Amosando publicacións coa etiqueta ego. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ego. Amosar todas as publicacións

25 de ago. de 2019

Ego sum


O EGO está moito máis interesado na súa propia conservación 

que na verdade (Eckhart Tolle)

10 de maio de 2019

Adicto a ti mesmo

Quizais xa te decataches de que en parte viviches unha vida falsa, segundo os estándares dos teus seres queridos e da cultura en que te educaron. Poida que revisases a túa infancia e xa comprendas como influíron en ti os teus pais; poida que mendigases afecto de moitos xeitos, atormentado durante anos pola culpa, ata que un día reuniches o valor necesario para aceptarte a ti mesmo e poñerte no centro da túa procura. Pero a empresa de afondar na túa espiritualidade e no sentido da vida pode conducir a outro calello sen saída: a adicción a ti mesmo.

Un dos síntomas desta adicción é o consumo de produtos espirituais, charlas, obradoiros, retiros, terapias, actividades que te sacan da crúa realidade e en certo sentido constitúen un comportamento de evitación. 

Se observas atentamente ás persoas involucradas nestes camiños (e a ti mesmo) poderás ver o cultivo dunha autoimaxe construída con conceptos espirituais. Este ego espiritual pode manifestarse cunha linguaxe especial, unha estética particular, uns hábitos dietéticos, etc. 

Mencionar o ego nos círculos espirituais é ao mesmo tempo unha moda e un tabú: parece que ter un ego é unha falta grave cando todos o temos, máis ou menos forte, máis ou menos evidente ou escondido tras unha aparencia espiritual. 

Ao mergullar na propia espiritualidade debería influírnos menos o ego, pero nada garante que sexa así. En teoría canta máis espiritualidade máis a persoa se sente en conexión con todo alén de si mesma, máis espiritualidade implica unha redución do narcisismo en todas as áreas da vida. Pero en que consiste esa espiritualidade? Porque non importa o tempo que dediques á túa procura espiriritual senón a onde dirixes a túa atención. 

Pregúntate en que medida a imaxe que proxectas quere xerar un efecto, e ata que punto subscribes a idea de que agora estás máis “evolucionado” que antes por ter unha práctica en concreto, absorto nos teus estados interiores e o culto a ti mesmo.

13 de mar. de 2019

Axudar a quen o pide

Un mono ve un peixe na auga e pensa: pobriño, está afogando, vouno salvar. Cheo de amor e compaixón, saca o peixe da auga e este morre.


Non intentes axudar a quen non cho pediu. Escoita cales son as súas verdadeiras necesidades, non proxectes as túas sobre el.

7 de feb. de 2019

Impuntuais

Algúns dirán que eles non son escravos dos reloxos, senón persoas libres que non dependen de horarios. Outros simplemente non puideron chegar a tempo porque teñen unha vida moi intensa e ocupada. Outros intentárono, pero algo ou alguén llelo impediu. Os impuntuais non cren que sexa unha desconsideración pola súa parte e un maltrato aos demais, senón simplemente un rasgo seu que os outros deben aceptar. 

Ás veces a impuntualidade se dá especialmente en certo tipo de personalidades das que, en xeral, ninguén o esperaría: persoas tremendamente lóxicas, que poden desenvolver patoloxías de tipo obsesivo compulsivo, con comportamentos precisamente opostos á impuntualidade pero, como conduta reactiva, poden ser dramaticamente impuntuais. A impuntualidade tamén pode ser síntoma dunha personalidade de evitación, ou de certa angustia fronte ao encontro cun "Outro". Existen explicacións fisiolóxicas que tamén habería que valorar en cada caso, así como a existencia de TDA e outras características de cada individuo.

Desde o punto de vista protocolar, a impuntualidade denota unha falta de cortesía enorme. O xeralmente admitido como marxe tolerable son dez minutos, anque é certo que a algunhas personalidades da máis alta xerarquía social se lles permite en ocasións chegar máís tarde precisamente para simplificar o protocolo que se daría se tivesen que esperar moito polos demais.

Entre os psicólogos existen varias clasificacións posibles dos impuntuais crónicos, como por exemplo esta:

O racionalizador. El non ve ningún problema de puntualidade, se chega tarde atopa unha explicación onde el é a víctima, considérao un feito aillado e sempre ten a escusa perfecta.

O produtivo. Quere parecer ocupado e xunta os seus compromisos con pouca marxe de separación, así pode dicir que chega tarde porque ten moito que facer.

O que posterga  Deixa todo para o último momento, nunca se programa, cre que baixo presión traballa mellor, abúrrese facilmente e gústalle gozar da adrenalina por iso vai correndo a todas partes.

O consentidor. Admite que ten o costume de chegar tarde pero non pode evitalo, despois de todo non é tan importante, os demais esaxeran...

O distraído. Sempre anda noutro mundo, esquece as citas e demais compromisos.

O relaxado. Ten problemas de autodisciplina e mesmo cando está listo para saír ponse a facer outra cousa, recoller a mesa, tomar outro café, ver a tele...

O rebelde. Non respecta o tempo dos demais, ten problemas coa autoridade e gústalle desafiar as regras, sente que se chega tarde el ten o control.

O evasivo.  Ten pouca autoestima, por iso non asume nin a importancia nin a responsabilidade de chegar puntual.



Para rematar, se te recoñeces nalgún destes caracteres, simplemente trata de admitir que tes un problema e entón poderás comezar a solucionalo.  Se pola contra, tes que sufrir os desplantes sistemáticos de alguén impuntual, deséxoche a paciencia e o humor de Billy Wilder, quen unha vez declarou:


 "Sobre a impuntualidade de Marilyn debo dicir que teño unha vella tía en Viena que estaría no plató todos os días ás seis da mañá e sería capaz de recitar os diálogos incluso do revés. Pero, quen querería vela? Ademais, mentres esperabamos a Marilyn Monroe todo o equipo, non perdemos totalmente o tempo. Eu, por exemplo, tiven a oportunidade de ler "Guerra e Paz" e "Os Miserables".

29 de xuño de 2017

Nada persoal

Case todos temos tendencia, máis ou menos acusada, a tomar as cousas persoalmente. Non é saudable porque deixa os teus sentimentos en mans dos demais, empúxanos a unha montaña rusa de emocións constituíndo unha gran perda de poder persoal, entre outras cousas. E hai ocasións en que pode resultar especialmente nocivo, como nas relacións alumno-profesor, empregador-empregado, cliente-provedor, socio-socio... 
As persoas compórtanse como o fan por razóns que non teñen nada que ver connosco, polo tanto é preferible non considerarnos nin causa das súas accións nin destinatario final das mesmas. Moita xente só ve a vida desde o seu propio punto de vista, ou necesita levar razón en todo, ou se sente insegura se non mantén todo baixo o seu control directo, ou teme que se non fai isto ou aquilo vai ser xulgada polos outros, ou malinterpretada, ou... Quen sabe o que pensan os demais e por que fan o que fan! Ás veces nin eles mesmos o saben, reaccionando a sentimentos incontrolables, necesidades pasadas insatisfeitas e conflictos non resoltos dos que nin sequera son conscientes. 
En consecuencia, as accións dos demais demostran quen son eles, non quen es ti, así que non te sintas obrigado a darlles sempre unha resposta.

5 de dec. de 2016

Sobrevives?

Todos cargamos co noso pasado, a nosa longa listaxe de feridas e malentendidos. Pero algunhas persoas adican unha grande parte do seu tempo presente a rememoralas, repasalas, revivilas, reinterpretalas, contarllas ás novas amizades que van facendo e, sáibano ou non, están a resoar co arquetipo do sobrevivente. 
Este é un arquetipo moi válido, pois sempre contar a propia historia forma parte da salvación, así se entende desde que o mundo é mundo, non só desde a consulta do psicólogo senón xa nas narracións de As 1001 noites e moito antes na propia Odisea.
O problema do sobrevivente é que non ten estratexias de futuro. Soe ser alguén cuxos principais logros quedan no seu pasado, orgulloso de seguir en pé malia todo o que sufriu, posuidor dunha historia persoal tan intensa que dificilmente será superada polo que lle resta por vivir. Un termo moi en uso na psicoloxía actual, resiliencia, contribúe a facer desexable esta condición.
Ora ben, con todo o digno que é o teu sufrimento, con todo o gran mérito que tes por ter atravesado o lume e vivir para contalo, con todo o que te admiro e con todo o recoñecemento que precisas e eu che dou desde o meu amor máis profundo, sincero e incondicional, dime: queres ser un supervivente para o resto dos teus días, ou queres crear algo novo? Estás preparado para facer cousas tan apaixonantes como as que fixeches xa? Se non o estás, que precisarías para facelo? Porque me pregunto ata cando hai que seguir lambendo vellas feridas e chorando polas mesmas dores que dicía Chabela Vargas. Solta xa todo iso, desapégate de ti mesmo e abre as mans para recoller os dons que aínda te esperan no camiño e cos que nin sequera soñas. Onde te imaxinas dentro de cinco anos? Que proxectos tes? Falemos diso. Non che pido que renuncies ao teu pasado, nin que mintas, nin que o esquezas ou o reprimas, só che recomendo lembrar construír a túa identidade día a día cunha porcentaxe maior de presente e de futuro. O teu ego, esa personaxe que construíches durante anos coas vivencias que xustifican a túa personalidade, ten medo e resístese a cambiar, pero a túa alma pide a berros que rompas a maceta na que cres que vives e botes a andar.


