23 de dec. de 2018

Presente


Algunhas persoas non entenden o consello zen de vivir no presente, pensan que é algo así como o tópico "carpe diem". 

O que significa realmente é ser consciente do que estamos facendo neste preciso momento, no canto de darlle voltas ao futuro ou o pasado. Cando te decatas de que estás a facer algo sen prestarlle atención, porque estás pensando en algo que tes que facer, ou algo que xa pasou ou algo que podería pasar... deberías devolver o pensamento ao momento actual. 
Unha das orixes da tensión na vida é tratar de atender varias cousas á vez. Se estás cos teus fillos e tes traballo pendente, por exemplo, xogar cos nenos pode ser unha molestia e non un momento de pracer, descanso e diversión. Se estás conducindo e ao mesmo tempo falando polo móbil, o estrés aumentará. 
Mellor concentrarse en cada momento. Cando comas, aprecia plenamente a túa comida. Cando esteas con alguén, permanece con esa persoa completamente. Dedica tempo de calidade aos teus seres queridos para escoitalos de forma activa. Demasiadas veces gastamos tempo con amigos ou familiares pero estamos distraídos, pensando en nós mesmos, nas tarefas pendentes, nas mensaxes dos móbiles e no que queremos dicir nós sen escoitar o que eles nos din.
Trata de estar 100% presente no que estás facendo, apreciando todos os detalles agradables. Esquece a multitarefa (ademais está comprobado que non aumenta a productividade) concéntrate nunha soa cousa mentres a fas. Por exemplo, cando lavas a louza, en lugar de facelo sen xeito para acabar canto antes, sente as sensacións da auga, da escuma, dos pratos. Realmente pode ser unha tarefa agradable se aprendes a velo así. 
Practica a desconexión de cando en vez, apagando os dispositivos electrónicos. Estar conectado o tempo todo, significa someterte a interrupcións, pendente da información que entra, a mercé das demandas dos demais. Desconecta mentres te entregas totalmente a conversar cun amigo, ler un libro ou dar un paseo ao aire libre. Se apagar o teu teléfono móbil se che fai difícil nun principio, comeza por desactivar todas as notificaciones de mensaxería instantánea, redes sociais, correo electrónico, e vai liberándote progresivamente, ata que poidas estar unha hora ou, quen sabe, un día enteiro co teléfono apagado. 
Gozarás máis, sentiraste máis vivo, libre e relaxado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario