2 de set. de 2023

Lendas sobre Ganesha


    Continuamos falando de Ganesha, Señor dos Éxitos e Destrutor dos Males e Obstáculos. Xa vos contei algunhas cousas sobre a súa aparencia e hoxe quero preguntarvos se vos fixastes ben nel, por exemplo na forma da súa trompa, que reproduce o símbolo sánscrito Omkara (Om, símbolo sonoro da realidade cósmica que encerra o pasado, o presente e o futuro). E xa reparastes en que ten o dente esquerdo partido? Vouvos contar por que, aínda que como sempre, existen varias versións, pois así son os mitos antigos: transmitidos oralmente desde tempo inmemorial, vanse modificando con cada narrador...

    De entre as moitas versións que se contan, a miña favorita di que o propio Ganesha arrincou un dente para escribir con el o Mahabharata, o gran poema épico da India, que é por certo a epopeia máis longa do mundo. Dise que o Mahabharata foi ditado polo ancián sabio Vyasa a Ganesha, xa que ningún ser humano normal podería escribilo. Un día o sabio Vyasa aproximouse ao deus creador Brahma e díxolle: «Oh, Señor, estou acabado: a miña intelixencia e a miña memoria desapareceron, por favor dime que debo facer». O deus respondeulle: "Oh, Vyasa, non sabes que todos os problemas xorden por esquecer ao Señor Ganesha? Ao iniciar calquera rito, actividade produtiva ou social, ao entrar nun novo fogar ou construción, e ao comezar calquera labor que teña como finalidade o coñecemento, destruiranse os obstáculos se lembras a Ganesha. Refúxiate nel, venérao e serás quen de realizar o teu propósito. Se non o fas así, anque o intentes durante un millón de anos, non lograrás o éxito completo». Así o fixo Vyasa e pouco despois acudiron as ideas á súa mente, pero a unha velocidade tan excesiva que escribilas era imposíbel. Vyasa orou a Ganesha e o deus apareceu ante el. O sabio pediulle:
    «Oh, Señor, serías tan amábel de tomarme o ditado?».
    Ganapati sorriu e dixo: «Fareino, pero non debe haber pausa nin interrupción».
  Vyasa respondeulle: "Moi ben, Señor, daquela prégoche que só escribas despois de comprender todo o significado, literal e simbólico, do que che dite".
    Ganesha estivo de acordo, Vyasa ditaba e el copiaba, pero era tal a velocidade da escrita que a pluma do deus rompeu! Como Vyasa seguía ditando sen interrupción, Ganesha partiu o seu dente esquerdo e continuou a escribir con el, usando o seu propio sangue como tinta. Entón Vyasa, vendo que o deus escribía á mesma velocidade do seu pensamento, como non lle daba tempo de compoñer novos versos, púxose a ditarlle algúns con 108 significados. Así, mentres Ganesha se detiña para meditar neles, o sabio compuña outros mil versos co seu poderoso intelecto... Así foi escrito o famoso Mahabharata


          Tense dito que todos os hindús veneran a Ganesha, indistintamente da súa crenza relixiosa. É un deus moi querido, e non só na India, tamén en Indonesia, Tailandia, Camboia, Sri Lanka, Vietnam, China, Afganistán, Malasia, Singapur, Nepal, Xapón e Mongolia. Foi incorporado ao budismo, e o seu culto foise espallando a medida que o budismo se divulgou polo mundo enteiro. En occidente a súa imaxe foise transformando ata converterse no amuleto elefante que todos coñecemos e durante a primeira metade do século XX o elefante da sorte adquiriu gran popularidade en forma de figuras de marfil, prata, ónice, ébano, etc. Disque para dar boa sorte a figura do elefante debe estar en posición de marcha e coa trompa levantada dobrada cara atrás, así a trompa levantada impide que a boa sorte se escape e se vaia cara abaixo desaparecendo. Estas figuras son frecuentes no interior das nosas casas, de fronte á porta principal, para manter afastadas as catástrofes e atraer a prosperidade. Seguro que as tes visto. Aínda poida que tamén na túa casa estea Ganesha gardando a porta...

Ningún comentario:

Publicar un comentario