15 de xul. de 2014

Convertendo o ego no teu aliado

« Se escoitas unha voz dentro de ti dicíndoche "non sabes pintar", pinta, faltaría máis! E a voz calará. »

(Vincent Van Gogh)




O que describe Van Gogh na frase anterior relaciónase co ego, a voz do ego sempre é paralisante. O ego é esa parte de nós que leva o noso nome e a nosa personalidade, a nosa imaxe pública, o que dirán os demais. O ego é conservador e medoño, sempre quere que todo siga igual, o paxaro na man mellor que os cen a voar, o risco mínimo e o non facer nada para non enfrontar a derrota. O ego de entrada nunca nos apoia: avisa, ameaza, asusta, e podes recoñecelo porque fala en segunda persoa. Cando te sorprendas dicíndote a ti mesmo "Vas tropezar, vas fracasar, vanse rir de ti" párate un intre e fíxate nesa parte de ti que fala desa maneira, cunha voz allea: é o ego.
O ego non se pode aniquilar, precisas del, necesitas unha personalidade con que amosarte ao mundo. O máis intelixente, en vez de loitar contra el, é conseguir que se poña da túa parte.
Así que a próxima vez que o ego te ameace, te chantaxee, te paralice, entrégalle todo o teu amor. Pensa que só é un neno asustado que levas dentro da túa cabeza e ten medo e celos de todo o que está fóra, medo de que pase algo que el non poida controlar, medo de que valores máis a outra persoa que a el. Como a calquera neno, dálle todo o teu amor e acougará. Demóstralle que valoras o seu parecer e esperas a súa axuda. Cando esa voz dentro da túa cabeza che diga "Iso nunca o poderás facer" respóndelle cun sorriso: "Eu só non, pero coa túa axuda si, xuntos lograrémolo, apúntaste?"
Normalmente nunca lle respondemos ao ego, pero se es capaz de dicirlle isto verás como un sentimento cálido e tenro te invade por dentro. Ningún ego se negará a axudarte se lle falas realmente, se llo pides como llo pedirías a alguén que estivese fóra de ti, con amor, con respecto e con verdadeira necesidade do seu apoio moral. Fai a proba e sorprenderaste.

17 de xuño de 2014

Inmadurez espiritual

Encantoume este artigo de Eva Monferrer onde fala dos impedimentos máis frecuentes para o desenvolvemento espiritual.
O vagabundeo e certamente habitual. Hai moitas persoas que se apuntan a todo tipo de obradoiros de fin de semana como unha alternativa de ocio, sen centrarse nunca nunha técnica en concreto, como turistas do espírito. Despois considéranse practicantes de tal e tal cando non o incorporaron á súa vida cotiá.
Tamén é frecuente o orgullo intelectual, que leva mesmo a convencerse da propia superioridade e sumado á sensación de separatividade orixina actitudes prepotentes e condescendentes que acaban por incomodar aos que supostamente ían ser axudados por estas persoas. E que dicir da procura de superpoderes? Son moitos os que se inician en tal ou cal disciplina e ao non obter as vantaxes que procuraban abandonan decepcionados. Pero tamén os que simplemente procuran sensacións fortes e se senten atraídos pola experiencia sensorial das enerxías, frustrándose igualmente cando a sensación decrece, que pode pasar por moitísimas razóns e circunstancias.
Non deixedes de lelo. Moi ben explicado e recomendábel.

