Imaxina un alérxico a determinado alimento, por exemplo ás gambas, que en lugar de absterse de comelas as comese e despois pasase a vida no hospital a queixarse do mal que lle fan, do cociñeiro que as preparou, do camareiro que llas serviu, incluso do inxusta que é a vida con el, porque a outras persoas non lles sentan mal... Absurdo, ou? A solución é bastante doada: que non coma gambas.
Porén normalmente toleramos esta clase de actitude e mesmo a fomentamos. Moitas das nosas amizades pasan a vida a queixarse dos seus xefes, ou dos seus maridos, ou das súas esposas, dos fillos, dos pais, do goberno, da crise económica, da deforestación; quéixanse seguido e non fan nada máis para resolver ningún deses problemas que lles causan tanta dor.
Os que escoitamos as queixas dos amigos, familiares, compañeiros de traballo, soemos ter o impulso de suxerirlles actuar nalgún sentido para cambiar a situación, pero axiña comprobamos que non é iso o que procura o queixoso, non está á espera de consellos senón que o queixume é a súa estratexia de manipulación: quere que o escoiten, que lle dean a razón, que o compadezan, que se contaxien da súa indignación, que sufran con el; isto último por certo non é recomendábel, non é un caso de solidariedade senón de contaxio, pois está comprobado que o queixume é prexudicial para ambos interlocutores, para quen o practica e para quen o escoita; destrúe redes neuronais no cerebro, e non unha rede calquera senón precisamentre as implicadas na resolución de problemas.
Isto conduce á perda progresiva da capacidade de reacción e á confusión entre o falar e o actuar, mesmo á crenza de que queixarse contribúe á solución do problema cando é exactamente ao revés. Por iso moitos queixosos crónicos, cando lles fas ver que non están facendo nada para procurar unha solución indígnanse máis e respóndenche airados que por suposto que están facendo moito, porque están denunciando que, reivindicando que, reclamando que, pedindo que... Expresións todas estas que nacen dun paradigma de pensamento baseado na carencia, na impotencia e na rixidez mental. Na carencia, porque se centra en repetir o que lle falta; na impotencia, porque a solución do problema nunca está na súa man; na rixidez mental, porque o queixoso ten moi claro que el non ten que cambiar, el é unha víctima e son os demais os que teñen que actuar doutra maneira.Deixa de queixarte de que os demais non cambien: cambia ti. Se ti o cambio que queres ver no mundo.

¿E si a queixa convírtese nunha forma de vida, no estado de felicidade ideal? Algúns só entenden a súa existencia si é baseada na desdicha perpetua e no dor.
ResponderEliminarSi, a maioría dos queixosos elixen esa vida. A nós correspóndenos aceptar que non se pode axudar a quen non quere ser axudado. Un bicaso guapa!!
Eliminar