, de quen quero falar agora.
Eu descoñecía a lenda xaponesa segundo a cal a persoa que faga 1.000 grous de papel verá cumprido o seu maior desexo. Onte completei o meu mazo con esta marabillosa imaxe e hoxe estiven a procurar información escrita en internet sobre esta ave que sempre me pareceu fascinante. Ao saber da lenda dos 1.000 grous e de Sadako, ocorréuseme mirar como se fai un grou de papel, anque sen esperanzas de facer un porque teño intentado facer moitas figuriñas que me teñen ensinado e nunca fun capaz, por algún misterio só sei facer unha que aprendín de moi nena en preescolar, eu chámolle paxariño que bate as ás... pero en adiante chamareille grou, porque oh bendita sincronía, a ave de papel que levo toda a vida facendo é exactamente un grou.
Agradezo a esta marabillosa ave pola axuda que me está a prestar nesta difícil etapa da miña vida. Quizais fixen 1.000 grous para merecela, se cadra si, pois nonos contei... nonos gardei... pero a lenda di facelos, non di que teñan que gardarse xuntos, eu simplemente fíxenos e solteinos por aí, un para un neno que choraba, outro para pasar o rato na consulta do médico ou na parada do autobús...
Neste blog podes ver as cartas e mesmo facer unha tirada virtual coa Roda Medicinal de que falamos aquí (tes que baixar bastante na páxina, está despois dunha simpática serie de fotos de animais)
Nestoutro blog podes seguir as investigacións doutra persoa usuaria das mesmas cartas, moito máis experta ca min... (xa aprenderei, dádeme tempo, só hai dous días que rematei a "manufactura"... en fin, para ser máis exactos, a primeira fase da manufactura, porque todos os animais que me veñan a falar ireinos engadindo!)

Ningún comentario:
Publicar un comentario