2 de set. de 2013

Vai lava-la cara, galopín

É aburridísima a cantidade de queixas que a xente ten sobre o mal que están todas as cousas que os rodean agás eles propios. Meu pai tería que cambiar, o meu home tería que cambiar, esta lei tería que cambiar, a sociedade tería que cambiar... En fin, que cambien todos menos eu.
Isto lémbrame a un vello rosmón que quedou durmido no sofá e os netos un pouco trastes untáronlle o bigote con queixo, dese que cheira que tira para atrás. O vello espertou de súpeto e dixo "Puaf, esta casa fede". Levantouse e foi para fóra respirar aite puro, pero o cheiro persistía. "Ahhh, o mundo enteiro fedeeee!!!" berrou.
Así que se che parece que o mundo enteiro fede mírate ao espello, non vaia ser.

5 de mar. de 2013

Ego sum



A maioría da xente que fala de "iluminación" non procura unha transformación radical senón só poñer tiritas, remendar algúns aspectos concretos que non van ben na súa vida e seguir co resto como antes da crise, sen grandes cambios. Pero ai, pobres, como dean cunha persoa poderosa e carismática disposta a salvalos! Peor aínda, ai deles se chegan a crerse chamados a salvar a outros! Simplemente varrer a propia casa, pulir o propio ego, é a mellor empresa en que un pode comprometerse.

27 de feb. de 2013

E logo ti quen vés sendo?

Cando se fala do ego a maioría da xente pensa en alguén prepotente, egoísta, desconsiderado ou vanidoso, pero non necesariamente.
O ego é máis ben a idea que cadaquén ten de si mesmo. Só iso: unha idea, unha ilusión que exerce gran influencia, unha abstracción que aceptamos que controle a nosa vida.
Ás veces a idea que un ten de si mesmo é similar a unha máscara, unha forma distorsionada de autoafirmación en base ao exterior e non ao interior da persoa, que se identifica co seu papel social, depende do que dela opinen os demais porque necesita esa opinión para formar un autoconcepto que precisamente por iso mesmo non é auténtico.
Se son traballadora, amábel, solidaria e comprensiva para que os demais me admiren, mo agradezan ou me queiran, iso tamén é ego; se estou convencida dunha verdade superior que debo transmitir aos demais, porque as miñas crenzas son mellores que as deles e polo tanto eu debo guialos e eles deben seguirme, tamén é ego. Pero a peor forma posíbel de ego é a que implica todo o contrario: eu son máis torpe que os demais, son inferior, non merezo tanta sorte, ou non merezo que me queiran, ou creo que algo que me está pasando é "demasiado bo para ser certo..."
O ego ten a súa razón de ser, porque somos animais sociais. Así que non é necesario loitar contra o ego senón máis ben coñecelo, saber que forma parte de un e integralo, abonda con ser consciente diso. A autoobservación irá aprendéndonos a diferenciar cando actuamos seguindo o noso ser interior e cando guiados polo ego.
Podes comezar por observar o teu ego considerándoo como unha entidade que te acompaña e que ten un propósito: convercerte de que ti es un ser único e separado do resto, diferente dos demais, especial. O ego quere que te irrites cando recibes un trato incorrecto, cando te insultan ou simplemente non che dan o que cres merecer, cando non te prefiren aos demais, cando perdes nunha competición. Aprende a recoñecer os seus trucos e coa práctica acabarás por liberarte del.
Practica a meditación diaria para silenciar a mente, así chegarás a percibir como estás conectado con todo e con todos, como todos somos un.
Practica unha escoita activa cos demais: durante as conversacións non te centres en ti mesmo, concéntrate no que a outra persoa sente e di; logo responde cunha frase que empece por "ti" pois é un xeito de conter o ego e permitir que participe o ser espiritual.
Observa o uso que fas do pronome eu, en que contextos e con que finalidade.
Deixa de intentar demostrar cousas, de procurar testemuñas da túa existencia, devecendo por recibir atención; todo iso tan só alimenta o ego, non a ti, non ao teu ser verdadeiro e profundo.

O verdadeiro alimento do teu ser interior é ser fiel a ti mesmo: preséntate ao mundo tal como es, así o mundo se enriquece de verdade e ti terás unha vida plena e auténtica.




Algunhas entradas de blogs recentes relacionadas co ego: A propósito da autopercepción e os enganos da mente, desde un punto de vista científico, AQUI ou desde unha perspectiva filosófica, AQUI





29 de out. de 2012

A propósito do ego

Despois dun tempo máis ou menos ausente, na procura de min mesma, regreso con forzas renovadas e bo humor, e atopo esta auténtica xoia na rede, que quero compartir con vós: