Amosando publicacións coa etiqueta Nadal. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Nadal. Amosar todas as publicacións

24 de dec. de 2018

Depresión no Nadal





Non te sintas culpable, nin un becho raro, se es dos que se deprimen nestas datas. Aquí tes algúns motivos frecuentes da Depresión do Nadal:




  1. O solsticio de inverno: entre o 20 e o 23 de decembro no hemisferio norte temos os días máis curtos do ano, noites longas e pouca luz, bo caldo de cultivo para os trastornos afectivos estacionais.
  2. Frustración polas expectativas de festa e alegría depositadas no Nadal. A obriga de ser feliz supón unha pesada carga. Nesta sociedade que vive cada vez máis para a galería, atopar o plan perfecto para Fin de Ano, recibir os mellores agasallos, publicar nas redes sociais as mellores fotos, pode ser moita presión, e sensación de fracaso se non se consegue.
  3. Estrés situacional. Os preparativos do Nadal prolónganse durante semanas, con moitas decisións a tomar en pouco tempo: que agasallos mercar, que comida preparar, a quen convidar ou a casa de quen hai que ir, ás veces con discusións dentro da parella...
  4. Estrés por saturación. Durante unhas dúas semanas altéranse os ritmos e rutinas habituais para afrontar demasiadas celebracións moi próximas no tempo, sobremesas de longa duración, excesos en consumo de alcohol e comida, xornadas intensas e cun nivel de socialización por riba do que se mantén o resto do ano, ou mesmo con xente con quen non se está tanto tempo o resto do ano.
  5. Conflitos non resoltos sobre a mesa. Familias con pouca vinculación afectiva durante o ano reencóntranse en Nadal, ás veces con conflitos que quedaron abertos e silenciados. Neste caso, o alcohol e a saturación desatan moitas discusións e descargas emocionais.
  6. Sobreexposición ao bombardeo constante de mensaxes que non nos deixan vivir estas datas como realmente desexamos senón que acabamos por someternos a esta presión e iso pode ocasionar a aparición de estados ansiosos e depresivos derivados do estrés e da represión das nosas verdadeiras emocións e necesidades. Para non ser uns marxinados, podemos acabar participando en eventos sociais non desexados, cun custo emocional elevado.
  7. A avaliación anual. Decembro, fin de ano, comezo inminente dun novo periodo, son fitos que marcan o costume de reflexionar sobre os éxitos e fracasos, que ao final acaba sendo unha avaliación do noso propio ser. O desexo de rectificar os erros cometidos leva a comprometerse con novas metas a partir de xaneiro, aínda sabendo que a maioría se irán diluíndo ao regresarmos á rutina. Todo iso xenera unha sensación de incompetencia propia dos estados ansioso-depresivos.
  8. A historia vital previa. Un bo marcador do estado de ánimo de cara ao Nadal é o esquema mental que cada quen activa dependendo da lembranzas dos Nadais na infancia, as tendencias anímicas, os recursos e as circunstancias persoais, entre outros. Todo isto que se che activa cando se prenden as primeiras luces do Nadal contribúe a que vivas estas festas como unha comedia ou un drama.

6 de dec. de 2017

De novo o Nadal...


Axiña chegan as festas do Nadal, esa data tan especial do ano, chea de espectativas e decepcións, un tremendo espello para cada un de nós, sobre o cal proxectamos as nosas esperanzas e os nosos traumas:
As lembranzas tristes de todas as veces que nos sentimos estafados, a hipocresía dunha sociedade que parece impoñer a orde de ser felices e gastar estupidamente en regalos innecesarios, o absurdo das reunións (familiares ou de traballo) arredor dunha mesa excesiva con xente que non vemos o resto do ano e nos fai sentir incómodos, a lembranza dos que están ausentes talvez mesmo para sempre, a tristeza do ano que remata con todo o que non saiu como esperabamos, a incertidume do que está por vir cos seus bos propósitos imposibles... 
En fin, a indixestión, a resaca, os números vermellos, o frío e as escasas horas de luz que inflúen no noso ánimo, a depresión, a gripe...
Pero tamén temos uns días festivos para recuperarnos, un solsticio para conectar coas enerxías cósmicas e potenciar a nosa intención para atraer o que queremos na nosa vida, un fin de ano e polo tanto fin de ciclo para realizar algún ritual de agradecemento polos bens recibidos e felicitarnos polos logros, pondo a semente do que queremos para o novo ano. Unha oportunidade de estar coas persoas realmente importantes para nós, un tempo de interiorizar e reflectir sobre os nosos valores.
O Nadal non é bo nin malo nin deprimente nin amoroso nin nada que ti non poñas nel. Simplemente, elixe como queres que sexa, elixe onde queres estar, e con quen, facendo que. E faino. Se non o fas, se te deixas enredar na espiral de gastos irreflexivos, comidas prexudiciais, compañías tóxicas, etc, es ti quen está a converter o Nadal nun pesadelo. Aínda estás a tempo: o Nadal que queres está na túa man.


29 de dec. de 2014

Felices festas

Oxalá o pensamento dominante non che varra a conciencia a base de panxoliñas, graxa e azucre.
Pero tamén
Que o feito de estar corrompido polo mercantilismo non che impida sentir o espírito do Nadal. Que o tópico da familia feliz non che impida gozar da túa, sexa como for, con todos os seus defectos. Que os curas non che impidan coñecer a Deus.
E ademais
Celebra a vida, e o renacer da luz en todas as cousas a partir do solsticio. Agradece por poder sentilo e compartilo un ano máis. Non deixes de abrazar a todos os seres queridos: seres, tamén gatos, cans, árbores e enerxías invisíbeis aos ollos. Abraza a vida e déixate abrazar por ela, anque ás veces doia. Permítete sentir sen escudos nin escusas todas as cousas vivas ao teu redor. Canto máis sentes máis vivo estás, e máis esperto, e máis forte, e máis capaz de resolver calquera cousa que o ano novo che traia.
Prepárate para o ano que está para entrar, pois tamén iso forma parte do Nadal, facer balance, tomar nota das cousas que queremos na nosa vida e as que non, telo claro para poder facelo realidade no novo ciclo que comeza.


25 de dec. de 2013

What a Wonderful World

"What a Wonderful World" é unha canción jazz escrita por Bob Thiele e George David Weiss coa intención de calmar as tensións políticas e raciais da década dos sesenta. Foi escrita especialmente para Louis Armstrong, quen soubo impregnala dese optimismo sinceramente sentido que o caracterizaba.
Sexa cal for a túa pena de hoxe, que non che impida construír a túa felicidade de mañá. 
Este é o meu amoroso desexo de Nadal para ti.




I see trees of green, red roses too
I see them bloom for me and you
And I think to myself what a wonderful world. 

I see skies of blue and clouds of white
The bright blessed day, the dark sacred night...
And I think to myself what a wonderful world. 

The colors of the rainbow so pretty in the sky
Are also on the faces of people going by
I see friends shaking hands saying "how do you do?"
They´re really saying I love you. 

I hear babies crying, I watch them grow
They´ll learn much more than I´ll never know...
And I think to myself what a wonderful world
Yes I think to myself what a wonderful world.


24 de dec. de 2013

Nadal de risa

O Nadal é unha época difícil en que nos vemos cheos de compromisos e non todos do noso gusto. A depresión do Nadal é coñecida por todos os profesionais da saúde e en calquera servizo de urxencias poden darche detalles do tipo de "accidentes" que suceden durante as ceas familiares.
O sentido do humor é o mellor antídoto para case calquera tensión: ensínanos a ver desde outra perspectiva, descubrir o absurdos que podemos ser coas nosas actitudes e o intrascendente das cousas coas que nos enfadamos.