Non te sintas culpable, nin un becho
raro, se es dos que se deprimen nestas datas. Aquí tes algúns motivos frecuentes da Depresión do Nadal:
- O solsticio de inverno: entre o 20 e o 23 de decembro no hemisferio norte temos os días máis curtos do ano, noites longas e pouca luz, bo caldo de cultivo para os trastornos afectivos estacionais.
- Frustración polas expectativas de festa e alegría depositadas no Nadal. A obriga de ser feliz supón unha pesada carga. Nesta sociedade que vive cada vez máis para a galería, atopar o plan perfecto para Fin de Ano, recibir os mellores agasallos, publicar nas redes sociais as mellores fotos, pode ser moita presión, e sensación de fracaso se non se consegue.
- Estrés situacional. Os preparativos do Nadal prolónganse durante semanas, con moitas decisións a tomar en pouco tempo: que agasallos mercar, que comida preparar, a quen convidar ou a casa de quen hai que ir, ás veces con discusións dentro da parella...
- Estrés por saturación. Durante unhas dúas semanas altéranse os ritmos e rutinas habituais para afrontar demasiadas celebracións moi próximas no tempo, sobremesas de longa duración, excesos en consumo de alcohol e comida, xornadas intensas e cun nivel de socialización por riba do que se mantén o resto do ano, ou mesmo con xente con quen non se está tanto tempo o resto do ano.
- Conflitos non resoltos sobre a mesa. Familias con pouca vinculación afectiva durante o ano reencóntranse en Nadal, ás veces con conflitos que quedaron abertos e silenciados. Neste caso, o alcohol e a saturación desatan moitas discusións e descargas emocionais.
- Sobreexposición ao bombardeo constante de mensaxes que non nos deixan vivir estas datas como realmente desexamos senón que acabamos por someternos a esta presión e iso pode ocasionar a aparición de estados ansiosos e depresivos derivados do estrés e da represión das nosas verdadeiras emocións e necesidades. Para non ser uns marxinados, podemos acabar participando en eventos sociais non desexados, cun custo emocional elevado.
- A avaliación anual. Decembro, fin de ano, comezo inminente dun novo periodo, son fitos que marcan o costume de reflexionar sobre os éxitos e fracasos, que ao final acaba sendo unha avaliación do noso propio ser. O desexo de rectificar os erros cometidos leva a comprometerse con novas metas a partir de xaneiro, aínda sabendo que a maioría se irán diluíndo ao regresarmos á rutina. Todo iso xenera unha sensación de incompetencia propia dos estados ansioso-depresivos.
- A historia vital previa. Un bo marcador do estado de ánimo de cara ao Nadal é o esquema mental que cada quen activa dependendo da lembranzas dos Nadais na infancia, as tendencias anímicas, os recursos e as circunstancias persoais, entre outros. Todo isto que se che activa cando se prenden as primeiras luces do Nadal contribúe a que vivas estas festas como unha comedia ou un drama.

Ningún comentario:
Publicar un comentario