27 de feb. de 2013

E logo ti quen vés sendo?

Cando se fala do ego a maioría da xente pensa en alguén prepotente, egoísta, desconsiderado ou vanidoso, pero non necesariamente.
O ego é máis ben a idea que cadaquén ten de si mesmo. Só iso: unha idea, unha ilusión que exerce gran influencia, unha abstracción que aceptamos que controle a nosa vida.
Ás veces a idea que un ten de si mesmo é similar a unha máscara, unha forma distorsionada de autoafirmación en base ao exterior e non ao interior da persoa, que se identifica co seu papel social, depende do que dela opinen os demais porque necesita esa opinión para formar un autoconcepto que precisamente por iso mesmo non é auténtico.
Se son traballadora, amábel, solidaria e comprensiva para que os demais me admiren, mo agradezan ou me queiran, iso tamén é ego; se estou convencida dunha verdade superior que debo transmitir aos demais, porque as miñas crenzas son mellores que as deles e polo tanto eu debo guialos e eles deben seguirme, tamén é ego. Pero a peor forma posíbel de ego é a que implica todo o contrario: eu son máis torpe que os demais, son inferior, non merezo tanta sorte, ou non merezo que me queiran, ou creo que algo que me está pasando é "demasiado bo para ser certo..."
O ego ten a súa razón de ser, porque somos animais sociais. Así que non é necesario loitar contra o ego senón máis ben coñecelo, saber que forma parte de un e integralo, abonda con ser consciente diso. A autoobservación irá aprendéndonos a diferenciar cando actuamos seguindo o noso ser interior e cando guiados polo ego.
Podes comezar por observar o teu ego considerándoo como unha entidade que te acompaña e que ten un propósito: convercerte de que ti es un ser único e separado do resto, diferente dos demais, especial. O ego quere que te irrites cando recibes un trato incorrecto, cando te insultan ou simplemente non che dan o que cres merecer, cando non te prefiren aos demais, cando perdes nunha competición. Aprende a recoñecer os seus trucos e coa práctica acabarás por liberarte del.
Practica a meditación diaria para silenciar a mente, así chegarás a percibir como estás conectado con todo e con todos, como todos somos un.
Practica unha escoita activa cos demais: durante as conversacións non te centres en ti mesmo, concéntrate no que a outra persoa sente e di; logo responde cunha frase que empece por "ti" pois é un xeito de conter o ego e permitir que participe o ser espiritual.
Observa o uso que fas do pronome eu, en que contextos e con que finalidade.
Deixa de intentar demostrar cousas, de procurar testemuñas da túa existencia, devecendo por recibir atención; todo iso tan só alimenta o ego, non a ti, non ao teu ser verdadeiro e profundo.

O verdadeiro alimento do teu ser interior é ser fiel a ti mesmo: preséntate ao mundo tal como es, así o mundo se enriquece de verdade e ti terás unha vida plena e auténtica.




Algunhas entradas de blogs recentes relacionadas co ego: A propósito da autopercepción e os enganos da mente, desde un punto de vista científico, AQUI ou desde unha perspectiva filosófica, AQUI





Ningún comentario:

Publicar un comentario